Abrir o menú principal

Usuario:Elisardojm/Guión videotitorial Tradutor de contido

Este é un guión para un videotitorial do Tradutor de contido.


Imaxe: Pantalla inicial da Galipedia sen conectarse.
Son: Ola, este é un videotitorial para explicar como se usa a ferramenta do Tradutor de contido da Galipedia. As vantaxes desta ferramenta son que integra un tradutor automático, que mantén o formato wiki e traduce tamén as ligazóns ós artigos en caso de que existan na Galipedia.

Imaxe: Proceso de conexión do usuario.
Son: O primeiro que hai que facer é acceder coa nosa conta indicando o noso usuario e contrasinal.

Imaxe: Proceso de activación do Tradutor de contido.
Son: O seguinte paso, se non o temos feito xa, é activar a ferramenta nas nosas preferencias. Temos que ir á pestana "beta" e aí buscar a ferramenta de "Tradución de contido". Marcamos o seu cadro e gardamos.

Imaxe: Ir a contribucións, amosar o menú e seleccionar Traducións.
Son: Agora xa podes usar a ferramenta, podes acceder a ela na ligazón de "contribucións", seleccionando "Traducións".

Imaxe: Amosar os botóns de nova tradución, suxestións, en progreso e publicadas.
Son: Na ferramenta podemos comezar unha nova tradución, ver as suxestións de tradución, continuar unha tradución que teñamos sen rematar, ou revisar as traducións que xa temos publicadas.

Imaxe: Prememos no botón de "Suxestións", logo prememos nas linguas para escoller castelán e galego, despois imos borrando os artigos sen marca de destacados e recargamos ata atopar un destacado. Non o seleccionamos para amosar a seguinte forma de comezar unha tradución.
Son: Imos crear unha nova tradución, para iso o que podemos facer é premer no botón de "suxestións" para buscar un artigo a traducir. Logo hai que escoller a lingua orixe da tradución e a de destino. Isto fai que apareza unha lista de artigos propostos. É recomendable traducir artigos bos ou destacados, xa que son artigos que están revisados pola comunidade e podemos estar seguros de que teñen unha boa calidade. Por iso vou eliminar desta lista os artigos que non teñen a marca de destacados. Neste punto só teriamos que seleccionar o artigo que queremos traducir e xa pasariamos á pantalla de tradución.

Imaxe: Prememos no botón de "Nova tradución", logo prememos na lingua e escollemos castelán, no buscador poñemos Cao Yu e cando saia o artigo podemos seleccionalo para pasar á pantalla de tradución.
Son: Pero hai outra forma de comezar a traducir un artigo, premendo no botón de "Nova tradución". Deste xeito teremos que coñecer previamente o nome do artigo co que queremos traballar. Seleccionamos a lingua dende a que queremos traducir e logo no buscador poñemos o nome do artigo e seleccionámolo. Deste xeito xa pasamos á pantalla de tradución.

Imaxe: Amosamos as tres columnas que ten a ferramenta.
Son: A pantalla de tradución contén tres columnas, a da esquerda contén o artigo orixinal, a central contén a tradución que estamos facendo, e a da dereita amosa instrucións e diferentes ferramentas de tradución.

Imaxe: Ensinar como traducir un parágrafo.
Son: Podes engadir parágrafos á tradución simplemente premendo xunto a eles, isto creará a tradución inicial mantendo o formato das ligazóns do artigo orixinal.

Imaxe: Arranxar algunha cousa no texto.
Son: Hai que revisar cada parágrafo para comprobar que a tradución é correcta. Para facer calquera arranxo só temos que modificalo no texto.

Imaxe: Traducir unha foto.
Son: A tradución dos pés de foto faise do mesmo xeito que o resto do texto.

Imaxe: Amosar os tradutores dispoñibles e seleccionar varios.
Son: Podemos cambiar o tradutor que se está a usar, manter o texto orixinal ou poñer un parágrafo en branco para traducilo nós completamente. Isto facémolo marcando a opción que queremos na caixa de selección de "Tradución inicial".

Imaxe: Marcar unha ligazón en gris e darlle ó botón de que falta, ensinar que liga co artigo co título en galego.
Son: Se unha ligazón do artigo orixinal non existe na Galipedia, aparecerá en cor gris. Se queremos que no noso artigo apareza en vermello, temos que premer nesa palabra e logo, na ferramenta da dereita, premer no botón "Indicar que falta". Neste caso temos que revisar que a ligazón apunte ó artigo co título en galego, nalgún caso pode ser que apunte ó artigo co título na lingua orixinal.

Imaxe: Amosar o artigo dunha ligazón.
Son: Podemos ver o artigo ó que apunta unha ligazón premendo sobre ela. Iso fai que a súa información apareza na caixa da dereita.

Imaxe: Apuntar á papeleira da ligazón e premer no botón editar. Logo premer en cancelar.
Son: Podemos eliminar unha ligazón dándolle á icona da papeleira. Se queremos modificar o artigo ó que apunta, só temos que premer no botón de "Editar" e cambialo.

Imaxe: Seleccionar unha palabra e darlle á cadea. Logo buscar un artigo e ligalo.
Son: Podemos engadir novas ligazóns usando a ferramenta da cadea. Para iso seleccionamos a palabra a ligar, logo prememos na icona da cadea e despois, na caixa de abaixo, tecleamos o artigo ó que queremos que ligue. Para rematar o proceso hai que premer no botón "Feito".

Imaxe: Modificar o texto dunha ligazón.
Son: Podemos modificar o texto dunha ligazón editándoo coma no resto do artigo.

Imaxe: Apuntar ás ferramentas.
Son: Na parte superior da dereita, temos as ferramentas habituais de desfacer e refacer, engadir letras grosas e cursivas, listas e citas.

Imaxe: Traducir a sección de referencias e cambiarlle o nome a notas.
Son: Temos que traducir tamén a sección de referencias. O que fai o programa neste apartado é cambiar os modelos que se usan na wiki de orixe polos da Galipedia para que funcionen correctamente. Na Galipedia a esa sección chamámoslle "Notas" e por iso temos que cambiarlle o nome.

Imaxe: Traducir as seccións de bibliografía e ligazóns externas.
Son: Tamén temos que traducir as seccións de "bibliografía" e "ligazóns externas" polo mesmo motivo.

Imaxe: Traducir un modelo baleiro.
Son: Os modelos que haxa no artigo tradúcense do mesmo xeito que o resto de contidos. Se algún modelo do artigo orixinal non existe na Galipedia, non se traducirá nada, debes deixalo así.

Imaxe: Sair da páxina, volver a entrar no tradutor e seleccionar o artigo de traballo.
Son: Se queremos facer unha pausa na tradución, podemos pechar a páxina e continuar noutro momento, a ferramenta garda o traballo e permite continualo máis adiante. Para reanudalo, tan só hai que abrir de novo a ferramenta de tradución, premer no botón "En progreso" e seleccionar a tradución coa que queremos traballar.

Imaxe: Amosar as opcións de onde publicar e sinalar o botón de publicar.
Son: Para publicar o traballo primeiro temos que seleccionar se queremos pasalo ó espazo principal ou a unha subpáxina persoal para seguir revisándoo. Despois só hai que premer no botón "Publicar".

Son: Esperamos que este videotitorial sexa de utilidade, e antes de realizar a publicación definitiva, non esquezas realizar unha última lectura do artigo completo para garantir a corrección lingüística e a coherencia textual. Se precisas máis axuda podes deixar un comentario na Taberna e alí resolveremos as dúbidas que teñas. Moitas grazas!