Lingua turca

lingua oficial de Turquía
(Redirección desde «Turco»)

O turco[8][9] (Tr-Türkçe.oga Türkçe ) é a máis estendida das linguas turcas, con entre 80 e 90 millóns de falantes. É a lingua nacional de Turquía e a República Turca do Norte de Chipre. Existen comunidades de falantes en Iraq, Siria, Alemaña, Austria, Bulgaria, Macedonia do Norte, Grecia e o no Cáucaso, así como noutras partes de Europa e Asia central. Pertence á familia das linguas altaicas. As linguas máis próximas ao turco son o azarí e o turcomán.

Turco
Türkçe
Pronuncia:ˈtyɾct͡ʃɛ
Falado en: Turquía, Norte de Chipre, Chipre, Bulgaria, Macedonia do Norte, Grecia,[1] Acerbaixán,[2] Kosovo,[3] Romanía
Total de falantes: 80 millóns (2006)[4]
5,9 millóns como segunda lingua (2019)[4]
Posición: 22
Familia: Linguas turcas
 Linguas oghuz
  Oghuz occidental
   Turco
Escrita: Latino (alfabeto turco)
Status oficial
Lingua oficial de: Turquía Turquía
República Turca do Norte de Chipre República Turca do Norte de Chipre[5]
Chipre Chipre [6]
Regulado por: Türk Dil Kurumu (Sociedade da lingua turca)
Códigos de lingua
ISO 639-1: tr
ISO 639-2: tur
ISO 639-3: tur
Mapa
Status

O turco está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[7]

As orixes da lingua atópanse na rexión de Altai, na estepa eurasiática, onde se coñecen os primeiros escritos que teñen uns 1.300 anos de antigüidade. No oeste, a influencia do turco otomán, a lingua administrativa e literaria do Imperio Otomán que mantiña unha morfoloxía e sintaxe principalmente turca mentres o vocabulario era primordialmente árabe e persa[10], estendeuse segundo ía medrando o Imperio. En 1928, como parte das reformas Atatürk na recente República de Turquía, a escrita otomá foi substituída polo alfabeto latino, así como se reformulou o vocabulario eliminando gran parte do léxico árabe e persa.

As características distintivas do turco son a harmonía vocálica e a aglutinación. A orde básica das palabras é suxeito obxecto verbo. O turco non ten clases de nomes ou xénero gramatical. Ten un uso moi forte das fórmulas de tratamento e de cortesía. Usa o pronome de segunda persoa que distingue diferentes graos de cortesía, espazo social, idade ou familiaridade.

Clasificación

editar
Artigos principais: Linguas turcas e Linguas altaicas.

O turco é membro da grupo de linguas oghuz, un subgrupo da familia turca. Existe un alto grao de intelixibilidade mutua entre o turco e outras linguas oghuz, como o azarí, o turcomán, o qashqai, o gagauz e o gagauz turco balcánico.[11] A familia turca comprende unhas 30 linguas, que se falan en Europa Oriental, Asia Central e Siberia. Algúns lingüistas cren que as linguas turcas forman parte da familia lingüística altaica.[12] Arredor do 40% de tódolos falantes de linguas turcas son falantes nativos do turco.[13] As características distintivas do turco, como a harmonía vocálica, a aglutinación e a carencia de xénero gramatical, son común en toda a familia turca.[13]

Historia

editar
 
Inscrición en turco antigo coa escrita orkhon (século VIII). Kyzyl, Rusia.

As primeiras incricións turcas coñecidas son as inscricións Orkhon. Atópanse na actual Mongolia e foron erixidas na honra ao príncipe Kul Tigin e o seu irmán o emperador Bilge Khan. Estas inscricións están datadas entre os anos 732 e 735. Despois do descubrimento e escavación destes monumentos e outras lousas de pedra por arqueólogos rusos nunha área máis ampla arredor do val de Orkhon entre 1889 e 1893, estabeleceuse que o idioma das inscricións foi o antigo turco. A escritura orkhon tamén se coñece como runas turcas, polas súas formas semellantes ás runas xermánicas. Porén, esta lingua era diferente ao turco otomán e ao turco moderno.

Coa expansión turca a comezos da Idade Media europea (séculos VI ao XI), os pobos falantes de linguas turcas estendéronse a través de Asia central, cubrindo unha enorme zona xeográfica dende Siberia até Europa e parte do Mediterráneo. A dinastía selxúcida en particular, levou a súa lingua, o turco oghuz (predecesor directo do actual idioma turco) a Anatolia no século XI. Tamén durante o século XI, o lingüista Mahmud al-Kashgari publicou o primeiro dicionario dunha lingua turca e un mapa da distribución xeográfica dos falantes de linguas turcas no seu Divânü Lügati't-Türk. A comezos do século XI en Anatolia, actualmente Turquía, apareceu o chamado turco antigo anatolio, que é o antecesor medieval do turco moderno.

Turco otomán

editar
Artigo principal: Lingua turca otomá.

Após a adopción do islam arredor do ano 950 polos qarakhánidas e os selxúcidas, quen son considerados os devanceiros culturais dos otománs, a lingua administrativa destes estados tomou numerosos préstamos do idioma árabe e o persa. A literatura turca do período otomán, particularmente a poesía divan ou diwan, tive unha forte influencia do persa, incluíndo a adopción da métrica e unha gran cantidade de palabras importadas. A lingua oficial e literaria do Imperio Otomán (1299-1922) foi unha mestura de turco, árabe e persa que difería considerablemente da lingua falada diariamente nese período, chamada kaba Türkçe e falada por persoas con menor grao de instrución e nas zonas rurais. Esta lingua era moito máis pura e converteuse na base do turco moderno.

Reforma lingüística e turco moderno

editar

Despois da fundación da República de Turquía e da reforma da escritura, a Sociedade da Lingua Turca (TDK) estabeleceuse en 1932 baixo o mecenado de Mustafa Kemal Atatürk co obxectivo de realizar investigacións sobre a lingua. Un dos obxectivos desta asociación era iniciar unha reforma lingüística para substituír as palabras de orixe árabe e persa polo seu equivalente de orixe turca. Coa prohibición de usar palabras estranxeiras na prensa, a asociación conseguiu eliminar centos de palabras estranxeiras. Mentres que a maioría das palabras introducidas na lingua pola TDK eran novos derivados de raíces turcas, esta asociación optou tamén por revivir palabras do antigo turco que non se usaban dende había séculos.

Por mor deste súbito cambio no idioma, os falantes de certa idade e os máis novos comezaron a diferir moito no seu léxico. Mentres as xeracións nadas antes de 1940 tendían a usar termos de orixe persa e árabe, as novas xeracións adoptaron as novas expresións. É particularmente irónico que o propio Atatürk, nos seus longos discursos ao novo parlamento en 1927, usaba un estilo de dicción otomá que hoxe soaría tan estraña que precisou tres traducións ao turco moderno: a primeira en 1963, a segunda en 1986 e, novamente, en 1995. Existe tamén unha dimensión política neste debate lingüístico, con grupos conservadores que empregan máis arcaísmos, tanto na prensa como na vida diaria.

Nas últimas décadas o traballo da TDK non cesou para acuñar novas palabras, coa finalidade de expresar novos conceptos e tecnoloxías que entran na lingua, especialmente do inglés. Moitos destes termos, recibiron unha ampla aceptación. Non obstante, a TDK foi criticada por crear palabras que, segundo moitos, soa artificiais. Algúns cambios como bölem que substituíu a fırka (partido político), non logrou o apoio popular; de feito fırka foi tamén substituída pola palabra parti tomada do francés. Algunhas palabras tomadas do antigo turco tomaron significados moi específicos, por exemplo, betik (que significaba orixinalmente libro) úsase para denominar a linguaxe script da informática.

Moitas palabras coexisten coa súa análoga antiga. Isto ocorre usualmente cando unha palabra prestada doutro idioma cambia o seu significado orixinal: por exemplo, dert, derivada do persa dard (درد: dor), significa "problema" en turco; [14] mentres a palabra turca nativa ağrı úsase para "dor física". En ocasións, o préstamo lingüístico ten no turco un significado lixeiramente diferente do seu original, o que crea unha situación similar á coexistencia de palabras de origen xermánica e latina no inglés, como pork (carne de porco, cf. francés porc) e pig ("porco"), etc. Entre as antigas palabras substituídas, hai termos de xeometría, puntos cardinais, algúns nomes de meses e moitos substantivos e adxectivos.

Fonoloxía

editar

Consoantes

editar
Fonemas consonánticos do turco estándar [15]
Labial Dental/
Alveolar
Postalveolar Palatal Velar Glotal
Nasal m
Oclusiva xorda p t͡ʃ (c) k
sonora b d͡ʒ (ɟ) ɡ
Fricativa xorda f ʃ h
sonora v ʒ
Aproximante (ɫ̪) j (ɰ)
Vibrante simple ɾ

Cando menos unha fonte indica que as consoantes turcas son distinguibles na larinxe de tres xeitos (aspiradas/neutras/sonoras) como na lingua armenia.[16]

O fonema que se denomina normalmente yumuşak g ("g suave"), escrito ğ segundo a ortografía turca, representa unha secuencia vocálica ou unha aproximante bilabial bastante débil entre as vogais redondeadas, unha débil aproximante palatal entre as vogais dianteiras non redondeadas e unha secuencia vocálica. Nunca aparece ao comezo dunha palabra ou dunha sílaba, senón que sempre segue unha vogal. Cando é final de palabra ou precede outra consoante, alonga a vogal precedente.[17]

Na palabras nativas turcas, os sons [c], [ɟ] e [l] atópanse nunha distribución complementaria con [k], [ɡ] e [ɫ]; o primeiro conxunto aparece adxacente ás vogais dianteiras e o segundo adxacente ás vogais posteriores. Porén, a distribución destes fonemas adoita ser impredicible en nomes propios e préstamos doutras linguas. Nese tipo de palabras, [c], [ɟ] e [l] acompañan vogais posteriores.[18] Abaixo amósanse algúns exemplos.

Enxordecemento consonántico

editar

A ortografía do turco reflicte un enxordecemento ao final da palabra, unha forma de mutación consonántica pola que unha consoante obtruente sonora, como /b d dʒ ɡ/, enxordece a [p t tʃ k] ao final da palabra ou diante dunha consoante, pero mantén a súa sonoridade diante dunha vogal. En préstamos, a sonora equivalente a /k/ é /g/; en palabras nativas, é /ğ/.[19][20]

Enxordecemento obstruente en nomes
Consoante
subxacente
Forma
enxordecida
Morfema
subxacente
Forma no dicionario Forma no dativo Significado
b p *kitab kitap kitaba libro (préstamo)
c ç *uc uca voar
d t *bud but buda coxa
g k *reng renk renge cor (préstamo)
ğ k *ekmeğ ekmek ekmeğe pan

Isto é análogo a linguas como o alemán ou o ruso, mais no caso do turco só lles acontece, como nos exemplos anteriores, ás oclusivas e ás africadas, non ás fricativas.

Vogais

editar
Anterior Posterior
non arredondada arredondada non arredondada arredondada
Pechada i (i) ü (y) ı (ɯ) u (u)
Media e (e) ö (œ) o (o)
Aberta a (a)

Nota: malia que (a) é a vogal aberta central non arrendondada, está considerada como posterior debido á harmonía vocálica.

 

Harmonía vocálica

editar

Unha característica importante á hora de analizar a estrutura fonética do idioma turco, así como tamén outros da familia de linguas turcas, é a harmonía vocálica. Esta regra consiste en que unha palabra conterá vogais anteriores (e, i, ö, ü) ou vogais posteriores (a, ı, o, u) mais non ambas. Por exemplo, en vişne (guinda aceda) /i/ é anterior pechada non arredondada e /e/ é anterior aberta non arredondada. Esta regra denomínase "harmonía palatal".

Ademais, as vogais non arredondadas (a, e, ı, i) teñen que ser seguidas por vogais non arredondadas; pero as vogais arredondadas (o, u, ö, ü) poden ser seguidas por vogais abertas e non arredondadas (a/e) ou por pechadas e arredondadas (u/ü). Esta regra chámase a "harmonía labial", por exemplo: oduncu (leñador), kömürcü (carboeiro), köylülerle (cos campesiños).

Segundo estas regras, cada vogal pode ser seguida só por dúas vogais, que son:

Vogal precedente Vogal seguinte
e e, i
i e, i
ö e, ü
ü e, ü
a a, ı
ı a, ı
o a, u
u a, u

Todos os sufixos tamén seguen as mesmas regras.

Distribución xeográfica

editar
 
Distribución xeográfica do turco.

O turco é falado nativamente polo pobo turco en Turquía e pola diáspora turca en 30 países. Máis concretamente, as minorías turco-falantes existen en países que formaron parte no pasado do Imperio Otomán, como Bulgaria, Chipre, Grecia (sobre todo en Tracia Occidental), Macedonia do Norte, Romanía e Serbia. Máis de dous millóns de turcos viven en Alemaña, e existen comunidades turcas nos Estados Unidos, Francia, Países Baixos, Austria, Bélxica, Suíza e no Reino Unido.[21] Por mor da asimilación cultural dos inmigrantes nestes países de acollida, non tódolos turcos falan a súa lingua con fluidez.[22]

No 2005, 93% da poboación de Turquía declarábase falante nativo de turco,[23] sendo o kurdo a lingua da poboación restante.[24]

Status oficial

editar
 
Sinal de Prizren, Kosovo. As linguas oficiais son: o albanés (enriba), o serbio (medio) e o turco (embaixo).

O turco é a lingua oficial de Turquía e é tamén unha das linguas oficiais de Chipre. Tamén ten un carácter oficial (mais non principal) no Distrito de Prizren en Kosovo e en tres concellos de Macedonia do Norte.

En Turquía, a sociedade reguladora da lingua é a Asociación da Lingua Turca (Türk Dil Kurumu ou TDK), que foi fundada en 1932 baixo o nome Türk Dili Tetkik Cemiyeti ("Asociación para a Investigación da Lingua Turca"). Esta asociación estivo influenciada pola ideoloxía do purismo lingüístico: unha das súas principais accións foi a substitución de préstamos e construcións gramaticais foráneas con equivalentes de orixe turco. Estes trocos, xunto coa adopción do novo alfabeto turco en 1928, deron forma á lingua turca moderna que se fala hoxe. O TDK converteuse nunha organización independente en 1951, coa supresión da obriga de que estivera presidida polo Ministro de Educación. Mantívose así até agosto de 1983, cando volveu ser unha organización do goberno segundo a constitución de 1982, produto do golpe de estado de 1980.[25]

Exemplos

editar

Exemplo de texto: artigo 1 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Bütün insanlar hür, haysiyet ve haklar bakımından eşit doğarlar. Akıl ve vicdana sahiptirler ve birbirlerine karşı kardeşlik zihniyeti ile hareket etmelidirler.

Tódolos seres humanos nacen libres e iguais en dignidade, dereitos, e dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros.

Evet - Si
Hayır, yok - Non
Merhaba, selam - Ola
Nasılsın? - Como estás?
Nasılsınız? - Como está vostede?
Hoşça kal, güle güle - Adeus
Adın ne? - Como che chamas?
Adınız nedir? - Como se chama (vostede)?
Benim adım Sabela. - Chámome Sabela.
Günaydın, iyi sabahlar, hayırlı sabahlar - Bo día (úsase só á mañá).
İyi günler, hayırlı günler - Bo día (úsase todo o día, até o solpor).
İyi akşamlar, hayırlı akşamlar - Boa tarde.
İyi geceler, hayırlı geceler - Boa noite (úsase para despedirse á hora de durmir).
Aldırma - Non te preocupes.
Önemli değil - Non importa, non é importante.
Bir dakika lütfen - Un momento, por favor
Bir dakika bekle lütfen - Agarda un momento, por favor
Teşekkürler, teşekkür ederim, sağ ol - Grazas
Çok teşekkürler, çok teşekkür ederim, çok sağ ol - Moitas grazas
Bir şey değil, rica ederim - De nada
Görüşmek üzere, görüşmek dileğiyle, görüşürüz - Deica logo
Türkiye - Turquía
Türk -Turco (xentilicio)
Türkçe - Lingua turca
Türkiye'nin başkenti Ankara'dır - A capital de Turquía é Ancara
Türkiye'nin en kalabalık şehri İstanbul'dur - A cidade máis poboada de Turquía é Istambul
Türkiye Cumhuriyeti - República de Turquía
Galiçya - Galicia
Türkçe konuşuyorum, Türkçe konuşurum - Falo turco
Galiçyaca konuşmuyorum - Non falo galego
Biraz Galiçyaca konuşuyorum - Falo un pouco de galego
Bir, iki, üç, dört, beş - Un, dous, tres, catro, cinco
Altı, yedi, sekiz, dokuz, on - Seis, sete, oito, nove, dez
Ben, sen, o, biz, siz, onlar - Eu, ti, el/ela, nós, vós, eles/elas
Fiyatı ne kadar? - Canto custa?
  1. "The Muslim Minority of Greek Thrace". 
  2. Taylor & Francis Group (2003). Eastern Europe, Russia and Central Asia 2004. Routledge. p. 114. ISBN 978-1-85743-187-2. Consultado o 26 de marzo de 2008. 
  3. "Kosova: Turkish Becomes Official Language". 25 de setembro de 2006. Consultado o 11 de xaneiro de 2013. 
  4. 4,0 4,1 "Turkish". Ethnologue. Consultado o 5 de xaneiro de 2023. 
  5. "Constitution of Turkish Republic of Northern Cyprus". www.cypnet.co.uk. 15 de novembro de 1983. Consultado o 28 de xaneiro de 2014. 
  6. "Languages of Cyprus". CIA World Factbook. Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2014. Consultado o 28 de xaneiro de 2014. 
  7. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  8. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para turco.
  9. "turco". TERGAL. Consultado o 22/03/2019. 
  10. Gábor Ágoston, Bruce Alan Masters (2010)Encyclopedia of the Ottoman EmpireInfobase Publishing, p. 322
  11. "Language Materials Project: Turkish". UCLA International Institute, Center for World Languages. febreiro de 2007. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2007. Consultado o 26 de abril de 2007. 
  12. Gordon, Raymond G., Jr. (ed.) (2005). "Ethnologue: Languages of the World, Fifteenth edition. Language Family Trees – Altaic". Consultado o 18 de marzo de 2007. 
  13. 13,0 13,1 Katzner
  14. 3808 Turco Persa Nombres En 2021
  15. Zimmer & Orgun (1999), pp. 154–155.
  16. Petrova, Olga; Plapp, Rosemary; Ringen, Catherine; Szentgyörgyi, Szilárd (2006). "Voice and aspiration: Evidence from Russian, Hungarian, German, Swedish, and Turkish" (PDF). The Linguistic Review (en inglés) 23. pp. 1–35. ISSN 0167-6318. doi:10.1515/tlr.2006.001. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 8 de setembro de 2018. 
  17. Handbook of the IPA, p. 155
  18. Lewis 2001, pp. 93–4,6
  19. Turkish Language Association (ed.). "Sesler ve ses uyumları "Sounds and Vovel karmony"" (en turco). Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2012. Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  20. "Turkish Consonant Mutation". turkishbasics.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2 de maio de 2018. Consultado o 2 de maio de 2018. 
  21. Gordon, Raymond G., Jr. (ed.) (2005). "Ethnologue: Languages of the World, Fifteenth edition. Report for language code:tur (Turkish)". Consultado o 4 de setembro de 2011. 
  22. e.g. citations given in Cindark, Ibrahim/Aslan, Sema (2004): Deutschlandtürkisch?. Institut für Deutsche Sprache, páxina 3.
  23. Comisión Europea (2006). "Special Eurobarometer 243: Europeans and their Languages (Survey)" (PDF). Europa. Consultado o 14 de febreiro de 2010. 
  24. Gordon, Raymond G., Jr. (ed.) (2005). "Ethnologue: Languages of the World, Fifteenth edition. Report for language code:kmr (Kurdish)". Consultado o 18 de marzo de 2007. 
  25. Turkish Language Association. "Türk Dil Kurumu – Tarihçe (History of the Turkish Language Association)" (en turco). Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2007. Consultado o 18 de marzo de 2007. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar