Trastuzumab

composto químico

O trastuzumab (comercializado coa marca Herceptin® por Roche) é un anticorpo monoclonal humanizado semellante ós anticorpos que produce o organismo de forma natural para protexerse das infeccións por virus e bacterias. Os anticorpos monoclonais son proteínas que recoñecen especificamente e únense a outras proteínas únicas do organismo chamadas antíxenos. O trastuzumab únese selectivamente ó receptor de tipo 2 do factor de crecemento epidérmico humano (HER2). O HER2 sobrexprésase na superficie dalgunhas células cancerosas e estimula a proliferación destas células. Cando o trastuzumab se une ó HER2 inhibe a proliferación destas células.

Trastuzumab.

O trastuzumab é un produto biotecnolóxico producido en células de ovario de hámster chinés (CHO) en cultivo.

Farmacoloxía editar

O trastuzumab é un anticorpo monoclonal humanizado IgG1 contra o receptor 2 do receptor do factor de crecemento epidérmico humano (HER2). A sobrexpresión de HER2/neu obsérvase no 20-30% dos cancros de mama primarios. Os estudos indican que os pacientes cuxos tumores sobreexpresan HER2 teñen unha supervivencia libre de doenza máis curta se se compara cos pacientes cuxos tumores non sobreexpresan HER2. O dominio extracelular do receptor (ECD, p105) pode liberarse na circulación sanguínea e ser medido en mostras de soro.

Demostrouse que o trastuzumab inhibe a proliferación de células humanas tumorais que sobreexpresan HER2, tanto in vitro como in vivo. Ademais, o trastuzumab é un potente mediador da citotoxicidade celular dependente de anticorpos (ADCC). Demostrouse in vitro que a ADCC mediada polo trastuzumab exércese preferentemente sobre células que sobrexpresan HER2 se se compara con células cancerosas que non sobrexpresan HER2.