Torres de Oeste

Ben de Interese Cultural
(Redirección desde «Torres do Oeste»)

As torres de Oeste,[1] ou Castellum Honesti, son un sitio arqueolóxico composto polas ruínas consolidadas dunhas torres de orixe romana que serviron de enclave fundamental para a defensa das terras da arquidiocese de Santiago de Compostela dos ataques normandos na Alta e na Baixa Idade Media.

Torres de Oeste
ben de interese cultural
ConcelloCatoira
ProvinciaPontevedra
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas42°40′36″N 8°43′33″O / 42.6766, -8.72577Coordenadas: 42°40′36″N 8°43′33″O / 42.6766, -8.72577
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalromano (?)
Estilo actualrománico (século X)
Estado actualruínas consolidadas, visita libre
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Trátase dun castelo de acceso libre e uso turístico e foi declarado Monumento Nacional. Sitúase na confluencia do río Ulla e a ría de Arousa, na parroquia de Oeste, concello de Catoira.

Historia editar

Orixe editar

No lugar que ocupan as torres testemuñouse actividade humana desde época castrexa, polos restos de cerámica e útiles de bronce atopados. A data da súa construción foi, durante moito tempo, motivo de longas discusións. O autor romano Pomponio Mela menciona na súa obra a existencia na desembocadura do Ulla das Turris Augusti.[Cómpre referencia] A existencia de restos romanos situados na cimentación das torres comprobouse en escavacións arqueolóxicas a mediados do século XX.[2]

 
Torres de Oeste dende a ponte.
 
Torre.
 
Capela románica e unha das torres.

Idade Media editar

No século X, por mor das numerosos ataques normandos remontando a ría de Arousa, incluída a morte do bispo Sisnando defendendo a súa diocese fixo que os seus sucesores se esforzasen en reparar e mellora-las defensas da ría.

O 29 de outubro de 1024 o rei Afonso V o Nobre doa a Vistruario, bispo de Iria, as torres. Cara ao ano 1040 o bispo Cresconio[3] ordenou importantes traballos de reformas. Na Historia Compostelá explícase que os traballos de melloras e reformas continuaron baixo os mandatos dos sucesores de Cresconio: Diego Páez e Diego Xelmírez.

No século XII defínese a estrutura definitiva do castelo e queda composta a fortaleza por sete torres que amurallaban un recinto arrodeado de pantanos. Posúe unha capela do século XII construída por Xelmírez e dedicada ó apóstolo Santiago. A partir do século XV a fortaleza comeza a súa decadencia e, finalmente, no ano 1525 gran parte das construcións foron destruídas.

Descrición editar

Na actualidade consérvanse en pé os alzados de dúas das torres e unha terceira moi arruinada. As torres son de planta cadrada e construídas con "perpiaño mediano" (coñecido como asturiano) e grandes perpiaños nos esquinais e nas xambas.

A ermida editar

Trátase do mesmo templo que Diego Xelmírez levantou ab fundamentis no ano 1122. Atópase unida a unha torre e foi refeita en tempos modernos. En imaxes antigas pódense ve-las bóvedas totalmente derrubadas. A igrexa é dunha nave cunha ábsida semicircular. Os perpiaños son raros e irregulares as fiadas. A nave cóbrese con bóveda de canón con directriz en arco de ferradura. O arco triunfal (semicircular) apóiase sobre xambas de cóbados.

A fachada principal coróase cunha espadana dunha soa troneira. A portada componse dunha sinxela porta cun lintel pentagonal, e sobre este un arco semicircular. No tímpano restos dunha inscrición de difícil lectura. A fachada meridional carece de cornixa nin seteiras, e só se abre cunha porta alintelada cun arco de descarga similar ao da fachada occidental (principal). Na fachada setentrional ábrense cinco seteiras con arco de ferradura.

Achados editar

No Museo de Pontevedra consérvase unha doela (cat. nº 1488) que procede deste lugar co texto ERA MCC. Tamén conserva un relevo rectangular, cunha cruz grega no centro e colgando un alfa e un omega, é a peza nº 2088, coa inscrición IN HOC SIGNO TUETUR PIUS HOC SIGNO VINCITUR INIMICUS.

En 1971, realizou escavacións o arqueólogo catalán Alberto Balil Illana, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela.

A Romaría Viquinga editar

Artigo principal: Romaría Viquinga de Catoira.

Cada verán, o primeiro domingo de agosto, os restos do Castellum Honesti reviven unha romaría viquinga que recrea a defensa do castelo fronte a un ataque normando.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. "Torres de Oeste". Turgalicia. Consultado o 3 de agosto de 2015. 
  2. Chamoso Lamas, M. (1951). "Excavaciones en Torres de Oeste (Catoira-Pontevedra)". Cuadernos de Estudios Gallegos: 283–285. 
  3. Posiblemente enterrado neste lugar no ano 1066.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bango Torviso, Isidro Gonzalo (1979). Arquitectura románica en Pontevedra. Páxs. 211 a 212. Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-300-0847-0. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar