Torre de Cristal
A Torre de Cristal, situada en Madrid, é o segundo rañaceos máis alto de España e o oitavo da Unión Europea, cunha altura de 249 metros, distribuídos en 52 plantas.[1] O edificio está situado no distrito madrileño de Fuencarral-El Pardo, no complexo de rañaceos Cuatro Torres Business Area. A torre foi deseñada polo arquitecto arxentino César Pelli. No proxecto tamén participaron os arquitectos Íñigo Ortiz e Enrique León. O edificio destínase integramente ao alugueiro de oficinas.
Torre de Cristal | |
---|---|
A Torre de Cristal en xullo de 2009 | |
Coordenadas | 40°28′41″N 3°41′14″O / 40.478055555556, -3.6872222222222 |
[ editar datos en Wikidata ] |
A súa construción comezou en 2004 e terminouse o 4 de decembro de 2009. Divídese nunha planta baixa de acceso, 46 pisos de oficinas e seis plantas baixo rasante, destinadas a aparcadoiro de vehículos, cunha capacidade aproximada para 1.250 coches. As fachadas están cubertas exclusivamente de vidro e, no nivel superior, a variación da planta xera cambios nos catro planos da fachada que ofrecen ao edificio a aparencia dun cristal tallado.
Construción
editarAs cifras da edificación da Torre son referencia clara da magnitude do proxecto. Para o total do recubrimento da fachada empregáronse 44.000 metros cadrados de cristal; o equivalente a seis campos de fútbol.
Removéronse 90.000 metros cúbicos de terra para proceder ao baleirado da zona na que van situados os pisos subterráneos. O cable eléctrico utilizado supera os 250 quilómetros. Empregáronse 40.000 metros cúbicos de formigón, cantidade suficiente para encher 33 piscinas olímpicas. O número de ascensores cos que conta a Torre é de 27.
A Torre de Cristal ten forma de diamante, e en palabras do seu arquitecto, o arxentino César Pelli, intenta ser pura nas súas facetas e escintileos.[2] Este rañaceos está definido por un cristal puro de ton azulado que enxalza a súa elegancia e transparencia.
No seu interior, o vestíbulo de entrada ten unha altura máxima de 10 metros e está pechado por todos os seus lados por un cristal de chan a teito que o fai acolledor durante o día e cálido pola noite. A planta de piso é de forma rectangular e mide 51 por 33 metros.
A estrutura mecánica que a compón, convértea nun crebacabezas xigante, e a maior parte dos compoñentes fabricáronse fóra da zona da edificación.
Xardín vertical
editarDentro do edificio, concretamente na súa última planta, a Torre de Cristal alberga un xardín vertical; o máis alto de Europa.[3] O xardín, de 600 m² de dimensión, sitúase detrás da fachada de vidro e é posible velo desde o exterior do edificio.
O aspecto característico do xardín conseguiuse mediante a instalación dunha estrutura vertical de PVC sobre a que se coloca un feltro sintético onde enraízan as distintas especies de plantas. As plantas crecen grazas a un sofisticado sistema de rego, que aporta os nutrientes necesarios, formando un muro verde cuxo deseño e colorido conséguese mediante a selección e plantación de distintas especies previamente especificadas.
O xardín convértese nun "pulmón verde" a 250 metros de altura, xa que entre outras funcións, as súas máis de 24.000 plantas contribúen á fixación do dióxido de carbono, de forma que regula a temperatura e humidade ambiental.[4]
O concepto do xardín de inverno na azotea é unha idea orixinal do estudo de paisaxismo americano, Balmori Associates. O deseño do muro verde é obra do coñecido botánico francés, Patrick Blanc, que desenvolveu unha patente exclusiva consistente nun mural vertical con vexetación.
Notas
editar- ↑ "Council on Tall Building Urban Habitat". Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2013. Consultado o 11 de maio de 2013.
- ↑ R.Ruiz / E.S. Mazo. "La nueva arquitectura une los rascacielos de Madrid y Nueva York – denominador común el arquitecto argentino César Pelli. Expansión.com". Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2014. Consultado o 11 de maio de 2013.
- ↑ "El País. El jardín vertical más alto de Europa". Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2016. Consultado o 11 de maio de 2013.
- ↑ "Torre de Cristal" (PDF).
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Torre de Cristal |
- Ilustración da Torre de Cristal terminada Arquivado 30 de setembro de 2007 en Wayback Machine.