Torrada (doce)
- Este artigo trata sobre o doce feito con pan, leite e ovo, para a rebanda de pan torrada véxase: torrada.
A torrada[1] é unha sobremesa doce que consiste nunha rebanda de pan (adoita estar reseso) enchoupada en leite e ovo batido, frixida nunha tixola en aceite e cuberta de azucre. Existen variantes enchoupadas en viño e adozadas con mel. Aromatízanse tamén con canela ou algún licor.
Na bibliografía galega noméase dende os textos do Rexurdimento; fálase en numerosas obras que describen a vida cotiá: torradas de viño, ovos pras torradas, torradas de mel e manteiga..., polo que se demostra que era un doce común nas casas galegas calquera día do ano[2]. Noutras zonas de España comíanse na Coresma e na Semana Santa, xa que, sendo un alimento de orixe humilde, logo enche ao comensal especialmente na época na que os católicos deixan de comer carne.
Variantes noutras linguas
editarEn España e nos países hispanos coñécense coma torrijas ou torrejas.
En Europa Central coñécense como Arme Ritter (en alemán: cabaleiros pobres) en Alemaña, Pofesen en Austria, Fotzelschnitten en Suíza e bundás kenyér en Hungría.
En Francia chámase "pain perdu" (pan perdido), se ben este non se frixe en aceite abundante senón que se fai á prancha.
No Reino Unido e países de fala inglesa chámanlle "french toast".
Nos Países Baixos reciben o nome de Wentelteefje.
En Portugal prepáranse as "rabanadas", de xeito moi semellante ás galegas e castelás[3].
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para torrada.
- ↑ Tesouro Informatizado da Lingua Galega
- ↑ "Rabanada, um antigo clássico natalino presente em todo o mundo". Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2018. Consultado o 01 de agosto de 2018.