Tin Hinan é o nome dado polo pobo tuareg a unha raíña guerreira de prestixio do século IV. A súa monumental tumba atópase no Sáhara no municipio de Abalessa, na rexión de Ahaggar ou Hoggar (Alxeria). O nome significa literalmente "a das tendas", mais pode ser interpretado como "a nai da tribo" (ou "de todos nós"). Ás veces é mencionada como a "Raíña do Hoggar" ou como Tamenoukalt, que tamén significa "raíña".

Tin Hinan
'Tamenoukalt'

NacementoMarocco
SucesorКеllа (?)

A raíña do Hoggar editar

 
Maqueta da tumba de Tin Hinan, no Museo Nacional do Bardo (Alxer)

A tumba de Tin Hinan foi aberta por Byron Khun de Prorok co apoio do exército francés en 1925. En 1933 fíxose unha investigación arqueolóxica máis polo miúdo. Atopouse o esqueleto dunha muller nunha liteira de madeira deitado de costas, coa cabeza mirando cara ao leste. Estaba acompañada de pezas de ouro macizo e xoias de prata, algunhas delas adornadas con perlas. No antebrazo dereito levaba sete pulseiras de prata, e no esquerdo, sete pulseiras de ouro. No corpo foron colocadas outra pulseira de prata e un anel de ouro, así como os restos dun colar de ouro e perlas.

Tamén se atoparon distintos obxectos funerarios. Estes inclúen unha Venus de estilo aurignaciano (similar á de Hohle Fels), unha copa de cristal (perdida durante a segunda guerra mundial) e unha folla de ouro co selo dunha moeda romana de Constantino I emitida entre 308 e 324 d.C.. A data coincide coa datación por carbono-14 da cama de madeira e tamén co estilo da cerámica e os mobles doutra sepultura próxima. A tumba está construída nun estilo moi popular no Sáhara.

Un estudo antropolóxico dos restos publicado en 1968 concluíu que se trataba do esqueleto dunha muller de 1,72 a 1,76 metros de altura, pertencente a unha raza mediterránea, que probabelmente non tivera fillos e era coxa debido á deformación das zonas lumbar e sacra. O corpo atópase exposto no Museo do Bardo en Alxer.[1]

O pobo tuareg era consciente de que a tumba contiña unha muller de prestixio. Durante moito tempo circularan na rexión diversas lendas sobre ela antes de a tumba ser aberta. Segundo unha delas, Tin Hinan proviña das bravas tribos de bérberes orixinarias de Tafilete, un oasis do cordal do Atlas (no actual Marrocos), acompañada dunha serventa, Takamat. Tin Hinan tiña unha filla (ou neta), Kella, mentres Takamat tiña dúas fillas. Estas nenas disque son as devanceiras dos tuareg do Hoggar.

Noutra versión, Tin Hinan tivo tres fillas (con nomes totémicos referidos aos animais do deserto) que foron as antepasadas tribais. A súa relixión musulmá é anacrónica, igual cá afirmación de que Kella era a súa filla ou neta, pois a matriarca tribal Kella viviu no século XVII.

No século XIV o historiador Ibn Khaldún rexistrou unha lenda sobre unha raíña coxa, Tiski, a nai ancestral das tribos Ahaggar, moito máis próxima ao rexistro arqueolóxico.

Notas editar

  1. García Sánchez, Jorge (2016). "Regreso a la tumba de Tin Hinan: nuevas fuentes en torno a las excavaciones de Byron Khun de Prorok en Abalessa (Ahaggar, Argelia)". Cuadernos de Prehistoria y Arqueología de la Universidad Autónoma de Madrid (CuPAUAM) (en castelán) (42) (Madrid). pp. 187–208. ISSN 0211-1608. Consultado o 10 de outubro de 2022.