Thiomargarita magnifica

meirande bacteria coñecida

Thiomargarita magnifica
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Pseudomonadota
Clase: Gammaproteobacteria
Orde: Thiotrichales
Familia: Thiotrichaceae
Xénero: Thiomargarita
Especie: Thiomargarita magnifica
Volland et al., 2022[1]

Thiomargarita magnifica é unha especie de gammaproteobacteria filamentosa oxidadora de xofre que crece baixo a auga sobre follas desprendidas de mangleiro vermello no arquipélago de Guadalupe nas Antillas menores.[2] É a bacteria máis grande coñecida, cunha lonxitude media de 10 milímetros e algúns individuos acadan os 20 mm.[3] A bacteria describiuse nunha prepublicación aparecida en febreiro de 2022.[4] Foi descuberta orixinalmente a principios da década de 2010 por Olivier Gros da Universidade das Antillas Francesas en Pointe-à-Pitre, mais inicialmente non conseguiu atraer moita atención (Gros naquel momento pensaba que era un fungo[5]). Gros e outros investigadores tardaron cinco anos en descubrir que era unha bacteria e pasaron uns poucos anos máis ata que Jean-Marie Volland, un estudante graduado que traballaba con Gros, decatouse das súas propiedades pouco comúns.[3]

Thiomargarita significa "perla do xofre", debido á aparencia das súas células, as cales conteñen gránulos de xofre microscópicos que dispersan a luz incidente, dándolle á célula un brillo de perla. Existe outra especie deste xénero atopada en África, Thiomargarita namibiensis. O nome específico magnifica foi elixido pola investigadora que a identificou como bacteria, Silvina González Rizzo.[6]

ADN encapsulado editar

O descubrimento desta bacteria é importante, non só polo gran tamaño que ten, visible a simple vista, senón porque difumina os límites entre as células procariota e eucariota, porque tgen algo parecido a un núcleo celular. Os procariotas son organismos unicelulares primitivos que carecen de núcleo que rodee o seu ADN, o cal caracteriza os eucariotas. Pero T. magnifica, aínda sendo unha bacteria e, por tanto, procariota, ten uns sacos de membrana que encapsulan o seu ADN.[1]

Estrutura editar

O metabolismo das bacterias só pode funcionar por medio da difusión de moléculas de nutrientes e de refugallos cara ao interior e exterior da célula e isto establece un límite superior ao tamaño destes organismos. A gran bacteria do xofre T. namibiensis, descuberta en 1999 en África, supera este límite ao incluír un gran saco cheo de auga e nitratos. Este saco empurra o contido da célula contra a parede celular para que a difusión poida funcionar; os procesos vitais ocorren só "ao longo do bordo" da célula. No caso da célula de T. magnifica, esta inclúe un vacúolo similar[3] que ocupa a maior parte da célula (65–80% do volume) e empurra o citoplasma contra a periferia da célula (o grosor do citoplasma varía de 1,8 a 4,8 microns).[4]

Outro saco ou compartimento do interior deste organismo contén o seu ADN. Os investigadores chamáronlle a estes compartimentos "pépins" (pebidas en francés). Esta estrutura é moi diferente da do ADN que flota libremente no centro das células bacterianas (formando a rexión chamada nucleoide).[7]

Malia o seu tamaño bastante grande, o exterior da célula carece de bacterias epibióticas que vivan sobre ela. A súa "sorprendente ausencia" pode explicarse porque T. magnifica posiblemente produce compostos químicos biooxicamente activos ou mesmo con propiedades antibióticas.[4]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Volland, Jean-Marie; Gonzalez Rizzo, Silvina; Gros, Olivier; Tyml, Tomáš; Ivanova, Natalia; Schulz, Frederik; Goudeau, Danielle; Elisabeth, Nathalie H; Nath, Nandita; Udwary, Daniel; Malmstrom, Rex R; Guidi-Rontani, Chantal; Bolte-Kluge, Susanne; Davies, Karen M; Jean, Maïtena R; Mansot, Jean-Louis; Mouncey, Nigel J; Angert, Esther; Woyke, Tanja; Date, Shailesh V (23 de xuño de 2022). "A centimeter-long bacterium with DNA compartmentalized in membrane-bound organelles" 376 (6600). Science: 1453–1458. 
  2. "Record bacterium discovered as long as human eyelash". BBC News. Consultado o 23 de xuño de 2022. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Pennisi, Elizabeth. Science, ed. "Largest bacterium ever discovered has unexpectedly complex cells" (en inglés). science.org. Consultado o 2022-02-24. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Volland, Jean-Marie; Gonzalez Rizzo, Silvina; Gros, Olivier; Tyml, Tomáš; Ivanova, Natalia; Schulz, Frederik; Goudeau, Danielle; Elisabeth, Nathalie H; Nath, Nandita; Udwary, Daniel; Malmstrom, Rex R; Guidi-Rontani, Chantal; Bolte-Kluge, Susanne; Davies, Karen M; Jean, Maïtena R; Mansot, Jean-Louis; Mouncey, Nigel J; Angert, Esther; Woyke, Tanja; Date, Shailesh V (18 de febreiro de 2022). "A centimeter-long bacterium with DNA compartmentalized in membrane-bound organelles". Cold Spring Harbor Laboratory. doi:10.1101/2022.02.16.480423. 
  5. Rogers, Peter. ""Impossibly big" bacteria rattle the field of microbiology". BigThink. Consultado o 22 de marzo de 2022. 
  6. Ansede, Manuel (1 de marzo de 2022). "Scientists discover one-centimeter long bacterium that's visible to the naked eye". El País. Consultado o 23 de xuño de 2022. 
  7. Ferreira, Becky (23 de xuño de 2022). "Government Scientists Discover Biggest Bacteria Ever, Visible to Naked Eye". Vice. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar