Tesouro de Hoxne

tesouro de ouro e prata da Britania Romana

O tesouro de Hoxne é o maior tesouro de ouro e de prata do Imperio Romano tardío achado en Gran Bretaña,[2] así como a maior acumulación de moeda romana de ouro dos séculos IV e V das atopadas en toda a extensión do Imperio.

Tesouro de Hoxne

Tipo 14.865 moedas e outros 200 ítems
Data Séculos IV / V
Cultura Roma Antiga
Características
Materiais Ouro, prata, bronce, ferro e orgánicos
Descuberta
Localización Hoxne, Suffolk, Reino Unido Reino Unido
52°20′33″N 1°11′15″L / 52.34250, -1.18750
Descubridor/a Peter Whatling e Eric Lawes
Data 16 de novembro de 1992
Conservación
Localización Museo Británico.[1]

O seu descubridor foi Eric Lawes, coa axuda dun detector de metais, e o achado tivo lugar na vila de Hoxne, en Suffolk, Inglaterra, en 1992. O tesouro está composto por 14.865 moedas romanas de ouro, prata e bronce, así como arredor doutros 200 obxectos de prata de enxoval e xoias de ouro.[3]

Todos estes obxectos están conservados no Museo Británico, en Londres, onde se expoñen con carácter permanente os espécimes máis sobranceiros e unha selección do resto. En 1993, un comité de valoración especialmente constituído para este tesouro valorouno en arredor de 1,75 millóns de libras esterlinas.[4]

O tesouro estaba agochado nun cofre de carballo, cos obxectos dispostos por tipos, algúns deles en caixas máis pequenas e outros en bolsas téxtiles ou envoltos en tecidos. Na escavación recuperáronse restos do cofre e dos accesorios, como gonzos e pechaduras. As moedas que o compoñen datan de despois do ano 407 d. C., o que coincide co final da Britania como provincia romana.[5]

Descoñécese quen era o seu posuidor e os motivos do seu soterramento, mais estaba coidadosamente empaquetado e o seu contido semella acorde co que podería posuír unha soa familia de gran riqueza. É probable que o tesouro soamente represente unha parte da fortuna do seu propietario, dada a ausencia de grandes recipientes de prata para servir e dalgúns tipos de xoias moi comúns na época.

O tesouro de Hoxne contén varios obxectos particularmente salientables e escasos, como unha cadea de ouro e pementeiras de prata dourada, incluída a coñecida como "pementeira da emperatriz". O achado tamén é relevante desde o punto de vista arqueolóxico, xa que foi escavado por arqueólogos profesionais, que atoparon os obxectos practicamente intactos. Esta descuberta contribuíu a mellorar a relación entre os arqueólogos e os buscadores con detectores de metais, e influíu tamén nun cambio na lexislación inglesa en materia de achados arqueolóxicos.[6]

Historia arqueolóxica

editar

Achado e escavación inicial

editar
 
Hoxne
A vila de Hoxne en Inglaterra.

O achado do tesouro produciuse o día 16 de novembro de 1992 nunha leira agraria situada a uns 24 quilómetros ao suroeste da localidade de Hoxne, en Suffolk. O arrendatario, Peter Whatling, perdera un martelo e pediulle a un amigo seu, Eric Lawes, un xardineiro xubilado afeccionado ao detector de metais, que lle axudase a buscalo.[7] En tanto que buscaba polo campo co detector, comezaron a aparecer culleres de prata, xoias de ouro e numerosas moedas de ouro e de prata.[8]

O día seguinte, un equipo de arqueólogos da Unidade Arqueolóxica de Suffolk comezou no lugar unha escavación de emerxencia. A recuperación de todo o tesouro produciuse nun só día, coa retirada de varios bloques de material sen desfacer, para seren levados ao laboratorio.[9] Tamén se rexistrou a zona con detectores de metais nun raio de 30 metros desde o lugar do achado.[10] Na operación, recuperouse tamén o martelo perdido por Peter Whatling, que lle foi doado ao Museo Británico.[11][12]

Todo o tesouro estaba, xa que logo, concentrado nun único lugar.[7] Os obxectos que o compuñan foran agrupados dentro do cofre, de xeito que, por exemplo, pezas como cuncas e cazos estaban amoreados uns dentro dos outros ordenadamente.[13] Algúns destes obxectos foran danados por animais subterráneos e polos apeiros de labranza, mais o grao de deterioración era moi baixo.[14] A rápida notificación de Lawes ás autoridades da aparición do tesouro foi clave para que este fose analizado in situ por arqueólogos profesionais.[8]

Logo de escavado por completo, o tesouro levouse ao Museo Británico, en Londres. A descuberta filtrouse axiña á prensa e o xornal The Sun publicou un artigo na primeira páxina o 19 de novembro, xunto cunha fotografía de Lawes co seu detector de metais. Naquel momento, descoñecíase a composición total do tesouro e tamén o seu valor económico, aínda que o xornal publicou que se estimaba en dez millóns de libras. En resposta a esta inesperada especulación, o Museo Británico levou a cabo unha rolda de prensa o día 20 de novembro, para anunciar formalmente o achado. Os xornais perderon de camiño o seu interese inicial polo tesouro, o que permitiu aos conservadores do Museo Británico clasificalo, limpalo e estabilizalo sen máis interrupcións por parte da prensa.[7] Estes labores básicos de limpeza e conservación completáronse nun mes a partir do momento do achado.[9]

Investigación e valoración iniciais

editar
 
Cullerón de 13 cm do tesouro de Hoxne, cunha decoración que inclúe un crismón e criaturas mariñas.[15]

O 3 de setembro de 1993 tivo lugar en Lowestoft unha investigación xudicial a partir da cal o achado foi declarado como "tesouro agochado", dado que se concluía que fora ocultado coa intención de ser recuperado nunha data posterior. Consonte o dereito consuetudinario inglés, calquera cousa con esa consideración legal pasa a pertencer á Coroa se ninguén reclama a súa titularidade [16] No entanto, a práctica habitual naquela época era recompensar a quen atopase e comunicase con rapidez un tesouro, cunha cantidade equivalente ao seu valor no mercado; esta recompensa era sufragada pola institución pública que desexase facerse co contido do tesouro. En novembro de 1993, o Comité de Revisión do Tesouro (Treasure Trove Reviewing Committee) estableceu a súa valoración en 1,75 millóns de libras, que se lle pagaron a Lawes na súa condición de descubridor do tesouro, e este compartiu a recompensa co granxeiro Peter Whatling.[17] Tres anos despois, o Parlamento Británico promulgou a Lei do Tesouro de 1996, que permitía ao descubridor, ao arrendatario e ao propietario compartir calquera recompensa.[18]

Investigacións arqueolóxicas posteriores

editar

O Servizo Arqueolóxico do Condado de Suffolk inspeccionou o campo en setembro de 1993, logo de que este fose arado, e atopou catro moedas de ouro e 81 de prata, todas elas consideradas como parte do mesmo tesouro.[19] Tamén se descubriron algúns materiais anteriores á Idade de Ferro e outros posteriores, de orixe medieval, máis non se atoparon indicios dun asentamento romano nos arredores.[10]

 
Cadeados de prata das caixiñas dispostas dentro do cofre onde se agochou o tesouro de Hoxne.[20][21]

En 1994, o Servizo Arqueolóxico fixo unha nova escavación de seguimento no mesmo campo, logo de que se tivese coñecemento de deteccións ilegais de metais preto da zona do achado. Reescavouse o lugar exacto onde aparecera o tesouro e descubriuse a presenza dun poste soterrado na esquina suroeste, que probablemente fose un marcador colocado polos depositantes do tesouro para o poder recuperar no futuro. Retirouse a terra en fragmentos de 10 centímetros para a súa análise, nunha área de mil metros cadrados arredor do lugar do achado e utilizáronse detectores de metais na procura doutros obxectos. Nesta operación atopáronse 335 novos obxectos de época romana, na súa maioría moedas, e tamén outros accesorios do cofre que as albergara. Xurdiron, así mesmo, algúns furados de postes de finais da Idade de Bronce e de principios da Idade de Ferro, mais non apareceu ningún elemento estrutural de época romana.[10][22]

As moedas descubertas ao longo de 1994 estaban esparexidas nunha elipse centrada no lugar do achado do tesouro, que se estendía de leste a oeste ata unha distancia de 20 metros a cada lado.[23] Esta distribución pode explicarse polo feito de que o agricultor realizara en 1990 unha arada profunda en dirección leste-oeste na parte do campo onde se produciu o achado inicial. Con anterioridade, o agricultor realizara outras aradas en dirección norte-sur desde 1967 ou 1968, cando o terreo fora rozado para o seu uso agrícola; porén, a ausencia de moedas ao norte e ao sur do lugar do achado fai pensar que a arada anterior a 1990 non perturbara en absoluto o tesouro.[23]

Composición do tesouro

editar
 
Bandexa con Moedas clasificadas que forman parte do tesouro de Hoxne.

O tesouro de Hoxne componse principalmente de moedas romanas de ouro e de prata, cun peso total de 3,5 quilogramos de ouro e 23,75 de prata.[24]

Foi disposto nun cofre de madeira feito na súa maior parte de carballo, que medía aproximadamente 60 x 45 x 30 centímetros. Dentro deste recipiente, algúns obxectos foran colocados en caixas máis pequenas de madeira de teixo e de cerdeira, en tanto que outros se embalaran con tecidos de la ou de feo, ou foran introducidos en bolsiñas de coiro. Tanto o cofre como as caixiñas interiores sufriron, co tempo, a súa descomposición, ao estaren soterrados, aínda que durante a escavación se recuperaron fragmentos da arca e dos seus accesorios metálicos.[25]

Os principais obxectos atopados foron estes:

  • 569 moedas de ouro (sólidos).[3]
  • 14.272 moedas de prata, entre elas 60 Miliarenses e 14.212 Siliquas.[3]
  • 24 moedas de bronce (nummi).[3]
  • 29 obxectos de xoiaría en ouro.[26]
  • 98 culleres e cazos de prata.[27]
  • Unha tigresa de prata, feita como asa dalgún obxecto, quizais dunha vasela.[27]
  • Catro cuncas de prata e un prato pequeno.[28]
  • Un vaso de prata.
  • Unha xerra de prata.
  • Catro pementeiras, entre elas a coñecida como "pementeira da emperatriz".[2][29]
  • Artigos de toucador.
  • Dúas pechaduras de prata, restos das caixas e das bolsiñas de coiro.
  • Restos de diversos materiais orgánicos, entre eles un pequeno recipiente (pyxis) de marfil.

Moedas

editar

As moedas de ouro do tesouro de Hoxne son 569 sólidos cuñados entre o imperio de Valentiniano I (364-375 d. C.) e o de Honorio (393-423). En prata acháronse 14.272 moedas, das que 60 son miliarenses e 14.212 son siliquas, emitidas todas elas entre os reinados de Constantino II (337-340) e de Honorio. A estas moedas cómpre engadirlles 24 nummi de bronce.[3]

Trátase do achado monetario máis importante da derradeira época da Britania romana e está composto polos tres valores faciais máis representativos da moeda da época, algúns deles recortados e fragmentados, como era propio do momento na Britania. O único achado da Britania romana cunha maior cantidade de moedas de ouro foi o coñecido como Eye Hoard, descuberto en 1780 ou 1781, do que fican poucos rexistros.[30]

O maior tesouro romano-británico foi o tesouro de Cunetio, composto por 54.951 moedas do século III, case todas elas antoninianos moi desvalorizados e con moi pouca cantidade de prata. En abril de 2010 desenterrouse en Somerset o tesouro de Frome, composto por 52.503 moedas cuñadas entre os anos 253 e 305, tamén na súa maioría de billón moi degradado ou mesmo de bronce.[31] Fóra das Illas Británicas, onde se acharon os tesouros máis importantes de moeda romana foi en Misrata (Libia) e tamén en Évreux (Francia), con arredor de 100.000 espécimes, e en Komin, Croacia, con 300.000 exemplares.[32]

 
Moedas de ouro e de prata aparecidas no tesouro de Hoxne.

Todos os sólidos de ouro están próximos ao seu peso teórico de 4,48 gramos (1/72 dunha libra romana), cunha proporción de metal nobre do 99 %. O peso total destes sólidos é de oito libras romanas exactamente, o que suxire que a cantidade de moedas para ocultar se calculou polo seu peso e non polo seu número.[33]

A análise das siliquas de prata achega un rango de finura de entre o 95 %, a maior porcentaxe de prata deste valor, logo da reforma monetaria de 368.[34] Das siliquas, 428 son imitacións producidas localmente, polo xeral de alta calidade e coa mesma proporción de prata que as siliquas oficiais emitidas nesa época. Porén, algunhas poucas son falsificacións elaboradas cun núcleo central de metal base cuberto por unha lámina de prata.[35]

Datación e procedencia

editar
 
 
Anverso e reverso dun miliarense lixeiro do tesouro de Hoxne. O reverso amosa as siglas SISCP, marca de ceca do obradoiro monetario de Siscia.

As moedas son o único obxecto do tesouro de Hoxne para os que se pode establecer unha data e un lugar precisos de produción. Todas as moedas de ouro e moitas das de prata amosan os retratos e os nomes do emperador en cuxo reinado foron cuñadas, e a maioría levan tamén marcas de ceca que identifican a cidade de procedencia, o que ilustra o sistema de cecas da Antiga Roma, que producían moedas cun deseño uniforme. A procedencia das moedas do tesouro é de 14 cecas romanas diferentes: Colonia Augusta Trevorum (na Germania Inferior), Arelate (na Gallia Narbonensis) e Lugdunum (na Gallia Lugdunensis), Ravenna, Mediolanum, Aquileia e Roma (en Italia), Sirmium (na Pannonia), Tessalonica (en Macedonia), Constantinopolis (na Tracia), Cyzicus e Nicomedia (en Asia), e Antioquia (en Siria).[36]

As moedas foron cuñadas baixo tres dinastías de emperadores romanos. As primeiras son emisións da dinastía constantiniana, seguidas polas dos valentinianos e, por último, as cuñaxes dos emperadores teodosianos. O sistema de goberno colexiado (Consortium imperii) implicaba que os socios imperiais podían cuñar moeda a nome de ouro nas cecas baixo a súa xurisdición. O solapamento dos reinados dos emperadores orientais e occidentais permite con frecuencia datar os cambios de tipo nunha parte do reinado. Deste xeito, pódese demostrar que as últimas moedas do tesouro, do gobernante oriental Honorio (393-423) e do seu contrincante Constantino III (407-411), pertencen ás primeiras partes dos seus reinados, xa que corresponden á vida do emperador oriental Arcadio, que morreu en 408.

As siliquas do tesouro foron cuñadas principalmente nas cecas occidentais da Galia e de Italia. Descoñécese se isto se debe a que as moedas orientais rara vez chegaban á Britania a través do comercio ou a que era raro que as cecas orientais cuñasen siliquas. A produción de moedas parece seguir a localización da corte imperial da época; por exemplo, a concentración de moedas de Tréveris é moito maior despois de 367, quizais asociado ao traslado da corte de Graciano (367-383) a Tréveris.[37]

Táboa de cecas e períodos dos sólidos do tesouro de Hoxne[38]
Cecas 364-367 367-375 375-378 378-388 388-395 394-402 402-408 Total
Aquileia 2 2
Constantinopolis 4 1 5
Lugdunum 5 5
Mediolanum 15 6 367 388
Ravenna 54 54
Roma 1 38 39
Sirmium 8 8
Tessalonica 1 1
C. A. Trevorum 6 6 8 58 78
Total 1 6 6 27 78 368 94 580

Moedas de prata recortadas

editar
 
Tres siliquas de Constantino III (407-411) do tesouro de Hoxne, con diferentes graos de recorte.

Case todas as moedas de prata do tesouro tiñan o canto recortado en maior ou menor medida, algo habitual nos achados de moedas romanas de prata deste período en Gran Bretaña, aínda que moi infrecuente no resto do Imperio Romano. O proceso de recorte deixa, en todos os casos, inalterado o retrato do monarca dos anversos, aínda que adoita afectar tanto as marcas de ceca como as inscricións dos reversos.[39]

Existe controversia á hora de intentar explicar os motivos deste recorte. En tanto que para algúns se trata dunha fraude evidente, outros autores explícano como un intento de manter estable a relación de valor entre as moedas de ouro e as de prata, ou un xeito de abastecemento de metal precioso mantendo o mesmo número de moeda de prata en circulación.[39]

A gran cantidade de moedas recortadas do tesouro de Hoxne permitiulles aos arqueólogos o estudo detallado do proceso de recorte. Todas as moedas foron recortadas co anverso cara a arriba, para non alterar o retrato do anverso, e o nivel medio de recorte é máis ou menos o mesmo para os exemplares que datan do ano 350 en adiante.[40]

Xoiaría de ouro

editar
 
Vista frontal da cadea de ouro do tesouro de Hoxne, cunha ametista e catro granates; faltan outras catro xemas que se pensa que eran perlas.[41]

Todas as pezas de xoiaría do tesouro de Hoxne son de ouro e ningunha delas é inequivocamente masculina, aínda que varias delas poderían ter sido utilizadas por ambos os sexos, como é o caso dos aneis.[42] Hai unha cadea para colocar no torso, tres aneis e dezanove pulseiras, cun peso total do ouro que alcanza aproximadamente un quilogramo,[43] cunha pureza media do 91,5 % (arredor dos 22 quilates).[44]

O obxecto máis importante do tesouro individualmente é a cadea para o corpo, composta, pola súa vez, por catro cadeas finamente entrelazadas en bucle, un sistema coñecido tamén na xoiaría moderna. Na parte dianteira, as cadeas teñen remates en forma de cabeza de león, que sosteñen un centro con xemas montadas en celas de ouro: unha grande ametista rodeada de catro granates máis pequenos, que se alternan con catro celas baleiras que, probablemente, contiñan perlas que se descompuxeron. Na parte posterior, as cadeas xúntanse nunha montura centrada cun sólido de ouro do emperador Graciano, que fora reconvertido dun uso anterior, quizais como colgante, e que se podería tratar dunha reliquia familiar.[45] As cadeas corporais deste tipo son propias da arte romana e aparecen ás veces asociadas á deusa Venus ou a ninfas, nalgúns casos en contextos eróticos, aínda que tamén os portaban damas respectables de alto rango.[46] A cadea do tesouro de Hoxne, axustada, adaptaríase a unha muller cun busto de 76 a 81 centímetros.[47] Son poucas as cadeas corporais conservadas; unha das máis completas, tamén conservada no Museo Británico, data de principios da época bizantina e foi atopada en Exipto.[48]

Un dos colares presenta tamén terminais con forma de cabeza de león e outro amosa golfiños estilizados. Os outros catro son cadeas relativamente sinxelas, aínda que un ten como símbolo un crismón no pechamento, o único elemento cristián de toda a xoiaría do tesouro.[49] Os colares, de lonxitudes similares, levábanse normalmente na época romana cun colgante, aínda que non se atopou ningún deles no tesouro.[50]

No relativo aos aneis, os tres estaban orixinariamente con xemas engastadas, que poderían ter sido pedras preciosas naturais ou anacos de vidro coloreado; no entanto, estas foron retiradas dos aneis antes do soterramento, quizais para as reutilizar. Os aneis teñen un deseño similar, aínda que varían nos seus biseis, nun caso ovalado, noutro circular e noutro oblongo.[51]

 
Brazalete coa inscrición VTERE FELIX DOMINA IVLIANE.[52]
 
Dous brazaletes de ouro calados.

Tamén hai no tesouro de Hoxne dezanove pulseiras ou brazaletes de ouro, entre eles tres conxuntos a xogo compostos cada un por catro exemplares. É frecuente a aparición deste tipo de brazaletes, aínda que o achado de conxuntos de catro é menos habitual. É probable que se levasen dous en cada brazo ou que varias mulleres emparentadas compartisen o seu uso. Un dos conxuntos está decorado con rañuras laterais e transversais; os outros dous conxuntos presentan deseños xeométricos calados. Á parte dos que compoñen os xogos, outros cinco brazaletes amosan escenas de caza, habituais nas artes decorativas tardorromanas. En tres deles, os deseños están calados, en tanto que noutros dous están repuxados. Un dos brazaletes é o único artigo de ouro de todo o tesouro —agás as moedas— que porta unha inscrición, escrita en latín: VTERE FELIX DOMINA IVLIANE ("Úsao felizmente a Señora Xuliana".[53] A inscrición VTERE FELIX, ou ás veces VTI FELIX, é a segunda máis común nos obxectos atopados na Gran Bretaña romana e utilizábase para desexar boa sorte, benestar e felicidade. A fórmula non é especificamente cristiá, aínda que é frecuente que apareza en contextos claramente cristiáns, por exemplo, acompañando símbolos como o crismón.[54]

Considérase que estas xoias poden ter representado artigos "de reserva", da colección dunha muller adiñeirada, raramente utilizadas. Non están presentes algúns dos tipos de xoias máis habituais, como broches, colgantes e pendentes, e é de salientar a ausencia de xemas engastadas nas xoias, tan frecuentes na época. Catherine Johns, que foi conservadora principal da Britania romana no Museo Británico, especula coa posibilidade de que as xoias favoritas e máis comunmente utilizadas pola propietaria non estivesen incluídas no tesouro.[55]

Obxectos de prata

editar
 
Culler de prata dourada, decorada cunha criatura mítica mariña.[56]

O tesouro de Hoxne contén, así mesmo, máis dun cento de obxectos de prata e de prata dourada. O número é impreciso, xa que hai pezas rotas e fragmentos que non coinciden. Entre estes fragmentos sobresae a figura dunha tigresa saltando, feita a modo de asa dun obxecto como unha xerra ou unha lámpada. Outros obxectos de prata destacables son catro pementeiras (piperatoria), un vaso ou matraz, unha pequena xerra, catro cuncas, un prato pequeno e 98 culleres e culleróns. O matraz e a xerra están decorados con motivos similares, compostos por follas e talos, e a xerra ten ademais tres bandas douradas. En cambio, as cuncas pequenas e o prato son lisos e é de supor que os propietarios do tesouro tiñan moitos máis obxectos deste tipo, entre eles probablemente os grandes pratos decorados que aparecen adoito noutros tesouros.[57] Moitas das pezas están douradas nalgunhas partes, como motivo decorativo. A técnica deste dourado foi ao lume con mercurio, habitual na época.[58][59]

Pementeiras

editar
 
Pementeiras (piperatoria) do tesouro de Hoxne. A da dereita é a coñecida como "pementeira da emperatriz".[60]

Entre as pementeiras salienta a coñecida como "pementeira da emperatriz", finamente modelada a semellanza dunha dama rica imperial.[29] O cabelo, as roupaxes e as xoias desta muller están coidadosamente representados e utilízase o dourado para resaltar algúns detalles. A dama porta un pergameo na súa man esquerda, o que lle achega trazos de riqueza e de educación. Outras pementeiras da colección están modeladas reproducindo unha estatua de Hércules e Anteo, unha cabra e unha lebre, e un sabuxo xuntos. Cada unha das pementeiras achadas neste tesouro ten un mecanismo na súa base que fai xirar un disco interno, que pola súa vez controla a apertura dos furados da base. Ao estaren completamente abertos, os recipientes podían encherse cun funil, e ao estaren parcialmente abertos podían axitarse sobre a comida ou a bebida para engadir as especias.

A palabra latina piperatorium tradúcese adoito como "pementeira", aínda que se utilizaba tamén con outras especias. Segundo Johns, "o achado de Hoxne ampliou significativamente o rango de datas, a tipoloxía e o alcance iconográfico deste tipo de recipientes".[61] A aparición de pementa negra mineralizada en tres achados da Provincia do Norte na década de 1990 demostrou fidedignamente o comercio e o uso desta especia neste período,[62][63] do mesmo xeito que as "táboas de Vindolanda", que rexistran a adquisición dunha cantidade indeterminada de pementa por dous denarios.[64] Os depósitos arqueolóxicos achados en época contemporánea revelaron especias como o coandro, a papoula, o apio, o aneto, a segorella, a mostaza e o fiúncho.[63][65]

Non se cansaban de comela e facían guerras por ela. E se ollas as receitas romanas, todas comezan con "colle pementa e mestúraa con..." —Christine McFadden, escritora gastronómica.[66]

Cando os romanos chegaron a Gran Bretaña, trouxeron consigo moita cultura material e moitos hábitos que fixeron que os británicos se sentisen romanos e se identificasen coa cultura romana. O viño foi un deles, o aceite de oliva outro, e a pementa tería sido un máis valioso nesta mesma especie. —Roberta Tomber, investigadora visitante do Museo Británico.[67]

Así é que encher regularmente unha pementeira de prata coma a nosa tería sido moi custoso, e o fogar que posuía a nosa pementeira tiña outras tres de prata, para pementa ou outras especias: un coa forma de Hércules en acción e dous con formas de animais. Trátase dunha extravagancia propia dos ingresos dos banqueiros. Pero as pementeiras son só unha pequena parte do tesouro soterrado. —Neil MacGregor, director do Museo Británico.

— "A History of the World in 100 Objects". BBC Radio 4. Xuño de 2010 (transcrición).

Outros obxectos de prata

editar
 
A "Tigresa de Hoxne", de prata, é a peza individual máis coñecida do tesouro de Hoxne. Trátase do mango roto dun obxecto descoñecido.[57][68]

A tigresa é unha estatuíña de fundición sólida que pesa 480 gramos e mide 15,9 centímetros desde a cabeza ata a cola. Foi deseñada para ser soldada a algún outro obxecto a modo de asa ou mango —acháronse restos de estaño baixo as súas patas traseiras, que teñen unha curva suavemente cóncava—.[69] O seu aspecto é máis agradable cando as curvas serpeantes da súa cabeza, as costas, a anca e a cola forman unha liña cun ángulo duns 45°, cando as súas patas son planas, o que facilita a súa curvatura.[70] O seu sexo resulta obvio, xa que se aprecian seis grandes tetos baixo o seu ventre. Está coidadosamente decorada nas súas costas, mais a súa parte inferior non acada o mesmo grao de perfección. As súas raias están representadas por dúas liñas gravadas, cunha incrustación negra entre elas, que na maioría dos lugares non se encontran coas liñas gravadas. Nin o seu corpo alongado nin a distribución das raias coinciden cos de ningunha especie real, e ten unha longa raia dorsal que vai desde o cranio ao longo da columna vertebral ata o comezo da cola, o que é máis típico dos gatos que cos tigres. A figura carece de raias arredor da cola, que se engrosa cara ao final, suxerindo unha punta de pelo groso como a dun león, que os tigres non teñen, aínda que a arte romana llas atribúen adoito.[71]

 
Dous espécimes de culler (cochlearium) do tesouro de Hoxne.[72]

Entre a longa colección de culleres atópanse 51 coclearia, unha especie de culler pequena coa cunca pouco profunda e mango longo e afiado, cun extremo acabado nunha fina punta, que se utilizaba para perforar os ovos e atravesar pequenos anacos de comida, xa que os romanos non utilizaban garfos na mesa.[73][74] Hai tamén 23 exemplares doutro tipo de culler (cignus), de maior tamaño, pouco profundas, con mangos máis curtos e coa cabeza dun paxaro gravada, así como outras 20 culleres máis redondeadas e profundas, que tamén se poden interpretar como culleróns pequenos, moitas delas decoradas con motivos abstractos e algunhas con golfiños ou criaturas mariñas de orixe fantástica. Algunhas das culleres están decoradas cun monograma cristián en forma de cruz ou cun crismón, e ás veces tamén coas letras gregas alfa e omega —un xeito de aludir a Xesucristo, consonte o libro da Apocalipse—. Tres xogos de dez culleres e algunhas máis soltas posúen outro tipo de simboloxía cristiá. Como ocorre con frecuencia coas culleres de prata romanas, moitas levan tamén unha inscrición en latín, na que se nomea o seu propietario ou se lle desexa unha vida longa. En total, nestas inscricións alúdese a oito persoas diferentes; sete nas culleres e unha no único vaso ou matraz do tesouro: Aurelius Ursicinus, Datianus, Euherius, Faustinus, Peregrinus, Quintus, Sanctus e Silvicola. O nome máis común é Aurelius Ursicinus, que aparece en dez obxectos.[75] Descoñécese se algunha das persoas nomeadas nestas inscricións participou na ocultación do tesouro e mesmo se estaba viva naquel momento.

 
Detalle dun cochlearium co monograma dunha cruz cristiá na súa base.

Aínda que só unha destas inscricións é explicitamente cristiá (VIVAS IN DEO),[76] as inscricións en culleres de prata que comprenden un nome seguido de VIVAS ou VIVAT adoitan identificarse como cristiás noutros atesouramentos tardorromanos; por exemplo, o tesouro de Mildenhall ten cinco culleres, tres con monogramas tipo crismón e dúas coas inscricións PASCENTIA VIVAS e PAPITTEDO VIVAS.[77] A fórmula VIR BONE VIVAS tamén aparece nunha culler do tesouro de Thetford, mais, aínda que as culleres deste tesouro teñen na súa maioría inscricións pagás —por exemplo, DEI FAU[NI] MEDUGENI ("do deus Fauno Medugenus"),[78] as do tesouro de Hoxne carecen de inscricións especificamente pagás, e pódese considerar que o tesouro procede dun fogar cristián. Suponse con frecuencia que as culleres romanas con crismóns ou coa fórmula VIVAS IN DEO son culleres bautismais ou que se utilizaban na cerimonia da eucaristía, aínda que isto non se pode asegurar.[79]

Táboa de inscricións no enxoval de prata [80]
Referencia MB Inscrición Transcrición Tradución Notas
1994,0408.31 EVHERIVIVAS Euheri vivas "Euherius, que vivas". Vaso. O nome pode ser tamén Eucherius ou Eutherius.
1994,0408.81-83 AVRVRSICINI Aur[elius] Ursicini "de Aurelius Ursicinus". Tres culleres (ligula ou cignus).
1994,0408.84-85 AVRVRSICINVS Aur[elius] Ursicinus "Aurelius Ursicinus". Dúas culleres (ligula ou cignus)
1994,0408.86-88 AVRVRSICINI Aur[elius] Ursicini "de Aurelius Ursicinus". Tres culleres (cochlearia)
1994,0408.89-90 AVRVRSICINI Aur[elius] Ursicini "de Aurelius Ursicinus". Dúas culleres (cochlearia), tamén cun crismón e alfa e omega.
1994,0408.101-102 PEREGRINVS VIVAT Peregrinus vivat "Peregrinus, que viva". Dúas culleres (ligula ou cignus).
1994,0408.103-105 QVISSVNTVIVAT Quintus vivat "Quintus, que viva". Tres culleres (ligula ou cignus).
1994,0408.106 PEREGRINI Peregrini "Se Peregrinus". Culler (cochlearium).
1994,0408.107-110 SILVICOLAVIVAS Silvicola vivas "Silvicola, que vivas". Xogo de catro cochlearia.
1994,0408.115 PER PR Per[egrinus] Pr[imus] ? "Peregrinus Primus". Graffiti raiado nunha culler (ligula ou cignus).
1994,0408.116 FAVSTINEVIVAS Faustine vivas "Faustinus, que vivas". Culler (ligula ou cignus).
1994,0408.117 VIRBONEVIVAS Vir bone vivas "Home bo, que vivas". Culler (ligula ou cignus).
1994,0408.122 [V]IVASINDEO Vivas in deo "Que vivas en Deus". Culler (cochlearium).
1994,0408.129 SANC Sanc[tus] "Santo". Culler (cochlearium).
1994,0408.133 DATIANIAEVIVAS Datiane vivas "Datianus, que vivas". Culler (cochlearium).
Monogramas e símbolos en enxoval sen texto
Referencia MB Monograma ou símbolo Notas
1994,0408.52-61 Crismón. Cullerón.
1994,0408.91-100 Cruz. Culler.
1994,0408.118-119 Crismón, e alfa e omega. Culler (ligula ou cignus).
1994,0408.135 Crismón. Culler.
 
Dous obxectos de toucador: un con forma de grúa; o outro cun oco baleiro, probablemente para as sedas dun cepillo para hixiene ou maquillaxe.[81]

Hai, así mesmo, unha serie de obxectos pequenos e cunha función incerta, descritos como pezas de toucador. Algúns son picos, outros quizais raspadores e tres teñen ocos baleiros nun extremo, que é probable que contivesen algún material orgánico, como sedas para facer un cepillo. O tamaño destes sería axeitado para limpar os dentes ou para aplicar cosméticos, entre outras posibilidades.[82]

A pureza media destes artigos de prata é do 96 %. O resto está composto por cobre e unha pequena cantidade de cinc, con trazas de chumbo, ouro e bismuto. É probable que o cinc estivese presente nun latón utilizado para aliar a prata cando se fabricaron os obxectos; e o chumbo, o ouro e o bismuto probablemente estivesen xa presentes no mineral de prata sen refinar.[83]

Ferro e materiais orgánicos

editar

Os obxectos de ferro achados no tesouro son, probablemente, os restos da arca de madeira que o contiñan. Trátase de grandes aros, lazos e gonzos de dobre punta, e outros gonxos de correa que deberon pertencer a pechaduras, así como escuadras, fitas de ferro de diversa anchura e cravos.[84]

Os achados de natureza orgánica raramente están ben documentados nos tesouros arqueolóxicos, dado que a maioría destes tesouros son retirados apresuradamente polos seus descubridores, no canto de seren sometidos a escavacións profesionais. Entre os obxectos desta natureza achados en Hoxne hai restos de óso, de madeira, doutros materiais vexetais e de coiro. Atopáronse tamén pequenos fragmentos dunha píxide —un recipiente con tampa— decorada de marfil, xunto con outras máis de 150 pezas minúsculas de incrustación ou placa de óso, probablemente dunha ou de varias das caixiñas que se descompuxeron. Identifícanse, así mesmo, pequenísimos fragmentos de madeira adheridos a obxectos metálicos que pertencen a nove especies vexetais, todas elas autóctonas de Gran Bretaña; os restos vexetais asociados ás ferraxes da arca exterior eran de carballo. As pechaduras os gonzos de prata atopados procedían das caixiñas de madeira que estaban dentro da arca, unha de cerdeira e outra de teixo.[85] Conservouse tamén algo de palla de trigo entre as cuncas de prata lisas, que tamén amosaban débiles rastros de tecido de liño.[86] Os fragmentos de coiro estaban demasiado degradados para a súa identificación.

Análise científica do achado

editar

Cowel e Hook levaron a cabo a análise metalográfica inicial do tesouro a finais de 1992 e a principios de 1993, para os fins procesuais da investigación forense. Nesta análise utilizouse a fluorescencia de raios X, unha técnica que se aplicou novamente sobre as superficies xa limpas dos obxectos.[58]

Nos 29 espécimes de xoiaría de ouro atopouse presenza de prata e de cobre. Canto aos obxectos de prata, acháronse os resultados típicos da prata romana dos tesouros desa época, con presenza de cobre en aliaxe, para a endurecer, e trazas doutros elementos. Unha cunca reparada presentaba, ademais, unha soldaxe con base de mercurio.[58]

O gran brazalete de ouro perforado (opus interrasile) amosa restos de hematita no reverso, que probablemente se utilizara como un tipo de enfeite ou colorete de maquillaxe.[87] Trátase do primeiro uso coñecido e documentado desta técnica na xoiaría romana.[88] Os obxectos dourados amosaban a presenza de mercurio, o que dá mostra do tipo de dourado levado a cabo.[58] A incrustación negra da tigresa de prata fundida reflicte tamén a técnica utilizada, con sulfuro de prata no canto do sulfuro de chumbo. Os engastes das pedras onde fican o granate e a ametista, na cadea do corpo, teñen lugares baleiros que se presume que foron ocupados por perlas, e neles quedaron trazas de xofre elemental como adhesivo ou como recheo.[88]

O soterramento e o seu contexto histórico

editar

O tesouro de Hoxne foi soterrado durante un período de grande axitación na Britania, marcado polo colapso da autoridade romana na provincia, pola saída dos exércitos romanos e pola primeira dunha ondada de ataques dos anglosaxóns.[89] Os ataques dos visigodos na Italia de fins do século V fixeron que o xeneral Estilicón chamase as unidades do exército romano na Recia, na Galia e na Britania.[90] En tanto que Estilicón contivo os ataques visigodos en Italia, as provincias occidentais ficaron indefensas ante os suevos, os vándalos e os alanos, que cruzaron o Rin conxelado en 406 e invadiron a Galia. As tropas romanas que se mantiñan na Britania, temendo que os invasores cruzasen o Canal da Mancha, elixiron unha serie de emperadores propios para dirixir a defensa.

Os dous primeiros emperadores foron asasinados polos soldados descontentos nuns meses, mais o terceiro, que se declararía Constantino III, conduciu unha forza británica a través do Canal da Mancha ata a Galia, nun intento de se converter en emperador romano. Logo da consecución de vitorias sobre os bárbaros da Galia, Constantino foi derrotado por un exército leal a Honorio e foi decapitado en 411.[91] Mentres tanto, a partida de Constantino deixara Gran Bretaña vulnerable aos ataques de saxóns e irlandeses.[92]

Despois do ano 410, as historias romanas achegan pouca información sobre os acontecementos na Britania.[93] Na década seguinte, Xerome de Estridón describiu a Britania despois de 410 como unha "provincia fértil de tiranos",[94] e suxeriu o colapso da autoridade central e o ascenso de líderes locais en resposta ás repetidas incursións dos saxóns e doutros pobos. En 452, un cronista galo puido afirmar que uns dez anos antes "os britanos, que ata daquela sufriran varios desastres e desgrazas, se ven reducidos polo poder dos saxóns".[95]

Soterramento

editar

Non se coñece con certeza a identidade do propietario do tesouro soterrado en Hoxne, nin tampouco as razóns para o agochar. No entanto, o propio tesouro e o seu contexto propician algúns indicios salientables. É evidente que o tesouro foi soterrado coidadosamente, a unha distancia considerable do edificio máis próximo.[96] É moi probable que eses obxectos representen soamente unha parte da riqueza en metais preciosos da persoa ou das persoas que os posuían; faltan moitos tipos habituais de xoias, así como os artigos máis comúns do enxoval do fogar, como os que se atoparon no tesouro de Mildenhall. É pouco probable que alguén posuíra os ricos obxectos achados en Hoxne sen posuír tamén obxectos de categorías máis comúns, do mesmo xeito que posuiría tamén outras riquezas, en forma de terras, edificios, moblaxe e roupa. Como moito, o tesouro de Hoxne representa unha pequena parte da riqueza dunha familia inmensamente rica.[97]

A aparición dos nomes "Aurelius Ursicinus" e "Iuliane" nalgúns obxectos deste tesouro non ten por que implicar que as persoas así chamadas fosen as súas propietarias, nin no momento do seu soterramento nin con anterioridade.[98][99] Non se coñecen referencias históricas a un "Aurelius Ursicinus" na Britania nese período e, aínda que se rexistra un "Marcus Aurelius Ursicinus" na Garda Pretoriana de Roma no período 222235, é máis probable que un soldado ou un funcionario de finais do século adoptase o nomen imperial Flavius, no canto de Aurelius. Isto leva a Tomlin a especular que "o nome "Aurelius Ursicinus" podería soar anticuado; sen dúbida tería sido máis acaído para un terratenente de provincia que para un oficial do exército ou do Goberno".[100]

Existen varias teorías acerca do motivo do soterramento do tesouro. Unha delas baséase en que o tesouro representa un intento deliberado de manter a riqueza a salvo, quizais como resposta a un dos moitos problemas aos que se enfrontaba a Britania romana a principios do século V. No entanto, esta non é a única hipótese.[101] O arqueólogo Peter Guest sostén que o tesouro foi soterrado porque os obxectos que contén se utilizaban como parte dun sistema de intercambio de agasallos e, ao se separaren Gran Bretaña e o Imperio Romano, xa non resultaban necesarios.[102] Unha terceira hipótese é a de que o tesouro de Hoxne constitúe o produto dun roubo, soterrado para non ser descuberto.[98]

Tesouros tardorromanos

editar
 
O "gran prato"[103] do tesouro de Mildenhall é un bo xemplo de elemento de enxoval de prata ausente no tesouro de Hoxne,[104] aínda que se supón que os seus propietarios debían ter pezas coma esta.[57]

O tesouro de Hoxne pertence á derradeira parte dun período dun século de duración (ca. 350-450) do que se descubriu unha cantidade infrecuentemente grande de tesouros, a maioría deles procedentes das marxes do Imperio Romano. Estes fondos varían de carácter, aínda que moitos conteñen grandes pezas de prata que faltan no tesouro de Hoxne.[105]

Outros dous tesouros achados na moderna Anglia Oriental no século pasado son do século IV, e ambos se atopan agora no Museo Británico. O tesouro de Mildenhall, en Suffolk, componse de trinta pezas de enxoval de prata depositados a finais do século IV, moitas delas de gran tamaño e minuciosamente decoradas, como o coñecido como "gran prato".[106] O tesouro de Water Newton, de Cambridgeshire, é máis pequeno, pero é o primeiro cun carácter claramente cristián, aparentemente pertencente a unha igrexa ou a unha capela,[107] con obxectos probablemente elaborados na Britania.[108] O tesouro de Kaiseraugst, do sitio arqueolóxico de Augusta Raurica, na actual Suíza, contiña 257 obxectos, entre eles un servizo de banquetes cunha sofisticada decoración.[109] O tesouro Esquilino, achado en Roma, procede tamén, como o de Hoxne, dunha familia romana rica do século IV, e inclúe obxectos de gran tamaño. entre eles o coñecido como "Cofre de Projecta".[110] A maior parte do tesouro de Esquilino está hoxe no Museo Británico, do mesmo xeito que as cuncas e os pratos do tesouro de Cartago, que pertenceron a unha familia da África romana cara ao ano 400.[111]

Os tesouros de Mildenhall, de Kaiseraugst e de Esquilino conteñen grandes pezas de vaixela. Outros achados, porén, como os de Thetford e de Beaurains, consisten principalmente en moedas, xoias e pequenos artigos de mesa; estes dous últimos tesouros correspóndense, probablemente con ofrendas pagás.[112] Un tesouro de Traprain Law, en Escocia, contén pezas de prata romanas decoradas, cortadas e dobradas, o que demostra que nel só se tivo en conta o valor do metal, e pode representar o botín acadado nunha incursión.[113]

Contexto local

editar

Hoxne, a localidade onde se achou o tesouro soterrado, está no condado de Suffolk, na actual Anglia Oriental. Malia non se ter atopado ningunha vila aristocrática de gran tamaño na zona de Hoxne, houbo un asentamento romano nas proximidades desde o século I ao século IV, en Scole, a uns 3,2 quilómetros ao noroeste de Hoxne, na intersección entre dúas calzadas romanas. Unha destas calzadas unía Venta Icenorum (actual Caistor St Edmund) con Camulodunum (Colchester) e Londinium (Londres).[10][114][115]

A escavación de 1994 demostrou que o campo onde se descubriu foi rozado principalmente a principios da Idade de Bronce, cando comezou a ser utilizado para a agricultura. Na primeira metade do primeiro milenio antes de Cristo houbo algún asentamento preto do lugar onde se atopou o tesouro, aínda que non hai indicios de edificacións romanas nas inmediacións. O campo en que se depositou o tesouro puido ter estado en cultivo durante a primeira fase do período romano, mais a ausencia de moedas do século IV suxire que puido terse convertido en pasteiro ou volver a ser bosque nesa época.[23]

 
Mapa da contorna xeográfica de Hoxne, en Suffolk, coa localización doutros achados anteriores.

O tesouro de Hoxne non foi o único achado de orixe romana producido na zona. Xa en 1781, uns obreiros desenterraran unha caixa de chumbo ao pé do río en Clint Farm, en Eye, a 4,8 quilómetros ao sur de Scole e a 3,2 ao suroeste de Hoxne. Esta caixa contiña unhas 600 moedas romas de ouro datadas nos reinados de Valente e Valentiniano (364-375), Graciano (375-383), Teodosio I (378-395), Arcadio (395-408) e Honorio (393-423). Trátase do maior tesouro de moedas de ouro romanas xamais descuberto na Britania, mais as moedas foron dispersadas entre os séculos XVIII e XIX, e agora xa non se poden identificar nas coleccións particulares en que se atopan.[116] Como consecuencia, non é posible determinar a relación, se é que existe, entre o tesouro de Eye e o de Hoxne, aínda que a proximidade suxire que tal relación pode existir.[117]

Pouco despois da descuberta do tesouro de Hoxne especulouse, con base no nome "Faustinus" gravado nunha das culleres, que podería provir de "Villa Faustini", propiedade que se recolle no Itinerario V do Itinerarium Antonini Augusti. Descoñécese a localización exacta desa Villa Faustini, pero como era a primeira estación despois de Colchester, crese que estaba nalgún lugar da estrada de Pye —a actual A140—, e unha das posibles localizacións para ela é a localidade actual de Scole, a pouco máis de tres quilómetros de Hoxne. No entanto, esta hipótese inicial foi rexeitada, porque "Faustinus" era historicamente un nome moi común e apenas aparece nunha das culleres do tesouro.[118] Ademais, considérase errónea a lóxica de utilizar inscricións dos obxectos individuais do tesouro para determinar a propiedade deste no conxunto.[99] Consonte a datación das moedas do tesouro de Hoxne, a maioría das cales pertencen ao período 394-405,[119] tamén se especulou con que o contido do tesouro pertencese orixinariamente a unha familia militar que acompañou a Flavio Teodosio a Gran Bretaña en 368-369, e que podería ter partido con Constantino III en 407.[99]

Adquisición, exposición e impacto

editar
 
Interpretación en metacrilato da disposición orixinal do tesouro de Hoxne na súa arca orixinal, exposta no Museo Británico.

O tesouro de Hoxne foi adquirido polo British Museum en abril de 1994.[1] Como os fondos dedicados a adquisicións do que dispuña daquela o museo era de 1,4 millóns de libras, para a operación de compra houbo que recorrer á axuda de doadores, entre os que estiveron o National Heritage Memorial Fund, o National Art Collections Fund —actualmente Art Fund— e o J. Paul Getty Trust.[1] As achegas destes e doutros patrocinadores permitíronlle ao museo alcanzar os 1,75 millóns de libras que cumprían para a adquisición.[4]

Os obxectos deste tesouro estiveron expostos de xeito practicamente ininterrompido desde a súa recepción polo Museo Británico. Algunhas das pezas espuxéronse xa no museo en setembro de 1993, en resposta ao alto interese amosado polo público, e unha gran parte do contido do tesouro foi obxecto dunha exposición no Museo de Ipswich en 1994 e 1995. A partir de 1997, os espécimes máis importantes pasaron a compor a exposición permanente do Museo Británico, nunha galería renovada e ampliada dedicada á Britania romana (sala 49), xunto con exemplares doutros tesouros cronoloxicamente próximos, como o de Thetford, e ao pé do tesouro de Mildenhall, que contén grandes recipientes de prata cunha tipoloxía ausente no tesouro de Hoxne.[1]

Ademais, algúns obxectos do tesouro de Hoxne foron incluídos na exposición itinerante Treasure: Finding Our Past, que se presentou en 2003 en cinco localidades de Inglaterra e de Gales. Para esta xira construíuse unha reconstrución en plexiglás do cofre e das caixas interiores que albergaban o tesouro, no que este se depositou, amosando algúns exemplares dos diversos tipos de obxectos no seu interior. Esta reconstrución forma agora parte da exposición permanente no Museo Británico, xunto con outros obxectos expostos dun xeito máis tradicional.[1]

A primeira investigación con carácter exhaustivo sobre o tesouro de Hoxne publicouse no catálogo completo das moedas achadas, composto por Guest en 2005,[120] e a este seguírono os catálogos doutros obxectos elaborados por Catherine Johns en 2010.[121] O tesouro ocupou o terceiro lugar na listaxe de achados arqueolóxicos británicos seleccionados polos expertos do Museo Británico para o documental da BBC de 2003 titulado Our Top Ten Treasures, que incluía imaxes de arquivo do seu descubridor, Eric Lawes,[122] e da "pementeira da emperatriz", obxecto que, pola súa vez, foi elixido como tema 40 na serie de 2010 de BBC Radio 4 titulada A History of the World in 100 Objects.[2]

A descuberta e a escavación do tesouro de Hoxne melloraron a relación entre a arqueoloxía profesional e a comunidade de afeccionados aos detectores de metais. Os arqueólogos felicitáronse de que Lawes informara axiña do seu achado, o que permitiu que se producise unha escavación profesional sobre un tesouro sen alteracións.[8]

A Lei do Tesouro (Treasure Act) de 1996 contribuíu a que se poñan máis tesouros ao dispor dos arqueólogos. A lei modificou o dereito para que a persoa propietaria do terreo e a que atope o tesouro teñan un forte interese no valor do achado.[18] A forma en que se atopou o tesouro de Hoxne, cun detector de metais, así como a ampla publicidade que se lle deu, contribuíron a cambiar o sistema anterior, de dereito consuetudinario, para tratar o asunto dos tesouros dentro dun marco legal que ten en conta a tecnoloxía e que proporciona incentivos para que os cazadores de tesouros informen dos seus achados, e toma en consideración os interese dos museos e dos investigadores e estudosos.[18][123]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Johns, C. (2010). Páxina 4.
  2. 2,0 2,1 2,2 "A History of the World in 100 objects: Hoxne pepper pot". En BBC.co.uk
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Johns, C.; Bland, R. (1994). Páxina 169.
  4. 4,0 4,1 Goodwin, S. (1996). "Plan to extend protection for buried treasure". En The Independent. 9 de marzo.
  5. Birley, A. R. (2005). Páxina 458.
  6. Johns, C.; Bland, R. (1994). Páxina 173.
  7. 7,0 7,1 7,2 Bland, R.; Johns, C. (1993-b-). Páxinas 152-157.
  8. 8,0 8,1 8,2 Johns, C. (2010). Páxina 2.
  9. 9,0 9,1 Johns, C. (1996). Páxina 217.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 "Roman Grey Literature Stage 1 Database". Archaeology Data Service.
  11. "Hammer". The British Museum.
  12. Kennedy, M. (2003). "Golden hoard and silver too at British Museum". En The Garcdian. 15 de novembro.
  13. Johns, C. (2010). Páxina 13.
  14. Johns, C. (2010). Páxina 14.
  15. "Ladle (museum number: 1994,0408.59)". The British Museum.
  16. Goo, S. H. (2002). Páxina 40.
  17. Bland, R.; Johns, C. (1993-a-). Páxina 7.
  18. 18,0 18,1 18,2 Gilcrist, A. (2003). "There's gold in them there hills". En The Guardian. 17 de novembro.
  19. Frend, W. H. C. (1997). Páxina 389.
  20. "Lock (museum number: 1994,0408.154)". The British Museum.
  21. Johns, C. (2010). Páxina 154.
  22. "Home Farm, Hoxne". Archaeology Data Service.
  23. 23,0 23,1 23,2 Johns, C. (2010). Páxina 16.
  24. Johns, C. (1993). Páxina 22.
  25. Johns, C. (2010). Páxinas 162-163.
  26. Johns, C.; Bland, R. (1994). Páxina 170.
  27. 27,0 27,1 Johns, C.; Bland, R. (1994). Páxina 171.
  28. Johns, C. (2010). Páxina 92.
  29. 29,0 29,1 Johns, C. (2010). Páxina 7. / McClanan, A. L (2002). Páxina 60. No momento da escavación coñecíanse imaxes iconográficas similares dunha dama imperial nas pesas de bronce da Antigüidade tardía das balanzas portátiles. Nun principio pensouse que se trataba dunha emperatriz, o que se descartou nos últimos anos. No entanto, o termo "emperatriz" segue a ser de uso común.
  30. Johns, C.; Bland, R. (1994). Páxina 17.
  31. "The Frome hoard has been valued at £320,250". Portable Antiquities Scheme.
  32. Abdy, R. (2002). Páxinas 32-43.
  33. Guest, P. S. W. (2005). Páxina 40.
  34. Guest, P. S. W. (2005). Páxina 124.
  35. Guest, P. S. W. (2005). Páxinas 102, 108.
  36. Guest, P. S. W. (2005). Páxinas 39, 43.
  37. Guest, P. S. W. (2005). Páxinas 93-95.
  38. Guest, P. S. W. (2005). Páxina 39.
  39. 39,0 39,1 Guest, P. S. W. (2005). Páxina 110.
  40. Guest, P. S. W. (2005). Páxina 112.
  41. "Body chain; coin; mount (museum number 1994,0408.1)". The British Museum.
  42. Johns, C. (2010). Páxina 56.
  43. Johns, C. (2010). Páxina 25.
  44. Johns, C. (2010). Páxina 182.
  45. Johns, C. (2010). Páxinas 25-30.
  46. Johns, C. (2010). Páxinas 25-26.
  47. Johns, C. (2010). Páxina 212.
  48. "Breast-chain (museum number: 1916,0704.1)". The British Museum.
  49. Johns, C. (2010). Páxina 165.
  50. Johns, C. (2010). Páxinas 30-32.
  51. Johns, C. (2010). Páxina 34.
  52. "Bracelet (museum number 1994,0408.29)". The British Museum.
  53. Johns, C. (2010). Páxinas 42-53.
  54. Raybould, M. E. (1999). Páxina 140.
  55. Johns, C. (2010). Páxina 57-59.
  56. "Spoon (museum number: 1994,0408.64)". The British Museum.
  57. 57,0 57,1 57,2 Johns, C. (2010). Páxina 61.
  58. 58,0 58,1 58,2 58,3 Cowell, M.; Hook, D. "The analysis of the metal artefacts". En Johns, C. (2010). Páxinas 175-183.
  59. Johns, C. (2010). Páxinas 185-186.
  60. "Pepper-pot (museum number: 1994,0408.33)". The British Museum.
  61. Johns, C. (2010). Páxina 80.
  62. Johns, C. (2010). Páxinas 76-92. Catherine Johns menciona tres pementeiros comparativos con forma de estatua, un de Chaourse, na Galia, outro de Nicolaevo e outro probablemente do Líbano.
  63. 63,0 63,1 Cool, H. E. M. (2006). Páxinas 64-65.
  64. Bowman, A. K.; Thomas, J. D. (1994). Páxina 135.
  65. Crawford, M. H.; Reynolds, J. M. (1977). Páxina 207. / Mango, M. M. (2009). Páxina 280. As probas do comercuio doutros aromatizantes proceden de receitas e de textos legais de época romana. O Edicto dos Prezos Máximos de 301 inclúe os prezos do azafrán, do xenxibre, do cardamomo e da pementa. A comparación con fontes anteriores, como a Historia Natural de Plinio de 77-79 d. C., é problemática por mor da inflación das épocas posteriores.
  66. McFadden, C. (2007). McFadden escribiu sobre o tema da historia da pementa e da cociña.
  67. Tomber, R. (2009). Tomber é unha historiadora que investigou e publicou sobre o comercio de especias durante o período romano.
  68. "Handle; vessel (museum number: 1994,0408.30)". The British Museum.
  69. Johns, C. (2010). Páxinas 61-64.
  70. Johns, C. (2010). Páxinas 64, 186.
  71. Johns, C. (2010). Páxina 62.
  72. "Spoon (museum number: 1994,0408.78)". The British Museum.
  73. "Spoon (museum number: 1994,0408.78)". The British Museum.
  74. Faas, P. (2002). Páxina 74.
  75. Johns, C. (2010). Páxinas 166-173.
  76. Johns, C. (2010). Páxinas 167-171.
  77. Watts, D. (1991). Páxina 155.
  78. Watts, D. (1991). Páxinas 146-147.
  79. Raybould, M. E. (1999). Páxina 139.
  80. Johns, C. (2010). Páxinas 165-173, 263-264.
  81. "Toilet-tool/implement (museum number: 1994,0408.147)". The British Museum.
  82. Johns, C. (2010). Páxina 165-173.
  83. Johns, C. (2010). Páxina 178.
  84. Johns, C. (2010). Páxinas 159-163.
  85. Johns, C. (2010). Páxinas 13-15.
  86. Johns, C. (2010). Páxina 95.
  87. Johns, C. (2010). Páxina 187.
  88. 88,0 88,1 La Niece. "Roman gold- and silverminthing and the Hoxne treasure". En Johns, C. (2010). Páxinas 185-188.
  89. Campbell, J.: John, E.; Wormald, P. (1991). Páxinas 13-16.
  90. Snyder, C. A. (1998). Páxinas 18, 269.
  91. Snyder, C. A. (1998). Páxinas 19-21.
  92. Snyder, C. A. (1998). Páxinas 24-25.
  93. Snyder, C. A. (1998). Páxina 30.
  94. Snyder, C. A. (1998). Páxina 98.
  95. Snyder, C. A. (1998). Páxina 36.
  96. Johns, C. (2010). Páxina 201.
  97. Johns, C. (2010). Páxina 205.
  98. 98,0 98,1 Johns, C. (2010). Páxina 206.
  99. 99,0 99,1 99,2 Warner, P. M. (1996). Páxina 58.
  100. Johns, C. (2010). Páxina 168.
  101. Johns, C. (2010). Páxinas 205, 208.
  102. Guest, P. S. W. (2005). Páxina 31.
  103. "Platter (museum number: 1946,1007.1)". The British Museum.
  104. Painter, K. S.; Kent, J. (1977): "Din que é 'o obxecto máis fermoso que sobreviviu da Britania romana', aínda que fora importado. Quizais fose depositado cara a 360."
  105. Painter, K. S.; Kent, J. (1977). Páxinas 18-19.
  106. Painter, K. S.; Kent, J. (1977). Páxinas 33-39.
  107. Painter, K. S.; Kent, J. (1977). Páxinas 29-33.
  108. Painter, K. S.; Kent, J. (1977). Páxina 130.
  109. Painter, K. S.; Kent, J. (1977). Páxinas 40-41.
  110. Painter, K. S.; Kent, J. (1977). Páxina 44.
  111. Painter, K. S.; Kent, J. (1977). Páxinas 50-52.
  112. Guest, P. S. W. (2005). Páxina 21.
  113. Ritchie, J. N. G.; Ritchie, A. (1981). Páxina 143.
  114. Johns, C. (2010). Páxina 9.
  115. Warner, P. M. (1996). Páxina 38.
  116. Abdy, R. (2002). Páxina 58.
  117. Johns, C.; Bland, R. (1994). Páxina 166.
  118. Warner, P. M. (1996). Páxina 59.
  119. Bland, R.; Johns, C. (1993-b-). Páxina 4.
  120. Guest, P. S. W. (2005).
  121. Johns, C. (2010).
  122. "Top ten treasures announced". BBC News. 2 de xaneiro de 2003.
  123. "The Treasure Act 1996. Code of Practice". Department for Culture, Media and Sport.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar