Terremoto de México de 1985

O terremoto de México de 1985 foi un sismo ocorrido ás 07:17:47 hora local (UTC-6), do xoves 19 de setembro de 1985, que acadou unha magnitude de 8.1 (MW).[1][2] O epicentro localizouse no océano Pacífico mexicano, preto da embocadura do río Balsas na costa do estado de Michoacán, a 15 quilómetros de profundidade baixo a codia terrestre.[3]

Epicentro do terremoto

Características e consecuencias editar

O tremor afectou á zona centro, sur e occidente de México, e en particular ao Distrito Federal, situado a 390 km do epicentro, onde se percibiu ás 07:19 hora local. Foi o máis significativo e mortífero da historia escrita do país e da súa capital, superando en intensidade e danos ao rexistrado en 1957, que ata daquela fora o máis notable na cidade.[2][4] A réplica que se sentiu o día seguinte, na noite do 20 de setembro de 1985, tamén tivo unha forte repercusión na capital ao colapsar estruturas amolentadas o día anterior.

México carecía dunha cultura da protección civil, de protocolos de actuación e de recursos para facer fronte a grandes catástrofes e a inacción e o intento de minimizar as consecuencias por parte do goberno federal encabezado polo entón presidente Miguel de la Madrid[5][6][7] contribuíu a que o estado que se viviu nas 48 horas seguintes ao sismo fora dun caos xeneralizado, paliado pola organización da sociedade da capital ao autoorganizarse no rescate e asistencia das vítimas e damnificados.[5][8][9][10]

O número de mortos, feridos e os danos materiais non se coñecen con precisión ao existiren só estimacións que van desde os 4001[11] ata os 20 000; e os danos calculáronse en 8 mil millóns de dólares, 250 000 persoas sen fogar e 900 000 desprazados.[12][13] As tarefas de rescate prolongáronse ata o mes de outubro, e as de levantamento de cascallos ata dez anos. En 2015 aínda existían campamentos derivados dos sismos.[14]

 
Edificio de apartamentos colapsado tras do terremoto

As consecuencias directas e indirectas do terremoto foron de diversa índole, pero abrangueron un gran número de aspectos tanto da Cidade de México como do propio país. As directas, derivadas do propio movemento telúrico durante os meses posteriores polo alto número de vítimas e feridos, o levantamento de cascallos e os esforzos de toda clase por lograr a —denominada así entón— volta á normalidade[5]; ata as indirectas que resultaron nun cambio da contorna urbana de diversas zonas da cidade como a creación de novos inmobles que substituíron outros e ampliaron os existentes; a creación de novos espazos públicos como parques, prazas e complexos de edificios nos espazos nos que xa existían edificios; unha maior participación política da cidadanía e o nacemento de grupos políticos e organizacións non gobernamentais, o cambio político que levaría á democratización da capital en 1993 coa creación da Asemblea de Representantes do Distrito Federal e a posibilidade de elixir os seus gobernantes en 1997; a modificación da lexislación de edificacións a nivel nacional axustadas á realidade sísmica do país e o nacemento dunha cultura de prevención e protección civil e de resposta ante as grandes emerxencias; así como o desenvolvemento da investigación na prevención e estudo da natureza sísmica mexicana.[5][12][15]

Notas editar

  1. Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos (ed.). "Historic Earthquakes: Michoacán, Mexico; 1985 September 19 13:17:47 UTC; Magnitude 8.0". Arquivado dende o orixinal o 06 de setembro de 2013. Consultado o 23 de febreiro de 2013. 
  2. 2,0 2,1 Instituto de Xeofísica en colaboración co Instituto de Enxeñería da Universidade Nacional Autónoma de México (25 de setembro de 1985). "Informe y evaluación preliminar del sismo del 19 de septiembre de 1985". Arquivado dende o orixinal o 05 de xuño de 2012. Consultado o 8 de xuño de 2012. 
  3. Servicio Xeolóxico dos Estados Unidos (ed.). "Shakemap atlas Magnitude 8.0 Michoacán, Mexico, 1985 September 13:17:47 UTC". Arquivado dende o orixinal o 02 de setembro de 2009. Consultado o 12 de marzo de 2010. 
  4. Panodi (2004). Aporrea.org, ed. "Terremotos más mortíferos en la historia". Consultado o 14 de xuño de 2008. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Monsiváis, Carlos (2005). "No sin nosotros": los días del terremoto 1985-2005. México: Era. ISBN 9684116411. 
  6. Poniatowska, Elena (1988). Nada, nadie. Las voces de temblor. México: Era. ISBN 9684111738. 
  7. Loaeza, Guadalupe, et al. Terremoto: ausentes/presentes. 20 años después México, 2005, Editorial Planeta
  8. El Sistema Nacional de Protección Civil fue creado en 1986 y el Fondo Nacional de Desastres diez años después en 1996.
  9. Patricia Cardona, Humberto Ríos, Amilcar Salazar (29 e 30 de setembro e 1, 2 y 3 de outubro de 1985). "La inexplicable agonía del Centro Médico". Unomásuno. 
  10. Ramírez Cuevas, Jesús (11 de setembro de 2005). "Repercusiones sociales y políticas del temblor de 1985 - Cuando los ciudadanos tomaron la ciudad en sus manos". La Jornada. 
  11. Datos do Rexistro Civil de México "El impreciso recuento de las víctimas del terremoto de 1985 en México", El Mundo, 19 de setembro de 2011
  12. 12,0 12,1 The International Bank for Reconstruction and Development/The World Bank. FONDEN, Mexico’s Natural Disaster Fund – A Review. Washington, 2012.
  13. "Terremoto de México de 1985: consecuencias y características". Características (en castelán). Consultado o 2022-04-30. 
  14. "Habitantes de campamentos del 85 tendrán casa: Mancera". Consultado o 2015-09-13. 
  15. Olivares, Emir. www.jornada.unam.mx, ed. "La Jornada: Parteaguas en protección civil, el terremoto de 1985". Consultado o 13 de setembro de 2015.