A política de terra queimada ou de terra arrasada é unha táctica militar que consiste en destruír absolutamente todo o que poida ser de utilidade ao inimigo cando unha forza avanza a través dun territorio ou se retira del.

Pozos petrolíferos ardendo en Kuwait tras a retirada dos iraquís en 1991 durante a guerra do Golfo.

A orixe histórica do termo terra queimada provén seguramente da práctica de queimar os campos de cereais durante as guerras e conflitos na antigüidade. Con todo, non se limita en absoluto a colleitas ou víveres, senón que inclúe calquera tipo de refuxio, transporte ou posibilidade de subministración ao inimigo.

A táctica da terra queimada é unha acción que vincula os aspectos militares e económicos ou mesmo psicolóxicos dunha estratexia militar. Estas accións destrutivas teñen a vantaxe de que non requiren adiantos tecnolóxicos nin unha especialización particular por parte dos combatentes que a aplican. Cando se emprega en territorio inimigo preténdese destruír a súa vontade de resistir mediante a intimidación, provocando sufrimento ás poboacións locais xa que destrúe as súas propiedades e medios de subsistencia. Se se aplica en territorio propio ao retirarse, o obxectivo é atrasar ou mesmo deter o avance inimigo ao deixarlle sen recursos que aproveitar, ou entorpecendo o seu movemento.

A terra queimada resultou historicamente moi eficaz para faccións que doutra forma non fosen capaces de resistir o avance de exércitos mellor organizados e máis poderosos, aínda que na guerra moderna a súa utilidade é menor, xa que todo continxente armado adoita cargar coas súas propias subministracións en lugar de vivir do terreo, como se facía séculos atrás. Nese contexto, tamén se empregou a política de terra queimada na loita contra movementos guerrilleiros co fin de dificultar aos insurxentes a subministración e a ocultación entre a poboación civil.