Terra de Melide (libro)

obra escrita do Seminario de Estudos Galegos

Terra de Melide, é unha obra colectiva do Seminario de Estudos Galegos que recollía nesta monografía o seu traballo de campo na comarca da Terra de Melide durante o ano 1929. Publicouse o día 7 de xuño do ano 1933 pola editorial Nós, principal editor dos traballos do Seminario de Estudos Galegos. Hoxe en día esta data recórdase e conmemórase co fallo do premio correspondente ó certame literario “Terra de Melide”.

Terra de Melide
Terra de Melide, re-edición do 2017.
Título orixinalTerra de Melide
Autor/aSeminario de Estudos Galegos
Lingualingua galega
Tema(s)Terra de Melide
Xénero(s)Monografía
EditorialEditorial Nós
Data de pub.1933
Formatotapa branda
Páxinas737 páx.
editar datos en Wikidata ]

A primeira referencia ao traballo de campo do Seminario na terra de Melide corresponde ao mes de xuño de 1929. Estas xeiras conxuntas prolongáronse ao longo de tres campañas, amais dalgunhas visitas esporádicas das seccións independentes do SEG. Este carácter colectivo da monografía Terra de Melide fica de manifesto na introdución da obra.

O Seminario de Estudos Galegos seguindo a arela e o programa emprincipiado co estudo da Terra de Deza, ainda en preparación, adicouse no correr do ano 1929 â Terra de Melide nos diferentes aspeitos (Xeografía, Arqueoloxía, Hestoria, Etnografía, Folk-Lore) que eisixe o coñecimento d-unha rexión natural. Foi escolmada a terra melidán pol-o seu recoñecido intrés arqueolóxico i hestórico e pol-a posición central na Galiza, ben que cumprindo un dos fins da nosa institución, todal-as rexións galegas terán de ser estudadas miudamente.[1]

Terra de Melide foi o traballo de maior extensión do SEG con 737 páxinas.

Edicións

editar

A obra colectiva Terra de Melide, publicación do Seminario de Estudos Galegos, foi impresa por Nós na rúa do Vilar de Compostela en xuño de 1933. Este foi un dos primeiros volumes saídos do novo e definitivo enderezo da editorial Nós na rúa do Vilar, logo de deixar a casa das Hortas onde Casal instalou o seu obradoiro ao abandonar A Coruña en 1931. O número final de exemplares publicados do libro foi de tan só 450, tirada moi curta dada a magnitude e o esforzo do traballo levado a cabo. Entre outros, contouse para o mesmo coa colaboración económica do Concello de Melide, que xunto con outras institucións e particulares subvencionaban as diversas actividades do Seminario.

No mes de marzo do ano 1934, case un ano despois de publicado, vendéranse 153 exemplares do libro, a vez que outros 146 tíñaos o Seminario nas súas dependencias do colexio de Fonseca, en Compostela. Restaban pois 151 máis nas mans da editorial “Nós” (exemplares que tempo máis tarde pasarán ó propio Seminario), tal e como testemuña a liquidación que o editor Ánxel Casal lle envía o Seminario.

Unha vez publicado o libro, utilizouse un novo sistema de venda por correo polo que a través dun cupón de subscrición que o Seminario remite os seus socios e que tamén se publica á vez nos principais xornais galegos da época, os interesados nel poderían adquirilo. Descoñécese a cifra final de vendas. Unha vez desaparecido o Seminario de Estudos Galegos, e no inventario feito no ano 1941 dos bens que se lle incautan, aparecen entre eles 178 exemplares do libro.

Hoxe en día existen 3 exemplares do mesmo accesíbeis ao público xeral: o que podemos ver exposto nas vitrinas do museo da Terra de Melide e máis outros dous que están en poder da Biblioteca da Deputación da Coruña (ambos procedentes dunha doazón). A institución herdeira do Seminario, o Instituto Padre Sarmiento, non conserva ningún dos exemplares orixinais polo que é incerto o paradoiro daqueles 178 exemplares que figuraban no inventario antes citado.

Corenta e cinco anos despois da publicación do libro orixinal, no 1978, Ediciós do Castro de Sada (A Coruña) publicou unha edición facsímile, promovida por Isaac Díaz Pardo, “nova e abondosa” como dicía Filgueira Valverde no prólogo do mesmo [2]. En 2017, por iniciativa popular, volveuse reimprimir.

Estrutura

editar

Terra de Melide

editar

Ramón Otero Pedrayo: Sección de Xeografía (pp. 9 – 29)

  • Posición e demarcacións
  • Idea xeral do releve
  • Zona sub-montana
  • Penichán
  • Ribeira e bocarribeira ullán
  • Rexión do sistema do Iso
  • Os pobos
  • Paisaxes xeográficos
  • Os camiños antigos
 

Prehistoria de Melide

editar

Florentino López Cuevillas: Sección de Prehistoria (pp. 33 – 134)

  • Bibliografía
  • As mámoas
  • Os obxetos de cobre e bronce
  • Os tesouros da edade do bronce
  • O catálogo de castros

Notas históricas

editar

Antonio Taboada Roca: Sección de Historia (pp. 137 – 250)

  • A terra de Abeancos
  • A nobleza

Arqueoloxía relixiosa de Melide

editar

Xesús Carro García, Emilio Camps Cazarola e Xosé Ramón Fernández Oxea: Sección de Arqueoloxía e Historia da Arte (pp. 253 – 322)

  • Eirexas románicas
  • Época e arte indetermiñados
  • Eirexas oxivás e barrocas

Estudo etnográfico da Terra de Melide

editar

Vicente Risco: Sección de Etnografía e Folclore (pp. 325 – 425)

  • A cultura material
  • Vida social
  • Arte popular
 
Nubeiros e escoleres, espiritos do aire galegos

Folklore de Melide

editar

Vicente Risco e Amador Rodríguez Martínez: Sección de Etnografía e Folclore (pp. 427 – 425)

  • Creencias e práiticas relixiosas
  • Mitoloxía popular, leendas e feitizos
  • Cencia popular
  • Literatura popular

Folk-Lore musical de Melide

editar

Eduardo Martínez Torner e Xesús Bal e Gay: Sección de Etnografía e Folclore[3] (pp. 539 – 566)

  • Romances
  • Aguinaldos
  • Alalás
  • Berces
  • Cantigas
  • Bailes
  • Formuliñas máxicas ou conxuros infantís
 
Señor Antón de Ulloa, sabio

Lembranza biográfica de D. Mateo Segade Bugueiro

editar

Armando Cotarelo Valledor: Sección de Historia (pp. 569 – 693)

  • Familia de Segade Bugueiro
  • Primeiros anos de don Mateo
  • Don Matero catedrático e coengo
  • Segade Bugueiro arcebispo de México
  • Goberno da sede mexicana
  • Derradeiros autos de Segade en México
  • Volta de Segade a Hespaña
  • Segade Bugueiro arcebispo-bispo de Cartaxena
  • Fundación da Obra Pía de Melide
  • Vicisitudes da fundación

O tomo complétase cun índice de lugares, outro de persoas e un índice xeral.

  1. Iglesias, Xabier (17/5/2014). "TERRA DE MELIDE". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com. 
  2. "Un roteiro segue os pasos do Seminario de Estudos Galegos na Terra de Melide no centenario da creación da entidade". praza.gal. Consultado o 18-10-2024. .
  3. Medeiros, Antonio (2005). "Evocações: Um polígrafo galeguista, a etnografia e a presença da morte na Galiza contemporânea" (PDF). Adra (Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego) (0): [cómpre nº de páxina]. ISSN 1886-2292. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar