Terceiro Estado
O Terceiro Estado é un dos tres estamentos básicos da sociedade propia do Feudalismo e o Antigo Réxime. Componse da poboación carente dos privilexios que gozaban o Clero e a Nobreza, xa que logo pode ser tamén considerado equivalente ao grupo de non privilexiados ou de peiteiros (os que, particularmente en Castela, están suxeitos ao pago de impostos). Tamén pode denominarse como pobo, plebe (por similitude á división da sociedade romana en patricios e plebeos), ou común.
Composición
editarOs sectores que compoñen o Terceiro estado son dous:
- os labregos: a inmensa maioría da poboación, sometido comunmente a servidume ou ao réxime señorial
- a burguesía: os habitantes das cidade é, teoricamente libres, da que formaban parte:
- artesáns de cada oficio, organizados en gremios ou confrarías
- comerciantes, que tamén se organizaban de forma similar en guildas ou Hansas que organizaban varias cidades, e reuníanse periodicamente en feiras
- a plebe urbana ou xente pobre da cidade
Atendendo ao seu nivel económico pode haber grandes diferenzas de riqueza entre os membros do terceiro estado, tanto no campesiñado (entre os ricos labregos que poden ser propietarios ou máis comunmente arrendatarios de grandes explotacións, caseiros, e os xornaleiros que non posúen nin sequera os seus propios apeiros de labranza) como na burguesía, que adoita subdividirse en alta burguesía e baixa burguesía (ou popolo grosso e popolo minuto nas cidades italianas). Os membros máis ricos do terceiro estado son moito máis poderosos economicamente que a baixa nobreza (os fidalgos en Castela) ou o baixo clero, pero non posúen un poder político nin prestixio social equivalente.
Representación
editarOs parlamentos, estados xerais ou cortes de distintos países europeos na Baixa Idade Media mantiveron a representación política do terceiro estado. A pesar de ser o sector maioritario carecían de dereitos e estaban supeditados ás decisións do monarca e do resto de estamentos. A relación entre terceiro estado e monarquías autoritarias que se forman a partir da crise feudal foi obxecto de debate historiográfico, no sentido de se se apoiaron mutuamente ou a monarquía operou máis ben como superestrutura dos intereses privilexiados.Perry Anderson O estado absoluto
Nos reinos cristiáns da Península Ibérica, a representación política do Terceiro Estado nas Cortes limitábase ás cidades con voto en Cortes (dezasete nas Cortes de Castela e León), e dentro delas ao patriciado urbano que as controlaba, en moitas ocasións membros da nobreza ou burgueses ennobrecidos. A función principal era a concesión e repartición dos impostos, dado que as cidades libres son o principal compoñente do reguengo (terras suxeitas á xurisdición do rei , sendo o resto señorío laico ou eclesiástico), comportándose as cidades como un señorío colectivo sobre o territorio que dependía delas (terra ou alfoz). Os estamentos privilexiados deixaron de ser convocados a cortes, que na Idade Moderna quedaron reducidas tan só aos procuradores das cidades. Nos reinos da Coroa de Aragón, en que a monarquía estaba sometida a un réxime pactista, as cortes tiñan moitas máis atribucións e poder efectivo, ata a súa supresión no século XVIII. As escasas convocatorias que se producen neste século serán conxuntas. As Cortes de Cádiz de 1812 responden xa a unha dinámica revolucionaria que abre a Idade Contemporánea.
O Terceiro Estado e a Revolución
editarSegundo Sieyès, no seu panfleto previo á Revolución Francesa ('Qu'est-ce que le tiers état? 1789) a burguesía ou terceiro estado é o corpo vivo da nación co que, ao definir a soberanía nacional se sobreentende que esta debe exercerse sen complexos pola burguesía (revolución burguesa).
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar