Teobaldo II de Champaña
Teobaldo IV de Blois e II de Champaña, tamén coñecido como Teobaldo o Grande, (en francés Thibaut de Blois et Champagne ou Thibaut IV (II) le Grand,[1] nado c. 1090/1095, finado o 10 de xaneiro de 1152, foi conde de Blois, Chartres, Meaux, vizconde de Châteaudun, señor de Sancerre (1102-1151), conde de Troyes e Champaña (1125-1151).
Nome orixinal | (fr) Thibaut IV le Grand |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1093 Blois, Francia |
Morte | 10 de xaneiro de 1152 (58/59 anos) Blois, Francia |
Lugar de sepultura | Lagny Abbey (en) |
Actividade | |
Ocupación | aristócrata |
Outro | |
Título | Conde |
Familia | Casa de Blois |
Cónxuxe | Matilda da Caríntia (1123 (Gregoriano)–) |
Fillos | Margaret de Champagne, Inês de Blois, Henrique I de Champaña, Maria de Champanhe, Isabelle de Champagne, Teobaldo V el Bueno, Guillaume aux Blanches Mains, Adela de Champaña, Matilda de Champagne, Estêvão I de Sancerre |
Pais | Estevo II de Blois e Adela de Normandía |
Irmáns | Matilde de Blois Leonor de Blois Agnès de Blois Adela de Blois Estevo I de Inglaterra Henrique de Blois Guillerme de Sully Odo de Blois |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Traxectoria
editarEra o fillo máis novo de Estevo (m. 1102), conde de Blois, Chartres, Châteaudun, Meaux, señor de Sancerre, e de Adela de Blois (m. 1137), filla de Guillerme o Conquistador. O seu irmán máis vello, Guillerme, (chamado Guillerme de Sully e Blois) foi probabelmente desherdado por problemas mentais: tatexo e posíbel loucura, e Teobaldo converteuse no herdeiro dos estados de Blois sendo menor de idade.[2] En 1102 herdou os dominios de seu pai, que morreu na batalla de Ramah en Terra Santa. En 1125, o seu tío Hugo I de Champaña converteuse en cabaleiro templario e legoulle o condado de Troyes máis o título de conde de Champaña que este último se atribuíra, malia non ser propietario de toda a provincia.
A súa nai Adela de Normandía estará á fronte da rexencia asistida polo vizconde de Chartres, Hugo de Puiset, que aproveitará esta posición de privilexio para ampliar os seus dominios persoais. Para congratularse con Filipe I de Francia, Hugo encarcerou ao bispo Yves de Chartres, quen denunciara o matrimonio do monarca con Berta de Monfort, pero Adela de Normandía acabará con esta situación tras a coroación de Lois VI de Francia "o Gordo" e o encarceramento de Hugo de Puiset no castelo de Landon. Adela controlou plenamente a xestión do principado desde 1101 ata 1107, cando seu fillo foi armado cabaleiro.[2] Despois administraron xuntos o condado ata 1120, cando se retirou á abadía de Marcigny.[2]
A medida que creceu e herdou o condado de Blois, chegou ao seu apoxeo. Teobaldo tiña baixo o seu cetro os estados de Blois e parte de Champaña, o que representaba un grave perigo para a coroa de Francia. Os seus dominios rodeaban ós dos Capetos polo oeste e o leste, sendo tal a súa importancia que se converteu na segunda persoa, despois do rei, en importancia no reino, feito que lle permitiría ser aliado ou inimigo cando lle conviña tanto de Lois VI de Francia como de Lois VII.
Inicialmente (1107), Teobaldo uniuse a unha revolta contra Lois, fillo do rei Filipe I de Francia,[2] e declarou a guerra ao rei Lois VI de Francia nunha serie de batallas na rexión de Île-de-France. O rei intentou manter baixo o seu cetro os señores feudais, incluído o vizconde de Chartres, Hugo de Puiset, que acababa de saír da prisión. Teobaldo tivo que acudir en auxilio de Guido de Rochefort pero foi derrotado polas tropas de Ls VI de Francia en 1107, preto do castelo de Gourmay-sur-Marne, onde construiría unha fortaleza. Lois VI de Francia invadiu o Dunois, tomando Bonneval e destruíndo todo menos as igrexas; esta fortaleza feita por Teobaldo faríalle reconsiderar a situación e decidir converterse en aliado do monarca. Teobaldo de Blois intentou derrotar a Hugo de Puiset pero, ao non facelo, volveu cambiar de bando, converténdose en aliado de Hugo de Puiset e declarando de novo a guerra a Lois VI de Francia. As tropas reais vencéronos a ambos no castelo de Puiset, destruíndoo todo; Hugo finalmente marchou a Terra Santa onde había morrer, mentres Teobaldo, malferido, retirouse ás súas terras de Chartres.
En 1108, o seu tío confioulle algunhas das terras e castelos confiscados no Bellême (especialmente Alençon e Sées[3] no Orne). Despois descambiounas co seu irmán polas terras que herdara no condado de Blois[3].
En 1111, despois de que Lois se convertese en Lois VI de Francia, as súas relacións cos Capetos deterioráronse aínda máis e provocaron un conflito armado latente. En 1113, Teobaldo formou unha coalición co seu tío, o rei de Inglaterra e duque de Normandía, Henrique I, e xuntos derrotaron un exército de capetos e anxevinos[4].
Teobaldo volvería á vida pública en 1115 cando o rei estaba en guerra con Tomé de Marle. Teobaldo fixo prisioneiro ao conde de Nevers, aliado de Lois VI de Francia e loitou contra el en Normandía en apoio do seu tío Henrique I de Inglaterra e duque de Normandía, resultando ferido preto de Alençon.
Durante os anos de 1116 - 1119, Estevo de Blois, conde de Mortain axudouno, especialmente comandando o exército normando e de Blois en Brie, temendo que o rei de Francia Lois VI se apoderase dela durante unha ausencia de Teobaldo[5].
Estevo tamén acudiu na súa axuda a principios de novembro de 1118, cando foi capturado en batalla pola gornición do castelo de L'Aigle[6]. Ao mesmo tempo, os cidadáns da cidade fronteiriza de Alençon, exasperados pola brutalidade do trato que lles daba Estevo e a súa gornición, rebeláronse e pediron axuda ao conde Fulque V de Anjou[7]. Este tomou a cidade e cercou a fortaleza. Teobaldo e o seu irmán Estevo, que segundo o monxe cronista Orderico Vitalis estaban "cobizosos de gloria", adiantaron as hostes de Henrique I e marcharon a liberar a cidade cos seus propios homes[8]. Foron derrotados nunha batalla que tivo lugar fóra da cidade, e Henrique I viuse obrigado a se retirar[8].
En 1125 morreu o seu tío Hugo I de Champaña sen herdeiros, e legoulle o condado de Champaña. A herdanza recibida fixo que as súas posesións se estenderan desde o Marne ata o Loira rodeando de novo as zonas reais; Teobaldo adicaríase, a partir de 1132, ao goberno dos seus estados.
Á morte sen descendentes masculinos lexítimos do seu tío Henrique I de Inglaterra a finais de 1135, os baróns do Ducado de Normandía propuxéronlle facer del o seu soberano feudal.[9] A finais de decembro de 1135, en Lisieux, mentres discutía o asunto con Roberto, conde de Gloucester e fillo ilexítimo de Henrique I, recibiu a noticia de que o seu irmán segundo Estevo de Blois, conde de Mortain, acababa de ser coroado rei de Inglaterra.[9] Teobaldo apoiouno. En 1137, mentres visitaba Normandía, Estevo, agora Estevo de Inglaterra, concedeulle unha pensión de 2000 libras ao ano en compensación por calquera reclamación ao trono de Inglaterra que puidese ter[7]. Ante a morte inminente de Lois VI de Francia, este pediulle que protexese ao seu fillo e futuro rei Lois VII de Francia. Lois VI morreu en agosto de 1137 e o seu fillo, o xa rei Lois VII, casou con Leonor de Aquitania. A súa irmá Petronila seduciría ao senescal Raúl de Vermandois, que ata entón estaba casado cunha sobriña de Teobaldo, o que supuxo para o xove rei unha delicada situación política ante o poder de Teobaldo.
Lois VII de Francia decidiu aliarse con Odón, que era fillo de Hugo I de Champaña e que fora desherdado por este en detrimento de Teobaldo, para atacar o conde de Blois. En 1143 as tropas reais capturaron e arrasaron Vitry. Este tráxico suceso marcaría toda a vida do monarca. Bernaldo de Clairvaux sería o encargado de buscar un acordo entre o rei e Teobaldo, alcanzado en xuño de 1144 cando o rei aceptou case todo o que lle pedía Teobaldo. A relativa calma romperíase en 1149, cando aparece en escena o mozo Henrique "Plantagenet", da familia Anjou, que reclamaba a zona de Fréteval e algún outro lugar. Teobaldo finalmente accedeu ás reivindicacións e morreu o 10 de xaneiro de 1152.
Polo seu ascendente e habilidade, estendeu o pequeno condado de Troyes a toda a Champaña, impoñendo a súa soberanía feudal a cinco vasalos do arcebispo de Reims, o bispo de Langres e varios feudos de Borgoña (especialmente Joigny). Tamén fixo de Troyes a capital dos seus estados e foi un dos principais vasalos da coroa francesa.
Á súa morte en xaneiro de 1152[10][11] escolleu ser enterrado na fronteira noroeste das súas posesións de Champaña, en Brie, na abadía de Saint-Pierre de Lagny-sur-Marne, fronte ao dominio real, no camiño das Feiras de Champaña.[12]
Matrimonio e descendencia
editarEra fillo de Estevo II de Blois e de Adela de Normandía. Da súa muller Matilde de Carintia (filla do duque do mesmo título chamado Enxelberto), con quen casou en 1123, tivo 11 fillos:
- Henrique o Liberal (1126 -1181), conde de Champaña e Brie.
- Teobaldo V (c. 1130-1191), conde de Blois e Chartres e condestable de Francia.
- María (1128 - arredor de 1190), esposa de Odón II de Borgoña (falecido 1162), duque de Borgoña; dende 1165 monxa.
- Isabel, esposa do duque Roxerio III de Puglia (morta en 1148), despois de Guillerme Goet IV de Montmirail, barón de Perche-Gouet (m. c. 1170).
- Estevo (morto en Acre en 1191), conde de Sancerre.
- Guillerme das Brancas Mans, bispo de Chartres (1164-1176) arcebispo de Sens (1169-1176) e arcebispo de Reims (1176-1202), cardeal e legado papal; morreu o 7 de setembro de 1202.
- Hugo de Blois, cabaleiro da Orde do Templo, nomeado abade de Citeaux en 1155.
- Matilde (morta cara a 1184), casada antes de 1160 con Rotrou IV de Perche (morta en 1191), conde de Perche e señor de Nogent-le-Rotrou e Mortagne no Perche.
- Inés (morta en 1207), señora de Ligny, muller de Rexinaldo ou Renato II, conde de Bar; morreu o 7 de agosto de 1207.
- Adela ou Alix (c. 1140 - 1206 ), esposa de Lois VII de Francia, rei de Francia e nai de Filipe Augusto; morreu en Paros o 4 de xuño de 1206.
- Margarida, monxa en Fontevraud.
Tamén tivo polo menos un fillo bastardo: Hugo, monxe de Tiron, abade de San Bieito, de Holme (1146-1150), de Chersey (1149-1163) e de San Pedro de Lagny-sur-Marne (1163-1171)[13].
Notas
editar- ↑ "Xenealoxía". fmg.ac (en francés). Consultado o 6 de decembro de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Huneycutt 2004.
- ↑ 3,0 3,1 . Robert Helmerichs, «Ad tutandos patriae fines»: The Defense of Normandy, 1135 », The Normans and their adversaries at war, publicado por Boydell & Brewer, 2001, p. 142.
- ↑ Lois L. Huneycutt, «Adela, countess of Blois (c. 1067 -1137),» Oxford Dictionary of National Biography, Oxford University Press, 2004.
- ↑ Elisabeth M. C. Van Houts, The Normans in Europa, publicado por Manchester University Press, 2000, p. 201.
- ↑ Judith A. Green Henry I: King of England and Duke of Normandy, Cambridge University Press, 2006, p. 144.
- ↑ 7,0 7,1 Edmund King, «Stephen (c. 1092 -1154)» Oxford Dictionary of National Biography, Oxford University Press, Set 2004; online edn, Oct. 2006.
- ↑ 8,0 8,1 Ricard Barton, «Writing Warfare, Lordship and History: the Gesta Consulum Andegavorum, Account of the Battle of Alençon», Anglo-Norman Studies XXVII: Proceedings of the Battle Conference 2004, editat per John Gillingham, publicado por Boydell Press, 2005, p. 32-50.
- ↑ 9,0 9,1 Crouch, 2004 [2006]
- ↑ Chartrou-Charbonnel 1928, p. 89
- ↑ Bur 1977, p. 281
- ↑ Michel Bur 1977, p. 306.
- ↑ Michel Bur 1977, p. 473
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Teobaldo II de Champaña |
Bibliografía
editar- Bur, Michel (1977). La formation du comté de Champagne (v.950 - v. 1150) (en francés). Nancy: Université de Nancy II.
- Chartrou-Charbonnel, Josèphe (1928). L'Anjou de 1109 à 1151: Foulque de Jérusalem et Geoffroi Plantegenêt (en francés). París: Les Presses universitaires de France.
- Crouch, David (2004 [on line, 2006]). "Robert, first earl of Gloucester". Oxford Dictionary of National Biography (en inglés). Oxford: Oxford University Press.
- Green, Judith A. (2006). Henry I: King of England and Duke of Normandy (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press.
- Huneycutt, Lois L. (2004). "Adela, countess of Blois (c.1067–1137)". Oxford Dictionary of National Biography (en inglés). Oxford: Oxford University Press.