Vaca

especie de mamífero
(Redirección desde «Tenreira»)

A vaca (Bos taurus) é un animal doméstico orixinario de Europa. Utilízase para a produción de leite, carne e coiro e tamén é animal de traballo, dependendo da raza e o grao de tecnificación do lugar. As femias coñécense como vacas e os machos como bois ou touros. As crías denomínanse puchos, cuchos, cuxos, xatos, becerros ou tenreiros, e desde o ano de idade ata que paren, almallas, novelas, xovencas ou xuvencas. Existen os adxectivos vacún/vacúa e bovino.

Vaca (femia) - Touro (macho)
Bos primigenius

Vaca rubia galega
Estado de conservación
Domesticado
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Artiodactyla
Familia: Bovidae
Subfamilia: Bovinae
Xénero: Bos
Especie: B. primigenius
Subespecie: B. p. taurus
B. p. indicus

Nome binomial
Bos primigenius
Bojanus, 1827[1]
Nome trinomial
Bos primigenius taurus,
Bos primigenius indicus
Distribución dos bovinos
Distribución dos bovinos

Distribución dos bovinos
Sinonimia
  • Bos taurus Linnaeus, 1758
  • Bos indicus Linnaeus, 1758

Segundo a FAO, no ano 2005 existían no planeta 1.272 millóns de vacas, incluíndo nesta cifra a cebús e iacs. En 2009 a cifra ascendía a 1.382.241.378. Delas corresponderían 270.675.336 a África, 509.551.701 a América, 439.175.098 a Asia, 38.616.809 a Oceanía e 124.222.434 a Europa. Destas, 6.020.200, están en España, que ocupa o sétimo lugar do continente e o sexto da Unión Europea por número de cabezas de gando bovino.[2]

Étimo

editar

A orixe etimolóxica da palabra vaca non está clara e as hipóteses difiren moito segundo os autores. Para Roque Barcia Martí, vaca vén da voz sánscrita vapati, que significa muxir, e que no sánscrito clásico pasaría a vapati, xa co significado actual.[Cómpre referencia] A voz latina uacca proviría desa raíz sánscrita, co mesmo significado tamén. Outra hipótese supón para a voz latina unha orixe na onomatopeica bacca, que daría lugar tamén a bos, dando orixe ó seu heterónimo actual, boi. Para outros a voz latina tería a súa raíz na voz hebrea vaca ou bacar, un substantivo epiceno que significa o mesmo boi que vaca.

Bioloxía

editar

Taxonomía

editar
 
Debuxo dun uro, Bos primigenius.

Parece probable que a vaca europea proceda da vaca salvaxe Bovidae primigenius (Bos primigenius) domesticada hai uns 8.500 anos no sueste de Europa. Era pouco común criar gado para alimentación. Comíanse apenas se morresen ou non fosen máis útiles para carga ou para fornecer leite. Ao contrario da cabra, tamén servía como animal de carga, mais precisaba de pastos maiores.

Carl von Linné identificou tres especies distintas: Bos taurus, ou gando europeo, que inclúe tipos semellantes de África e Asia; Bos indicus, ou cebú, de orixe asiática; e o Bos primigenius ou uros. Máis recentemente, estas especies agrupáronse nunha única, Bos primigenius taurus, Bos primigenius indicus e Bos primigenius primigenius. Existen numerosos híbridos e mesmo razas híbridas, cos que se tenta combinar a produtividade do gado taurino coa rusticidade e adaptabilidade a medios tropicais do gado cebú.

Anatomía

editar
 
Estómago composto da vaca.
Artigo principal: Ruminante.

O boi e a vaca son un mamífero ungulado, herbívoro e ruminante que vive entre 14 e 16 anos.

Aparello dixestivo

editar
 
Vaca pastando.

O aparello dixestivo da vaca permítelle dixerir alimentos ricos en fibra, que noutros sistemas dixestivos non serían aproveitábeis, regurxitándoos e mascándoos de novo. A forza e rixidez das plantas débese á fibra, que é o compoñente principal dos talos das gramíneas e outras; os azucres complexos (celulosa e hemicelulosa) atópanse pechados nas paredes das células e son inaccesíbeis para a maioría dos animais. Tras unha segunda mastigación, o alimento pode ser dixerido por bacterias, protozoos e microbios que habitan no rume, que xeran os ácidos graxos volátiles que supoñen a fonte de enerxía metabólica primaria das vacas. Os microbios que habitan no interior do rume sintetizan tamén aminoácidos de compostos de nitróxeno non proteínico como a urea. O baixo contido enerxético da súa dieta fai que teñan que pasar gran parte do día alimentándose.

As vacas contan cun estómago composto por catro cavidades, o rume, o retículo, o omaso e o abomaso. O retículo é o de menor tamaño e o rume o maior. O contido do retículo mestúrase co do rume case continuamente e comparten unha poboación densa de microorganismos. O rume é un vaso de fermentación no que as partículas de fibra permanecen entre 20 e 48 horas. O retículo separa as partículas que teñen un tamaño pequeno (<1–2 mm) ou son densas (>1,2 g/ml), que son as que poden pasar á terceira cavidade. A función principal do abomaso é a de aproveitar auga e minerais como o sodio e o fósforo, que poden retornar ao rume a través da saliva. O abomaso segrega ácidos fortes e moitos enzimas dixestivos.

Aparello reprodutor

editar
Masculino Feminino
Os testículos dos máis novos están localizados inicialmente en posición abdominal antes de migrar cara ao saco escrotal; ambos os dous testículos pesan xeralmente uns 800 g e están recubertos por unha membrana fibrosa inelástica, a albuxínea, unida ao músculo cremáster que pode retraer ou facer variar a súa altura. Ao testículo úneselle o epidídimo, constituído polos canais aferentes. A súa cabeza está aplicada sobre o testículo e comunica con el por varios condutos, e a súa cola, máis fina, desemboca no conduto deferente. No epidídimio é onde os espermatozoides terminan a súa maduración. O conduto deferente conéctase á uretra no mesmo lugar que as vesículas seminais, unhas glándulas lobuladas que miden entre 8 e 15 cm de lonxitude, de 3 a 5 cm de ancho e 1–2 cm de espesor. Forman, xunto coa próstata e as glándulas bulbouretrais, as glándulas anexas, que secretan diversos compoñentes do esperma. A próstata do boi é de pequeno tamaño e dispersa en torno á uretra. As glándulas bulbouretrais, do tamaño dunha castaña, están localizadas na porción posterior da uretra. O pene mide entre os 80 e os 110 cm de lonxitude; está composto de tecidos non moi eréctiles, mais que se compensa coa súa dobre inflexión en forma de S, coñecida como flexura sigmoide ou «S» peniana, que é capaz de despregarse e permitir o alongamento do órgano fóra da vaíña no momento do apareamento. A vaíña, dunha lonxitude de 35 a 40 cm e un diámetro de 3 cm, sitúase a poucos centímetros por detrás do embigo.[3][4] Os dous ovarios da vaca están situados a media altura do corpo do ilio, a 40 cm da vulva; son de pequeno tamaño, cun peso de 10-20 g e forma de améndoa. Os ovarios están no interior das bolsas ováricas que se abren aos ovidutos; nos ovidutos é onde se leva a cabo a fecundación e as primeiras fases de desenvolvemento do embrión. O oviduto componse por un infundíbulo aberto sobre a bolsa ovárica, a ampola, e dun istmo estreito que desemboca no corno uterino. O útero, o órgano da xestación, está dividido en dous cornos uterinos de 35 a 40 cm de lonxitude lixeiramente circunvolucionados. O cérvix uterino mide uns dez centímetros; os pregos no cérvix danlle unha forma similar a unha flor aberta cando é observado de fronte. A vaxina é relativamente longa, cuns 30 cm de lonxitude e 5–6 cm de diámetro; detense á altura do meato urinario e os vestixios do hime.[4][5]
 
1. Recto 2. Próstata 3. Glándulas bulbouretrais 4. Músculo isquiocavernoso 5. Músculo bulbocavernoso 6. Cremáster 7. Epidídimo 8. Testículo 9. Vesícula seminal 10. Conduto deferente 11. Vexiga 12. Rume 13. Flexura sigmoide 14. Pene 15. Glande 16. Escroto.
 
1. Recto 2. Vulva 3. Clítoris 4. Vaxina 5. Pelve 6. músculos 7. Teto 8. Cérvix uterino 9. Vexiga 10. Bolsa ovárica 11. Ovario 12. Corno uterino 13. Ovidutos 14. Ubre
Reprodución
editar

O período de xestación da vaca é de nove meses. Normalmente ten unha soa cría, que pesa entre 40 e 50 kg, aínda que en ocasións pode ter dous becerros nun só parto.

Nunha explotación industrial do gando bovino é máis corrente usar a inseminación artificial que a natural. Este método permite mellorar o control sobre o proceso e facer melloras xenéticas. A técnica de transferencia de embrións é moi pouco común, pero espérase que se estenda no futuro.

Glándulas mamarias

editar
 
Ubre de vaca.

O ubre dunha vaca contén catro glándulas cuxo tamaño e peso varían coa idade da vaca e co seu estado de lactación. Ademais, no 40% das vacas pódese atopar un ou máis tetos adicionais, con ou sen tecido glandular asociado. O ubre dunha vaca moi produtora pode chegar a dar 17,1 kg de leite ó día. O tamaña do ubre pode sufrir variacións de ata 1/3 do seu volume no período que vai dende unha muxida ata a seguinte. Esta variación depende da calidade do ubre e da cantidade de leite segregado[6].

Dende o nacemento ata a súa puberdade, as glándulas mamarias das xatas pasan por diferentes fases de desenvolvemento. O ubre aumenta de tamaño, adquirindo unha forma definida, debido en parte á acumulación de graxa. A iniciación dos ciclos estrais supón unha estimulación maior para o crecemento. Coa primeira preñez complétanse os ductos, os tecidos secretores e o leito vascular[6].

Xenoma

editar

O xenoma do Bos taurus está organizado en 29 pares de autosomas e dous cromosomas sexuais, conta con máis de 27 000 xenes (dos que boa parte están presentes no ser humano e a meirande parte correspóndense con grandes fragmentos de cromosomas humanos, e en ocasións con cromosomas enteiros) e uns tres mil millóns de pares básicos, un tamaño similar ao do xenoma humano.[7][8][9][10] A secuenciación do xenoma da especie foi publicado no ano 2009 na revista Science no ámbito do «Proxecto internacional de secuenciación do xenoma bovino» levado a cabo por diferentes centros de investigación estadounidenses e que contou con fondos principalmente norteamericanos, aínda que tamén participaron outros países como Australia, Nova Zelandia ou Noruega, e que requiriu seis anos de traballo e a participación de máis de 300 científicos de 25 países. Os traballos foron realizados sobre o caso dunha vaca da raza Hereford.[8][11]

Os coñecementos adquiridos a través desta secuenciación poden ter importantes implicacións na gandaría bovina, tanto no sector cárnico como no leiteiro, e tamén no que se refire á reprodución ou á adaptación das especies ás técnicas gandeiras ou no seu impacto medioambiental.[8] Este estudo tamén é relevante pola importancia destes bóvidos domésticos como organismo modelo en investigacións sobre a obesidade, enfermidades infecciosas, endocrinoloxía, fisioloxía e técnicas reprodutivas.[7]

Parasitoloxía

editar

As vacas poden transmitirlle ao ser humano a tenia da especie Taenia saginata cando este come carne de vaca pouco cocida que conteña os cisticercos (larvas) da tenia, que á súa vez a vaca adquiriu ao comer herba contaminada con ovos do verme procedentes de feces humanas.[12] Unha vez inxeridos os ovos pola vaca, os cisticercos da tenia enquístanse principalmente na musculatura, sobre todo nos músculos maseter, corazón, lingua, músculos das costas, diafragma e intercostais, e en menor medida no esófago, a graxa do fígado, pulmóns, ganglios linfáticos e tecido celular subcutáneo, orixinando a cisticercose bovina, que moitas veces é asintomática[13]. Segundo a normativa comunitaria e española a inspección sanitaria da carne debe realizarse examinando a lingua, esófago, corazón, diafragma, maseter e superficies da canal.[14]

Aproveitamento

editar
Artigo principal: Leite.

O leite é un líquido branco secretado polas glándulas mamarias dos mamíferos durante o período de lactación. Componse de auga, proteínas, graxas, lactosa, vitaminas e minerais. O leite de vaca ten un alto contido en proteínas. A lactosa, o azucre contido no leite, é un disacárido que, para ser absorbido, debe ser roto polo enzima lactase nas súas unidades compoñentes, a glucosa e a galactosa. O baixo nivel de lactase nalgunhas persoas provoca intolerancia á lactosa[15].

As primeiras noticias da preparación de leite en po foron referidas por Marco Polo no século XIII:

Os tártaros (...) fan uso do leite que extraen das súas eguas: férvena, separan a crema da superficie para colocala nun recipiente separado co que preparan manteiga. Logo expoñen o leite ó sol ata secalo por completo. Cando o van utilizar, colocan unha porción nunha botella con auga. Ó cabalgaren, o mesmo movemento axita violentamente os contidos e fórmase unha potaxe coa que se alimentan.
Marco Polo, As viaxes de Marco Polo, século XIII

A carne de vaca ten aproximadamente un 75% de auga, un 20% de proteínas e un 5% de graxas, carbohidratos e minerais. O músculo contén no seu interior grupos de fibras microscópicas formadas polas proteínas actina e miosina, e as que compoñen o tecido conectivo, máis abundantes canto máis sometido a exercicio está o animal, e responsables da dureza da carne. O castrado dos bois criados para carne busca, precisamente, que o animal sexa menos activo e teña unha carne máis mol. Igualmente a crianza dos bois de Kobe, que reciben masaxes ó longo do lombo, ten por obxectivo manter ó animal relaxado e evitar a tensión muscular[15].

En 1996 a carne de Ternera Gallega pasou a ser recoñecida pola Unión Europea como Indicación Xeográfica Protexida. Os tenreiros, de raza rubia galega ou morena galega, son sacrificados con menos de 10 meses. A súa carne é característica pola súa cor rosa claro ou vermello suave, infiltración graxa de cor branca, aspecto magro, textura suave e agradable sabor.

Traballo

editar
 
Carreta de bois en Chile.

As vacas e mais particularmente os bois machos castrados, foron usados como animais de tiro tanto en tarefas de labranza como para transporte.

Vacinas

editar

En orixe as vacinas eran substancias elaboradas a partir do soro das vexigas que certas doenzas lles producían ás vacas.

A orixe da protección contra a varíola é moi antiga. Téñense empregado diversos métodos, dende a inhalación de pus desecado ata a relativamente moderna vacina de Jenner. En 1796 Edward Jenner observou que os muxidores de vacas que contraían unha enfermidade coñecida como vaccinia desenvolvían unha lesión e quedaban inmunizados contra esa doenza. Jenner tomou material da lesión dun enfermo e inoculoullo a unha persoa sa, que quedou inmunizado tamén. Naceu así a vacinación, que hoxe se describe como estimulación inmunolóxica para producir unha resposta inmune primaria. Grazas ás investigacións de Jenner erradicouse a varíola en 1977, sendo un mozo somalí o último contaxiado rexistrado[16].

En 1803 a Real Expedición Filantrópica da Vacina, dirixida por Francisco Xavier Balmis, con 22 nenos do Colexio dos Expósitos da Coruña e a súa coidadora, Isabel López Sandalla, partiu do porto coruñés con destino a Puerto de Veracruz, México. O seu propósito era estender a vacinación nas colonias españolas e mitigar os estragos que a varíola estaba provocando. A expedición foi sufragada por Carlos IV e recorreu Hispanoamérica, Filipinas, Cantón e Macau. Os nenos transportaron a vacina, que cada semana lles era inxectada a dous deles nos brazos, das pústulas dos inoculados a semana anterior. A expedición regresou a España en setembro de 1806[17].

A vaca (e o boi) na arte e na cultura

editar

Prehistoria

editar
 
Pinturas rupestres en África.

En Occidente a arte rupestre desenvólvese sobre todo no Paleolítico Superior. A meirande parte das mostras consérvanse en paredes e teitos de covas ou abrigos rochosos, pero tamén hai pequenos obxectos de corno, marfil ou óso. O 60% dos animais representados nas pinturas rupestres deste período no suroeste de Europa son bóvidos e équidos, e no 60% dos xacementos europeos de transición entre o Paleolítico Superior e o Mesolítico existen representacións de bois e corzos. A pouquidade de bóvidos nos xacementos natufienses de Israel e Mesopotamia suxire que a gandería e a agricultura eran xa incipientes naquela zona. Calcúlase que o comezo da cría de gando doméstico no sur de Francia e da Península Ibérica comezou contra o ano 8.000 a.C. Hai rexistros que testemuñan o seu uso doméstico en Tesalia no sétimo milenio antes de cristo, en Anatolia e Israel no sexto, en Irán no quinto, en Exipto no cuarto, en Europa a partir do terceiro e segundo milenios. Os animais criados eran de tipo brachyceros, de menos tamaño que que a de tipo uroide[18].

O gando vacún empregado durante a Idade de Ferro compoñíase de bos longifrons, unha especie hoxe desaparecida. Está comprobado o seu uso como animal de tiro no traballo dos campos. Con toda probabilidade os seus excrementos eran empregados como fertilizante[19].

Creta minoica e Grecia antiga

editar
 
Anónimo, Europa e Zeus metamorfoseado en boi, c. 470-450 a.C.
 
Rubens, O rapto de Europa, 1636.
 
Noël-Nicolas Coypel, Enlèvement d'Europe, 1726-1727.
 
Étienne-Jules Ramey, Thésée et le Minotaure, 1826.
 
Knossos, fresco, c. 1.500 a.C.
 
Gustav Klimt, cartel para a primeira exposición da Secesión vienesa, 1898.
 
Sebastiano Ricci, Incontro di Bacco e Arianna, 1712-1714.

Na Creta minoica atopáronse representacións de bois en múltiples manifestacións artísticas. A principal figura mítica da Creta antiga está presente na lenda do Minotauro, que chegou a nós a través de narracións de Homero, Hesíodo, Tucídides, Píndaro, Plutarco e outros, así como por Ovidio na súa Metamorfoses.

Segundo conta a lenda, Europa era filla do rei de Tiro, en Fenicia. Coa axuda de Hermes, Zeus toma a forma dun boi branco, manso e fermoso, e mesturado entre a manda de bois do rei chega á praia na que se atopan Europa e outras doncelas. Europa, confiada, senta sobre o lombo do boi e este penetra no mar, avanzando entre as ondas ata chegar a Creta. Alí Europa dará a luz a tres fillos de Zeus: Minos, Sarpedón e Radamantis. Cando Zeus marcha, Europa casa con Asterión, rei de Creta, quen adopta ós seus tres fillos. Minos quere permanecer no trono de Asterión cando este morre, e para iso conta coa axuda de Poseidón. Nunha disputa cos seus irmáns, Minos asegúralles que os deuses o elixiron a el como novo rei, e cando seus irmáns queren un sinal aparece do mar un boi branco que Poseidón lle proporciona a Minos a condición de que lle sexa devolto en sacrificio. Pero Minos decide sacrificar outro boi e quedar co verdadeiro para que sexa o semental das súas vacas[20][21].

Ó mesmo tempo Minos emprende unha guerra contra Atenas, entón gobernada por Exeo, e outras cidades continentais. Mentres Minos está guerreando no continente, Poseidón desperta en Pasífae, a súa esposa, un forte amor polo boi. A petición de Pasífae, Dédalo construíu unha figura dunha vaca en cuxo interior Pasífae podía meterse para ser posuída polo boi. De resultas desta xuntanza carnal nace un ser medio home e medio boi, que será chamado Minotauro. Para agochar a súa vergoña, Minos pídelle a Dédalo que constrúa un labirinto do que non sexa posible saír. Logo faille construír tamén unha torre cunha cela no alto, na que Minos pechará a Dédalo e ó seu fillo Ícaro en castigo por colaborar con Pasífae no seu plan de seducir ó boi. Dédalo e Ícaro lograrán saír da cela cunhas ás fabricadas con cera, pero Ícaro perecerá por abeirarse demasiado ó sol[21].

Ó Minotauro había que entregarlle cada ano sete mozos e sete mozas, ós que devoraba. Os mozos eran entregados por Atenas, en tributo, ata que entre eles aparece Teseo, fillo ilexítimo que Exeo tivera con Etra. Ariadna, filla de Minos, namórase de Teseo e axúdao dándolle unha espada e un carrete de fío. Teseo mata ó Minotauro e sae do labirinto seguindo o fío que dispuxo ó entrar. Teseo e Ariadna marchan cara a Atenas, pero fan parada en Naxos e Ariadna é abandonada aló, onde a recolle Dioniso, o deus boi, e casa con ela[21].

A importancia deste mito radica en que o boi era en Creta e en todo o Mediterráneo oriental un animal sagrado de carácter totémico, e como tal era inmolado en cerimonias de iniciación nas que o iniciado adquiría a súa forza. O boi é o tema preferido da arte minoica, na que se representa cunha gran fidelidade participando en escenas áulicas nas que mozos e mozas medio espidos e desarmados saltan sobre el. A conxunción da danza, a cova (labirinto), o boi e a morte fan pensar en ritos de fecundidade. A propia loita entre Teseo e o Minotauro cobra unha forza extraordinaria na iconografía entre os séculos VII e V antes de Cristo, e chegan á pintura e ó mosaico ata pasado o século IV para regresar pasado o Renacemento e quedar practicamente ata os nosos días.[22].

Asiria e Israel

editar
 
Mesopotamia, lamassu, c. 713-716 a.C.
 
Mesopotamia, capitel do palacio de Darío, c. 510 a.C.

Nos templos mesopotámicos é frecuente atopar representacións duns seres mitolóxicos chamados lamassu en Asiria. Os lamassu son seres mitolóxicos de natureza híbrida que adoitaban situarse nas entradas das cidades e dos templos como gardiáns. En orixe os lamassu tiñan un corpo entre o dun león e o dun boi, a cabeza dun home e as ás dunha aguia. O león e o boi representaban a diferentes divindades en moitos pobos antigos, dende Exipto ata Mesopotamia ou Israel. Atopáronse representacións en moitos lugares de Siria e Palestina, así como en Mesopotamia, e sábese que o rei Salomón mandou decorar o templo e a Arca da Alianza con imaxes de leóns, bois e querubíns.

Os equivalentes dos lamassu no Antigo Testamento son os querubíns (en hebreo kerub, do asirio kâribi e relacionado co acadio harabu), seres asexuados que non se asemellan nada ós encantadores mozos con ás da arte renacentista e de períodos posteriores. Protexen o camiño que leva á Árbore da Vida e gardan a entrada do Edén, pero aparecen tamén na visión de Ezequiel cun aspecto moito máis terrible: con catro ás, cabeza humana e rostro de león, de aguia ou de boi. Existe unha posible relación entre os querubíns e o Tetramorfo, os catro animais que simbolizan ós catro Evanxelistas. De todos modos a representación destes seres mitolóxicos foi cambiando co paso do tempo, e xa no século I o escritor xudeu Flavio Xosefo di: "ninguén pode dicir como eran".[23][24][25].

Tartessos

editar
 
Peitoral tartesso, séculos VII-V a.C.

En diversos achados arqueolóxicos en xacementos ibéricos atopáronse pezas con forma de pel de boi que terían sido empregadas como ornamentos peitorais. Este motivo artístico podería ter antecedentes en Micenas, Chipre e Mesopotamia e está presente en elementos arquitectónicos e funerarios de necrópoles e poboados ibéricos do sur peninsular. A súa orixe parece estar no comercio do cobre, que dende Chipre se exportaba a todo o Mediterráneo en lingotes con forma de pel de boi, e que á súa vez proviría do comercio de reses. Esta forma de representación do boi remite á súa consideración como animal sagrado, que ten orixe na área sirio-palestina e foi adoptada polas elites ibéricas[26].

Exipto

editar
 
Deus Apis.
 
Sepulcro de Sennedjem, século XIII a.C..

O deus Dionisio, fillo de Zeus e Niobe, pasou a Exipto, onde foi coñecido baixo o nome de Apis e casou con Isis. A denominación Sarapis apareceu no século II e xeneralizouse, sobre todo en latín, proveniente de Usar-Hape (Osiris-Apis), é dicir, a conxunción do deus Osiris e o boi Apis, que recibía culto en Menfis polo menos dende o cuarto milenio antes de Cristo. Apis é a representación animal das potencialidades da deusa da terra, Isis, do mesmo modo que Osiris é a súa representación humana. Aparecido a comezos do século III a.C., Sarapis chegou a suplantar a Osiris no culto, sobre todo no oficial[27].

Cando os sacerdotes atopaban un boi que reunía todas as características do deus Apis (unha mancha branca na fronte, a figura dunha aguia pintada no corpo etc) alimentábano con leite durante corenta días e logo levábano por barco ata Menfis e era conducido ó templo de Osiris. Alí tiña dous cortellos, dos cales non saía case nunca, e sempre con séquito e escolta. Tamén tiña dous santuarios; se entraba nun deles había bos presaxios, se entraba no outro habíaos malos. Segundo a liturxia exipcia, este boi sagrado só debía vivir un tempo determinado, ó cabo do cal era trasladado ó Nilo e afogado. Entón entrábase nun período de loito no que se lamentaba a súa morte como se fose o propio Osiris o que morrera. Cando se atopaba un novo boi para substituír o anterior celebrábase a resurrección de Osiris[28].

Da época romana coñécese moito menos, sobre todo do que significaba para os seus fieis. Foi favorecido polos Flavios e adorado especialmente dende a época de Adriano. Parece que as súas funcións eran as de protexer e portar a ledicia e a felicidade. Desta época non se coñecen lugares de culto nin expresións votivas dedicadas a el. Non ten un corpo sacerdotal propio, pode falarse dunha transformación do deus nun amuleto que asegura a felicidade ó seu portador ou ós habitantes da casa[29].

Cristianismo

editar
 
San Lucas no Codex Millenarius, ca. 800.
 
Pieter Aertsen, A adoración dos pastores (detalle), ca. 1560.

No libro bíblico do Pentateuco establécese a cerimonia que hai que practicar con calquera persoa que tivese tocado un cadáver. Foi ditada por Xehová a Aharón, e nela empréganse as cinzas dunha vaca sacrificada para elaborar unha auga de purificación:

Esta é a ordenanza da lei que Xehová prescribiu, dicindo: Di ós fillos de Israel que che traian unha vaca roiba, perfecta, que non teña sido xugada, e darédela a Eleazar o sacerdote, e el sacaraa fora do campamento, e faraa degolar na súa presenza (...) tomará do sangue co seu dedo, e esparexerá (...) o sangue dela sete veces; e fará queimar a vaca ante os seus ollos; (...) un home limpo recollerá as cinzas da vaca e poraas fora do campamento en lugar limpo (...) para a auga de purificación; (...) O que toque cadáver de calquera persoa será inmundo sete días. Ó terceiro día purificarase con aquela auga, e ó sétimo día será limpo; (...) e para o inmundo tomarán da cinza da vaca queimada da expiación, e botarán sobre ela auga corrente nun recipiente; e un home limpo tomará hisopo, e mollarao na auga, e esparexerá sobre a tenda (...) e sobre aquel que tivese tocado o óso, o asasinado, ou o morto, ou o sepulcro. (...) E o que fose inmundo, e non se purificase, tal persoa será cortada de entre a congregación, por canto contaminou o tabernáculo de Xehová; non foi esparexida sobre el a auga da purificación; é inmundo.
Números 20: 19 e sigs.[30]

A corrupción levítica está intimamente relacionada co contacto coa morte. Mentres que a ofrenda habitual era de animais machos, neste texto sinálase expresamente que tiña que escollerse unha vaca. A vaca expiaría a impureza causada pola morte, do mesmo xeito que o chivo cargaba cos pecados individuais ou o paxaro limpaba da lepra, que significaba a morte en vida. É interesante observar que o propio acto do sacrificio move ós seus participantes a un estado de impureza, o cal dá idea de que non había ninguén que pola súa propia santidade estivese a salvo do peso do pecado derivado da morte. O paralelismo entre o sangue de Cristo e as cinzas dunha vaca queda expresada en Hebreos 9:13, 14, onde se fai énfase na súa capacidade purificadora:[31].

Porque se (...) as cinsas da becerra esparexidas sobre os inmundos santifican para a purificación da carne, canto máis o sangue de Cristo, que mediante o espírito eterno se ofreceu a Deus sen mancha, limpará as vosas conciencias de obras mortas para que sirvades ó Deus vivo?
Hebreos 9:13, 14[30]
 
Igrexa na Bretaña.
 
Tetramorfo na igrexa parroquial de Monterrei, Ourense, século XIV.

Na Apocalipse descríbesenos o Tetramorfo, tamén chamado os Catro viventes, gardián de segredos e depositario de misterios:

E diante do trono había como un mar de vidro semellante ó cristal; e a carón do trono e arredor del, catro seres viventes cheos de ollos diante e detrás. O primeiro ser vivente era semellante a un león; o segundo era semellante a un becerro; o terceiro tiña rostro como de home; e o cuarto era semellante a unha aguia voando. E os catro seres viventes tiñan cada un seis ás, e arredor e por dentro estaban cheos de ollos; e non cesaban día e noite de dicir: Santo, santo, santo é o Señor Deus Todopoderoso, o que era, o que é e o que ha de vir. E sempre que aqueles seres viventes dan gloria e honra e acción de grazas ó que está sentado no trono, ó que vive polos séculos dos séculos, os vinte e catro anciáns próstranse diante do que está sentado no trono, e adoran ó que vive polos séculos dos séculos, e botan as súas coroas diante do trono, dicindo: Señor, digno es de recibir a gloria e a honra e o poder; porque ti creaches todas as cousas, e pola túa vontade existen e foron creadas.
Apocalipse 4: 6-11.

O Tetramorfo é a recreación dunha visión de Daniel, na que este vía catro bestas, e que tiña o seu antecedente no soño de Nabucodonosor II, no que se lle aparecía unha estatua de catro metais que era derrubada por unha pedra, e que facía alusión ós catro imperios que desaparecerían ante o Fillo do Home. No Tetramorfo o león representa a San Marcos, o becerro a San Lucas, o home a San Mateu e a aguia a San Xoán. Os catro viventes da Apocalipse, en representación dos catro evanxelistas, flanquean ó Pantocrátor ou Cristo en Maxestade, que está sentado no seu trono e inscrito nunha mandorla ou améndoa mística que une cos seus bicos o ceo e a terra[32].

 
Home muxindo unha búfala, ca. séculos XII - XIII, Louvre.

Unha das suras nas que se divido o Corán, concretamente a segunda, é a coñecida como Sura da vaca. Nela relátase unha versión da pasaxe antedita do Pentateuco, na que difiren algúns detalles. Entre eles, o interlocutor con Alá non é neste caso Aharón, senón o seu irmán, Moisés:

E cando Moisés dixo ó seu pobo: "En verdade Deus ordénanos ofrecerlle en sacrificio unha vaca", dixeron: "É que pretendes burlarte de nós?". (...) Moisés dixo: "Escoitade!: Di que debe ser unha vaca non nova nin vella, senón dunha idade intermedia entre as dúas (...) debe ser unha vaca amarela, dun amarelo moi escuro, a súa cor debe agradar a todos os que a miren (,,,) que non sexa unha vaca esgotada a forza de labrar a terra ou de regar os campos, senón un animal en perfecto estado e sen pegada de macho.
Corán, Sura II (Sura da Vaca)[33].

Hinduísmo

editar
 
Vacas decoradas para o diwali.
 
Anónimo, The Cow with 84 Deities, c. 1912.

Para o hinduísmo a vaca é un animal sagrado, o cal implica non matala nin comela. O hinduísmo considera que cómpren 86 reencarnacións para chegar de diaño a vaca, e unha máis para converterse en ser humano. Quen mate unha vaca renacerá no chanzo máis baixo da cadea de reencarnacións. Na India o aprecio polos animais está influído polo budismo, pero a sacralización da vaca ten a súa orixe nos primeiros vedas, onde é representada como o arquetipo da nai vizosa e do cosmos. Na mitoloxía hinduísta a vaca é o animal que guía ó home despois de morto para axudarlle a cruzar o río Vaitarni, que separa o mundo do ceo[34].

En moi poucos estados da India está permitido sacrificar este animal que é adornado con grilandas, cando enferma, e é motivo de celebración cando ten un becerro, o ritual de celebración reúne ó seu dono, ós veciños e un sacerdote. O escritor Monier Williams describe deste xeito a adoración deste animal na India:

O menor pelo do seu corpo é inviolable. Tódolos seus excrementos son dignos de veneración. Non unha partícula debe ser desprezada como impura. Pola contra, a auga que despide debe ser gardada como a máis santa de tódalas augas, un líquido que borra os pecados e santifica todo canto toca; por outra banda, nada purifica tanto coma o excremento de vaca...
Monier Williams

A énfase que o hinduísmo pon no respecto á vaca pode ser explicada como consecuencia de que a vaca sexa o resultado da transformación do modelo sacrifical: a vaca dá o seu leite e sobrevive, en contraste con outros animais, habitualmente a cabra, que se mata. A transición de comer a carne da vaca, como se facía nos vedas, a só beber o seu leite descríbese a través de mitos nos que a vaca chega a simbolizar a cultura do sabio en contraste coa natureza do cazador[35].

Antropoloxía

editar
 
Christian Franz Paullini, Neue heilsame Dreckapotheke, 1734.
 
Templo de Vesta nun denario.
 
Hotentotes cociñando, 1804.
 
Poboado indíxena en Siberia, 1885.

Certos produtos da vaca téñense empregado cun uso medicinal ou profiláctico, ademais do nutritivo, en diferentes lugares e en distintos momentos da historia. En moitas sociedades o límite entre relixión e medicina non está claro, de modo que os remedios médicos moitas veces participan de supersticións nas que intervén o significado simbólico do animal.

Uso medicinal

editar

Na India e no Tíbet o valor purificador dos ouriños e do esterco da vaca é moi significativo, para uso tanto externo como interno. Na India tradicionalmente os ouriños mesturábanse coa comida e mollábanse con eles as imaxes sagradas. Era habitual deterse a recoller os ouriños de calquera vaca pola rúa. Tamén empregábanse como medicina os grans de trigo que non foran ben dixeridos polas vacas e se atopaban entre o seu esterco. Nalgúns ritos brahmánicos purificábase a habitación botando esterco de vaca no chan e mollando cos seus ouriños as paredes. Os penitentes hindús debían beber unha mestura chamada panchakaryam, composta de leite, manteiga, callo, esterco e ouriños. Certos monxes untan o seu rostro, o peito e os brazos coas cinzas resultantes de queimar esterco de vaca, antes de saír a pedir esmola, portando na man un feixe de plumas de pavón[36].

Plutarco relata, entre os hábitos relixiosos dos gregos, o de revolcarse espidos en esterco e en lama. Xa en Roma, Ovidio conta que as cinzas dunha vaca sacrificada despois de parir se conservaban como símbolo expiatorio no templo de Vesta xunto con cascas de feixón, que se empregaban para fertilizar os campos. En 1253, Rubruquis, un monxe enviado en misión diplomática ante o Gran Khan dos tártaros, explica que estes empregaban o esterco de vaca como combustible para cocer o pan[36].

Na súa obra De stercoribus brutorum, Schuring explica as propiedades medicinais dos estercos de diferentes animais. O da vaca (aqua omnium florum) era efectivo contra a gota e os tumores, as picaduras das avespas e as abellas, a tuberculose e a epilepsia nos bebés, as doenzas renais, gangrena, reumatismo, hidropisía e manchas da pel. Outros autores do século XVIII aconsellan o seu uso contra as doenzas máis variadas. No século XIX un farmacéutico de París chamado Bouillon Lagrange publicou a receita dun licor feito a base de esterco de vaca e augardente. Nesta mesma época empregábase o esterco para fabricar a chamada Auga das mil flores, un remedio para a caquexia. Tamén do século XIX George W. Melville relata que en Siberia se adoitaba beber o leite mesturado con ouriños para baixar a febre, igual que se facía na África central[36].

En certas zonas de Irán, na actualidade, os ouriños da vaca, do boi o da cabra son empregados para lavar a cara e as mans. Non se debe tocar nada mentres as mans e a cara permanezan molladas, e logo deben lavarse con auga. Estas mesmas ablucións practícanse coas mulleres acabadas de parir, que deben ademais beber un pouco deses ouriños. Os mosaguey utilizan leite e esterco da vaca para elaborar unha sopa que lles dá forzas. Os hotentotes untan o corpo de graxa sobre a que esparexen esterco de vaca e os mandingo aplícano sobre as feridas abertas, mentres que os dinkas dormen sobre cinzas de esterco de vaca e se lavan cos seus ouriños tamén. En occidente atopamos o uso do esterco da vaca relacionado coa medicina tradicional na Bretaña, Inglaterra e os Estados Unidos[36].

Uso profiláctico

editar

Christian Franz Paullini conta como en Europa as mulleres do campo, para evitar que as meigas lles botasen a perder a manteiga, botaban un pouco de leite fresco de vaca sobre excrementos humanos, a consecuencia do cal as meigas perdían todo o seu poder. O mesmo poder era atribuído ós ouriños da vaca empregados en ablucións[36].

A vaca en Galicia

editar

Variedades

editar
 
Rubia galega.
 
Cachena.
 
Caldelá.
 
Frieiresa.


Existen unhas 800 razas de vacún en todo o mundo, das que unha ducia son comúns en Galicia. As variedades tradicionais galegas son:

  • Rubia galega: raza de cor rubia ou teixa e pelo espeso e liso, con cabeza lixeiramente subconvexa e pescozo forte. A altura á cruz oscila entre os 145 e os 135 cm e o tronco presenta unha liña dorsolumbar horizontal e ancha. As coxas, moi musculadas e convexas[37].
  • Cachena: animais de cabeza pequena, pescozo curto, tronco redondeado e robusto, cruz prominente, peito longo de gran capacidade torácica e tórax profundo. Ten as coxas e os cadrís pouco desenvolvidos, extremidades ben proporcionadas e articulacións rectas. Os ubres son ben conformados, con boa produción leiteira e abundante protección pilosa. Ten capa de cor castaño, máis escura nos machos. A altura á cruz oscila entre 90 e 130 cm e o peso medio é de 550 kg para os machos e 350 kg para as femias[38].
  • Caldelá: agrupa animais de perfil recto, eumétricos e mediolíneos, de cabeza proporcionada con fronte plana e ancha, cornos xeralmente en gancho, pescozo curto, cruz elevada e liña dorsolumbar algo cóncava, peito amplo, tórax profundo e costelares estendidos. As extremidades son finas, con articulacións rectas e nádegas escasamente desenvolvidas. Os tetos son grandes e simétricos. A capa é negra peceña, coa liña dorsolumbar claro-vermella. O talle á cruz oscila entre os 125 e os 155 cm e o peso medio é de 500 kg para as femias e de 700 kg para os machos[39].
  • Vianesa: animais de perfil recto a subcóncavo e formato medio. O peso medio é de 560 kg para as femias e de 850 kg para os machos e a alzada media á cruz é de 132 cm para as femias e de 138 cm para os machos.. A cabeza é de tamaño pequeno, coa cara alongada e cornos en gancho curto que nacen por diante da liña de prolongación da testa, se dirixen lateralmente e logo cara a adiante e arriba. O tronco é amplo, con liña dorsolumbar máis ben horizontal e cruz dos cadrís máis alta e extremidades de lonxitude media con articulacións robustas. O ubre está ben inserido, con tetos simétricos. A capa é castaña, máis escura nos bois e máis clara nos becerros[40].
  • Frieiresa: agrupa animais de tamaño medio a grande, de perfil subcóncavo a cóncavo. O peso medio é de 600 kg para as femias e de 860 kg para os machos e a alzada media á cruz é de 131 cm para as femias e de 141 cm para os machos. A cabeza é pequena e curta, con testa saínte e fronte e morro anchos. Os cornos son longos, orientados cara a adiante e cara a abaixo. Ten pescozo delgado, tronco longo e harmónico, dorso e lombo anchos, peito amplo, tórax profundo, costelares arqueados e ventre de gran capacidade. As extremidades son de lonxitude media, asentadas, ben verticais. Os ubres teñen bo tamaño, con tetos de implantación correcta. A súa capa é castaña lavada, con pelo longo e abundante na rexión frontal, formando unha guedella rubia dourada característica[41].
  • Limiá: son animais de perfil subcóncavo a recto, hipermétricos no val e eumétricos na montaña, de proporcións mediolíneas e tamaño grande. O peso medio é de 650 kg para as femias e de 900 kg para os machos e a alzada media á cruz é de 140 cm para as femias e de 148 cm para os machos. Teñen unha cabeza de medianas proporcións, con fronte ancha, cara longa e fociño ancho. Os cornos en gancho curto nos bois, grandes, longos e espiraliformes nas vacas. O tronco é amplo e harmónico, o tórax ampuloso, con costelares cilíndricos e peito ancho. As extremidades son de lonxitude media, fortes e ben asentadas. O ubre é globuloso, desenvolvido, bastante simétrico e con tetos de boa implantación. Ten capa castaña, moito máis escura no terzo anterior[42].

Gandaría bovina en Galicia

editar
 
Vaca e pucho.
 
Vacas no Camiño de Santiago, 2005.
 
Evolución de gando vacún en Castela e León, Galicia, Cataluña (as tres máis altas de España) e Portugal entre 1995 e 2004.
O número en Galicia inspirou o título da obra Un millón de vacas, de Manuel Rivas.

O seguinte cadro indica a evolución que experimentou a gandaría bovina en Galicia, expresada en porcentaxes con respecto á cifra de cabezas de gando existentes en 1891[43]:

Ano A Coruña Lugo Ourense Pontevedra Galicia España
1891 100 100 100 100 100 100
1908 131 155 135 130 138 111
1916 240 203 201 158 209 138
1918 311 264 235 218 268 143
1920 247 350 98 162 232 153
1925 297 305 235 286 285 171
1929 220 429 192 152 261 165
1933 232 371 243 125 255 161

Dende 1865, e con máis claridade entre 1891 e 1925, as tres cuartas partes do peso vivo están constituídas por gando bovino, seguíndolle en importancia o porcino e, en proporcións case insignificantes, de 1891 en adiante, as restantes especies. O predominio dos vacúns é máis significativo se consideramos a transformación cualitativa que se produce ó incrementarse a participación do bovino e do porcino fronte a outras especies que, como o ovino, tiñan unha presenza moi destacada a mediados do século XIX. En termos económicos o bovino e o porcino acumulaban o 92,1% da riqueza gandeira, se ben a maior cotización do porcino alteraba a súa proporción con respecto do seu peso vivo. Estes profundos cambios cuantitativos orixinaron cambios igualmente profundos na práctica gandeira, como a estabulación do gando, a selección das razas, a busca dos mellores sementais ou a celebración de concursos gandeiros para estimular a mellora xenética, factores todos eles que obrigaron ó gandeiro galego a adquirir unha preparación técnica que superaba as prácticas tradicionais[43].

No relativo á mellora das razas, a principio do século XX prodúcese en Galicia un amplo debate sobre a necesidade de mellora das razas autóctonas, que se consideraban dexeneradas, e a introdución de innovacións no ámbito da hixiene e do control de enfermidades. O máis significativo neste campo é a introdución dunha raza mellorada de aptitude mixta (leite, carne, tiro) que pasou a ser coñecida como vaca marela ou vaca rubia galega, e que se obtivo do cruzamento de exemplares selectos de vaca do país e da raza Simmenthal suíza, ou en ocasións da raza pardo-alpina. O resultado destes cruzamentos foi unha raza máis produtiva, con máis peso medio, maior rendemento lácteo e, sobre todo, cárnico (arredor dun 30%), con femias máis fértiles e mellores criadoras[44].

En 1963 estimábase que o número de cabezas de gando bovino ascendía a 1.010.000. Para elas dispoñíase de 400.000 hectáreas de prado e cultivos de forraxe. A superficie de pastos de monte ascendía a 1.500.000 hectáreas. En 1962 na provincia da Coruña calculábase que o 20% das vacas sufrían de tuberculose e que o 17% eran estériles[45].

No ano 2007 había en Galicia un total de 78.230 explotacións gandeiras que contaban con 546.405 hectáreas. Delas, 75.630 contaban con terreos de pasto de secaño, distribuídos en 518.898 hectáreas, e 17.244 tiñan pastos de regadío, cunha superficie de 27.507 hectáreas. De todas elas, 48.227 explotacións eran de gando bovino, con 983.433 hectáreas de pasto en total[46]. Segundo o IGE, no ano 2008 os datos dos efectivos e as explotacións de gando bovino en Galicia eran os seguintes[47]:

Número de explotacións 49.355
Vacas de muxidura 339.530
Vacas de non muxidura 221.917
Número total de vacas 561.447
Número doutros bovinos 387.989
Número total de cabezas 949.436

No 2014 as características do sector bovino galego eran as indicadas na seguinte táboa[48]:

Galicia A Coruña Lugo Ourense Pontevedra
Cebadeiro 5.626 1.561 432 243 3.390
Produción leite 11.364 4.710 4.626 96 1.932
Produción carne 21.277 7.865 8.458 1.798 3.156
Produción mixta (leite/carne) 1.159 188 874 29 68
Precebo 0 0 0 0 0
Recría xovencas 53 14 25 7 7
Total tipo explotación 39.479 14.338 14.415 2.173 8.553

Para o ano 2009 as cabezas de gando distribuíanse do seguinte xeito[48]:

Galicia A Coruña Lugo Ourense Pontevedra
Número de vacas de muxidura 334.841 141.781 149.500 3.161 40.399
Número de vacas de non muxidura 220.640 63.980 117.013 20.773 18.874
Número total de vacas 555.481 205.761 266.513 23.934 59.273
Número doutros bovinos 393.266 136.565 179.865 32.888 43.948
Número total de cabezas 948.747 342.326 446.378 56.822 103.221

Antropoloxía de Galicia

editar
 
O boi de Allariz de Arturo Andrade.
Aire da vaca marela
sai das tripas e vai prá tes,
sai da tes e vaite pró coiro,
sai do coiro e vaite prós pelos,
salte dos pelos e vaite prós cornos,
e salte dos cornos e vaite pró mar
donde non sintas o galo cantar
nin galiña cacarexar.
Con el poder de Dios y de la Virgen María
un padrenuestro y un Ave María
.
Conxuro[49]
Louvado san Breixe
vou munxir a marela
adepárame bo leite
.
Conxuro

No sistema agrario tradicional galego a vaca foi o principal subministrador de forza de traballo ademais de achegar outros bens (alimento —carne e leite—, coiro, esterco). As familias procúranlle á vaca os mellores coidados, sabedores de que no seu benestar descansa a supervivencia deles. Este aprecio evidénciase na linguaxe popular. Invócase ós santos para que lles conserve a saúde, en especial a San Antonio o das vacas. Hai días santos nos que non se as pode axugar, romarías ás que son levadas, amuletos que se lles colgan dos cornos, exvotos con forma de vaca que se levan ás igrexas. Está establecida socialmente a conveniencia de expresar que non se ten envexa das vacas do veciño, pronunciando frases do tipo "Deus chas ampare" ou algunha invocación a San Antonio. Ante a envexa, provocadora de doenzas no gando, hai remedios de natureza máxica como conxuros, ensalmos ou responsos, e tamén para comprala ou vendela, para protexela, para entrala por primeira vez na casa, para que teña cuxos, para cando os ten, para vendelos, para cando non quere andar, para cando non se deixa munxir, para cando non come etc[45].

Tamén en certos comportamentos ou doenzas das vacas apréciase a actuación de forzas maléficas, como as meigas, a envexa ou o mal de ollo, estes dous intimamente ligados. Se unha vaca entra a pastar no prado do veciño, iso interprétase como sinal de que o dono da vaca ten envexa del. Igualmente se a vaca enferma despois de ser vista polo veciño interprétase como sinal de envexa. Se a vaca non dá leite ou este sae manchado de sangue presúmese a envexa dunha meiga, que hai que remediar cun conxuro. Carmelo Lisón Tolosana interpreta a esta estrutura antropolóxica a función de manter a necesaria solidariedade comunal, que se mantería dentro dos límites impostos polo medo ás consecuencias negativas do incumprimento das súas normas[50].

Contra a envexa hai remedios como a chamada herba da envexa (nalgúns lugares a saponaria vulgaris, noutros outras), que hai que fregar en cruz sobre o ubre ou o lombo do animal envexado ou pendurar da porta da corte, ou a vara da envexa, o acivro. A saqueta da envexa, outro dos remedios, é unha bolsiña con cornos de vacaloura que se pendura dos cornos da vaca que se quere protexer. Contra o poder das meigas tamén hai conxuros, nos que interveñen elementos relixiosos como a auga bendita e outros profanos, como a dómina, unha bolsiña que contén carbóns bendicidos, allos virxes, nove grans de ruda, nove dentes de allo, incenso e pedra da ara. Ó mesmo tempo rézaselle un responso[50].

A tía Xuana do Lameiro contoume o que sigue: Certo día do mes das frores, veu certa muller do lugar pedirme un pouco de leite mais eu, que o necesitaba, non llo quixen dar. Mais ó ir munguil-a vaca, en vez de darme leite, empezou a soltar sangue. Fíxenlle unha cruz no lombo, boteille auga bendita y-ó momento deixou de soltal-o sangue. Púxenm’a ferver aquil leite, pra que se presentase elí a que m’embruxara a vaca e así socedeu, que ó pouco tempo preséntasem’a bruxa dicíndome que por Dios sacase o leite do lume, e que nunca me volvería a faguer ningún mal, y-asina o fixen (recollido en Sober).
S. Pérez Fernández, Archivo filolóxico e etnográfico de Galizia, 1920[51].

Por toda Galicia existe a crenza popular de que á cobra lle gusta beber leite. Pénsase que este gusto chega ó extremo de levala a buscar o leite nos ubres das vacas, para o cal sobe polas súas patas e a morde no teto. Tamén crese que, noutras ocasións, a cobra mama do peito da muller lactante, introducindo a súa coa na boca do neno para que non chore mentres chucha nela. A muller ou a vaca da que mamou unha cobra establece con ela un vínculo moi estreito que a privará do seu estado normal e a fará querer seguir dándolle de mamar. O leite emprégase como cebo para cazar as cobras, na crenza de que se senten atraídas por el[52].

Nalgúns lugares existe a tradición de manter un boi de propiedade comunal. Cómprano os veciños que teñen máis gando e é mantido pola persoa que presenta a oferta máis baixa nunha poxa, que lle é pagada en especie ou en metálico, ou ambas. Cada casa paga en función do número de vacas que teña. O boi é criado en terreos tamén comunais e serve para cubrir as vacas dos veciños[45].

editar
 
Vacas no Camiño de Santiago, 2005.
 
Vacas no Camiño de Santiago, 2005.
 
Pucho
Artigo principal: Refraneiro galego da vaca.

Na cultura popular galega a forte presenza da vaca faise patente pola abondancia de refráns en torno a ela[53]:

  • A carto vai a vaca, pero se non hai carto non hai vaca.
  • Vai a carto a vaca, pero o que non ten un carto non a cata.
  • A falta de vaca bos son polos con touciño.
  • A vaca ben cocida e mal asada.
  • A vaca, canto máis se munxe, máis grande ten o teto.
  • Canto máis se munxe a vaca, máis os tetos se lle agrandan.
  • A vaca da miña veciña dá máis leite ca miña.
  • A vaca do vilán, se dá leite no inverno, mellor a dá no vran.
  • A vaca farta, do rabo fai a cama.
  • A vaca que non come cos bois, ou come antes, ou come despois.
  • Dunha vaca sai un becerro.
  • Máis valen dous bocados de vaca que sete de pataca.
  • Val máis bocado de vaca que catro de pataca.
  • Por eso se vende a vaca: porque a un gústalle o peito i a outro a espaldra.
  • Cómese toda a vaca, porque us queren da perna e outros da faldra.
  • Que dea a vaca bo tenreiro, que moito leite coa herba no prado non hai que esperalo.
  • Quen queira facer da vaca galiña, bótea a cocer en auga fría.
  • Quen queira facer da vaca carneiro, que a poña a cocer en auga fervendo.
  • Vaca de moitos, ben munxida e mal mantida.
  • Vaca de moitos, cómena os lobos.
  • Vaca e carneiro, comida de cabaleiro.
  • Vaca estransillada, nin bo leite nin boa crianza.
  • Vaca de pouca herba, pouco leite e mala esterca.
  • É tan bobiña que troca a vaca pola sardiña.
  • A vaquiña polo que vale.

Literatura galega

editar

Castelao, no seu Sempre en Galiza, dedica un fragmento do capítulo XXXII do Libro I á vaca e ó seu significado, establecendo un claro paralelismo entre o carácter do animal e a situación actual e futura da nación:

A vaca é o símbolo da paz. Val máis o que siñifica unha vaca que o que simboliza un león rampante. Xa o dixo un dos nosos economistas: “O albre xenealóxico d-unha vaca de leite é máis útil que o albre xenealóxico d-un aristócrata”. A vaca esqueceuse dos cornos e dános o o seu traballo, o seu leite, a súa carne, o seu coiro e a carne e o coiro dos seus fillos. Non-os pode dar máis. O can será o amparo dos ricos, que defende a propriedade do amo e ladra aos pobres que van pol-os camiños. En troques a vaca é o amparo dos pobres libres. Os concursos de vacas leiteiras valen máis que os “Concursos de Belleza”. A nosa vaca ten o presebe en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila. As “señoritas” que choran pol-a morte d-un can ridículo non comprenden a door d-unha familia labrega cando se lle morre unha vaca. Se non fose pol-o leite das vacas, a piolleira das cibdades morreríase desnutrida. A vaca é a ama de cria da Humanidade. O día que nós emitamos papel-moeda non estamparemos n-él o retrato dos políticos nin dos sabios nin dos artistas; estampariamos, somentes, a figura d-unha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuída. O día que Galiza sexa unha comunidade cooperativa ergueremos un gran moimento c-unha vaca en bronce dourado. Tamén hai razas de vacas; e a mellor é a nosa. O día que seipamos o que val unha vaca, Galiza quedará redimida.
Castelao, Sempre en Galiza, 1944[54]
Escudos municipais

Heráldica

editar

Pola súa mansedume e a súa fecundidade, a vaca simboliza o señorío sobre as terras vizosas e ben traballadas. O seu uso en escudos de armas non é moi habitual, pero aínda así está presente na Heráldica. Nos brasóns galegos debúxase sempre andante e bucleada, con cornos, colar e chocallo, amosando sempre os ubres. A miúdo aparecen varias vacas nun mesmo brasón, ou ben só as súas cabezas. Emprégase esmaltada en prata, ouro ou goles[55].

As becerras son empregadas tamén, debuxadas sen cornos e con ubres pequenos. Úsanse ás veces como armas falantes, como no caso das armas dos Becerra, Tenreiro, Vaquerizo ou Vaquero. Adoita representarse os bois andantes e bucleados, ás veces emuselados, cos cornos cara a arriba e unha mata de crina entre eles. Pola contra, o touro leva os cornos dirixidos cara a adiante e normalmente preséntase enfurecido, erguido sobre as patas traseiras, en sable, ouro ou goles, excepcionalmente vilenado. En Galicia atópase nos escudos dos Barreiro, Vervetouros (coas súas variantes Berbetoros e Vervetoros), Borrás, Campra, Herce, Touriño e Tourón, tamén con frecuencia como armas falantes[55].

Galería de imaxes

editar
  1. Grubb, P. (2005). "Bos taurus primigenius". En Wilson, D. E.; Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3ª ed.). Johns Hopkins University Press. pp. 637–722. ISBN 978-0-8018-8221-0. OCLC 62265494. 
  2. Preliminary 2009 data, now available for selected countries and products Arquivado 09 de marzo de 2010 en Wayback Machine.. En FAOSTAT (en inglés).
  3. Rappels anatomophysiologiques relatifs à la reproduction du taureau Arquivado 12 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. por Christian Hanzen
  4. 4,0 4,1 "Anatomía y fisiología de la reproducción bovina, Select Reproductive Solutions de Mel DeJarnette y Ray Nebel" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de xaneiro de 2009. Consultado o 23 de novembro de 2011. 
  5. Rappels anatomophysiologiques relatifs à la reproduction de la vache por Christian Hanzen en Thériogénologie des animaux de production. Facultade de Medicina Veterinaria, Universidade de Liexa
  6. 6,0 6,1 SMITH, V.R. (1962). Fisiologia de la Lactancia. Instituto Interamericano de Ciencias Agrícolas de la OEA, Costa Rica. ISBN.  (en castelán)
  7. 7,0 7,1 Bos taurus (cattle):An agriculturally important animal for beef and milk production, National Center for Biotechnology Information (NCBI)
  8. 8,0 8,1 8,2 Hacia una mayor comprensión de la biología de los bovinos: secuenciado al completo el genoma de la vaca Arquivado 07 de novembro de 2011 en Wayback Machine., Instituto Nacional de Investigación Agronómica de Francia (INRA)]
  9. Bos taurus (cattle): Reference genome sequence, National Center for Biotechnology Information (NCBI)
  10. "Programme de séquençage du génome bovin – Séquençage de l’ADN pleine longueur, GenomeCanada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de outubro de 2012. Consultado o 23 de novembro de 2011. 
  11. The Genome Sequence of Taurine Cattle: A Window to Ruminant Biology and Evolution, The Bovine Genome Sequencing and Analysis Consortium, Christine G. Elsik, Ross L. Tellam y Kim C. Worley na revista Science
  12. David Botero. Parasitosis Humanas. Páxina 149. Google books
  13. Johannes Kaufmann. Parasitic Infections of Domestic Animals: A Diagnostic Manual. Páxina 88. Google books. [1]
  14. Benito Moreno García. Higiene e Inspección de carnes-II, Volume 2. Páxina 273. Google books. [2]
  15. 15,0 15,1 GOLOMBEK, D.; SCHWARZBAUM, P. (2005). El cocinero científico (cuando la ciencia se mete en la cocina): apuntes de alquimia culinaria. Siglo XXI. ISBN 968-23-2466-1.  (en castelán)
  16. ROMERO CABELLO, R. (2007). Microbiologia y parasitologia humana. Ed. Médica Panamericana. ISBN 968-7988-48-7.  (en castelán)
  17. www.balmis.org (ed.). "Expedición de la vacuna". Arquivado dende o orixinal o 14/02/2010. Consultado o 06/01/2011.  (en castelán)
  18. BEMIS,F.; BEMIS MADRAZO, F. (2001). Rutas de la zooarqueología. Editorial Complutense. ISBN 84-7491-618-6.  (en castelán)
  19. REYNOLDS, P.J. (1990). La agricultura en la Edad de Hierro. Ediciones AKAL. ISBN 84-7600-522-9.  (en castelán)
  20. El rapto de Europa. ALAMILLO SÁNZ, A.; RODRÍGUEZ CHAMORRO, E. Mitología y arte Arquivado 05 de novembro de 2010 en Wayback Machine.. (en castelán)
  21. 21,0 21,1 21,2 ECHEVERRÍA, R. (2008). Raíces de sentido. Ediciones Granica S.A. ISBN 950-641-511-0.  (en castelán)
  22. SANTARCANGELI, P.; ECO, U. (2002). El libro de los laberintos. Siruela. ISBN 84-7844-646-X.  (en castelán)
  23. ECHANOVE ECHANOVE, J. Ecos del Desierto. El origen historico del monoteismo. Juan Echanove. ISBN 971-691-810-0.  (en castelán)
  24. BLASCHKE, J. (2007). La historia secreta de Satán. Ediciones Robinbook. ISBN 84-7927-871-4.  (en castelán)
  25. ALVEAR ACEVED0, C. (2004). Introducción a la historia del arte. Editorial Limusa. ISBN 968-18-5818-2.  (en castelán)
  26. AMORES CARREDANO, F.; ESCACENA CARRASCO, J.L., De toros y tesoros: simbología y función de las joyas de El Carambolo; en GARCÍA-BAQUERO GONZÁLEZ, A.; ROMERO DE SOLÍS, P. (eds.) (2003). Fiestas de toros y sociedad: actas del congreso internacional celebrado en Sevilla del 26 de noviembre al 1 de diciembre de 2001. Universidad de Sevilla. ISBN 84-472-0817-6.  (en castelán)
  27. GUERRA GÓMEZ, M. (1987). El sacerdocio femenino (en las religiones greco-romanas y en el cristianismo de los primeros siglos). I.T. San Ildefonso. ISBN 84-7009-262-6.  (en castelán)
  28. LÓPEZ PELEGRÍN, S. (1845). Panlexico: vocabulario de la fabula. Imprenta y Librería de Ignacio Boix.  (en castelán)
  29. CARBÓ GARCÍA, J.R. Los cultos orientales en la dacia romana: formas de difusión, integración y control social e ideológico. Universidad de Salamanca. ISBN 84-7800-192-1.  (en castelán)
  30. 30,0 30,1 www.iglesia.net (ed.). "Libro Cuarto de Moisés: Números". Consultado o 04/01/2011.  (en castelán)
  31. EDERSHEIM, A. (1997). The Temple. Editorial Portavoz. ISBN 0-8254-1199-8. (en castelán)
  32. MASCARAQUE DÍAZ-MINGO, J. (1996). Tras las huellas perdidas de lo sagrado. Verbum Editorial. ISBN 84-7962-088-9.  (en castelán)
  33. MAHOMA; BERGUA, J.B. (1990). El Corán. Ediciones Ibéricas y L.C.L. ISBN 84-7083-060-0.  (en castelán)
  34. PANCORBO, L. (2006). Abecedario de antropologías: bestiarios, creencias, chamanes, destinos... Siglo XXI de España Editores. ISBN 84-323-1259-2.  (en castelán)
  35. DONIGER, W. (2005). Mitos de otros pueblos: la cueva de los ecos. Siruela. ISBN 84-7844-885-3.  (en castelán)
  36. 36,0 36,1 36,2 36,3 36,4 BOURKE, J.G. (2006). Escatología y civilización. Círculo Latino. ISBN 84-96129-67-5.  (en castelán)
  37. Rubia Gallega Arquivado 02 de febreiro de 2008 en Wayback Machine. (en castelán)
  38. Cachena Ficha técnica na páxina web Arquivado 29 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine. da Consellería de Medio Rural.
  39. Caldelá Ficha técnica na páxina web Arquivado 29 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine. da Consellería de Medio Rural.
  40. Vianesa Ficha técnica na páxina web Arquivado 29 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine. da Consellería de Medio Rural.
  41. Frieiresa Ficha técnica na páxina web Arquivado 29 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine. da Consellería de Medio Rural.
  42. Limiá Ficha técnica na páxina web Arquivado 29 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine. da Consellería de Medio Rural.
  43. 43,0 43,1 VILLARES, R. (1982). La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936. Siglo XXI de España Editores. ISBN 84-323-0437-9.  (en castelán)
  44. JUANA, J. de; PRADA RODRÍGUEZ, J. (2005). Historia contemporánea de Galicia. Editorial Ariel. ISBN 84-344-6790-9.  (en castelán)
  45. 45,0 45,1 45,2 LISÓN TOLOSANA, C. (2004). Antropología cultural de Galicia. Ediciones AKAL. ISBN 84-460-2162-5.  (en castelán)
  46. Anuario de estadística 2009[Ligazón morta]. Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino. (en castelán)
  47. Datos estatísticos básicos de Galicia 2010, IGE. Xunta de Galicia, Consellería de Facenda, 2010.
  48. 48,0 48,1 Rexistro de gando bovino. IGE.
  49. RISCO, V., Etnografía: cultura espritual, en OTERO PEDRAYO, R. Historia de Galiza. 
  50. 50,0 50,1 LISÓN TOLOSANA, C. (2004). Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. Ediciones AKAL. ISBN 84-460-2166-8.  (en castelán)
  51. PÉREZ FERNÁNDEZ, S. (1920). "Archivo filolóxico e etnográfico de Galizia". Nos (17). 
  52. BERMEJO BARRERA, J.C. (1986). Mitología y mitos de la Hispania prerromana, Vol. 2. Ediciones AKAL. ISBN 84-7600-091-X.  (en castelán)
  53. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, E. (2001). Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-428-X. 
  54. CASTELAO, Sempre en Galiza, en MONTEAGUDO, H. (coord.) (1999). Obras. Galaxia, Vigo. 
  55. 55,0 55,1 VALERO DE BERNABÉ, L.; EUGENIO, M. de (2003). Simbología y diseño de la heráldica gentilicia galaica. Ediciones Hidalguia. ISBN 84-89851-43-3. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar