Telmo Martín

político galego
(Redirección desde «Telmo Martín González»)

Telmo Martín González, nado en Xil (Meaño) o 16 de agosto de 1958, é un político e empresario da construción galego.

Telmo Martín González
Telmo Martín

Actualmente no cargo
Dende o 31 de maio de 2017
Precedido por Gonzalo Gonzalo Pita

3 de xullo de 1999 – 20 de decembro de 2006
Precedido por José Luís Rodríguez Lorenzo
Sucedido por Catalina González Bea

Datos persoais
Nacemento 16 de agosto de 1958 (65 anos) Xil (Meaño)
Partido Partido Popular de Galicia
Profesión Político e empresario

Traxectoria editar

 

Con 14 anos emigrou a Frankfurt, onde traballou 3 anos no sector da siderurxia. En 1978 fundou a empresa Hierros Santa Cruz, da que hoxe é o seu único propietario. En 1990 creou a empresa Construcuatro, adicada á promoción e construción. Na actualidade é conselleiro delegado da empresa, posuíndo o 33% das accións.

En outubro de 2007 a Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia abriulle un expediente sancionador a dita empresa, ó haber "indicios abondo"[1] de cobrar sobreprezos en vivendas protexidas.

Política editar

Afiliouse a Alianza Popular en 1977. En 1987 concorreu ás eleccións municipais en Meaño encabezando a formación Parroquias Unidas de Meaño (PUM), formada por un grupo de veciños, logrando 3 concelleiros e sendo o principal grupo da oposición ó goberno de Germán Rodriño, que precisamente era alcalde por AP. En 1995 formaría parte como suplente da candidatura de Independentes de Meaño, encabezada polo entón alcalde e amigo seu Jorge Domínguez Rosal.

En maio de 1997 foi elixido presidente do Partido Popular de Sanxenxo. Nas eleccións municipais de 1999 encabezou a candidatura e foi elixido alcalde dese concello con maioría absoluta. Catro anos despois, en maio de 2003, revalidou a maioría absoluta, converténdose no primeiro alcalde de Sanxenxo que foi reelixido dende 1987.

En xullo de 2006 foi nomeado candidato do PPdeG á alcaldía de Pontevedra, polo que en decembro dese ano renunciou ao seu cargo de alcalde de Sanxenxo. O 27 de maio de 2007 gañou as eleccións municipais de Pontevedra co 44,2% dos votos, conseguindo 12 concelleiros, pero sen acadar a maioría suficiente para conseguir gobernar. Formouse un goberno do BNG, que obtivo 7 concelleiros e o 28% dos votos, e o PSdeG-PSOE, que logrou 6 edís. O 22 de maio de 2011 repetiu como candidato á alcaldía de Pontevedra. A súa candidatura foi a máis votada co 39,52% dos votos e 11 concelleiros. Outro pacto entre BNG e PSdeG-PSOE deixouno fóra do goberno municipal. Tras esta nova tentativa na que non conseguiu a alcaldía, Telmo Martín anunciou que non sería candidato ás eleccións municipais de 2015, e que continuaría á fronte do PP de Pontevedra, ata que o partido lle permitise pór en marcha a súa sucesión.

Meses despois foi designado polo Partido Popular como número 4 das listas ao Congreso dos Deputados, e saíu elixido na provincia de Pontevedra. No seu momento foi o deputado co patrimonio máis extenso das cortes, con 21,5 millóns de euros.[2] Meses máis tarde, en marzo de 2012, deixou o seu posto no concello de Pontevedra, onde foi substituído por Jacobo Moreira[3].

Regresou á política municipal de Sanxenxo en 2015 como candidato do PPdeG, logrando a vitoria con 8 concelleiros, mais non puido gobernar debido ao acordo dos demais grupos políticos que fixo alcalde ao candidato de Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL) Gonzalo Pita. En maio de 2017, tras romper o alcalde o pacto de goberno coa esquerda, alcanzou un acordo con este que supuxo a renuncia de Pita a alcaldía e que el puidese recuperala de novo[4], pasando Pita a ser primeiro tenente de alcalde. En 2019 e 2023 sería novamente reelixido alcalde, logrando a maioría absoluta con 10 concelleiros.

Sanción por invadir o dominio público na praia de Silgar editar

A comezos de 2005 a raíz dunha denuncia do colectivo Salvemos Pontevedra comezou un proceso de sanción pola construción dun edificio de luxo en primeira liña de praia nun espazo que tiña que ser reservado o espazo público. A proposta de sanción consistía nunha multa de 3 millóns de euros. No 2011 o goberno da Xunta, presidido polo popular Alberto Núñez Feijóo, decidiu arquivar a sanción sen que figurase na referencia cos asuntos tratados que o Goberno galego lles achega aos medios.[5][6]

Sentenza por cobro de sobreprezos en Navia editar

En xuño de 2018 condenan en firme á inmobiliaria Construcuatro, da que Telmo Martín era socio no momento dos feitos, por cobrar sobreprezos a compradores de vivendas de protección autonómica. A Xunta impuxo á construtora unha multa de 2,5 millóns de euros e esixiu a devolución doutros 1,2 millóns de euros aos compradores prexudicados. Máis de 30 afectados denunciaron á inmobiliaria por obrigarlles a pagar un sobreprezo por pisos de protección pública, as cantidades oscilaban entre os 9.000 e os 31.000 dependendo da vivenda.[7][8]


Predecesor:
José Luis Rodríguez Lorenzo
  
Alcalde de Sanxenxo
 
1999 - 2006
Sucesor:
Catalina González Bea
Predecesor:
Gonzalo Gonzalo Pita
  
Alcalde de Sanxenxo
 
2017 - actualidade
Sucesor:
no cargo

Notas editar

  1. "nova do expediente a Costrucuatro". Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2015. Consultado o 27 de xuño de 2008. 
  2. "Telmo Martín, el diputado más rico del Congreso". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2019-02-03. 
  3. Telmo Martín renuncia a su acta de concejal en Pontevedra, La Voz de Galicia, 26/3/2012.
  4. Telmo Martín toma posesión como alcalde de Sanxenxo, Faro de Vigo, 31/5/2017
  5. David Lombao (mércores 25, abril 2012). "A Xunta defende a legalidade do 'perdón' dunha multa de 3 millóns a Telmo Martín". Consultado o 3 de febreiro de 2019. 
  6. Carbajo, Primitivo (2012-04-16). "Feijóo ‘perdona’ una multa de tres millones a la firma de Telmo Martín". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-03. 
  7. David Reinero (xoves 14, xuño 2018). "A construtora de Telmo Martín cobrou sobreprezos en vivendas protexidas e Feijóo di que as urnas o avalaron". Consultado o Domingo, 3 de febreiro 2019. 
  8. Lois, Elisa (2016-03-22). "El Superior confirma que dueños de pisos sociales pagaron sobreprecios". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-03. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar