Teófano Anastaso

emperatriz de Bizancio

Teófano Anastaso (en grego: Θεοφανώ Αναστασώ), nada no Peloponeso en 941 e finada sobre 980 en Constantinopla?. Emperatriz bizantina, nai dos emperadores Basilio II e Constantino VIII, así como da princesa Ana Porfiroxéneta quen contraeu matrimonio co príncipe Vladimiro I o Grande, monarca da Rus de Kíiv. Na historiografía bizantina é famosa pola súa beleza física e os seus supostos crimes[1].

Teófano Anastaso
Nome completoΑναστασώ e Анастаса
Nacementoc. 941
Lugar de nacementoLaconia
Falecemento976
NacionalidadeImperio Bizantino
Ocupaciónraíña
PaiCrátero
CónxuxeRomano II e Nicéforo II
FillosAna Porfirogénita, Constantino VIII e Basilio II
Na rede
WikiTree: Karbonopsina-3
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Inicios editar

O seu verdadeiro nome era Anastasia, familiarmente, Anastaso[2], e segundo Xoán Escilitzes (quen escribiu un século despois) era filla dun taberneiro do Peloponeso, chamado Crátero[3][4]. Con todo, o patronímico Crátero corresponde tamén a unha gran familia de militares que destacou a partir do século IX[5].

Nada en 941, a súa beleza seduciu ao que sería o seu primeiro esposo e entón herdeiro do título de emperador bizantino Romano II quen casou con ela en 956. A partir de entón foi coñecida polo nome, máis aristocrático, de Teófano. Para distinguila doutros personaxes homónimos coñecida como Teófano Anastaso.

A chegada a Constantinopla dunha muller que non pertencía á aristocracia local, orixinou unha serie de rumores na corte, algúns dos cales foron recollidos polos historiadores da época<[1]. O primeiro deles sinálaa como responsábel da morte do emperador Constantino VII; sendo, segundo estes cronistas e os historiadores que os seguiron como Gibbon, ela mesma quen preparou a apócema[6].

Morte de Romano II editar

Tras catro anos de reinar con Romano II, este morreu subitamente o 15 de marzo de 963 á idade de 26 anos. Teófano deveu así rexente dos seus fillos Basilio II e Constantino VIII, coa axuda do eunuco Xosé Bringas. Teófano e Bringas desfixéronse de practicamente toda a burocracia: O irmán de Romano II, Basilio, foi desposuído da súa posibilidade de acceder ao trono e do seu cargo de "chambelán", outorgándoselle o cargo de proedus. A sogra de Teófano, Helena Lecapena, foi apartada da corte, relegada a un exilio interno nun recuncho do palacio real xunto ás catro irmás de Romano II -Zoe, Agata, Ana e Teodora-. Logo Teófano obrigou ao patriarca Polieucto a que consagrase como monxas a tres das catro irmás de Romano II (a cuarta irmá, Teodora, casou con Xoán Tzimisces), quitándolles con isto toda posibilidade de poder dinástico.

Historiadores posteriores acusaron tamén a Teófano de ter envelenado ao seu esposo; o cal é improbábel pois a morte de Romano ocorreu un par de días despois de que Teófano dese a luz á súa filla Anna e en tal momento a morte do seu primeiro esposo colocábaa nunha situación pouco segura[7][8].

Alianza con Nicéforo Focas editar

O seu rol á fronte do Imperio bizantino fíxose difícil dada a carencia de aliados políticos. A fin de estabilizar o trono fixo un acordo secreto con Nicéforo Focas quen era entón un xeneral prestixioso; este entrou violentamente en Constantinopla o 15 de agosto do 963, dando morte entre outros a Bringas e fíxose coroar e Hagia Sofía ao día seguinte. Ao mesmo tempo recluíu a Teófano na fortaleza de Petrión nos outeiros do Corno de Ouro. En decembro do mesmo ano, con todo, ambos se desposaron o 20 de decembro de 963, no palacio imperial; de maneira que Teófano reocupou o poder, dándolle lexitimidade a Nicéforo ao integrar, por matrimonio, a dinastía macedonia[9].

Alianza con Tzimiskes e asasinato de Focas editar

As torpes accións militares do novo soberano resultaron contraproducentes no campo diplomático e o Imperio viuse envolvido en varias frontes de combate, aumentaron os impostos e o apoio popular viuse resentido. Ao mesmo tempo, as malas colleitas provocaron fames negras. Nicéforo, para remediar esta situación, puxo límites á acumulación de riquezas nos mosteiros, o cal lle fixo perder o apoio da Igrexa. Xestouse unha ampla conspiración e a noite do 10 ao 11 de decembro de 969, o seu sobriño Xoán I Tzimisces cruzou o Bósforo en plena tormenta, ocultouse no Palacio e introduciuse na cámara imperial, onde matou o seu tío.

A lenda supuxo que Teófano era amante do aposto Tzimisces, dado que aquela noite ela abandonou a habitación imperial deixando as portas abertas. Máis aló da realidade dunha implicación amorosa, o certo é que ambos conspiraron contra o emperador[10].

Caída e exilio de Teófano editar

Tzimisces propúñase contraer enlace con Teófano, como maneira de ligarse á dinastía, con todo había un poderoso partido na corte que se opuña a ela, encabezado polo Patriarca Polieucto. Este negouse a coroar ao novo emperador a menos que castigase a todos os que o axudaron no asasinato de Nicéforo, comezando pola "emperatriz escarlata" (alusión á Rameira da Apocalipse) e repudiando os decretos do seu predecesor que lesionaban os intereses da Igrexa. O novo emperador considerou entón que o apoio eclesiástico era preferíbel ao dunha emperatriz desprestixiada, polo cal a exiliou á illa de Proti no Mar de Mármara. Aínda que o Patriarca faleceu dous meses máis tarde, o exilio non lle foi levantado[10].

Retorno editar

Aínda prisioneira, Teófano continuou intervindo nos asuntos imperiais; e o 9 de decembro de 971 logrou concretar o matrimonio de Teófano Skleraina, sobriña de Tzimisces, co emperador occidental Otón II.

Tras a morte de Tzimisces (976) os fillos de Teófano, Basilio e Constantino asumiron o poder en conxunto. O seu primeiro decreto foi levantar o exilio da súa nai, quen retornou a palacio, onde tivo novamente gran influxo.

A última mención de Teófano corresponde ao ano 978, cando solicitou ao xeneral xeorxiano Xoán Tornikio a concreción dunha alianza con David III Curopalata para apoiar aos seus fillos contra a rebelión de Bardas Skleros. As circunstancias da súa morte son pouco coñecidas[11].

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Ash, John (1995). A Byzantine Journey. I.B. Tauris & Co. Ltd. p. 243. ISBN 1 84511 307 1.
  2. Davids, Adelbert (2002). The Empress Theophano: Byzantium and the West at the Turn of the First Millennium. Cambridge University Press. p. 325. ISBN 0-521-52467-9. The emperor Romanos II was married to the daughter of a merchant, called Anastaso, who took the name of Theophano at marriage 
  3. Bréhier, Louis. The life and death of Byzantium. North-Holland Pub. Co. ISBN 0-7204-9008-1. Anastasia, daughter of Craterus, of illustrious parentage according to the panegyrist, but a former barmaid nicknamed Anastaso according to the other chronicles. Not only did Constantine approve this marriage, but he had it celebrated with great splendour in the church of Hagia Sophia and gave his daughter- in-law 
  4. Diehl, Charles. Byzantine portraits. A.A. Knopf. OCLC 1377097. Her father, Craterus, of Laconian origin, was an obscure plebeian who kept a public-house in one of the slums of the capital. She herself, before her marriage, was called Anastasia, or more familiarly, Anastaso 
  5. Signes Codoñer, Juan. The Emperor Theophilos and the East, 829–842: Court and Frontier in Byzantium during the Last Phase of Iconoclasm, Routledge, 2016. Página 89.
  6. Gibbon, Edward (1904). The Rise and Fall of the Roman Empire. Londres Ballantyne, Hanson & CO. Tome V.p. 247.
  7. Reuter, Timothy; McKitterick, Rosamond (1995). The New Cambridge Medieval History: c. 900-c. 1024. Cambridge University Press. p. 597. ISBN 9780521364478.
  8. Norwich, John Julius. Byzantium: The Apogee. New York: Alfred A. Knopf: 1992, p. 192-194
  9. Ostrogorsky, George (1969). History of The Byzantine State. New Brunswick: Rutgers University Press. p. 284. ISBN 0-8135-0599-2.
  10. 10,0 10,1 Ash. John (1995). A Byzantine Journey, 1995. I.B. Tauris & Co. Ltd., London. p. 248.
  11. Kaldellis, Anthony (2017) Streams of Gold, Rivers of Blood: The Rise and Fall of Byzantium, 955 A.D. to the First Crusade. OUP USA