Tariku Novales

atleta galego
(Redirección desde «Tariku Novales Quinteiro»)

Tariku Novales Quinteiro, nado en Jijiga (Etiopía) o 8 de marzo de 1998, é un atleta galego, especialista en probas de fondo e medio fondo. Cun tempo de 2:05.48, é o actual posuidor do récord de España de maratón.

Infotaula de personaTariku Novales

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento8 de marzo de 1998 Editar o valor em Wikidata (26 anos)
Jijiga, Etiopía Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónatleta Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua galega e lingua castelá Editar o valor em Wikidata

IAAF: 14630487 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Nacido en Etiopía, aos 6 anos foi adoptado por unha familia de Noia. Rapidamente integrado na vila noiesa, aos dous meses xa falaba galego e castelán.[1] Iniciouse no atletismo no Club Atletismo Noia, practicando saltos, lanzamento de xavelina e carreiras de valados, ata que optou polas carreiras de fondo e medio fondo.[1] En 2013 proclamouse campión de España cadete dos 3000 metros en pista cuberta, e en 2014 formou parte da xeración de atletas galegos que participaron nos trials de Bakú, como parte da clasificación para os Xogos Olímpicos da Xuventude, competindo na proba de 1500 metros xunto a Adrián Ben e Miguel González Carballada.[2] En 2015 proclamouse campión de España xuvenil na proba de 3000 metros.

Instalado na Residencia Blume de Madrid, especializouse na proba de 5000 metros, da que se proclamou subcampión europeo sub-20 en 2017 na cidade italiana de Grosseto, rematando só por detrás do futuro campión olímpico e plusmarquista mundial Jakob Ingebrigtsen.[3] Ese mesmo ano coroouse como campión de España júnior dos 5000 en Granollers,[4] logro que repetiu ao ano seguinte en Soria, xa en categoría sub-23.[5] Tamén en 2018, no Campionato Europeo de Campo a Través, conseguiu a medalla de bronce na proba por equipos da categoría sub-23, na que competiu xunto a Adrián Ben e Amin Houkmi.[6]

En 2019 proclamouse campión de España sub-23 nos 3000 metros, no certame celebrado en Salamanca, e participou tamén no Campionato Absoluto da mesma proba, onde finalizou quinto. Ese ano regresou de Sant Cugat del Vallès coa medalla de prata do Campionato de España de Medio Maratón, onde foi superado só por Houssame Edine Benabbou. En febreiro de 2020 proclamouse campión nacional de medio maratón no Porto de Sagunto, por diante de Mohamed Ali Jelloul e Alberto Sánchez.[7]

Coa imposibilidade de correr trala irrupción da pandemia de COVID-19, aproveitou para facer a súa primeira incursión no mundo da música, publicando un tema de rap titulado "Suficiente", con videoclip incluído.[8] Dúas lesións postergaron o seu regreso ás pistas e no verán de 2022 perdeu a súa bolsa e a súa praza na Residencia Blume.[9][10] Decidiu entón mudar o rumbo da súa carreira deportiva, e aos seus 24 anos pasou a competir na proba do maratón. O seu debut na distancia produciuse en abril de 2022, no Maratón de Madrid, onde sufriu numerosos problemas que o afastaron dos bos tempos.[11]

No verán regresou á súa Etiopía natal para se instalar en Adís Abeba, onde levou a cabo duros adestramentos.[9] Volveu a España en novembro, e a pesar de ter problemas nun fémur, correu o Maratón de Valencia e cruzou a meta como o primeiro dos atletas españois.[12] O seu tempo de 2h07'18'' foi a cuarta mellor marca española da historia e supuxo un novo récord galego, ao rebaixar en 36 segundos o rexistro do histórico Alejandro Gómez, falecido o ano anterior.[13]

En novembro de 2023, de novo no Maratón de Valencia, fixo historia ao bater o récord de España, sendo o primeiro atleta do país en baixar das dúas horas e seis minutos, establecendo a nova marca en 2h05'48''.[14]

Resultados editar

Resultados nacionais editar

Data Competición Lugar Resultado
Categorías inferiores
2012 Campionato de España de atletismo sub-16 en pista cuberta, en 3000 metros Oviedo
2013 Campionato de España de atletismo sub-16 en pista cuberta, en 3000 metros Valencia
Campionato de España de atletismo sub-16, en 3000 metros Granollers
2014 Campionato de España de atletismo sub-16 en pista cuberta, en 3000 metros Valencia
2015 Campionato de España de atletismo sub-18, en 3000 metros Cidade Real
2017 Campionato de España de atletismo sub-20, en 5000 metros Granollers
2018 Campionato de España de atletismo sub-23, en 5000 metros Soria
Campionato de España de atletismo sub-23, en 10000 metros Burjassot
2019 Campionato de España de atletismo sub-23, en 5000 metros Tarragona
Campionato de España de atletismo sub-23, en 3000 metros Salamanca
Absoluto
2019 Campionato de España de medio maratón Sant Cugat del Vallès
2020 Campionato de España de medio maratón Porto de Sagunto

Resultados internacionais editar

Data Competición Lugar Resultado
Categorías inferiores
2017 Campionato de Europa de atletismo sub-20, en 5000 metros Grosseto

Maratóns editar

Data Competición Lugar Resultado Tempo
2022 Maratón de Madrid Madrid 17º 2h22'07''
Maratón de Valencia Valencia 16º 2h07'18''
2023 Campionato do Mundo Budapest 21º 2h12'39''
Maratón de Valencia Valencia 11º 2h05'48''

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Castro, Xosé Ramón (4 de decembro de 2017). "Tariku, la naturalidad hecha atleta". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 22 de abril de 2023. 
  2. Castro, Xosé Ramón (10 de xuño de 2015). "El abanderado de la generación de Bakú". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 22 de abril de 2023. 
  3. "Tariku Novales remata con plata en 5.000 un gran sábado para España". La Vanguardia (en castelán). 22 de xullo de 2017. Consultado o 22 de abril de 2023. 
  4. "LXIV Campeonato de España Junior" (PDF) (en castelán). 8 de xullo de 2017. Consultado o 23 de abril de 2023. 
  5. "Galicia completa con seis metales el Nacional de atletismo sub 23 de Soria". El Correo Gallego (en castelán). 8 de xullo de 2018. Consultado o 22 de abril de 2023. 
  6. "Adrián Ben, bronce por equipos no Europeo sub-23 de cross" |url= incorrecto (Axuda). 9 de decembro de 2018. Consultado o 22 de abril de 2023. 
  7. "Tariku Novales y Elena Loyo campeones de España de medio maratón". La Vanguardia (en castelán). 2 de febreiro de 2020. Consultado o 22 de abril de 2023. 
  8. Nieto, José (26 de maio de 2020). "Tariku Novales, el gallego adoptado de Etiopía: promesa del atletismo español y del hip-hop". El Español (en castelán). Consultado o 22 de abril de 2023. 
  9. 9,0 9,1 "El 'milagro' del maratoniano español de 24 años que corrió en Valencia "completamente cojo desde la salida" en 2:07.18" (en castelán). 8 de decembro de 2022. Consultado o 22 de abril de 2023. 
  10. "Tariku Novales no podrá correr en dos meses debido a un edema óseo" (en castelán). 27 de decembro de 2020. Consultado o 22 de abril de 2023. 
  11. "La odisea de Tariku Novales en su debut en maratón en Madrid". Sport (en castelán). 26 de abril de 2022. Consultado o 22 de abril de 2023. 
  12. "El gallego Tariku Novales, primer español con mínima para los Juegos de París". Faro de Vigo (en castelán). 21 de decembro de 2022. Consultado o 22 de abril de 2023. 
  13. "Tariku Novales sucede a Alejandro Gómez como plusmarquista gallego de maratón". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de decembro de 2022. Consultado o 22 de abril de 2023. 
  14. "Tariku Novales esnaquiza o récord de España de maratón e fai historia". Nós Diario. 3 de decembro de 2023. Consultado o 3 de decembro de 2023. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar