Factor de crecemento transformante alfa

(Redirección desde «TGF alfa»)
imaxe baseada en PDB 1mox.
Factor de crecemento transformante, alfa
Identificadores
Símbolo TGFA
Símbolos alt. TFGA
Entrez 7039
OMIM

190170

RefSeq NP_001093161
UniProt P01135
Outros datos
Locus Cr. 2 :(70.45 – 70.55 Mb)

O factor de crecemento transformante alfa (TGF-α) é unha proteína codificada en humanos polo xene TGFA situado no cromosoma 2, que funciona como factor de crecemento.[1] Como membro da familia do factor de crecemento epidérmico (EGF), o TGF-α é un polipéptido mitoxénico.[2] A proteína actívase cando se une a receptores que teñen actividade de proteína quinase para realizar así sinalizacións celulares.

O TGF-α é un ligando para o receptor do factor de crecemento epidérmico, que activa unha vía de sinalización para a proliferación celular, diferenciación e desenvolvemento. Esta proteína pode actuar como ligando para o seu receptor tanto en estado soluble coma en estado unido a unha proteína transmembrana. O seu xene foi asociado con moitos tipos de cancro, e pode tamén estar implicado nalgúns casos de padal/beizo fendido (leporino).[1]

Síntese editar

O TGF-α é sintetizado internamente formando parte dun precursor transmembrana máis grande de 160 aminoácidos (en humanos) ou 159 (en ratas).[3] O precursor está composto por un dominio extracelular que contén un dominio transmembrana hidrofóbico, un tramo de 50 aminoácidos, que é o TGF-α, e un dominio citoplasmático de 35 residuos de longo.[3] Na súa forma máis pequena o TGF-α ten seis cisteínas que se unen por medio de tres pontes disulfuro. Colectivamente todos os membros da familia EGF/TGF-α comparten esta estrutura. Non obstante, esta proteína non está directamente relacionada co TGF-β.

No estómago, o TGF-α prodúcese na mucosa gástrica sa.[4] O TGF-α inhibe a secreción de ácido gástrico.[4] O TGF-α pode tamén producirse en macrófagos, células do cerebro, e queratinocitos.

Función editar

O TGF-α induce o desenvolvemento epitelial. O TGF-α é membro da familia de EGF, as accións biolóxicas do TGF-α e do EGF son similares. Por exemplo, o TGF-α e o EGF únense ao mesmo receptor, EGFR. Cando o TGF-α se une ao EGFR pode dar inicio a múltiples eventos de proliferación celular.[5] Os eventos de proliferación celular que implican a unión do TGF-α ao EGFR inclúen a curación de lesións e a embrioxénese. O TGF-α está tamén implicado na xénese de tumores e crese que promove a anxioxénese.[3] O TGFα estimula a proliferación das células neurais no cerebro adulto lesionado.[6]

O receptor de TGF-α editar

Unha proteína de membrana de 170 kDa glicosilada chamada receptor de EGF (EGFR) únese ao TGF-α, o que permite que o polipéptido funcione en varias vías de sinalización celular.[2] O receptor de EGF caracterízase por ter un dominio extracelular que ten numerosos aminoácidos. O EGFR consta dun só dominio transmembrana, un dominio intracelular (que ten actividade de tirosina quinase), e recoñecemento de ligando.[2] Como factor de crecemento ancorado en membrana, o TGF-α pode ser clivado da proteína integral de membrana por unha protease.[3] As formas solubles de TGF-α son o resultado da clivaxe e teñen a capacidade de activar ao EGFR, aínda que o EGFR pode ser activado tamén a partir dun factor de crecemento unido a membrana.

Cando o TGF-α se une ao EGFR dimerízase desencadeando a activación do seu dominio con actividade de proteína-tirosina quinase. A actividade de proteína-tirosina quinase causa unha autofosforilación de varios residuos tirosina do C-terminal do EGFR, o que inflúe na activación e sinalización doutras proteínas que interaccionan en moitas vías de transdución.

 
Vía de sinalización de EGFR unha vez que se uniu ao TGF-α.

Estudos en animais editar

Nun modelo animal da enfermidade de Parkinson no que foron danadas neuronas dopaminérxicas pola 6-hidroxidopamina, a infusión do TGF-α no cerebro causou un incremento no número de células presursoras neuronais.[6] Porén, o tratamento con TGF-α non causou neuroxénese de neuronas dopaminérxicas.[7]

Estudos en humanos editar

O TGF-α e o sistema neuroendócino editar

A familia EGF/TGF-α regula a hormona liberadora da hormona luteinizante (LHRH) por medio dun proceso interactivo glial-neuronal.[2] o TGF-α producido nos astrocitos hipotalámicos, estimula indirectamente a liberación da LHRH por medio de varios intermediarios. Como resultado, o TGF-α é un compoñente fisiolóxico esencial para a iniciación do proceso da puberdade feminina.[2]

O TGF-α e o núcleo supraquiasmático editar

O TGF-α tamén se expresa no núcleo supraquiasmático. Isto suxire un papel da sinalización de EGFR na regulación do reloxo biolóxico e ritmos circadianos no sistema nervioso central.[8] En estudos similares nos que se inxectou no terceiro ventrículo, o TGF-α pode suprimir o comportamento locomotor circadiano xunto coas actividades de beber e comer.[8]

O TGF-α e os tumores editar

Suxeriuse o seu uso potencial como biomarcador para facer prognósticos en varios tumores, como o cancro gástrico[9] ou no melanoma.[10]

Interaccións editar

O TGF-α presenta interaccións con GORASP1[11] e GORASP2.[11]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Entrez Gene: TGFA transforming growth factor alpha". 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Ojeda, S.; Ma, Y.; Rage, F. The transforming growth factor alpha gene family is involved in the neuroendocrine control of mammalian puberty. Mol. Psychiatry 1997, 2, 355.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Ferrer, I.; Alcantara, S.; Ballabriga, J.; Olive, M.; Blanco, R.; Rivera, R.; Carmona, M.; Berruezo, M.; Pitarch, S.; Planas, A. Transforming growth factor- α (TGF-α) and epidermal growth factor-receptor (EGF-R) immunoreactivity in normal and pathologic brain. Prog. Neurobiol. 1996, 49, 99.
  4. 4,0 4,1 Coffey, R.; Gangarosa, L.; Damstrup, L.; Dempsey, P. Basic actions of transforming growth factor- α and related peptides. Eur. J. Gastroen. Hepat. 1995, 7, 923.
  5. McInnes, C; Wang, J; Al Moustafa, AE; Yansouni, C; O'Connor-McCourt, M; Sykes, BD (1998). "Structure-based minimization of transforming growth factor-alpha (TGF-alpha) through NMR analysis of the receptor-bound ligand. Design, solution structure, and activity of TGF-alpha 8-50".". J. Biol. Chem 273 (42): 27357–63. doi:10.1074/jbc.273.42.27357.
  6. 6,0 6,1 Fallon J, Reid S, Kinyamu R, Opole I, Opole R, Baratta J, Korc M, Endo TL, Duong A, Nguyen G, Karkehabadhi M, Twardzik D, Patel S, Loughlin S (2000). "In vivo induction of massive proliferation, directed migration, and differentiation of neural cells in the adult mammalian brain". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 97 (26): 14686–91. PMC 18979. PMID 11121069. doi:10.1073/pnas.97.26.14686. 
  7. Cooper O, Isacson O (October 2004). "Intrastriatal transforming growth factor alpha delivery to a model of Parkinson's disease induces proliferation and migration of endogenous adult neural progenitor cells without differentiation into dopaminergic neurons". J. Neurosci. 24 (41): 8924–31. PMC 2613225. PMID 15483111. doi:10.1523/JNEUROSCI.2344-04.2004. 
  8. 8,0 8,1 Hao, H.; Schwaber, J. Epidermal growth factor receptor induced Erk phosphorylation in the suprachiasmatic nucleus. Brain Res. 2006, 1088, 45. PMID 16630586
  9. Fanelli MF (Aug 2012). "The influence of transforming growth factor-α, cyclooxygenase-2, matrix metalloproteinase (MMP)-7, MMP-9 and CXCR4 proteins involved in epithelial-mesenchymal transition on overall survival of patients with gastric cancer.". Histopathology. 61 (2): 153–61. PMID 22582975. doi:10.1111/j.1365-2559.2011.04139.x. 
  10. Tarhini AA (Jan 2014). "A four-marker signature of TNF-RII, TGF-α, TIMP-1 and CRP is prognostic of worse survival in high-risk surgically resected melanoma..". J Transl Med. 12. PMC 3909384. PMID 24457057. doi:10.1186/1479-5876-12-19. 
  11. 11,0 11,1 Barr FA, Preisinger C, Kopajtich R, Körner R (December 2001). "Golgi matrix proteins interact with p24 cargo receptors and aid their efficient retention in the Golgi apparatus". J. Cell Biol. 155 (6): 885–91. PMC 2150891. PMID 11739402. doi:10.1083/jcb.200108102. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar