Abrir o menú principal

Susan Dimock

médica estadounidense

Susan Dimock, nada en Washington, Carolina do Norte (EEUU) o 24 de abril de 1847 e finada na costa das illas Scilly, Inglaterra o 7 de maio de 1875, foi unha pioneira da medicina estadounidense que recibiu a súa cualificación como médica na Universidade de Zúric en 1871 e posteriormente foi nomeada médica residente do Hospital de Nova Inglaterra para Mulleres e Nenos, agora coñecido como o Dimock Community Health Center, e que foi renomeado na súa honra despois do seu afogamento tráxico en 1875. Dimock viaxaba a Europa por traballo e vacacións cando morreu no naufraxio do SS Schiller na costa das illas Scilly. Tamén é lembrada por converterse na primeira muller membro da Sociedade Médica de Carolina do Norte.

Susan Dimock
Nacemento24 de abril de 1847
 Washington
Falecemento7 de maio de 1875
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterUniversidade de Zúric
Ocupaciónmédica e xinecóloga
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

InfanciaEditar

Susan Dimock naceu en Washington, Carolina do Norte, filla de Henry e Mary Malvina (de solteira, Owens) Dimock. A familia descendía de Thomas Dimock que emigrou de Inglaterra a Dorchester, Massachusetts en 1637 e máis tarde reasentouse en Barnstable, Massachusetts. Susan Dimock era curmá afastada de Ira Dimock (1827-1917), un fabricante de seda, e tamén estaba emparentada con Henry F. Dimock, un avogado da cidade de Nova York asociado cos intereses empresariais da familia Whitney. O seu pai, que era nativo de Limington, Maine, foi nomeado director da Roxbury High School en 1831 aínda que era totalmente autodidacta; máis tarde trasladouse a Carolina do Norte, onde ensinou na escola, estudou dereito e serviu como editor do North State Whig. A súa esposa Mary era tamén mestra e complementaba os seus ingresos administrando un hotel.[1]

Despois de que o pai de Dimock morrese en 1863, Susan Dimock foi educada en casa pola súa nai. Ao final da guerra civil estadounidense mudouse coa súa nai a Sterling, Massachusetts, onde asistiu a unha escola de nenas e levou a cabo unha exhaustiva lectura de cada libro de texto médico que podía pedir prestado. No outono de 1865 ela ensinou na escola en Hopkinton, Massachusetts. O 10 de xaneiro de 1866, entrou no Hospital de Nova Inglaterra para Mulleres e Nenos, onde comezou a aprender medicina mediante unha estreita observación nas salas e o dispensario. Tamén se lle permitiu a asistir a roldas clínicas no Hospital Xeral de Massachusetts así como ás da Enfermaría de Ollos e Oídos.[1]

CarreiraEditar

Cando a súa solicitude para inscribirse na facultade de medicina de Harvard foi rexeitada, Dimock dirixiuse ás facultades de medicina de Europa e foi admitida na Universidade de Zúric en Suíza en 1868. Graduouse con honras en 1871 e a súa tese foi publicada ese ano en Zúric. Os últimos anos dos seus estudos viviu coa familia da súa amiga Marie Heim-Vögtlin, onde se sentiu moi feliz.[2] A pesar da súa mala situación financeira, decidiu ir a Viena xunto coa súa compañeira de estudos de medicina de Zúric, Marie Bokowa, durante uns meses, onde coñeceu a Auguste Forel e a C. E. Hoestermann. Os catro chamáronse a si mesmos o "Wiener Quartett" (Cuarteto de Viena) e planeaban reunirse novamente en xullo de 1875 en Zúric.[3]

Despois dos seus estudos clínicos en Viena e París, volveu aos Estados Unidos. Como a Sociedade Médica de Carolina do Norte estaba constituída unicamente por homes e só se lle outorgaría unha membresía honoraria, Dimock incorporouse ao Hospital de Nova Inglaterra para Mulleres e Nenos, onde foi nomeada médica residente o 20 de agosto de 1872. Ela mellorou e aumentou o servizo do hospital, no curso do cal abriu a primeira escola de enfermaría nos Estados Unidos o 1 de setembro de 1872. Traballou como cirurxián, desenvolveu unha práctica privada en obstetricia e xinecoloxía e realizou unha serie de operacións cirúrxicas importantes, algunhas das cales foron mencionadas nas revistas médicas da época.[1]

FalecementoEditar

Desde había moito tempo Dimock quería volver visitar Europa, tivo a oportunidade de facelo en maio de 1875; Dimock e dúas das súas amigas máis próximas —Caroline Crane e Elizabeth "Bessie" Greene (filla do reformador William Batchelder Greene)- abordaron o vapor SS Schiller, desde Nova York a Plymouth e Hamburgo. O 7 de maio de 1875, Dimock, Greene e Crane estaban entre as 336 persoas que perderon a vida cando o SS Schiller golpeou o Retarrier Ledges das illas Scilly preto do faro Bishop Rock.[1] Dimock tiña 28 anos.

A súa lápida no cemiterio Forest Hills, en Boston, di: «Susan Dimock, cirurxián e médica do Hospital de Mulleres e Nenos de Nova Inglaterra, perdida no vapor Schiller, nas illas Scilly, o 8 de maio (sic) de 1875».

En 1939 o Departamento de Conservación e Desenvolvemento de Carolina do Norte erixiu un marcador histórico na súa honra.

En 1996, a pedra de mármore orixinal foi trasladada de Boston ao cemiterio da igrexa episcopal de San Pedro en Washington, Carolina do Norte, debido a que un grupo en Boston decidiu substituílo cunha réplica de granito.

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 The National Cyclopaedia of American Biography, Vol. XIX, p. 30. Nova York: James T. White & Company, 1926.
  2. Müller, Verena E. (2008). Marie Heim-Vögtlin – die erste Schweizer Ärztin (1845–1916): Ein Leben zwischen Tradition und Aufbruch (en alemán) (2ª ed.). hier+jetzt Verlag. ISBN 978-3-03919-061-4, p.155
  3. Hans H. Walser (ed.) (1968). August Forel: Briefe. Correspondance 1864 - 1927 (en alemán, parcialmente en francés). Verlag Hans Huber, Berna, pp. 82, 85, 487

Véxase taménEditar