Surfer Rosa é o primeiro álbum de estudio da banda estadounidense de rock alternativo Pixies, editado o 21 de marzo de 1988 a través do selo británico 4AD. O álbum destaca polas referencias pouco habituais a temas como a mutilación ou o voyeurismo, pola produción lo-fi, e polo son único da batería, que debe moito ao enxeñeiro de son e produtor do disco Steve Albini.

Surfer Rosa
Álbum de Pixies
Publicado21 de marzo de 1988
Gravacióndecembro de 1987
Estudio(s)Q-Division en Boston, Massachusetts
Duración32:50
Xénero(s)rock alternativo, indie rock
Selo(s)4AD
ProdutorSteve Albini
Cronoloxía
Come On Pilgrim
(1987)
Surfer Rosa Doolittle
(1989)
Na rede
Spotify: 2fv7PQkt5BZqwGx21wiSc1 Last fm: Pixies/Surfer+Rosa Discogs: 16731 Allmusic: mw0000196022 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Como 4AD era unha discográfica independente, a distribución nos Estados Unidos foi realizada pola etiqueta británica Rough Trade Records; con todo, o disco non chegou a entrar nas listas dos dous países. Só se lanzou un sinxelo do álbum, unha versión regravada de "Gigantic", que alcanzou o número 93 da lista británica.[1] Surfer Rosa foi reeditado nos Estados Unidos por Elektra Records en 1992, e en 2005 foi certificado ouro pola Recording Industry Association of America.[2]

Surfer Rosa adoita incluírse nas listas da crítica dos mellores discos de rock. Artistas de rock alternativo como Billy Corgan e PJ Harvey citárono como unha inspiración;[3] foi unha influencia no álbum de Nirvana de 1993 In Utero, que tamén produciu Albini.

Antecedentes

editar

Antes do lanzamento do mini-álbum de estrea dos Pixies, Come On Pilgrim, en outubro de 1987, Ivo Watts-Russell, presidente de 4AD, suxeriu que regresasen ao estudio para gravar un álbum completo. O plan orixinal era gravar material novo nos Fort Apache Studios, onde a banda producira The Purple Tape e Come On Pilgrim. Porén, debido a diferenzas entre o representante do grupo Ken Goes e o produtor de The Purple Tape Gary Smith, Pixies acabou buscando un novo estudio e un noovo produtor. Por consello dun colega en 4AD, Watts-Russell buscou contratar a Steve Albini como técnico de gravación e produtor do disco. Tras enviar unha cinta de prelanzamento de Come On Pilgrim a Albini, Goes invitouno a unha cea en Boston na casa do batería David Lovering unhas semanas despois do lanzamento de Come On Pilgrim.

Albini coñeceu á banda aquela noite e discutiron como debería soar e como debería gravarse o seu próximo. Albini dixo que, "[a banda e eu] estabamos no estudio o seguinte día".[4] Paul Q. Kolderie, que traballara nos Fort Apache Studios con Smith, recomendoulle a Albini o estudio de gravación Q Division de Boston.[5] Isto creou tensión entre Smith e Kolderie, e o segundo destacou posteriormente que "Gary case me mata pola suxestión, pensou que estaba tramando conseguir o proxecto".[6]

Gravación e produción

editar

Pixies entraron en Q Division en decembro de 1987, reservando dez días de traballo no estudio para gravar o álbum.[4] 4AD asignoulles un orzamento de 10 000 dólares, cun custo total duns 18 000 dólares.[7][8] A tarifa de Albini foi de 1 500 dólares e non recibiu regalías polo seu traballo; Albini tiña a práctica de rexeitar as regalías dos discos que producía, considerándoo como "un insulto á banda".[9] Ao lado de Albini, Jon Lupfer de Q Division actuou como asistente de estudio.[6] O proceso de gravación tivo lugar durante todo o período reservado, engadindo posteriormente mesturas extra de voces.[10] Albini planeou mesturar o disco "noutro lugar", pero segundo Lupfer, "non estaba contento con iso".[11]

Técnicas de gravación de Albini

editar

Durante as tomas de voces de Kim Deal en "Where Is My Mind?" e "Gigantic", Albini moveo o equipo para gravar nun baño do estudio e así conseguir un eco máis "espazoso". John Murphy, o marido de Deal, dixo, "A Albini non lle gustaba o son do estudio".[12] Albini dixo posteriormente que o disco podería estar completado nunha semana, pero "acabamos probando cousas máis experimentais basicamente para matar o tempo e ver se se materializaba algo bo".[5] Un exemplo foi "Something Against You", onde Albini filtrou a voz de Black Francis a través dun amplificador de guitarra para conseguir "unha textura totalmente irregular e viciosa".[13]

Leria no estudio

editar

A gravación dunha conversa mantida entre Francis e Albini pode escoitarse ao final de "Oh My Golly!". Lupfer escribe que "era un concepto que el [Albini] buscaba para conseguir algo de leria no estudio". Cando Deal saía do estudio para fumar un cigarro, exclamou: "Se alguén toca as miñas cousas, matareite". Francis respondeu con "Matareite, morrerás, se alguén toca as miñas cousas". O tema comeza nese momento, con Francis explicando a conversa a Albini, ao cal non se escoita no corte. Lupfer admitiu máis tarde que Albini sabía "perfectamente o que estaba a pasar".[14]

"I'm Amazed" comeza con Deal contando unha historia na que un dos seus antigos mestres, que estaba "interesado en xogadores de hóckey sobre herba", foi despedido discretamente. Francis remata as frases de Deal bromeando con que a súa resposta ao decatarse das actividades do mestre foi intentar unirse ao equipo.[15] Albini observou despois que o uso de bromas no estudio en Surfer Rosa "está no seu disco para sempre polo que agora creo que agora están obrigados a dicir que están de acordo con iso, aínda que honestamente non sei se esa idea xurdiría se eu non o fixera. Hai momentos nos que cousas así son reveladoras e entretidas e sentín que era un pouco artificioso neste disco".[16]

Música

editar

Ao igual que Come On Pilgrim, Surfer Rosa mostra unha mestura de estilos musicais; cancións de guitarra pop como "Broken Face", "Break My Body", e "Brick Is Red" aparecen xunto con temas máis lentos e melódicos exemplificados por "Where Is My Mind?". O álbum inclúe material máis pesado e destaca a dinámica de voz da banda. O vocalista e compositor principal Black Francis escribiu o material, coa única excepción de "Gigantic", que foi coescrita con Kim Deal. "Gigantic" é un dos dous únicos temas do álbum de Pixies nos que Deal cantou a voz principal.

O contido lírico de Surfer Rosa inclue exames de mutilación e incesto en "Break My Body" e "Broken Face", mentres que aparecen referencias a superheroes en "Tony's Theme". O voyeurismo aparece en "Gigantic", e as letras surrealistas aparecen en "Bone Machine" e "Where Is My Mind?". Hai referencias a Porto Rico e letras en español nos temas "Oh My Golly!" e "Vamos". Esta última aparecera anteriormente en Come On Pilgrim, e aparece en Surfer Rosa como unha versión regravada da orixinal. Moitos dos temas explorados en gravacións anteriores retómanse en Surfer Rosa; con todo, a diferenza dos discos posteriores da banda, as cancións de Surfer Rosa non están preocupadas por un tema xeral.

No álbum hai outros temas pouco convencionais. "Cactus" é narrada por un preso que pide á súa moza que lle manche o seu vestido con sangue e que llo envíe por correo.[10] "Gigantic" fala dunha historia de amor ilícita[17] e está inspirada no filme de 1986 Crimes of the Heart, na cal unha muller casada namora dun adolescente. Francis inspirouse para escribir "Where Is My Mind?" despois de practicar submarinismo no Caribe. Máis tarde dixo que tiña "un peixe moi pequeno intentando perseguirme. Non sei por que, non sei demasiado sobre o comportamento dos peixes".[18]

Lanzamento

editar

Surfer Rosa foi publicado no Reino Unido por 4AD o día 21 de marzo de 1988, entrando na lista indie británica na seguinte semana. Pasou 60 semanas na lista, chegando ata o número 2.[19] Ata agosto dese ano só estivo dispoñible nos Estados Unidos de importación. Aínda que o selo tiña os dereitos de distribución internacionais dos Pixies, non tiña acceso a un distribuidor fóra do Reino Unido. Cando 4AD asinou un contrato de distribución coa rama estadounidense de Rough Trade, o álbum publicouse en vinilo e casete como parte do lanzamento Surfer Rosa/Come On Pilgrim. Aínda que Surfer Rosa/Come On Pilgrim seguiu publicándose en CD no Reino Unido, posteriores edicións estadounidenses lanzáronse en dous CDs separados. Estas edicións separadas apareceron por vez primeira en xaneiro de 1992, cando Elektra Records reeditou pro primeira vez os dous primeiros álbums da banda. Despois de que 4AD volvese a facerse cos dereitos de distribución da banda nos Estados Unidos, publicou os dous álbums como CDs separados.[20] Surfer Rosa foi certificado ouro pola Recording Industry Association of America en 2005, 17 anos despois do seu lanzamento orixinal.[21]

"Gigantic" foi o único sinxelo sacado de Surfer Rosa. O tema e a súa cara b, "River Euphrates", foron regravados por Gil Norton nos Blackwing Studios de Londres a principios de maio de 1988.[22] O sinxelo remesturado foi ben recibido pola crítica,[23] aínda que non vendeu ben e só pasou unha semana no número 93 da lista británica de sinxelos.[24] A pesar das pobres vendas tanto de Surfer Rosa como de "Gigantic", Ivo Watts-Russell dixo que a resposta ao álbum foi cinco veces maior que a de Come On Pilgrim.[25]

Embalaxe

editar

A portada de Surfer Rosa ten unha fotografía dunha "amiga dun amigo" da banda en topless, posando como unha bailadora de flamenco, inclinada contra unha parede cun crucifixo e un cartel roto. Simon Larbalestier, que aportou imaxes a todos os álbums de Pixies, decidiu construír o set porque "non atopamos a atmosfera que queriamos de forma natural". Segundo Larbalestier, a Black Francis ocorreuselle a idea da portada mentres escribía cancións no "bar español de topless" do seu pai; Larbalestier engadiu o crucifixo e o póster roto, e "en certo modo cargárono con todo o catolicismo".[26] Comentando a portada en 2005, Francis dixo: "Só espero que a xente a atope de bo gusto".[27] O libreto amplía o tema, e inclúe fotografías da bailadora de flamenco noutras poses; non hai letras de cancións nin contido escrito, ademais dos créditos do álbum, no libreto.

As fotografías do libreto tomáronse nun día nun pub fronte as oficinas de 4AD, porque, segundo Larbalestier, "era un dos poucos lugares que tiña un escenario elevado".[26] Nunha entrevista en 1988 con Joy Press, Black Francis describiu o concepto como referíndose a "unha moza surfista", que "pasa pola praia de Piñones, ten unha táboa de surf, moi bonita". Cando se lle preguntou sobre o elemento do topless, respondeu, "Para o primeiro disco, díxenlles que me gustaba a nudez. Gústanme as liñas do corpo, non necesariamente algo de mal gusto, nin sequera tiña que ser feminina, só as liñas do corpo... como ese anuncio de Obsession, sabes?"[13] Segundo Melody Maker, o álbum titulábase orixinalmente "Gigantic" pola canción de Deal, pero a banda temía unha mala interpretación da portada e cambiouno por "Surfer Rosa".[18] O "nome" da muller da portada, e o título do álbum, proceden da letra de "Oh My Golly!" "Besando, chichando con Surfer rosa".

Recepción da crítica

editar
Críticas profesionais
Avaliacións da crítica
Fonte Avaliación
AllMusic      [20]
Blender      [28]
Mojo      [29]
NME 9,5/10[30]
Pitchfork 10/10[31]
The Rolling Stone Album Guide      [32]
Sounds      [33]
Spin A+[34]
Spin Alternative Record Guide 10/10[35]
The Village Voice B[36]

As recensións na prensa musical británica de Surfer Rosa foron polo xeral positivas. Ian Cranna de Q escribiu que "o que distingue aos Pixies son os seus repentinos estoupidos de melodía pop memorable", e destacou que "poderían ter un futuro brillante por diante". Mark Sinker de NME, revisando o álbum en marzo de 1988, dixo que "forzan o pasado a soar como eles",[30] mentres que Dave Henderson da revista Underground atopou que as cancións eran "bosquexos ben elaborados e ben presentados que abrazan ideais comerciais, así como momentos estraños fóra de control".[37] John Douga da revista estadounidense Spin describiuno como "fermosamente brutal",[38] e a revista máis tarde nomeou a Pixies os seus músicos do ano.[39] Nunha crítica contemporánea menos entusiasta para The Village Voice, Robert Christgau atopou os riffs de guitarra da banda recoñecibles e os seus fortes ritmos únicos, pero sentiu que foran sobrevalorados polos críticos que os aclamaron como "o achado de Amerindie do ano".[36] Nunha crítica de 2003 do EP homónimo dos Pixies de 2002, Christgau escribiu que, aínda que inicialmente lle pareceran algo molestas as letras feéricas e filosoficamente limitadas de Francis, Surfer Rosa agora lle parecía "audazmente divertido e musicalmente profético".[40]

A finais de 1988, Surfer Rosa foi nomeado un dos mellores discos do ano nas listas de fin de ano da crítica inglesa. As revistas de música independente Melody Maker e Sounds nomearon a Surfer Rosa como o seu disco do ano; NME e Record Mirror colocaron o álbum nos postos 10º e 14º, respectivamente.[17] varias revistas musicais posicionaron dende entón a Surfer Rosa como un dos discos de rock alternativo por excelencia dos anos 80. O álbum apareceu en varias listas de mellores álbums de todos os tempos, e está constantemente situado como un dos mellores álbums da década de 1980 en calquera xénero.

Legado

editar

Tanto Surfer Rosa como a produción do álbum de Steve Albini tiveron unha grande influencia no rock alternativo e no grunge en particular. Kurt Cobain de Nirvana citou a Surfer Rosa como a base para a composición de Nevermind.[41] Cando escoitou pro vez primeira o disco, Cobain descubriu un modelo para a mestura de ruído pesado e pop que pretendía conseguir. En 1992 comentou que "escoitou en Surfer Rosa cancións que el mesmo escribira, pero que descartou porque tiña demasiado medo de interpretalas para ninguén".[42] Cobain incluíu a Surfer Rosa como un dos 50 mellores álbums que pensaba que eran máis influentes para o son de Nirvana no seu diario en 1993.[43] Cobain contratou a Albini para producir o álbum de Nirvana de 1993 In Utero principalmente debido á súa contribución a Surfer Rosa.[44]

Billy Corgan de The Smashing Pumpkins describiu Surfer Rosa como "o que me fixo pensar, 'meu deus'. Era tan fresco. Era roqueiro sen ser débil". Corgan quedou impresionado co son da batería do álbum, e recoñeceu que The Smashing Pumpkins adoitaba estudar o disco polos seus elementos técnicos.[25] Nada Surf tamén citou o álbum como unha influencia.[45] A música PJ Harvey dixo que Surfer Rosa "voóume a cabeza" e que "foi de inmediato buscar a Steve Albini".[46] J Mascis de Dinosaur Jr., comparando o disco cos álbums posteriores de Pixies, Bossanova e Trompe le Monde, dixo que pensaba que a produción de Albini "soaba moito mellor que as outras".[47]

Ivo Watts-Russell lembrou: "Recordo cando escoitei por primeira vez Surfer Rosa pensando, 'Non sabía que os Pixies puidesen soar como The Fall'. Esa foi a miña reacción inmediata, noutras palabras, incriblemente crua".[48] Gary Smith, que naquel momento estaba en desacordo coa banda, admitiu que "estaba moi feliz de que fixeran un disco tan contundente e agresivo".

En 1991, mentres os Pixies gravaban Trompe le Monde, Albini díxolle á revista de fans Forced Exposure que Surfer Rosa era "un simple parche dunha banda que nos seus mellores momentos só chegaron a ser unha banda entretida de rock universitario", e dixo sobre a banda: "A súa vontade de ser 'guiada' polo seu representante, a súa discográfica e os seus produtores non ten parangón. Nunca vin catro vacas máis ansiosas por deixarse ​​levar polos seus aros do nariz".[9] En 2005 Albini pediu desculpas polas observacións, dicindo: "Ata o día de hoxe lamento telo feito. Creo que non considerei á banda tan significativamente como debería".[49] En 2023 dixo que Surfer Rosa era "un disco mellor do que pensaba que era naquel momento".[50]

Listaxe de cancións

editar

Todos os temas compostos por Black Francis agás "Gigantic", escrito por Black Francis e Kim Deal.

N.º Título Duración
1. "Bone Machine"   3:02
2. "Break My Body"   2:04
3. "Something Against You"   1:47
4. "Broken Face"   1:29
5. "Gigantic"   3:54
6. "River Euphrates"   2:31
7. "Where Is My Mind?"   3:53
8. "Cactus"   2:15
9. "Tony's Theme"   1:51
10. "Oh My Golly!"   2:32
11. "Vamos"   4:21
12. "I'm Amazed"   1:41
13. "Brick Is Red"   2:00
33:21
  1. "Gigantic". Official Charts (en inglés). 1988-09-03. Consultado o 2024-10-26. 
  2. "Gold & Platinum - Surfer Rosa". RIAA (en inglés). Consultado o 2024-10-26. 
  3. "Pixies on the making of Surfer Rosa". Long Live Vinyl (en inglés). 2019-03-25. Consultado o 2024-10-26. 
  4. 4,0 4,1 Frank, Ganz, 2005. p. 75
  5. 5,0 5,1 Frank, Ganz, 2005. p. 76
  6. 6,0 6,1 Frank, Ganz, 2005. p. 77
  7. Sisario, 2006. p. 46
  8. Britt, Bruce (6 de setembro de 1989). "Bands Bring Fresh Sound to the Big Time". Los Angeles Daily News. p. L9
  9. 9,0 9,1 Albini, Steve. "They Don't Call Him the Martin Hannett of the '90s For Nothing." Forced Exposure #17. 1991.
  10. 10,0 10,1 "4AD - Pixies". web.archive.org. 2011-06-06. Archived from the original on 06 de xuño de 2011. Consultado o 2025-01-02. 
  11. Frank, Ganz, 2005. p. 83
  12. Frank, Ganz, 2005. pp. 80-81
  13. 13,0 13,1 "[AlecEiffel.net] Pixies Articles - Pixies, by Joy Press". aleceiffel.free.fr. Consultado o 2025-01-03. 
  14. Frank, Ganz, 2005. p. 79
  15. "I'm Amazed". dag.wiee.rs. Consultado o 2025-01-03. 
  16. Frank, Ganz, 2005. p. 80
  17. 17,0 17,1 Sisario, 2006. p. 19
  18. 18,0 18,1 "[AlecEiffel.net] Pixies Titles/Names". aleceiffel.free.fr. Consultado o 2025-01-03. 
  19. Lazell, Barry (1997). Indie Hits 1980–1999. Cherry Red Books. ISBN 0-9517206-9-4
  20. 20,0 20,1 "Surfer Rosa - Pixies". AllMusic (en inglés). Consultado o 2025-01-03. 
  21. "Gold & Platinum". RIAA (en inglés). Consultado o 2025-01-03. 
  22. Sisario, 2006. p. 43
  23. Frank, Ganz, 2005. p. 88
  24. "Gigantic". Official Charts (en inglés). 1988-09-03. Consultado o 2025-01-04. 
  25. 25,0 25,1 Frank, Ganz, 2005. p. 87
  26. 26,0 26,1 Frank, Ganz, 2005. p. 84
  27. Wolk, Douglas. "Pixies – Surfer Rosa". Spin. Xullo de 2005
  28. "Surfer Rosa - Blender". web.archive.org. 2009-04-21. Archived from the original on 21 de abril de 2009. Consultado o 2025-01-04. 
  29. Cameron, Keith (setembro de 2019). "Perfectly Frank". Mojo. No. 310. Londres. p. 39
  30. 30,0 30,1 "NME.COM - PIXIES - Surfer Rose - 19/3/1988". web.archive.org. 2000-09-30. Archived from the original on 30/09/2000. Consultado o 2025-01-04. 
  31. Powell, Mike. "Pixies: Catalog". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-01-05. 
  32. Brackett, Nathan (2004). The new Rolling Stone album guide (completely revised and updated 4th ed ed.). New York: Simon and Schuster. pp. 639-640. ISBN 978-0-7432-0169-8. 
  33. Wilkinson, Roy (19 de marzo de 1988). "Catch This Wave!". Sounds. Londres
  34. Milner, Greg (setembro de 2004). "Rock Music: A Pixies Discography". Spin. Vol. 20, no. 9. Nova York. p. 73
  35. Weisbard, Eric; Marks, Craig (1995). Spin alternative record guide. New York: Vintage. pp. 301–302. ISBN 978-0-679-75574-6. 
  36. 36,0 36,1 "Robert Christgau: Consumer Guide Sept. 27, 1988". robertchristgau.com. Consultado o 2025-01-05. 
  37. Henderson, Dave (abril de 1988). "Pixies: Surfer Rosa". Underground. No. 13. p. 18
  38. Dougan, John (xullo de 1988). "The Pixies: Surfer Rosa". Spin. Vol. 4, no. 4. New York. p. 93.
  39. Sisario, 2006. p. 20
  40. "Robert Christgau: Consumer Guide Feb. 11, 2003: The Prelude". robertchristgau.com. Consultado o 2025-01-05. 
  41. "4AD - Pixies - Ephemera - Kurt Cobain on Pixies and The Breeders". web.archive.org. 2007-04-21. Archived from the original on 21 de abril de 2007. Consultado o 2025-01-05. 
  42. Azerrad, Michael (1994). Come As You Are: The Story of Nirvana. Doubleday. pp. 103–104. ISBN 978-0-307-83373-0. 
  43. "Top 50 by Nirvana". Joyful Noise Recordings. Consultado o 2025-01-07. 
  44. Frank, Ganz, 2005. p. 220
  45. "Nada Surf : interview op KindaMuzik". www.kindamuzik.net (en inglés). Consultado o 2025-01-09. 
  46. Frank, Ganz, 2005. p. 120
  47. Frank, Ganz, 2005. p. 85
  48. "Pixies on the making of Surfer Rosa". Long Live Vinyl (en inglés). 2019-03-25. Consultado o 2025-01-09. 
  49. Frank, Ganz, 2005. p. 86
  50. "Steve Albini said he was "ashamed" of Pixies backlash". faroutmagazine.co.uk (en inglés). 2024-05-20. Consultado o 2025-01-09. 

Bibliografía

editar
  • Frank, Josh; Ganz, Caryn. "Fool the World: The Oral History of a Band Called Pixies". Virgin Books, 2005. ISBN 0-312-34007-9.