Sofena ou Sofene (en armenio, Ծոփք, Copʿkʿ; en grego antigo, Σωφηνή; romanizado como Sōphēnē) foi unha provincia do reino antigo de Armenia, localizada no suroeste do reino, e tamén foi unha provincia do Imperio Romano. A rexión atópase no sueste da actual Turquía.[1]

Mapa que amosa Sofena, xusto cando se converteu nunha provincia do antigo reino de Armenia, baixo Tigranes o Grande

Denominación editar

Tamén foi denominada Shahuni ou Tsopq, aínda que ese era o nome dunha rexión concreta, acabou aplicandose a toda a zona norte comprendida entre Melitene e Amida, o espazo entre o val do Éufrates e a cabeceira do Tigris.

Historia editar

A rexión formou parte do reino de Ararat (Urartu) durante os séculos VIII e VII a. C. A comezo do século VIII a. C., o rei Argishtis I de Urartu conseguiu incorpora-la rexión no seu reino e reasentou a moitos dos seus habitantes na cidade recentemente creada de Erebuni (actual Iereván, a capital de Armenia).

Polo 600 a. C., Sofena, formou parte do antigo Reino de Armenia, creado recentemente pola dinastía Oróntida. Esta dinastía actuou como sátrapas de Armenia, primeiro baixo o Imperio Medo e, máis tarde, baixo o Imperio Aqueménida.

 
Anatolia no comezo do século I a. C., con Comaxena como estado de cliente de Roma.

Despois de que as campañas de Alexandre o Grande, no 330 a. C., provocasen a caída do imperio Aqueménida, Sofena, foise helenizando e no ano 316 a. C. pasou a formar parte do reino independente, de novo, da Grande Armenia con Orontes III.[2]

 
Sofena baixo dependencia romana (31 a. C.)

Principiando o século III a. C., instigados polo Imperio Seleúcida, que tentaba debilita-lo reino de Armenia, Sofena, esgazouse do Reino da Grande Armenia para crea-lo reino de Sofena. Este reino, que incluía tamén a Comaxena, estivo gobernado por unha póla da dinastía real armenia dos Oróntidas. Pouco despois, os seleúcidas facilitaron a separación de Comaxena do reino que quedou formado, exclusivamente, por Sofena. Ao redor do 200 a. C., no seu intento de someter por fin a Armenia, o rei seléucida Antíoco III conquistou tanto a Grande Armenia como Sofena, puxo remate a dinastía oróntida e colocou a dous xenerais de nome irania como gobernadores-estrategos nos respectivos reinos: Artaxias I (Artashes) na Grande Armenia e Zariadres (Zareh), en Sofena.[3] Trala derrota de Antíoco polos romanos na batalla de Magnesia no 190 a. C., e o establecemento da paz de Apamea no 188 a. C., tanto Zariadres como Artaxias declaráronse independentes adoptando o título de reis e quedando baixo a protección do Senado romano[3] e chegaron a crear cadansúa respectiva dinastía. Zariadres e os seus descendentes gobernaron o Reino de Sofena até que foi reunido coa Grande Armenia por Tigranes o Grande nos anos 80 a. C. As pólas da dinastía oróntida continuaron gobernando partes de Sofena despois de que, esta, fose anexionada pola Grande Armenia.[4]

 
Provincia romana de Sofena, no ano 120.

Cyril Toumanoff identifica a Sofena como o dominio dun dos catro bdeshkhs do Reino de Armenia.[4] Os bdeshkhs eran nobres de alto rango responsables da defensa das fronteiras do Reino de Armenia.

Dominio romano editar

Sofena foi separada da Grande Armenia en varias ocasións por Roma.[4] Pompeio deulle Sofena a Tigranes o Mozo despois de derrotar ao seu pai Tigranes o Grande para, posteriormente, cederlla a Ariobarzanes I de Capadocia.[4][5] Ao redor do ano 54, os romanos instalaron a Sohaemus de Emesa como rei de Sofena.[6]

Despois diso, Sofena volveu ao control armenio, pero definitivamente pasou baixo control romano de novo no 298.[4] Coa partición de Armenia entre Roma e Persia no 387, Sofena quedou baixo influencia romana e, finalmente, converteuse nunha provincia do Imperio Romano, a súa capital foi Amida (actual Diyarbakır); e durante o Baixo Imperio, foi unha provincia da diocese do Ponto.

Provincia de Armenia editar

 
Rexións históricas da Grande Armenia.

No 530, Sofena, baixo o nome de Čorrord Hayk' ("Cuarta Armenia")[7] ou Cop'ac' Kołmn ("rexión de Cop'k") foi a segunda provincia do Reino de Armenia, segundo Anania de Shirak. Como tal, constaba de oito distritos ou cantóns (gavar, գավառ):

  • Xorjean (Խորձեան);
  • Hašteank (Հաշտեանք);
  • Pałnatun (Պաղնատուն);
  • Balahovit (Բալահովիտ) / Aršamašat (Արշամշատ);
  • Cop’k’ P’ok’r (Ծոփք Փոքր) / Cop’k’ Šahuneac’;
  • Anjit (Անձիտ) / Hanjit;
  • Dēgik (Դեգիք);
  • Gawrēk’ (Գավրէք).

A zona permaneceu ocupada até o xenocidio armenio de 1915.[8]

Notas editar

  1. The History of Rome By Theodor Mommsen, William Purdie Dickson.
  2. Grousset 1984, p. 79
  3. 3,0 3,1 Grousset 1984, p. 80
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Toumanoff 1963, pp.166–167
  5. Richardson, Peter, Univ of South Carolina Press, 1996, p. 96.
  6. Swain 1996, p. 304.
  7. Xosué o Estilita 2000, p. 54
  8. Armenian Soviet Encyclopedia

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar