A sinterización é un proceso de fabricación de pezas sólidas moldeadas. Consiste en compactar varios pos de metal e / ou cerámica mesturados homoxeneamente a alta presión e, unha vez compactados, realizar un tratamento térmico a unha temperatura inferior á temperatura de fusión da mestura, obtendo unha peza consolidada e compacta.

A calor e a compactación das partículas produce bloques sinterizados
Peza de metal sinterizado
Módulos de Clínker producidos por sinterización

Este procedemento de fabricación proporciona unha grande cohesión dos pos, creando enlaces fortes entre as partículas, que acaban uníndose nun só bloque coa forma dun molde determinado.

A sinterización úsase amplamente para producir formas cerámicas de berilio, alúmina, ferrita, titanato e circana. Na sinterización, as partículas, por coalescencia de difusión, permanecen no estado sólido a pesar da alta temperatura, sempre que permanezan por debaixo do punto de fusión do composto a moldear. No proceso, a difusión atómica ten lugar entre as superficies de contacto das partículas de xeito que se unen quimicamente, formando un só bloque.

Vantaxes da sinterización editar

 
Sección transversal dunha ferramenta sinterizadora e a peza sinterizada

Con este proceso pódense obter pezas con características de materiais metálicos e / ou cerámicos, imposíbeis de acadar polos métodos tradicionais (unha gran parte das características obtidas da sinterización non se poden obter mediante o procedemento de fundición), conséguense formas complexas, que non se poden obter mediante métodos baseados na eliminación de cavaco ou labras (usinaxe, mecanización) e as pezas prodúcense sen exceso de material (non hai lascas ou outros residuos) polo que algunhas persoas describen a sinterización como un proceso de fabricación "verde".

As pezas obtidas por sinterización son porosas e estes poros permiten un eventual revestimento superficial resistente ao desprendemento e á posibilidade de encherse de elementos lubricantes (obtendo pezas autolubrificadas), xa que estes elementos están firmemente fixados grazas a estes poros.

As pezas sinterizadas son máis lixeiras (pesan habitualmente entre un 5% e un 25% menos) que o mesmo compoñente macizo, como consecuencia da existencia do micro-porosidade interna do material.

Como en todos os procesos de fabricación hai que ter presente a enerxía necesaria e a cantidade de material que se desperdicia" en forma de labras ou po, como pode ser en procesos de mecanización. A sinterización úsase principalmente con materiais que son caros, como pode ser o carburo de tungsteno, coñecido tamén como vidia (por widia, acrónimo de wie diamant , "coma o diamante", en alemán).

En resumo, as vantaxes da sinterización son:

  • Obtención das pezas a temperaturas relativamente baixas (aforro enerxético).
  • Permite a obtención das pezas directamente coa súa forma definitiva (proceso rápido).
  • Úsase todo o material sen xerar residuos, como poden ser labras ou po (aforro de materias primas e produtos).
  • Pezas moito máis lixeiras e con porosidades que permiten o seu recubrimento con lubricantes ou antioxidantes (optimización).

Aplicacións editar

As distintas aplicacións que ten dentro da pulvimetalurxia son:

  • Fabricación de obxectos con materiais refractarios.
  • Fabricación de obxectos con materiais de moita pureza e composición de alta precisión.
  • Fabricación de pezas con materiais difíciles de enmoldar.
  • Fabricación de carburos metálicos.
  • Fabricación de pezas metálicas porosas para utilizar como filtros.
  • Fabricación de pastillas de uranio natural ou levemente enriquecido utilizadas en combustibles nucleares.

Independentemente, a sinterización por láser é un dos procesos máis usados nas técnicas de prototipado rápido.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar