Shalva Vardidze[1] (en xeorxiano: შალვა ვარდიძე; en turco: Şalva Vardidze) foi un relixioso e activista político xeorxiano. Durante a súa estancia na igrexa católica xeorxiana de Constantinopla, tomou parte activa na loita pola independencia de Xeorxia, e escribiu artigos e traducións para promover a cultura xeorxiana.

Infotaula de personaShalva Vardidze
Nome orixinal(ka) შალვა ვარდიძე Editar o valor em Wikidata
Biografía
NacementoArali (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte1950 Editar o valor em Wikidata
Beirut, Líbano Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Primeiros anos editar

Shalva Vardidze naceu nunha familia católica na aldea de Arali, no distrito de Adigeni. Logo de que os rusos capturaran a rexión de Mesheti-Javakheti, os católicos xeorxianos tiveron que emigrar, polo que en 1885 marchou a Constantinopla a estudar na escola e mosteiro dos Servitas da Inmaculada Concepción. Despois de completar a súa educación non volveu a Xeorxia, e permaneceu como sacerdote na igrexa de Nosa Señora de Fátima.

En 1911 fundou unha sociedade en Constantinopla baixo o nome de "Club Xeorxiano", na que tamén participaban musulmáns desta etnia; a asociación obtivo permiso das autoridades para abrir unha escola xeorxiana en 1914, e mesmo chegou a prepararse un libro de texto para os estudantes, co título "პატარა ქართული ანბანი" (Patara Kartuli Anbani, "Pequeno alfabeto xeorxiano"). Porén, o estoupido da primeira guerra mundial no mesmo ano impediu a materialización do proxecto.

Actividade política editar

Vardidze uniuse ao Comité pola Xeorxia Independente, creado en 1914 en Alemaña, que avogaba pola independencia de Xeorxia baixo a protección alemá.[2] Pasou a ser un dos membros máis activos do Comité, que actuaba nas terras otomás na fronteira con Xeorxia e estabelecía grupos militares. Como membro do Comité, formou parte dun grupo que tentou introducir armas e municións a Xeorxia en 1917 a bordo dun submarino alemán; cando varios militantes foron capturados polos rusos, Vardidze regresou a Constantinopla coas armas, xunto con algúns compañeiros.[3] O Comité fracasou no seu propósito cando as Potencias Centrais foron derrotadas na guerra.

Shalva Vardidze foi tamén un dos fundadores do xornal "თავისუფალი საქართველო" ("Xeorxia Libre"), publicado en Constantinopla en 1921 logo de que o Exército Vermello ocupara a República Democrática de Xeorxia. O xornal tivo unha curta vida, xa que a chegada ao poder do goberno de Ancara significou unha relación máis próxima entre Turquía e a URSS. Ao mesmo tempo, Vardidze colaborou coa Unión Patriótica Tetri Giorgi, unha organización fundada en Francia que tiña como obxectivo recuperar a independencia de Xeorxia.

Por mor das presións en Constantinopla, tivo que exiliarse no Líbano a partir de 1945, onde deu clases na universidade francesa de Beirut.

Obra editar

Shalva Vardidze coñecía nove linguas, o que lle permitiu traducir dende elas e escribir artigos promovendo a cultura xeorxiana. Traduciu un libro escrito en francés polo diplomático Eugenio Dallegio d'Alessio sobre a comunidade xeorxiana de Constantinopla e da rexión do Mármara ao xeorxiano, que foi publicado en 1921. Logo de instalarse no Líbano en 1945, escribiu un libro en árabe sobre o rei xeorxiano David o Construtor, co que buscou difundir a idade dourada de Xeorxia no mundo árabe.

Notas editar

  1. Tamén Salva Vardidzé, Şalva Vardidze, Šalva Vardidzé, Schalva Vardidze, Chalva Vardidzé.
  2. Daushvili & Janelidze 2019, p. 34 "In Istanbul new members [...] and Father Superior of a local Georgian Catholic monastery Shalva Vardidze joined the Committee."
  3. Daushvili & Janelidze 2019, p. 50 "The expedition, led by Petre Surguladze and Shalva Vardidze, returned to Istanbul and took back the money and weapons supplied by the German government."

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Daushvili, Rusudan; Janelidze, Otar (2019). Giorgi Marchabelli (en bilingüe xeorxiano-inglés). Tbilisi. ISBN 9789941962042.