Semana Santa de Moaña

celebración relixiosa en Moaña

A Semana Santa en Moaña é un ciclo de actos conmemorativos da Paixón de Cristo levados a cabo no concello de Moaña, dende o Venres das Dores ata o Domingo de Pascua. As actividades realízanse na igrexa de San Martiño de Moaña e nos seus arredores. A característica principal e singular desde evento é o desencravo no Venres Santo, que se vén producindo desde antes de 1672 e onde interveñen dúas tallas do máis salientable imaxineiro galego do século XX, José Rivas Rodríguez. O evento, puro teatro barroco, só se realiza este día do ano e é un dos escasos exemplos, representado sen interrupción nestes derradeiros 350 anos, que quedan deste tipo de actos que foi común na Galicia occidental.

Descrición editar

Venres das Dores. Hai misa no serán na honra á Nosa Señora das Dores, xeralmente cantada por un coro. A continuación, sae a procesión coa Nosa Señora da Soidade ata o Cruceiro das Angustias.

Domingo de Ramos. No mediodía faise a bendición de palmas e ramos de oliveira e loureiro na praza do Cruceiro das Angustias, seguido dunha procesión de volta ó templo e unha misa.

Xoves Santo. Na tarde do Xoves Santo conmemórase a liturxia da Última Cea co traslado do Santísimo ó Monumento, seguido dunha adoración. Algúns anos sae en procesión Nosa Señora da Soidade antes da Hora Santa.

Venres Santo.

Adoración do Santísimo e Santos Oficios. Desde a primeira hora da mañá ó mediodía, a igrexa permanece aberta para a adoración do Santísimo.

Desencravo. Nas últimas horas do serán desde día ten lugar o acto do Desencravo, un descendemento teatralizado de Cristo da cruz. Disponse dun cristo articulado no altar maior e, entre varios homes, é baixado da cruz durante o sermón do sacerdote. O xacente é presentado á súa nai dolorosa para ser, a continuación, colocado nunca furna de madeira que é sacada en procesión seguido da Nosa Señora da Soidade.