Abrir o menú principal

Scopus umbretta
Hamerkop 2073025044.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Pelecaniformes
Familia: Scopidae
Bonaparte, 1849
Xénero: Scopus
Brisson, 1760
Especie: S. umbretta
Nome binomial
Scopus umbretta
Gmelin, 1789

Scopus umbretta, coñecido na literatura internacional con nomes equivalentes a cabeza de martelo, ave martelo ou umbreta, é unha especie de ave pernalta de tamaño medio duns 56 cm de lonxitude e un peso de 470 g. A forma da súa cabeza co seu longo peteiro e crista na parte posterior lembra á dun martelo. Vive desde África, incluída Madagascar, a Arabia, en zonas húmidas como estuarios, beiras de lagos, lagoas, ribeiras de ríos e, en Tanzania, costas rochosas. É unha ave sedentaria que a miúdo realiza movementos locais, pero non grandes migracións. Non está ameazada e é localmente abondosa en África e Madagascar.[2]

Taxonomía e sistemáticaEditar

 
Vista de perfil óllase mellor a súa cabeza con forma de martelo.

Esta especie clasifícase xeralmente dentro da orde Ciconiiformes, pero podería ser máis próxima aos Pelecaniformes.[3] Clasifícase como única especie do xénero Scopus e da familia Scopidae debido ás súas singulares características.[2]

SubespeciesEditar

Hai dúas subespecies, Scopus umbretta umbretta e Scopus umbreta minor.[2]

DescriciónEditar

 
A subespecie S. u. minor é máis pequena e escura.

A súa plumaxe é de cor marrón pardacenta con iridescencias púrpuras nas costas (a subespecie S. u. minor é máis escura).[2] O peteiro é longo, plano e lixeiramente curvado.[2] O pescozo e patas son máis curtas do que é habitual noutras aves ciconiformes. Ten os pés parcialmente palmados, aínda que non se sabe a razón (non fai unha vida moi natatoria).[4] A deda media é pectinada (como un peite) igual que a das garzas.[2] A súa cola é curta e as súas ás son grandes, amplas, e de puntas arredondadas. Pode planar ben, e cando voa planando estarrica o pescozo cara adiante como as cegoñas ou ibis, pero durante o voo batente dobra o pescozo para atrás de modo parecido ao que fan as garzas.[4]

As súas vocalizacións consisten en grallar e producir unha chamada renxente que emite durante o voo. Non obstante, son principalmente silenciosas agás cando van en grupos.[4]

Distribución e hábitatEditar

Vive en África ao sur do Sahara, en Madagascar e na zona costeira suroeste da peninsula Arábiga en todas as zonas húmidas, incluíndo terras irrigadas como os campos de arroz, e tamén en sabanas e bosques. A maioría son sedentarias nos seus territorios, pero algunhas migran a hábitats que son adecuados só na estación húmida. Sempre que se forman novos corpos e auga, como encoros ou canais, estas aves colonízanas rapidamente.[4]

Comportamento e ecoloxíaEditar

 
Individuo recollendo material para aniñar no lago Naivasha, Kenya.

S. umbretta ten un comportamento diferente ao doutras aves. Unha característica pouco corrente é que se poden xuntar ata dez destas aves nas "cerimonias" nas cales corren en círculos unhas aredor doutras, chiando ruidosamente, erguendo as cristas, e movendo as ás. Outro comportamento é a "falsa monta", na cal un individuo permanece sobre outro e parece montalo, pero non teñen que ser unha parella e non copulan.[2][4]

ReproduciónEditar

 
Vista parcial dun niño.
 
S. umbretta en Malaui.

O aspecto máis estraño do comportamento desta ave é o seu enorme niño, ás veces de máis de 1,5 m de diámetro, e formado por uns 10.000 pauciños, que é forte dabondo para soportar o peso dun home. A ave decora a parte exterior con calquera obxecto brillante que atope. Cando lle é posible, constrúe o niño onde se esgallan as pólas das árbores, que a miúdo colgan sobre a auga, pero se for necesario constrúeno nas ribeiras de ríos, grandes penedos, paredes construídas polo ser humano ou presas, ou sobre o chan. Unha parella empeza facendo uha plataforma de paus unidos con lama, despois constrúe as paredes e un tellado en cúpula. Ten unha entrada feita de barro de 13 a 18 cm de ancho no fondo que dá paso a un túnel de ata 60 cm de longo, que acaba nunha cámara para aniñar grande dabondo para albergar aos proxenitores e ás crías.[4]

Estas aves son construtoras compulsivas de niños, e fan de tres a cinco niños por ano tanto se están reproducíndose coma se non. Outras aves como as curuxas e bufos poden forzalos a saír e apodéranse dos niños, pero cando estes marchan, as S. umbretta poden reutilizar os niños.[2] As serpes, pequenos mamíferos como as xenetas, e varias aves poden vivir nestes niños abandonados; os paxaros ploceidos Ploceus velatus e os estúrnidos Lamprotornis hildebrandti, e pombos poden acaroar os seus niños á parte exterior.[4]

Cando finalizan un niño, a parella fai unha exhibición similar á das cerimonias en grupo e apareamentos, xeralmente na parte superior do niño. A posta consta de tres a sete ovos, que empezan sendo brancos mais axiña se tornan manchados. Ambos os sexos incuban durante de 28 a 30 días. Ambos os dous alimentan as crías, a miúdo deixándoas soas durante longos períodos de tempo; este hábito pouco común en aves pernaltas é posible polas grosas paredes do seu niño. As crías eclosionan cubertas de penuxe gris. Uns 17 días despois de eclosionaren, desenvólveselles a plumaxe da cabeza e crista, e nun mes, a plumaxe corporal. Abandonan o niño aos 44 a 50 días pero permanecen subidos a el pola noite ata uns dous meses despois da eclosión.[4]

AlimentaciónEditar

Estas aves aliméntanse durante o día, a miúdo descansando a mediodía pousados. Normalmente aliméntase sós ou en parellas. O alimento é o típico das aves pernaltas, e o principal son anfibios. Tamén comen peixes, crustáceos, insectos e roedores. Andan por augas pouco profundas procurando as súas presas, arrastrado un só pé cada vez sobre o fondo ou abrindo de repente as ás para espantar as presas de onde se agochan.[4]

Na culturaEditar

Hai moitas lendas sobre estas aves. Nalgunhas rexións, a xente afirma que outras especies de aves lles axudan a construír os niños.[4] Os informantes de lingua xam de Wilhelm Bleek afirmaron que cando voaba para visitar o seu campamento, sabían que alguén próximo a eles morrera.[5]

Nalgunhas culturas coñécese co nome de paxaro do raio, e os bosquimáns do Kalahari cren ou crían que se intentabas roubar un niño desta ave eras despois alcanzado por un lóstrego. Tamén cren que ao deus hostil Khauna non lle agradaba que alguén matase a unha destas aves.[6] Segundo unha antiga crenza malgache, aquel que destrúa os seus niños terá despois a lepra, e un poema malgache chámaa "ave funesta".[7] Esas crenzas déronlle a esta ave certa protección.[8]

A base de datos Scopus, de resumos e citas de artigos de revistas eruditas, recibiu ese nome en honor desta ave, xa que é coñecida polas súas habilidades superiores de navegación.[9]

NotasEditar

  1. BirdLife International (2012). "Scopus umbretta". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 del Hoyo, J. Elliott, A. & Sargatal, J. (editors). (1992) Handbook of the Birds of the World. Volume 1: Ostrich to Ducks. Lynx Edicions. ISBN 84-87334-10-5
  3. Van Tuinen, Marcel; Butvill, Dave Brian; Kirsch, John A. W.; Hedges, S. Blair (2001). "Convergence and divergence in the evolution of aquatic birds" (PDF). Proceedings of the Royal Society of London 26 (8): 1345–1350. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de maio de 2008. Consultado o 18 de febreiro de 2016. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 4,9 Shukla, Arvind N.; Tyagi, Rajiv (2004). Encyclopaedia of Birds. Anmol Publications PVT. LTD. p. 234. ISBN 81-261-0967-X. Consultado o September 25, 2008. 
  5. Schapera, Isaac (1965). The Khoisan Peoples of South Africa. G. Routledge and Paul. p. 167. Consultado o September 22, 2008. 
  6. Schapera op. cit., p. 189
  7. Fox, Leonard (1990). Hainteny: The Traditional Poetry of Madagascar. Bucknell University Press. pp. 261, 422. ISBN 0-8387-5175-X. 
  8. Child, Graham; Chitsike, Langford (August 31, 2000). "'Ownership' of Wildlife". En Prins, Herbert H. T.; Grootenhuis, Jan Geu; Dolan, Thomas T., editors. Wildlife Conservation by Sustainable Use. Netherlands: Springer. p. 253. ISBN 0-412-79730-5. 
  9. Burnham, JF (2006). "Scopus database: A review". Biomedical Digital Libraries 3: 1. PMC 1420322. PMID 16522216. doi:10.1186/1742-5581-3-1. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar