Coñécese como A Sanjurjada o golpe de estado liderado polo xeneral José Sanjurjo Sacanell[1] o 10 de agosto[2] de 1932 contra a II República. O golpe, que fracasou no mesmo día do seu inicio, foi secundado por amplos sectores do exército e da dereita española, desde os republicanos conservadores até os monárquicos. Aínda que non foi o primeiro golpe tramado contra a II República, si que foi o primeiro en executarse.

O xeneral Sanjurjo e outros militares esperando para seren xulgados

Preparación do golpe editar

Como director xeral da Garda Civil no momento da proclamación da II República, Sanjurjo comprometeuse a non mobilizar o corpo en defensa da monarquía. A defección de Sanjurjo resultou decisiva para que Afonso XIII se decidise a abandonar España e o novo réxime puidese ser proclamado sen enfrontamentos.

Sanjurjo conservou así o seu cargo. Con todo, axiña se desencantou coa República, pois consideraba demasiado atrevidas as súas reformas e vía con preocupación as dificultades das autoridades para manter a orde pública. Precisamente a Garda Civil viuse envolta en numerosos enfrontamentos coa poboación civil, ao encargarse de disolver manifestacións e desordes.

Os contactos de Sanjurjo cos golpistas comezaron no outono de 1931. O golpe fora en orixe ideado por liberais antidinásti cos que pretendían unha República conservadora, con Sanjurjo como Xefe do Estado e Lerroux de presidente do Goberno. Nos meses seguintes uníronse un amplo grupo de militares africanistas, como o xeneral Goded. Na primavera de 1932 comprometéronse tamén carlistas e afonsinos, confiados en que despois dun goberno militar, o golpe se decantaría pola restauración da monarquía.

O golpe editar

Os conxurados pretendían efectuar o golpe ao longo do verán de 1932. O goberno da República, coñecedor dos preparativos, tomou medidas preventivas como a detención a mediados de xuño de varios militares implicados, entre eles os xenerais Orgaz ou Barrera. Estas detencións xunto cos receos entre os distintos grupos implicados no golpe crearon dúbidas entre os conxurados e dificultaron o desenvolvemento da trama civil. Lerroux declarou publicamente coñecer os preparativos, pero asegurou ter rexeitado os ofrecementos dos conspiradores. Acción Católica tamén se desmarcou das súas accións.

O golpe iniciouse por fin en Madrid ás 3:30 do 10 de agosto, coa sublevación dun escuadrón ao mando do capitán Manuel Fernández Silvestre. Este tratou de tomar os edificios de Correos e o ministerio de Guerra, na praza de Cibeles. A acción foi repelida con varios mortos entre os asaltantes e precipitou o fracaso do golpe na capital, onde a situación estaba controlada xa a primeira hora da mañá.

O eixo da conxura desprazouse a Sevilla, onde Sanjurjo instalara o día anterior o seu cuartel xeral. Na mañanciña Sanjurjo logrou facerse co control do Concello e do Goberno Civil, e declarou o estado de guerra en Andalucía. O bando militar rezaba:[3][4]

Queda declarado o estado de guerra en toda a rexión andaluza, coas consecuencias que devandito estado leva consigo. Como Capitán Xeral de Andalucía, asumo o mando concentrado na miña autoridade de todos os poderes. Así como Deus permitiume levar ao Exercito español á Vitoria nos campos africanos, aforrando o derramamento de sangue moza, confío en que tamén hoxe me será permitido, coa miña actitude, levar a tranquilidade a moitos fogares humildes, e a paz a todos os Espíritos.

Viva España Única e inmortal!

Ao longo da mañá sóubose en Sevilla do fracaso en Madrid. Asemade, sóubose que os carlistas se inhibían nas provincia do norte, o outro eixo da conxura. Nos barrios obreiros de Sevilla abriuse paso unha unha insurrección popular e declarouse a folga xeral. No serán grupos de traballadores confluíron no centro da cidade e deron cabo do golpe. Na madrugada do 11 Sanjurjo foi recoñecido e apreixado en Huelva xunto do seu fillo Justo por unha patrulla da Garda Civil, cando trataban de pasar a Portugal.

A represión do golpe editar

Sanjurjo, xunto co seu fillo e dous dos seus colaboradores máis estreitos, foi conducido a Madrid. O 24 de agosto foron sometidos a un Consello de Guerra sumarísimo. Sanjurjo foi sentenciado a morte, con accesoria de separación do exército. Mentres o seu fillo foi absolto, os seus dous colaboradores foron sentenciados a longas penas de prisión. Sanjurjo negouse a asinar unha petición de clemencia, aínda que a pena acabaríalle sendo conmutada pola de prisión perpetua. Con todo, como o resto de militares implicados, beneficiríase dunha amnistía en 1934 concedida polo goberno de Lerroux.

A represión do golpe incluíu a separouse das súas funcións de case medio cento de diplomáticos e un cento de maxistrados relacionados coa conxura. Foron relevados dos seus cargos dous xenerais de división e decretouse o pase á reserva de Mola, Cavalcanti e Millán Astray. Tamén se produciron relevos e modificacións na estrutura da Garda Civil: suprimido o director xeral, pasou a depender directamente do Ministro da Gobernación. Foron suspendidos 109 xornais e detívose a máis de cinco mil persoas.

Consecuencias do golpe editar

O triunfo sobre o golpe reforzou ao goberno da República, que acelerou a tramitación da Lei de Reforma Agraria e do Estatuto de Cataluña. Asemade, aumentou a confianza das autoridades republicanas nos seus servizos de intelixencia e na súa capacidade para esquivar calquera golpe militar.

O golpe provocou a reorganización de Acción Popular. No seu congreso de outubro resolveu expulsar de militancia aqueles que apoiasen a violencia contra a República. Esta resolución propiciou a fundación de Renovación Española a inicios de 1933.

Os partidarios da acción violenta contra a República non abandonaron a vía da conspiración, pero a Sanjurjada serviulles para comprobar que un golpe de cuartel de corte clásico tiña poucas posibilidades de éxito. A pesar do seu fracaso e posterior encarceramento, Sanjurjo seguiría sendo a figura de referencia para os golpistas. De feito, todo apunta a que estaba destinado a ser o líder do golpe do 18 de xullo de 1936.

Referencias externas editar

  • GONZÁLEZ CALLEJA, Eduardo: Contrarrevolucionarios: Radicalización violenta de las derechas durante la Segunda República, 1931-1936. Alianza Editorial, Madrid, 2011. Véxase en particular o Capítulo 2: "El 10 de agosto y sus consecuencias, 1932-1933", páxinas 81-126.

Notas editar

  1. Maura, Miguel; Joaquín Romero Maura. "capítulo II: La Sanjurjada". Así Cayó Alfonso XIII (en castelán). Marcial Pons Historia. ISBN 978-84-96467-44-6. 
  2. Culla i Clarà, Joan B. (13 de xaneiro de 2006). "Una sanjurjada virtual". El País (en castelán). Consultado o 7 de maio de 2009. 
  3. Pettenghi Lachambre, José Aquiles (2009). Detrás del Silencio. El Trágico Destino de los Gobernadores Civiles de Cádiz (en castelán). Jerez de la Frontera (Cádiz): Artepick. pp. 72–77. ISBN 978-84-936799-0-3. 
  4. Nerín, Gustau (2005). La guerra que vino de África. Barcelona: Critica SL. p. 107. ISBN 9788484326182. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar