San Millán de la Cogolla
San Millán de la Cogolla é un municipio da comunidade autónoma da Rioxa, en España. Situado ao pé da Serra da Demanda (Sistema Ibérico) na vertente oriental que separa a Meseta do Val do Ebro, a 728 m de altitude sobre o nivel do mar e a beiras do río Cárdenas.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | A Rioxa | ||||
Capital | San Millán de la Cogolla | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 214 (2023) (6,86 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 31,19 km² | ||||
Altitude | 728 m | ||||
Comparte fronteira con | Berceo (pt) Villavelayo (pt) Ezcaray Pazuengos (pt) Mansilla de la Sierra (pt) Tobía (pt) Anguiano Estollo (pt) Villar de Torre (pt) | ||||
Organización política | |||||
• Alcaldesa | Maria del Pilar Mendoza Martinez (en) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 26326 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 26130 | ||||
Aínda que non está situado exactamente no Camiño de Santiago, moitos peregrinos desprazábanse ata alí para logo retomar a ruta xacobea. É coñecido especialmente polos seus mosteiros de Suso e Yuso, desde 1997 Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Historia
editarO municipio tomou o seu nome do santo Millán (evolución ao castelán do nome en latín Æmilianus ou Emiliano), anacoreta que foi alumno de San Felices e viviu do 474 ao 575, creador da comunidade mixta de eremitas de Suso, que logo daría lugar a un dos focos culturais máis importantes da época medieval no sur de Europa.
Por esas datas existía no lugar unha igrexa chamada de San Jorge, que sería igrexa parroquial do pobo ata 1542, na que se encontraba a sepultura de Santa Potamia, discípula de San Millán. Esta ermida, do século XII, consérvase na actualidade á entrada do pobo, xunto ao río Cárdenas, e está considerada unha das igrexas consagradas máis antigas da Rioxa.
Entre os séculos XVI e XVII, levantouse o Mosteiro de San Millán de Yuso (ou de abaixo), de grandes proporcións denominado dende os anos 1960 "o Escorial da Rioxa". Este mosteiro foi un dos máis influentes na época medieval na Península Ibérica e foi o centro relixioso de moitas zonas da Rioxa, Burgos, Soria, Palencia e Áraba.
En 1997 os dous mosteiros de San Millán de la Cogolla, Suso e Yuso foron catalogados pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade.
Demografía
editarA poboación do municipio está dividida en dous núcleos: San Millán de la Cogolla (258 hab. en 2010) e El Río (20 hab.).
1900 | 1930 | 1950 | 1970 | 1981 | 2001 | 2010 |
---|---|---|---|---|---|---|
824 | 740 | 877 | 504 | 298 | 257 | 278 |
Economía
editarTradicionalmente a agricultura (cereal, pataca, remolacha), gandaría (vacúa e ovina) e explotación madeireira (faia, carballo e piñeiro) foron os principais sectores produtivos da localidade, aínda que agora o impulso turístico xerado polos mosteiros contribuíu a implantar o turismo como un dos piares económicos principais da zona, creándose un complexo hostaleiro importante, con hoteis, restaurantes e actividades lúdicas relacionadas.
Outra actividade importante, ao estar situado na Serra da Demanda, xunto á Reserva Nacional, é a caza maior (cervo, xabaril e corzo), postos de pomba torcaza e couto de caza menor con paspallás e perdiz como principais atractivos.
Mosteiro de San Millán
editarDentro do recinto urbano está o Mosteiro de San Millán, formado, á súa vez, polo primitivo Mosteiro de San Millán de Suso («de arriba») e o Mosteiro de San Millán de Yuso («de abaixo»). O Escritorio de San Millán é un dos máis antigos de Europa, converténdose nun centro de cultura moi importante, mostra diso son a magnífica colección de códices que se conservan. Entre os máis importantes están o Códice 60, onde se encontran as Glosas Emilianenses, algunhas das primeiras palabras en éuscaro e en navarro-aragonés, confundido durante décadas con castelán primixenio, polo que San Millán é coñecida como o "Bera". Gonzalo de Berceo, primeiro poeta castelán coñecido, serviu ao mosteiro como notario. A biblioteca e o arquivo están considerados como un dos mellores conxuntos monásticos. As razóns históricas, literarias, artísticas, así como o conxunto monumental, fixeron posible a súa declaración como Patrimonio da Humanidade en decembro de 1997. Na actualidade o Mosteiro de San Millán de Yuso está habitado por frades da Orde de Agostiños Recoletos.
Tanto o mosteiro de Yuso coma o de Suso foron declarados Ben de Interese Cultural na categoría de Monumento o 3 de xuño de 1931.
Festividades
editar- O domingo de Pentecoste vaise en romaría ao Mosteiro de Valvanera, patroa da Rioxa, tamén na Serra da Demanda. A romaría faise a pé a través do monte, pasando polos cumios que limitan a conca dos ríos Najerilla e Cárdenas.
- O terceiro sábado de xuño os homes de San Millán achéganse á Cova do Santo en romaría. Este costume data do 1604, para solicitar a axuda de San Millán nunha enfermidade que padecían as mulleres do val.
- O 16 de xullo no lugar de El Río celébranse as festas da Patroa, a Virxe do Carme.
- O día 26 de setembro celébrase a Traslación, festa que conmemora o traslado dos restos de San Millán. Segundo a lenda, debido a un milagre do Santo, o rei Sancho III ordenou a construción do Mosteiro de Yuso.
- O 12 de novembro celébrase a festividade de San Millán, e o 17 de novembro, a de Santa Xertrude, patróns do pobo.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: San Millán de la Cogolla |