Salvador Cabeza de León

profesor e político galego
(Redirección desde «Salvador Cabeza León»)

Salvador Cabeza de León, nado en Betanzos o 4 de febreiro de 1864 e finado en Santiago de Compostela o 20 de maio de 1934[1], foi un destacado galeguista, profesor e político galego.

Salvador Cabeza de León
Nacemento4 de febreiro de 1864
Lugar de nacementoBetanzos
Falecemento20 de maio de 1934
Lugar de falecementoSantiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónavogado, político e xurista
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

 
Membros do SEG en 1928: De esquerda a dereita na fileira de atrás: Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Florentino López Cuevillas, Vicente Risco, Carballo Calero, Xosé Filgueira Valverde, Sebastián García Paz, Luís Pintos Fonseca, Antón Fraguas, Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Sentados: Isidro Parga Pondal, Abelardo Moralejo Laso, Xesús Carro García, Salvador Cabeza de León, Joaquín Arias Sanjurjo, Xerardo Álvarez Limeses e Juan Novás Guillán.
 
Necrolóxica en El Pueblo Gallego do SEG.

Membro da Xuventude Católica, foi un convencido carlista. Licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1884. Amigo de Alfredo Brañas, do que foi profesor auxiliar, ata obter a súa propia cátedra de Dereito Internacional en 1903. Tras a dimisión presentada por Francisco Piñeiro Pérez, foi elixido provisionalmente alcalde de Compostela o día 30 de novembro de 1910, ata a súa toma de posesión efectiva no 20 de febreiro de 1911, despois de que Piñeiro reconfirmase a súa renuncia días antes. Permanecería no cargo ata o 1º de xaneiro de 1914[2]. Tamén foi decano da Facultade de Dereito.

En novembro de 1890 participou na constitución da Asociación Regionalista Gallega que presidiu Manuel Murguía. En 1917 deu o discurso de apertura do curso universitario 1917-1918 da USC coa lectura de "Notas sobre la disciplina escolar en la Universidad de Santiago durante los siglos XVI, XVII y XVIII". Foi socio fundador da Real Academia Galega. En 1919 integrouse na Irmandade da Fala de Compostela. O 21 de xuño de 1920 foi elixido vogal do Comité Compostelán da Asociación Española para o Progreso das Ciencias[3]. En 1921 fundou con outras personalidades a agrupación folclórica compostelá Cantigas e Agarimos, da que foi elixido o seu primeiro presidente[4]. En 1925 pasou a ocupar a presidencia do Seminario de Estudos Galegos, que non abandonou ata a súa morte. En 1927 escribiu o limiar de Estampas Compostelanas, a primeira publicación bibliográfica de Ksado, quen na edición de 1948 a substituíu por outra de Valentín Paz-Andrade.

Morreu en 1934, a punto de xubilarse.

Vida persoal editar

Casou o 25 de xaneiro de 1886 en Santiago con Marina Anido Anido,[5] que finou o 19 de novembro de 1934,[6] coa que tivo tres fillos: María, Miguel e Salvador Cabeza Anido[7].


Predecesor:
Francisco Piñeiro Pérez
  
Alcalde de Santiago
 
1910 - 1914
Sucesor:
Luís Blanco Rivero

Notas editar

  1. "Ha muerto el decano de la facultad de Derecho, D. Salvador Cabeza de León". El Pueblo Gallego. 22 de maio de 1934. p. 1. 
  2. El Eco de Santiago, 2-1-1914, p. 1.
  3. El Compostelano, 22-6-1920. A presidencia ocupouna Lino Torre Sánchez-Somoza, sendo vogais, aparte do propio Cabeza, Máximo de la Riva García, Marcelino Blanco de la Peña e Eugenio Labarta, sendo secretarios Ruperto Lobo Gómez e Antonio García Varela.
  4. Páxina de Cantigas e Agarimos.
  5. Gaceta de Galicia, 26-1-1886.
  6. El Eco de Santiago, 19-11-1934, p. 3.
  7. El Compostelano, 19-1-1934.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar