Sallapa
Sallapa (Šallapa) foi unha cidade do Imperio Hitita, na parte occidental, ao nordeste da clásica Frixia.
Crese que se sublevou contra o rei Tudhaliyas III, baixo a dirección de Tuttu (e con probábel axuda de Arzawa) sobre o -1370, e entón a cidade foi incendiada polo rei. Como a cidade era demasiado valiosa, o lume foi apagado para impedir a destrución total.
Sobre o -1320 estaba próxima aos límites do reino de Kuwaliya. Nesta cidade Mursilis II, que marchaba contra Arzawa, atopouse co continxente militar que desde a terra Baixa Hitita levaba o seu irmán Piyasilis I de Karkemish.
Despois da guerra civil entre Mursilis III e Hattusilis III caeu en mans de Piyama-radu, que dominou boa parte de Arzawa, pero, cando Hattusilis III foi á zona, volveu quedar baixo dominio hitita.