Sancristía

(Redirección desde «Sacristía»)

A sancristía é, no cristianismo occidental, un cuarto en que se gardan os obxectos necesarios para a misa, por exemplo hostias sen consagrar, cálices, casulas, etc., polo que adoita estar pechada ao público. En especial é empregado polo párroco e demais oficiantes para as preparacións necesarias e para cambiarse antes e logo da misa. Está habitualmente ao cargo dun sancristán, e nela adoita conservarse o rexistro parroquial.

Sancristía da catedral de Brixen (Italia)

As sancristías teñen habitualmente unha pía especial (sacrarium) cuxo desaugadoiro vai directamente ao chan. Esta emprégase para lavar os lenzos empregados durante a celebración da misa e outros elementos empregados durante a comuñón.

Normalmente está situada dentro da igrexa, pero pode atoparse nun anexo ou nun edificio separado (como nalgúns mosteiros). Na maioría das igrexas antigas a sancristía atópase preto dun dos retablos laterais ou máis habitualmente detrás ou á beira do retablo maior. En igrexas máis modernas a sancristía atópase a miúdo noutro lado, como a entrada da igrexa.

Algunhas igrexas posúen máis dunha sancristía, cada unha das cales cunha función específica. A miúdo as sancristías adicionais son empregadas para o mantemento da igrexa e os seus obxectos.

Nas igrexas cristiás de Oriente emprégase a parte da igrexa onde se atopa o altar, separada polo Ikonostasis, polo que non existe a sancristía como tal.

Outros usos editar

Viticultura editar

A sancristía é a parte dunha adega onde se gardan os viños máis antigos e/ou os máis prezados. É moi común en adegas que fabrican viños olorosos e amontillados, de igual xeito tamén se atopan en localizacións moi concretas da provincia de León, en especial na zona de Valdevimbre, ao sur da mencionada capital.

Véxase tamén editar