O Saab 18 foi un avión bimotor de bombardeo e recoñecemento deseñado e construído por Svenska Aeroplan AB (SAAB) para ser usado na Forza Aérea de Suecia en resposta a unha competición de deseño de 1938. Debido a atrasos, non entrou en servizo ata 1944, pero converteuse rapidamente no bombardeiro estándar da Forza Aérea. Realizou os roles de bombardeiro, recoñecemento e ataque ao chan, e tamén axudou ao desenvolvemento de asentos exectables e mísiles guiados aire-superficie ata ser substituído polo Saab Lansen a finais dos anos 50.

Saab 18
Tipobombardeiro, recoñecemento
FabricanteSaab
Deseñado porCarl Haddon, Frid Wänström
Primeiro voo19 de xuño de 1942
Introducido1944
Retirado1959
Principais usuariosForza Aérea de Suecia
Produción1944 - 1948
Unidades construídas245

Deseño e desenvolvemento editar

Deseñado como substituto do Junkers Ju 86 en servizo coa Forza Aérea sueca, o requirimento que levou ao Saab 18 solicitaba un avión rápido de recoñecemento de tres asentos.[1]

AB Svenska Järnvägsverkstädernas Aeroplanavdelning (ASJA), SAAB, e AB Götaverken (GV) enviaron deseños para que fosen considerados pola Forza Aérea sueca. O GV8 de GV paecía ser o máis adaptado aos requisitos, porén, o seu custo e a marcha do seu xefe de deseño fixo que Saab, que mentres tanto fusionárase con ASJA, fose premiada cun contrato para desenvolver o seu aparello.

Como varios estadounidenses traballaban entre o persoal de deseño de Saab e ASJA,[2] o deseño do Saab 18 compartía algunhas semallanzas con avións estadounidenses. O estoupido da segunda guerra mundial en 1939 levou a un cambio de prioridades na Forza Aérea, e acelerouse a produción do Saab 17, a expensas do traballo no Saab 18, que, xunto cun cambio de requisitos para engadirlle o rol de bombardeiro medio á especificación, polo que o primeiro voo do avión atrasouse ata o 19 de xuño de 1942.[1]

Manexado por unha tripulación de tres persoas (un piloto e un navegante baixo unha cúpula acristalada, e un bombardeiro no morro)[1] o prototipo do Saab 18 era un monoplano de á media con dous estabilizadores verticais, e estaba impulsado por dous motores radiais Pratt & Whitney R-1830 Twin Wasp.[1] O armamento consistía en tres metralladoras de 13,2 mm, unha fixa que disparaba cara a diante e estaba controlada polo piloto, e as outras en monturas flexibles operadas polo navegante e o bombardeiro. Na bodega interna podían levarse ata 1 000 kg de bombas, e nos soportes externos baixo as ás podía levar ata oito bombas de 50 kg.

As probas de voo mostraron que o avión necesitaba máis potencia.[1] Porén, xa que non había unha perspectiva inmediata para a adquisición de motores máis potentes, o Saab 18 entrou en produción nas versións de bombardeiro (B 18A) e recoñecemento (S 18A).[1]

Historial operacional editar

O B 18A entrou en servizo en xuño de 1944 e rapidamente converteuse no bombardeiro medio estándar de Suecia.[3] A medida que os motores en liña refrixerados por líquido Daimler-Benz DB 605 fabricados baixo licenza estaban dispoñibles, estes incorporáronse ao mellorado Saab 18B, que voou por vez primeira o 10 de xullo de 1944.[1]

Ordenado para a produción como o bombardeiro en picado B 18B, o deseño 18B desenvolveuse posteriormente no T 18B, que foi planeado como un torpedeiro.[1] Porén, debido a dificultades cos torpedos, o T 18B desenvolveuse no seu lugar como un avión de ataque ao chan pesado, montando un canón automático de 57 mm m/47 baixo o morro.[1]

A finais dos anos 40 eliminouse a posición do terceiro tripulante; a subministración de foguetes aire-superficie e melloras miras de bombardeo eliminaran a necesidade dun bombardeiro. Nesa época o Saab 18 gañárase unha reputación de sufrir un alto grao de desgaste, e isto levou á decisión de equipar todos os avións superviventes con asentos exectables para o piloto e o navegante/artilleiro.[4]

A produción do Saab 18 chegou ás 245 unidades,[5] sendo o derradeiro T 18B entregado en 1948. Usado en probas dos primeiros mísiles aire-superficie suecos, o Saab 18 permaneceu como unha das principais plataformas suecas de ataque ao chan e recoñecemento ata finais dos anos 50, cando foi substituído polo reactor con á en frecha Saab 32 Lansen,[6] sendo os B 18B e T 18B substituídos polo A 32A en 1958, e os S 18A por S 32C ata 1959.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Donald 1997, p. 809
  2. Exxon Air World, Volumes 25, 1972. p. 143
  3. Flight International volume 52, 1947. p. 284
  4. "Early Swedish ejection seats". Urban's blog. 2011-01-06. Consultado o 2022-03-19. 
  5. Eliasson 2010, p. 79
  6. Frawley e Thorn 1996, p. 140

Bibliografía editar

  • Donald, David, ed. The Complete Encyclopedia of World Aircraft. London: Orbis, 1997. ISBN 0-7607-0592-5.
  • Eliasson, Gunnar. Advanced Public Procurement as Industrial Policy: The Aircraft Industry as a Technical University. Springer, 2010. ISBN 1-4419-5848-7.
  • Frawley, Gerard and Jim Thorn. International Directory of Military Aircraft, 1996/97. Motorbooks International, 1996. ISBN 1-875671-20-X.