Abrir o menú principal

O xene SRY (siglas do inglés sex-determining region Y, rexión determinante do sexo Y) é o xene responsable da iniciación da determinación sexual masculina nos humanos. Codifica a proteína SRY, tamén chamada factor determinante dos testículos (TDF), que é unha proteína que se une ao ADN (tamén chamadas proteínas/factores de transcrición reguladores de xenes).[1] O SRY é un xene sen intróns que determina o sexo, situado no cromosoma Y dos animais terios (mamíferos placentarios e marsupiais).[2] As mutacións neste xene orixinan diversos trastornos do desenvolvemento sexual con diversos efectos sobre o fenotipo e xenotipo do individuo.

SRY
Factor determinante dos testículos
PBB Protein SRY image.jpg
Estruturas dispoñibles
PDBBuscar ortólogos: PDBe, RCSB
Identificadores
SímbolosSRY (HGNC: 11311) SRXX1, SRXY1, TDF, TDY, factor determinante dos testículos, rexión determinante do sexo Y, rexión determinante do sexo do cromosoma Y
Identificadores
externos
LocusCr. Y p11.2
Padrón de expresión de ARNm
PBB GE SRY 207893 at fs.png
Máis información
Ortólogos
Especies
Humano Rato
Entrez
6736 n/a
Ensembl
Véxase HS n/a
UniProt
Q05066 n/a
RefSeq
(ARNm)
NM_003140 n/a
RefSeq
(proteína) NCBI
NP_003131 n/a
Localización (UCSC)
Cr. Y:
2.79 – 2.79 Mb
Cr. Y:
2.66 – 2.66 Mb
PubMed (Busca)
6736


En humanos, o xene SRY está localizado no brazo curto (p) do cromosoma Y na posición 11.2, polo que é un xene tipicamente masculino.

O TDF é un membro da familia do xene SOX (de caixa similar á do SRY) de proteínas que se unen ao ADN. Cando este factor forma un complexo coa proteína SF1, actúa como factor de transcrición que pode regular á alza outros factores de transcrición, principalmente o SOX9.[3] A súa expresión causa o desenvolvemento dos cordóns sexuais primarios, que despois dan lugar aos túbulos seminíferos. Estes cordóns fórmanse na etapa embrionaria na parte central da gónada aínda indiferenciada, converténdoa nun testículo. Entón indúcese a formación das células de Leydig testiculares que empezan a segregar testosterona, mentres que outras células testiculares, as células de Sertoli, producen a hormona antimülleriana.[4] Os efectos do xene SRY normalmente teñen lugar de 6 a 8 semanas despois da formación do feto e inhiben o crecemento das estruturas anatómicas femininas nos machos, á vez que favorecen o desenvolvemento das características de macho dominantes.

Evolución e regulación do xeneEditar

EvoluciónEditar

O SRY puido orixinarse por duplicación xénica do xene do cromosoma X SOX3, un membro da familia Sox.[5] Esta duplicación aconteceu despois da separación eentre os monotremos (que non teñen este xene) e os terios (que o teñen). Os monotremos, ademias de careceren do xene SRY, teñen algúns cromosomas sexuais que comparten homoloxía cos cromosomas sexuais das aves.[6] O SRY é un xene que evoluciona rapidamente e a súa regulación foi difícil de estudar porque o tipo de determinación do sexo non é unha característica altamente conservada dentro do reino animal. [7]

RegulaciónEditar

O xene SRY ten pouco en común cos xenes de determinación do sexo doutros organismos modelo, e os ratos son o principal organismo modelo que pode utilizarse para o seu estudo. Comprender a súa regulación é complicado incluso entre especies de mamíferos, xa que hai pouca conservación na secuencia desta proteína. O único grupo conservado entre os ratos e outros animais é a rexión da caixa HMG do grupo de alta mobilidade responsable da unión ao ADN. As mutacións nesta rexión teñen como resultado a inversión do sexo, orixinando un individo do sexo oposto.[8] Como hai pouca conservación, o promotor do SRY, os elementos reguladores e a regulación non se coñecen ben. Dentro de grupos de mamíferos relacionados hai homoloxías nos primeiros 400-600 pares de bases augas arriba do sitio de inicio da tradución. Os estudos in vitro do promotor do xene SRY humano mostraron que unha rexión de polo menos 310 pares de bases augas arriba do sitio de inicio da tradución son necesarios para a función promotora do SRY. Descubriuse que a unión de tres factores de transcrición á secuencia promotora humana, que son o factor esteroidoxénico 1 (SF1), a proteína de especificidade 1 (factor de transcrición Sp1) e a proteína do tumor de Wilms 1 (WT1), inflúen na expresión do SRY.[8]

A rexión promotora ten dous sitios de unión para Sp1, en -150 e -13, que funcionan como sitios reguladores. O Sp1 é un factor de transcrición que se une a secuencias consenso ricas en GC, e a mutación dos sitios de unión do SRY orixina unha redución do 90% na transcrición xenética. Os estudos sobre o SF1 deron resultados menos definidos. As mutacións no SF1 poden orixinar a inversión sexual e a súa deleción causa un incompleto desenvolvemento gonadal. Porén, non está claro como o factor esteroidoxénico 1 (SF1) interacciona directamente co promotor do SR1.[9] A rexión promotora tamén ten dous sitios de unión a WT1 en -78 e -87 pares de bases desde o codón ATG. O factor de transcrición WT1 ten catro dedos de zinc C-terminais e unha rexión rica en Pro/Glu e funciona principalmente como un activador. A mutación dos dedos de zinc ou a inactivación do WT1 teñen como resultado a redución do tamaño da gónada masculina. A deleción do xene causa unha completa inversión do sexo. Non está claro como funciona o WT1 para regular á alza o SRY, pero algunhas investigacións suxiren que axuda a estabilizar o procesamento de mensaxes.[9] Porén, esta hipótese ten varias complicacións, porque o WT1 tamén é responsable da expresión dun antagonista do desenvolvemento masculino, DAX1, do cromosoma X. Unha copia adicional de DAX1 nos ratos orixina a inversión de sexo. Non está claro como funciona DAX1 e suxeríronse moitas vías diferentes, como a desestabilización transcricional do SRY e a unión ao ARN. Hai probas obtidas en traballos sobre a supresión do desenvolvemento masculino de que DAX1 pode interferir coa función do SF1, e á súa vez a transcrición do SRY ao recrutar correpresores.[8]

Hai tamén probas de que a proteína de unión a GATA 4 (GATA4) e a FOG2 contribúen á activación do SRY ao asociarse co seu promotor. Non está claro como estas proteínas regulan a transcrición de SRY, pero os mutantes en FOG2 e GATA4 teñen niveis significativamente inferiores de transcrición de SRY.[10] As FOGs teñen motivos de dedo de zinc que se poden unir ao ADN, pero non hai evidencias de que FOG2 interaccione con SRY. Os estudos realizados suxiren que FOG2 e GATA4 se asocian coas proteínas remodeladoras do nucleosoma que poderían causar a súa activación.[11]

FunciónEditar

Durante a xestación as células da gónada primordial situadas na crista uroxenital están en estado bipotencial, o que significa que posúen a capacidade de converterse en células masculinas (células de Sertoli e de Leydig) ou femininas (células foliculares e da teca). A proteína SRY ou factor determinante dos testículos (TDF) inicia a diferenciación testicular ao activar factores de taranscrición específicos do macho, o que permite que estas células bipotenciais se diferencien e proliferen. O TDF realiza isto regulando á alza o factor de transcrición SOX9, que ten un sitio de unión ao ADN moi similar ao do TDF. O SOX9 causa a regulación á alza do factor de crecemento de fibroblastos 9 (Fgf9), que á súa vez orixina unha maior regulación á alza de SOX9 . Unha vez que se acadan os niveis adecuados de SOX9, as células bipotenciais da gónada empezan a diferenciarse en células de Sertoli. Ademais, as células que expresan o TDF continúan proliferando para formar o testículo primordial. Aínda que isto constitúe a serie básica de eventos que ocorren, este breve resumo debería tomarse con certas reservas porque hai moitos máis factores que inflúen na complexa diferenciación sexual.

Acción no núcleoEditar

A proteína SRY ou TDF consta de tres rexións principais. A rexión central comprende o dominio HMG (grupo de alta mobilidade), que contén secuencias de localización nuclear e actúa como dominio para a unión co ADN. O dominio C-terminal non ten unha estrutura conservada, e o dominio N-terminal pode ser fosforilado para potenciar a unión ao ADN.[9] O proceso empeza coa localización nuclear do TDF por acetilación das rexión do sinal de localización nuclear, o que permite a unión da importina β e a calmodulina ao TDF, facilitando a súa importación ao núcleo. Unha vez no núcleo, o TDF e o SF1 (outro regulador transcricional) acompléxanse e únense a TESCO (do inglés testis-specific enhancer of Sox9 core), o elemento amplificador específico do testículo do xene Sox9, en precursores de célula de Sertoli, localizado augas arriba do sitio de inicio da transcrición do xene Sox9.[3] Especificamente, é a rexión HMG do TDF a que se une ao suco menor da secuencia diana do ADN, causando que o ADN se dobre e desenrosque. O establecemento desta particular “arquitectura” do ADN facilita a transcrición do xene Sox9.[9] A proteína SOX9 inicia despois un bucle de retroalimentación positiva, que implica que o SOX9 actúe como o seu propio factor de transcrición e ten como resultado a síntese de grandes cantidades de SOX9.[9]

O SOX9 e a diferenciación dos testículosEditar

A proteína SF1, por si soa, causa unha transcrición mínima do xene SOX9 tanto nas células gonadais bipotenciais XX coma XY ao longo da crista uroxenital. Porén, a unión do complexo TDF-SF1 ao amplificador específico do testículo (TESCO) no SOX9 orixina unha significtiva regulación á alza do xene só na gónada XY, mentres que a transcrición na gónada XX permanece insignificante. Parte desta regulación á alza é realizada pola propia SOX9 por medio dun bucle de retroalimentación positivo; igual que o TDF, a SOX9 forma complexos con SF1 e únese ao amplificadcor TESCO, causando unha maior expresión de SOX9 na gónada XY. Outras dúas proteínas, FGF9 (factor de crecemento de fibroblastos 9) e PDG2 (prostaglandina D2), tamén manteñen esta regulación á alza. Aínda que as súas vías exactas son se coñecen ben, sábese que son esenciais para a expresión continua de SOX9 aos niveis necesarios para o desenvolvemento dos testículos.[3]

A SOX9 e o TDF crese que son responsables da diferenciación autónoma celular de precursores de células de soporte nas gónadas en células de Sertoli, o inicio do desenvolvemento testicular. Ests células de Sertoli iniciais, no centro da gónada, hipotetízase que son o punto de inicio dunha onda de FGF9 que se espalla pola gónada XY en desenvolvemento, causando unha maior diferenciación das células de Sertoli por regulación ná alza de SOX9.[12] SOX9 e TDF crese tamén que son responsables de moitos dos procesos posteriores do desenvolvemento testicular (como a diferenciación das células de Leydig, formación do cordón sexual e formación da vasculatura específica do testículo), aínda que os mecanismos exactos seguen sen estar claros.[13] Porén, SOX9 en presenza de PDG2 actúa directamente sobre o xene Amh (que codifica a hormona antimülleriana) e pode inducir a formación do testículo en gónadas XX de rato, o que indica que é esencial para o desenvolvemento do testículo.[12]

Influencia no sexoEditar

Os embrións son idénticos gonadalemnte, independentemente do sexo xenético que teñan, ata que se chega a certo punto do desenvolvemento no que o factor determinante dos testículos causa que se desenvolvan os órganos sexuais do macho. Por tanto, o SRY xoga un importante papel na determinación do sexo. O cariotipo típico de macho é XY. Os individuos que herdan un cromosoma Y normal e varios cromosomas X seguen sendo machos (como na síndrome de Klinefelter, cuxo cariotipo é XXY). Unha recombinación xenética atípica durante o sobrecruzamento cromosómico cando a célula espermática se está desenvolvendo pode ter como resultado cariotipos que non se corresponden coa súa expresión fenotípica.

A maioría das veces, cando unha célula espermática en desenvolvemento realiza o sobrecruzamento meiótico, o xene SRY permanece no seu lugar habitual no cromosoma Y. Porén, se por erro é transferido ao cromosoma X, o cromosoma Y resultante non ten xa o xene SRY e xa non pode iniciar o desenvolvemento testicular. A descendencia que herda este cromosoma Y terá a síndrome de Swyer, caracterizada por un cariotipo XY e un fenotipo feminino. O cromosoma X resultante deste evento de sobrecruzamento ten agora o xene SRY, e, por tanto, a capacidade de iniciar o desenvolvemento testicular. A descendencia que herda este cromosoma X presentará unha condición chamada síndrome do macho XX, caracterizado por un cariotipo XX e un fenotipo masculino. Aínda que a maioría dos machos XX desenvolven testículos, é posible que experimenten unha diferenciación incompleta, que resulta na formación de tecidos testiculares e ováricos no mesmo individuo. A síndrome do macho XX orixina infertilidade, causada moi probablemente pola inactivación (aleatoria ou non) do cromosoma X que contén o SRY nalgunhas células.[14]

Aínda que a presenza ou ausencia do xene SRY determina xeralmente se ocorrerá ou non o desenvolvemento testicular, suxeriuse que hai outros factores que afectan a funcionalidade de SRY.[15] Por tanto, hai individuos que teñen o xene SRY, pero aínda seguen desenvolvéndose como femias, sexa porque o propio xene é defectivo ou está mutado, ou porque un dos factores que contribúen é defectivo.[16] Isto pode ocorrer en individuos que mostran un cariotipo XY, XXY ou XX SRY positivo.

Papel noutras doenzasEditar

A proteína SRY interacciona co receptor de andróxenos e os individuos con cariotipo XY e un xene funcional SRY poden ter un feotipo feminino aparente debido a unha síndrome de insensibilidade aos andróxenos subxacente.[17] Os individuos con dita síndrome non poden responder aos andróxenos adecuadamente debido a defectos no seu xene do receptor de andróxenos, e os individuos afectados poden ter unha síndrome de insensibilidade aos andróxenos completa ou parcial.[18] O SRY foi tamén ligado ao feito de que sexa máis probable nos machos que nas femias que desenvolvan doenzas relacionadas coa dopamina como a esquizofrenia e a enfermidade de Parkinson. O SRY codifica unha proteína que controla a concentración de dopamina, o neurotransmisor que transporta sinais do cerebro que controlan o movemento e a coordinación.[19]

Uso nos Xogos OlímpicosEditar

Un dos usos máis controvertidos deste descubrimento foi como medio para a verificación do xénero dos participantes nos Xogos Olímpicos, por medio dun sistema aplicado polo Comité Olímpico Internacional en 1992. Aos atletas cun xene SRY non se lles permite participar nas competicións femininas, aínda que todos os atletas aos cales se lles "detectou" nos Xogos Olímpicos de verán de 1996 foron considerados despois falsos positivos e non foron descalificados. Concretamente, oito mulleres que participaron (dun total de 3387) nestes Xogos tiñan o xene SRY. Porén, despois de investigacións máis detalladas das súas condicións xenéticas, todas estas atletas foron verificadas como femias e permitíuselles competir. Atopouse que estas atletas tiñan insensibilidade aos andróxenos parcial ou completa, a pesar de teren o xene SRY, o que as facía fenotipicamente mulleres e non lles daba vantaxe sobre as outras mulleres competidoras.[20] A finais da década de 1990, varias sociedades profesionais relevantes en países como os Estados Unidos pediron a eliminación da verificación do xénero, como a Asociación Médica Americana, que manifestou que o método usado era inseguro e ineficaz.[21] O exame cromosómico foi eliminado nos Xogos Olímpicos de verán de 2000,[21][22][23] pero isto foi despois substituído polo uso doutras formas de comprobación baseadas nos niveis hormonais.

Investigacións en marchaEditar

Malia todos os progresos feitos durante as pasadas décadas no estudo da determinación do sexo, o funcionamento do xene SRY e a proteína TDF aínda non se comprende completamente. Deben identificarse outros factores que interveñen na determinación do sexo na rede molecular e os cambios cromosómicos implicados en moitos outros casos de inversión sexual humana. Continúan as investigacións de xenes de determinación do sexo adicionais, usando técnicas como o cribado de micromatrices de xenes da crista xenital en diversos estadios do desenvolvemento, cribados de mutaxénese en ratos con varios fenotipos de inversión sexual e a identificación de xenes sobre os que actúan factores de transcrición usando a inmunoprecipitación da cromatina.[9]

NotasEditar

  1. Berta P, Hawkins JR, Sinclair AH, Taylor A, Griffiths BL, Goodfellow PN, Fellous M (novembro de 1990). "Genetic evidence equating SRY and the testis-determining factor". Nature 348 (6300): 448–50. Bibcode:1990Natur.348..448B. PMID 2247149. doi:10.1038/348448A0. 
  2. Wallis MC, Waters PD, Graves JA (xuño de 2008). "Sex determination in mammals - Before and after the evolution of SRY". Cell. Mol. Life Sci. 65 (20): 3182–95. PMID 18581056. doi:10.1007/s00018-008-8109-z. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Kashimada K, Koopman P (decembro de 2010). "Sry: the master switch in mammalian sex determination". Development 137 (23): 3921–30. PMID 21062860. doi:10.1242/dev.048983. 
  4. Mittwoch U (outubro de 1988). "The race to be male". New Scientist 120 (1635): 38–42. 
  5. Katoh K, Miyata T (1999). "A heuristic approach of maximum likelihood method for inferring phylogenetic tree and an application to the mammalian SOX-3 origin of the testis-determining gene SRY". FEBS Lett 463 (1–2): 129–32. PMID 10601652. doi:10.1016/S0014-5793(99)01621-X. 
  6. Veyrunes F, Waters PD, Miethke P, Rens W, McMillan D, Alsop AE, Grützner F, Deakin JE, Whittington CM, Schatzkamer K, Kremitzki CL, Graves T, Ferguson-Smith MA, Warren W, Marshall Graves JA (xuño de 2008). "Bird-like sex chromosomes of platypus imply recent origin of mammal sex chromosomes". Genome Res. 18 (6): 965–73. PMC 2413164. PMID 18463302. doi:10.1101/gr.7101908. 
  7. Bowles J, Schepers G, Koopman P (2000). "Phylogeny of the SOX family of developmental transcription factors based on sequence and structural indicators". Dev Biol 227 (2): 239–55. PMID 11071752. doi:10.1006/dbio.2000.9883. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Ely D, Underwood A, Dunphy G, Boehme S, Turner M, Milsted A (novembro de 2010). "Review of the Y chromosome, Sry and hypertension". Steroids 75 (11): 747–53. PMC 2891862. PMID 19914267. doi:10.1016/j.steroids.2009.10.015. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 Harley VR, Clarkson MJ, Argentaro A (agosto de 2003). "The molecular action and regulation of the testis-determining factors, SRY (sex-determining region on the Y chromosome) and SOX9 [SRY-related high-mobility group (HMG) box 9]". Endocr. Rev. 24 (4): 466–87. PMID 12920151. doi:10.1210/er.2002-0025. 
  10. Knower KC, Kelly S, Harley VR (2003). "Turning on the male--SRY, SOX9 and sex determination in mammals" (PDF). Cytogenet. Genome Res. 101 (3-4): 185–98. PMID 14684982. doi:10.1159/000074336. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de agosto de 2017. Consultado o 07 de outubro de 2018. 
  11. Friedman, Theodore (2011). Advances in Genetics Vol 76. 108: Elsevier Inc. 
  12. 12,0 12,1 McClelland K, Bowles J, Koopman P (xaneiro de 2012). "Male sex determination: insights into molecular mechanisms". Asian J. Androl. 14 (1): 164–71. PMC 3735148. PMID 22179516. doi:10.1038/aja.2011.169. 
  13. Sekido R, Lovell-Badge R (2013). "Genetic control of testis development". Sex Dev 7 (1–3): 21–32. PMID 22964823. doi:10.1159/000342221. 
  14. Margarit E, Coll MD, Oliva R, Gómez D, Soler A, Ballesta F (xaneiro de 2000). "SRY gene transferred to the long arm of the X chromosome in a Y-positive XX true hermaphrodite". Am. J. Med. Genet. 90 (1): 25–8. PMID 10602113. doi:10.1002/(SICI)1096-8628(20000103)90:1<25::AID-AJMG5>3.0.CO;2-5. 
  15. Polanco JC, Koopman P (febreiro de 2007). "Sry and the hesitant beginnings of male development". Dev. Biol. 302 (1): 13–24. PMID 16996051. doi:10.1016/j.ydbio.2006.08.049. 
  16. Biason-Lauber A, Konrad D, Meyer M, DeBeaufort C, Schoenle EJ (maio de 2009). "Ovaries and female phenotype in a girl with 46,XY karyotype and mutations in the CBX2 gene". Am. J. Hum. Genet. 84 (5): 658–63. PMC 2680992. PMID 19361780. doi:10.1016/j.ajhg.2009.03.016. 
  17. Yuan X, Lu ML, Li T, Balk SP (decembro de 2001). "SRY interacts with and negatively regulates androgen receptor transcriptional activity". J. Biol. Chem. 276 (49): 46647–54. PMID 11585838. doi:10.1074/jbc.M108404200. 
  18. Lister Hill National Center for Biomedical Communications (2008). "Androgen insensitivity syndrome". Genetics Home Reference. U.S. National Library of Medicine. 
  19. Dewing P, Chiang CW, Sinchak K, Sim H, Fernagut PO, Kelly S, Chesselet MF, Micevych PE, Albrecht KH, Harley VR, Vilain E (febreiro de 2006). "Direct regulation of adult brain function by the male-specific factor SRY". Curr. Biol. 16 (4): 415–20. PMID 16488877. doi:10.1016/j.cub.2006.01.017. 
  20. "Olympic Gender Testing". 
  21. 21,0 21,1 Facius GM (2004-08-01). "The Major Medical Blunder of the 20th Century". Gender Testing. facius-homepage.dk. Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2010. Consultado o 2011-06-12. 
  22. Elsas LJ, Ljungqvist A, Ferguson-Smith MA, Simpson JL, Genel M, Carlson AS, Ferris E, de la Chapelle A, Ehrhardt AA (2000). "Gender verification of female athletes". Genet. Med. 2 (4): 249–54. PMID 11252710. doi:10.1097/00125817-200007000-00008. 
  23. Dickinson BD, Genel M, Robinowitz CB, Turner PL, Woods GL (outubro de 2002). "Gender verification of female Olympic athletes". Med Sci Sports Exerc 34 (10): 1539–42; discussion 1543. PMID 12370551. doi:10.1097/00005768-200210000-00001. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar