Síndrome de fatiga crónica

A síndrome de fatiga crónica (SFC), tamén coñecido como encefalomielite miálxica/síndrome de fatiga crónica (EM/SFC) ou enfermidade sistémica de intolerancia ao esforzo (ESIE) é unha enfermidade crónica aínda non totalmente coñecida e complexa que se caracteriza por fatiga persistente e a presenza de dificultades cognitivas, sen causa clara.[1][2][3]

Síndrome de fatiga crónica
Sinónimos
  • Encefalopatía miáxgica
  • Síndrome de astenia crónica
  • Síndrome de fatiga crónica e disfunción inmune
  • Encefalomielite miálxica.
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Pode afectar de maneira gradual ao sistema inmunitario, o neurolóxico, o cardiovascular e o endócrino, e cuxa peculiaridade nociva é causar fatiga intensa, febrícula ou febre, sono non reparador, intolerancia á luz (fotofobia), ao son (hiperacusia) e aos cambios de temperatura, cefalea, dor muscular e nas articulacións, sensación de estado gripal permanente, farinxite crónica, dificultades de concentración e perda da memoria recente, desorientación espacial, intolerancia á tensión emocional e á actividade física, entre outras manifestacións.[1][2]

Considerada no pasado como unha suposta condición psicosomática, actualmente recoñécese que non é unha enfermidade psicolóxica nin psiquiátrica, senón un trastorno con base orgánica, cuxas causas exactas aínda non se coñecen.[4]

Clasificación editar

Existe unha corrente para englobar a fibromialxia, a síndrome de fatiga crónica e outras síndromes relacionadas dentro dunha categoría chamada síndromes por sensibilización central, tamén coñecida polo seu acrónimo en inglés (CSS), nas que se dá unha hiperexcitación de certos grupos de neuronas, especialmente aquelas relacionadas coa sensación de dor.[5] Os defensores desta tese avogan pola utilización do concepto de CSS como un novo paradigma que sería de utilidade para enfocar a explicación e o diagnóstico da encefalomielite miálxica e de efermidades como a fibromialxia que se presentan con frecuencia como comorbilidades nestes pacientes.[6]

Epidemioloxía editar

Actualmente, estímase que a enfermidade afecta arredor dun 0,5% da poboación mundial e que a proporción por sexos é do 90% de mulleres e o 10% de homes. Trátase dunha enfermidade que pode manifestarse desde formas leves até extremadamente graves.[7]Adoita presentarse en comorbilidade con fibromialxia, síndrome de Ehlers-Danlos síndrome do intestino irritable, síndrome de Sjögren e sensibilidade química múltiple.

Aínda que non se considera unha enfermidade mortal en si mesma, é probable que haxa un número elevado de decesos provocados pola mesma, xa que as causas da morte destes enfermos adoitan estar ligadas a fallo cardíaco, cancro ou suicidio, polo que é difícil recoñecelas na súa orixe.[8]

Etioloxía editar

A pesar dos numerosos estudos realizados a nivel internacional, tanto a etioloxía como a patoxénese da síndrome de fatiga crónica están lonxe de ser aclaradas. Porén, actualmente unha serie de estudos demostraron que o estrés oxidativo é un compoñente da enfermidade, aínda que non se determinou si os danos oxidativos son a causa ou o efecto.[9]

No ano 2001, un estudo publicou que a elevación de peroxinitritos e do óxido nítrico (NO) podería ser o nexo común na etioloxía da síndrome de fatiga crónica, a sensibilidade química múltiple e o estrés postraumático.[10]

En outubro de 2009 un estudo estadounidense comunicaba a posibilidade de que un retrovirus denominado XMRV fose o axente causante, concitando o interese da comunidade científica internacional. Estudos independentes realizados en diversos países concluíron que non hai ningunha asociación entre o virus e a síndrome de fatiga crónica e atribúen os primeiros resultados a unha contaminación das mostras no laboratorio e erros no protocolo .[11]

Hai vinte anos chamóuselle a gripe do yuppie, pois se pensou que afectaba especialmente a mozos profesionais urbanos, entre 20 e 40 anos, que sufrían de esgotamento por estrés.[12] Posteriormente pensouse que se trataba dunha infección crónica do virus de Epstein-Barr, causante da chamada mononucleose infecciosa ou "enfermidade do bico".[13][14]

Máis tarde propúxose un sobrecrecemento intestinal infeccioso do fungo Candida albicans (candidiase), froito do estilo de vida estresante, a inadecuada alimentación rica en azucres e hidratos de carbono de absorción rápida, o exceso de consumo de antibióticos e corticoides etc. Porén, non existen datos obxectivos sobre esta hipótese. Os seus defensores asumen que as toxinas producidas polos fungos poden desencadear a síndrome de fatiga crónica e que tales infeccións crónicas ou recorrentes poden ser causadas por un reservorio intestinal de fermentos. Os opositores desta teoría, con todo, sinalan que non hai datos concretos sobre o significado patoxénico dun reservorio intestinal de fermentos. Así mesmo, os estudos controlados non demostraron a eficacia do tratamento antifúnxico.[15]

Outras teorías sinalan aos pesticidas[16] ou axentes químicos tóxicos ambientais e alimentarios excesivos nas sociedades industrializadas (intoxicacións por insecticidas organofosforados, disolventes e por monóxido de carbono).[17]

Tamén se considerou asociado a situacións de alteración do ritmo ou calidade do sono e de estrés psicolóxico intenso como o acoso laboral e o trastorno por estrés postraumático. Mesmo a situacións de hipersensibilidade ambiental como a sensibilidade química múltiple, a síndrome do edificio enfermo e a síndrome da Guerra do Golfo.[18]

En anos anteriores buscouse unha relación entre o SFC cos seguintes microorganismos, aínda que actualmente non hai evidencias claras da asociación da síndrome de fatiga crónica con virus específicos:[19]

Cadro clínico editar

Os afectados adoitan declarar que senten coma se contraesen "unha gripe que nunca se cura". A sintomatoloxía é moi variable no tocante ao seu grao de gravidade e presentación temporal, desde estados de anormal fatiga prolongada con diversos síntomas de gripe a enfermidade crónica moi incapacitante con multitude de síntomas que poden chegar a afectar a todo o corpo e prostrar ao enfermo en cama durante períodos moi longos, e mesmo a unha completa incapacidade de realizar actividade algunha durante anos. Moitos pacientes terminan por saír moi pouco da súa casa polo alto grao de enfermidade e debilidade que senten.

En casos graves, toda esta sintomatoloxía pode presentarse: esgotamento moi profundo, dores xeneralizadas, sensación de debilidade ao menor esforzo físico ou mental, insomnio, pesadelos, sono non reparador, espertar con frío, sudación, tremores, intolerancia ao frío e á calor, aos cambios de tempo atmosférico ou do grao de humidade, á sequidade, intolerancia ao alcol, hipersensibilidade a alimentos previamente tolerados, a cheiros fortes, a perfumes, a vapores químicos como gasolina e disolventes, a aromas artificiais, a medicamentos ou aos seus excipientes, hemicrania, vertixe, sensación de mareo permanente, náuseas, diarreas, síndrome do intestino irritable, inflamación de vexiga, próstata, infeccións e molestias urinarias, xenitais, infeccións respiratorias, de seos, rinites crónicas, frecuentes alteracións hepáticas e problemas de dixestión das graxas e dos hidratos de carbono, taquicardias, síntomas e signos de fatiga cardíaca, empeoramento grave ao facer exercicio, incapacidade de permanecer de pé, ou de camiñar durante períodos cada vez máis curtos (intolerancia ortostática) con sensación de síncope, asfixia ou taquicardia, normalmente a causa do fallo no sistema nervioso autónomo que estes pacientes adoitan presentar (disautonomía), normalmente confirmado en probas de mesa basculante.

Os síntomas cognitivos, mentais e emocionais poden ser moi variados tamén. Poden presentar importantes déficits na capacidade de concentración, de atención, de aprendizaxe, das habilidades matemáticas; poden perder as súas capacidades en probas psicotécnicas e mostrar un cociente intelectual moi inferior ao que tiñan antes de enfermar. Emocionalmente poden mostrarse deprimidos, angustiados, experimentando gran ansiedade e ás veces crises de angustia ao sentirse incomprendidos. Todos estes trastornos son consecuencia da enfermidade e non ao contrario.

Evolución editar

O inicio pode ser súbito, similar a un gromo vírico ou de gripe "que nunca se cura" ou insidioso. É frecuente que comece tras un período de estrés emocional, un accidente con traumatismo ou unha intoxicación. A evolución cara ao empeoramento pode durar anos, ata que chegan ao mesmo punto que os que adquiriron a enfermidade subitamente e comparten toda a sintomatoloxía, características e peculiaridades sen distinción ningunha. Tanto uns como outros adoitan demorar anos en obter un diagnóstico, e son previamente mal diagnosticados de depresión, ansiedade, insomnio, astenia, neurastenia ou estrés.

Hai casos en que os síntomas desaparecen durante algún tempo, días ou semanas, pero a enfermidade é crónica e recorrente, e apenas un 5% dos enfermos recupérase completamente. Normalmente canto máis tempo transcorre sen melloría peor é o prognóstico de recuperación. Tamén a idade do paciente é un factor importante e teñen mellores perspectivas de recuperación os pacientes máis novos. [Cómpre referencia] Normalmente os pacientes visitan múltiples especialistas, terapeutas alternativos, proban todo tipo de medicamentos, remedios, suplementos, herbas, vitaminas, modifican a súa dieta, viaxan maltreitos a visitar outros médicos e terapeutas afastados dos que lles falaron, gastan moito diñeiro en todo iso, e adoitan obter pouco rendemento pois apenas logran mellorías significativas.

Diagnóstico editar

O enfoque xeral dun paciente con fatiga crónica inclúe a realización dunha historia clínica completa e un exame físico, centrándose na identificación dos síntomas máis molestos e aqueles que poden indicar unha enfermidade subxacente máis seria, segundo as directrices do Instituto Nacional de Excelencia para a Saúde e os Coidados (NICE, polas súas siglas en inglés). Outra parte importante é o exame do estado mental, incluíndo a avaliación da depresión, que está presente no 39-47 % dos pacientes con SFC.[19]

Non hai probas de laboratorio que se poidan utilizar para diagnosticar o SFC. Porén, son necesarias para descartar outras causas de fatiga. Os Centros para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC, polas súas siglas en inglés) e o NICE recomendan un conxunto mínimo de probas para os pacientes que presentan fatiga crónica.[19]

O CDC recomenda a realización de análise de urina, hemograma completo, panel metabólico integral e medición dos niveis de fósforo, hormona estimulante da tiroide (TSH) e proteína C reactiva.[19]

O NICE tamén recomenda a determinación dos niveis de anticorpos antiendomisio do tipo IgA para a detección da enfermidade celíaca, a cal pode cursar principalmente con síntomas neurolóxicos e sen ningún síntoma dixestivo.[9] Porén, a negatividade dos anticorpos non descarta a enfermidade celíaca.[23] Así mesmo, a fatiga crónica é un síntoma que pode ser provocado pola sensibilidade ao glute non celíaca, na que todas as probas para enfermidade celíaca son negativas mais o paciente mellora ao retirar o glute da alimentación.[24]

Se se indica pola historia ou o exame físico, o NICE tamén recomenda a detección de drogas en urina, probas de factor reumatoide e niveis de anticorpos antinucleares (ANAs). Os títulos virales non se recomendan a menos que a historia do paciente sexa suxestiva dun proceso infeccioso, posto que non confirman nin descartan o diagnóstico de SFC.[19]

Criterios diagnósticos editar

Oito conxuntos de criterios diagnósticos publicáronse ao longo dos anos para o diagnóstico da síndrome de fatiga crónica. Entre eles, destacan os criterios de Fukuda de 1994 (que foron os máis amplamente utilizados tanto en investigación como na práctica clínica diaria) e os máis recentes, elaborados pola Academia Nacional de Medicamento dos Estados Unidos en 2015.[25] Con todo, non existe consenso sobre que conxunto de criterios de todos os publicados ata a data describe con máis precisión ás persoas que sofren esta síndrome. Así mesmo, ningún deles foi probado adecuadamente para determinar se se está a realizar un correcto diagnóstico diferencial con outras enfermidades que producen síntomas similares aos atopados nas persoas coa síndrome de fatiga crónica.[26]

Criterios diagnósticos de Fukuda (1994) editar

Presenza dos dous criterios seguintes:[27]

  1. Fatiga crónica persistente (duración de 6 meses como mínimo), ou intermitente, non explicada, que aparece de novo ou cun inicio definido, e que non é o resultado de esforzos recentes. Dita fatiga non mellora claramente co descanso, e ocasiona unha redución considerable dos niveis previstos de actividade cotiá do paciente.
  2. Exclusión doutras enfermidades potencialmente causantes de fatiga crónica.

De forma concorrente, deben estar presentes catro ou máis signos ou síntomas da seguinte lista, todos eles cunha duración de 6 meses ou máis, e posteriores á presentación da fatiga:[27]

  1. Trastornos de concentración ou memoria.
  2. Odinofagia (dor de gorxa producido ao tragar).
  3. Adenopatías axilares ou cervicais dolorosas.
  4. Mialxias (dores musculares).
  5. Poliartralxias (dor de varias articulacións), sen signos inflamatorios.
  6. Cefalea (dor de cabeza) de inicio recente ou de características diferentes do habitual.
  7. Sono non reparador.
  8. Malestar postesforzo de duración superior a 24 horas.

Criterios de consenso canadense ( 2006) editar

Segundo estes criterios, un paciente con EM/SFC ten que presentar fatiga, malestar e/ou fatiga postesforzo, disfunción de sono e dor; debe ter dous ou máis manifestacións neurolóxicas/cognitivas e un ou máis síntomas de dous das categorías de manifestacións autonómicas, neuroendocrinas e inmunes; e cumprir o ítem 7.[28]

  1. Fatiga: O paciente ten que ter un grao significante de fatiga física e mental de comezo novo, inexplicada, persistente ou recorrente que reduce substancialmente o nivel de actividades.
  2. Malestar e/ou fatiga postesforzo: Hai unha inapropiada perda do vigor físico e mental, rápida fatigabilidade muscular e cognitiva, malestar e/ou fatiga e/ou dor postesforzo e unha tendencia a que empeoren os outros síntomas asociados dentro do conxunto de síntomas do paciente. Hai un período de recuperación patoloxicamente lento, usualmente 24 horas ou máis.
  3. Trastorno do sono: Existe un sono non reparador e/ou preséntanse alteracións da cantidade ou ritmos invertidos ou caóticos de sono diúrno.
  4. Dor: Hai un grao significante de mialxias. Pódese experimentar dor nos músculos e/ou articulacións e a miúdo é de natureza xeneralizada e migratoria. A miúdo preséntanse significativas dores de cabeza dun novo tipo, patrón ou gravidade.
  5. Manifestacións neurológicas/cognitivas: Dous ou máis das seguintes dificultades deben estar presentes: confusión, deterioración da concentración e da consolidación da memoria a curto prazo, desorientación, dificultades co procesamento de información, catalogación e encontro de palabras e alteracións perceptuais e sensoriais p.ex. inestabilidade espacial e desorientación e incapacidade para enfocar a vista. Son comúns a ataxia, debilidade muscular e fasciculacións. Poden haber fenómenos de sobrecarga cognitiva, sensorial –p.ex. fotofobia e hipersensibilidade ao ruído e/ou sobrecarga emocional, que pode levar a períodos de “crash” e/ou ansiedade.
  6. Polo menos un síntoma de dous das seguintes categorías:
    1. Manifestacións autonómicas: intolerancia ortostática–Hipotensión Neuralmente Mediada (HNM), síndrome de taquicardia ortostática postural (POTS), hipotensión postural retardada; inestabilidade cefálica; palidez extrema; náusea e síndrome do intestino irritable; frecuencia urinaria e disfunción da vexiga; palpitacións con ou sen arritmias cardíacas; dispnea postesforzo.
    2. Manifestacións neuroendocrinas: perda da estabilidade termostática (temperatura corporal baixa e con marcadas flutuacións diúrnas, episodios de suoración, recorrentes sensacións de febre e extremidades frías); intolerancia das extremidades ao frío e calor; marcados cambios de peso, anorexia ou apetito anormal; perda de adaptabilidade e empeoramento dos síntomas co estrés.
    3. Manifestacións inmunes: nódulos linfáticos sensibles e/ou dolorosos, dor de gorxa frecuente, síntomas similares á gripe, malestar xeral, novas sensibilidades ante alimentos, medicamentos e/ou produtos químicos.
  7. A enfermidade persiste polo menos durante seis meses.

Criterios de Jason (2007) editar

En nenos e adolescentes, existen os criterios de Jason (2007) para o diagnóstico clínico, aínda que son necesarios estudos adicionais para a súa valoración. Desde o punto de vista práctico, é aconsellable utilizar tamén nestas idades criterios de adultos.[27]

Criterios do Consenso Internacional (2011) editar

Nestes criterios, establécese que o termo "encefalomielite miálxica" é máis adecuado que a denominación de síndrome de fatiga crónica, baseándose nas fortes evidencias que apuntan á existencia dunha inflamación xeneralizada e unha neuropatoloxía multisistémica.[29]

Estes criterios desenvólvense como segue:[29]

A. Síntoma OBRIGATORIO: Esgotamento neuroinmune postesforzo
Unha ou máis opcións dentro da lista seguinte, segundo os criterios descritos arriba, indica que tes esgotamento neuroinmune postesforzo:
  1. Marcada e rápida fatigabilidade física e/ou cognitiva en resposta ao esforzo, que pode ser mínimo, como as actividades da vida diaria ou simples tarefas mentais; pode ser debilitante e provocar unha crise.
  2. Exacerbación de síntomas postesforzo: por exemplo, agudos síntomas estilo gripe, dor e empeoramento doutros síntomas.
  3. Esgotamento postesforzo que pode ocorrer inmediatamente despois da actividade, ou non aparecer ata horas ou días máis tarde.
  4. O período de recuperación é prolongado, polo xeral precisa 24 horas ou máis. Unha crise pode durar días, semanas ou máis.
  5. Baixo limiar de fatigabilidade física e mental (falta de aguante) que se traduce nunha redución substancial do nivel de actividades previo á enfermidade.
B. Deterioración neurolóxica
Polo menos un síntoma de tres das catro categorías de síntomas seguintes
  1. Deterioracións neurocognitivas
    1. Dificultades para procesar información: pensamento máis lento, deterioración da concentración ex. confusión, desorientación, sobrecarga cognitiva, dificultades para tomar decisións, a fala máis lenta, dislexia adquirida ou por esforzo.
    2. Perda de memoria a curto prazo ex. Dificultades para lembrar o que un quería dicir, o que estaba a dicir, atopar palabras, lembrar información, pobre memoria de traballo.
  2. Dor
    1. Cefaleas
    2. Dor significativa en músculos, unións músculo-tendón, articulacións, abdome ou peito. É de natureza non inflamatoria e a miúdo migra.
  3. Alteracións do sono
    1. Alteración dos patróns do sono: ex. insomnio, prolongado sono incluíndo sestas, durmir a maior parte do día e estar esperto a maior parte da noite, frecuentes espertares, espertar moito máis cedo que antes de enfermar, soños vívidos/pesadelos.
    2. Sono non reparador
  4. Alteracións neurosensoriais, perceptuais e motoras
    1. Neurosensorial e perceptual: ex. Incapacidade para enfocar a visión, sensibilidade á luz, ruído, vibracións, cheiros, sabores e tacto; deterioración da percepción da profundidade.
    2. Motora: ex. Debilidade muscular, espasmos, pobre coordinación, sentirse inestable sobre os pés, ataxia.
C. Alteracións inmunes, gastrointestinais e xenitourinarias
Polo menos un síntoma de tres das cinco categorías de síntomas seguintes
  1. Síntomas estilo gripe poden ser recorrentes ou crónicos e actívanse ou empeoran tipicamente co esforzo. ex. dor de gorxa, sinusite, nódulos linfáticos cervicais e/ou axilares poden agrandar ou ser sensibles á palpación.
  2. Susceptibilidade a infeccións virais con prolongados períodos de recuperación.
  3. Tracto gastrointestinal: ex. náusea, dor abdominal, inchazón, síndrome do intestino irritable.
  4. Xenitourinario: ex. Urxencia ou frecuencia urinaria, nocturia.
  5. Sensibilidades a alimentos, medicamentos, cheiros ou produtos químicos.
D. Alteracións de produción/transporte de enerxía: Polo menos un síntoma
  1. Cardiovascular: ex. Incapacidade para tolerar postura vertical – intolerancia ortostática, hipotensión mediada neuralmente, síndrome de taquicardia ortostática postural, palpitacións con ou sen arritmias cardíacas, lixeireza na cabeza/mareos.
  2. Respiratorios: ex. Fame de aire, dificultade para respirar, fatiga dos músculos da parede torácica.
  3. Perda de estabilidade termostática: ex. Temperatura corporal por baixo do normal, marcadas flutuacións diúrnas; episodios de sudación, recorrentes sensacións febrís con ou sen febrícula, extremidades frías.
  4. Intolerancia a extremos de temperatura.

Criterios da Academia Nacional de Medicamento dos Estados Unidos (2015) editar

En 2015, a Academia Nacional de Medicamento dos Estados Unidos realizaba un informe para os Centros para o Control e Prevención de Enfermidades no que se suxería un cambio de nome cara a unha representación máis fidedigna da síndrome e recalcábase o carácter orgánico da enfermidade, en contraposición ás teorías dunha suposta condición psicosomática. O nome proposto foi “Systemic Exertion Intolerance Disease” (SEID) que se traduce como Enfermidade Sistémica de Intolerancia ao Esforzo. Esta definición respondía á realidade común dos pacientes, clave na enfermidade, o “Malestar postesforzo” (PEM) tamén chamado baixo a clasificación dos consensos internacionais “Esgotamento Neuroinmune Postesforzo”. Este síntoma chave é recollido polos criterios diagnósticos presentados pola IOM como necesario para o diagnóstico.[4]

A revisión conclúe: "Está claro pola evidencia recompilada polo comité que a síndrome de fatiga crónica é unha enfermidade seria, crónica, complexa e múltisistémica, que frecuente e dramaticamente limita as actividades dos pacientes afectados."[4]

Establece que hai evidencia científica suficiente nestes aspectos: enfermidade discapacitante, fatiga profunda que non se alivia con descanso, malestar postesforzo, problemas cognitivos e procesamento lento da información, intolerancia ortostática, dor, disfunción inmunitaria e resposta anormal ao Virus de Epstein-Barr.

Criterio diagnóstico proposto para o SFC/EM:

O diagnóstico require que o paciente teña os seguintes tres síntomas:

  1. Unha redución ou impedimento substancial na habilidade de realizar actividades ocupacionais, sociais ou persoais a niveis previos á enfermidade, que persiste por máis de 6 meses e é acompañada de fatiga, que é a miúdo acusada, é de nova aparición (non se sufriu en toda a vida), non é o resultado de extenuación por excesiva actividade e non se ve substancialmente aliviada polo descanso.
  2. Malestar postexercicio
  3. Descanso non reparador

Polo menos unha das dúas manifestacións seguintes é requirida tamén:

  1. Impedimento cognitivo
  2. Intolerancia ortostática

(A frecuencia e gravidade dos síntomas deben ser avaliadas. O diagnóstico da EM/SFC debería ser posto en dúbida se os pacientes non presentan estes síntomas polo menos a metade das veces con intensidade moderada, substancial ou forte).

Tratamento editar

O tratamento da síndrome de fatiga crónica céntrase inicialmente na identificación e tratamento das enfermidades asociadas ou subxacentes e o alivio dos síntomas, entre os cales os máis comúns son trastornos do sono, depresión e dor. Os pacientes precisan tomar períodos de descanso cando sexa necesario e practicar técnicas de relaxación. Aínda que non hai evidencia de que estas modalidades sexan eficaces, é pouco probable que sexan nocivas e poden ser beneficiosas.[19]

Non hai evidencia substancial sobre a efectividade de dous dos tratamentos xeralmente prescritos para a síndrome de fatiga crónica: as terapias cognitivo-comportamentais (TCC) e a práctica de exercicio físico gradual. Os efectos do primeiro adoitan ser moderados e de cando en cando conducen á resolución do SFC. O segundo deles pode mesmo empeorar os síntomas se non se monitoriza adecuadamente para non alcanzar o nivel anaerobio.[cita requirida]Non hai, con todo, evidencias claras con respecto ao beneficio da terapia con medicamentos en pacientes que non mostran depresión ou trastornos de ansiedade comórbidos.[19]

Terapia cognitivo comportamental editar

Existe suficiente evidencia sobre o efecto beneficioso da terapia cognitivo-comportamental (TCC) na redución de síntomas, mellora da función e da calidade de vida dos pacientes con SFC.[27]

Un gran ensaio aleatorizado controlado en adultos con SFC confirmou que impartida por psicoterapeutas adestrados ten efectos positivos sobre os niveis de fatiga, o traballo e a adaptación social, a depresión, a ansiedade e o malestar postesforzo.[19] Unha revisión Cochrane de 2008 tamén apoiou o uso da TCC para CFS.[27] Varios outros estudos mostraron resultados similares, incluíndo adolescentes.

Porén, estas terapias evidencian unha perda de eficacia a longo prazo.[27]

Exercicio físico gradual editar

Esta terapia implica un aumento gradual da actividade física, coa esperanza dunha mellora crecente da función.[19] Hai evidencias suficientes sobre a súa eficacia para mellorar as medidas de cansazo e funcionamento físico en pacientes con SFC.[27] Varios estudos concluíron que a terapia de exercicio gradual foi tan eficaz como a terapia cognitivo-comportamental (TCC) para a fatiga e outros aspectos da deterioración funcional, fóra dos participantes con depresión.

Con todo, é importante considerar que realizar un sobreesforzo pode empeorar a evolución do SFC.[27] Así mesmo, existe algunha evidencia de que os efectos positivos da terapia de exercicio gradual non se correlacionan co aumento da capacidade de exercicio, o cal suxire que os beneficios desta técnica, como no caso da TCC, teñen máis que ver coa influencia sobre o comportamento.[19]

A combinación do exercicio físico gradual con outras estratexias, tales como tratamento farmacolóxico sintomático, educación e TCC mostrou unha efectividade moderada.[27]

Controversia: Terapia cognitivo-comportamental e exercicio gradual editar

O estudo chave para a difusión e consagración destes tratamentos foi o polémico ensaio PACE, un ensaio que comparaba catro posibles tratamentos para o SFC/EM entre os que destacaban polos seus resultados positivos tanto a terapia cognitivo-comportamental como o exercicio gradual. Este ensaio enfrontouse a un Acta para a Liberdade de Información nun xuízo, tras a demanda dun dos pacientes que participaron nel. Tras anos de litixio, o xuíz resolveu a favor dos pacientes (que non estaban de acordo cos resultados e denunciaban danos que se facían patentes nunha serie de enquisas). Os datos brutos do ensaio foron postos a disposición pública, dando lugar a uns resultados moi inferiores aos que os autores do ensaio comunicaran nas súas conclusións.[30]

Acerca desta polémica o Coordinador Académico do mestrado en Saúde Pública e Xornalismo da Universidade de Berkeley, David Tuller, escribiu unha serie de artigos denunciando os aspectos fraudulentos do ensaio PACE e os erros na súa metodoloxía científica, que se facían patentes mesmo antes da resolución do xuízo.

Este é o principal dunha longa lista de críticas ben fundadas por parte de Tuller ao ensaio e outros proxectos similares dos seus autores: TRIAL BY ERROR: The Troubling Case of the PACE Chronic Fatigue Syndrome Study[31]

Os erros na metodoloxía non só foron identificados por Tuller, e o inflado das cifras puideron ser facilmente preditos desde algunhas páxinas que denunciaban ao PACE[32] trial como exemplo de mal deseño dun ensaio científico, como foi o caso de Stats.org: PACE: The research that sparked a patient rebellion and challenged medicine.

Un dos aspectos máis graves no fallo metodolóxico que ambas as análises denunciaron foi o cambio dos criterios de melloría mentres se realizaba o ensaio. Só con este cambio algúns enfermos que ao entrar considerábanse enfermos, pasaban a ser considerados na nova escala como recuperados, pois os criterios de avaliación da súa funcionalidade fixéronse moito máis laxos e así se expresaba nos resultados, sen avisar do cambio de criterio.

Na actualidade e cos datos que os autores do ensaio PACE foron obrigados a achegar (tras un investimento de 250.000 libras de diñeiro público na súa defensa legal ante o acto de liberdade de información) publicouse un reanálise en decembro de 2016 demostrando o que parecía ser evidente, unha inflación enorme dos resultados positivos para os tratamentos de exercicio gradual e terapia cognitivo-comportamental: Can patients with chronic fatigue syndrome really recover after graded exercise or cognitive behavioural therapy? A critical commentary and preliminary re-analysis of the PACE trial.[33]

E como refire o artigo publicado o 10 de xaneiro de 2017 no Journal of Neurology and Neurobiology Sci Forschen, no que o autor conclúe contundentemente: “A análise dos datos individuais dos participantes no PACE Trial demostrou que a TCC e o exercicio gradual son ineficaces e (potencialmente) daniños, o que invalida a asunción do modelo biopsicosocial, que está baseado en opinións. En consecuencia, a TCC e o exercicio gradual non deberían ser utilizados como tratamentos (preceptivos) para o SFC/EM. Isto evitará o sufrimento innecesario infrinxido aos pacientes por parte dos seus médicos, que é o peor de todos os danos, como conclúe Spence, e que é totalmente evitable.[34]

O equipo do Vall d’Hebron do Doutor José Alegre publicaba esta metaanálise sobre a eficacia dos tratamentos ofrecidos a pacientes de SFC/EM no que concluía que nin o exercicio gradual nin a terapia cognitivo-comportamental son terapias con validez probada.[35]

Alimentación editar

Aínda que son necesarias máis investigacións, actualmente as conclusións de varios estudos apuntan a que a dieta ten un rol importante no desenvolvemento dos síntomas do SFC, contrariamente a conclusións de anos anteriores.[9]

Antioxidantes editar

As recentes evidencias da existencia dalgún grao de estrés oxidativo nos pacientes con SFC suxiren que varios antioxidantes poderían exercer un efecto beneficioso. Nesta liña, a suplementación cos antioxidantes glutatión, N-acetilcisteína, α-ácido lipoico, proantocianidinas oligoméricas, Ginkgo biloba e Vaccinium myrtillus móstrase prometedora, aínda que son necesarios estudos clínicos para demostrar a súa eficacia pacientes con SFC.[9]

Intolerancias alimentarias editar

A intolerancia aos alimentos parece estar implicada no desenvolvemento dos síntomas do SFC, aínda que a información segue sendo limitada. As intolerancias alimentarias son procesos diferentes das alerxias alimentarias (mediadas por anticorpos do tipo IGE), nos cales a resposta inflamatoria non é nin inmediata nin tan extrema como na alerxia alimentaria clásica, o que fai moi difícil ao paciente identificar os alimentos causantes.[9] En 2001, presentouse un estudo no que se mostraba que o 54% dunha mostra de pacientes con SFC tentara modificacións dietéticas non especificadas, dos cales o 73% obtivo efectos beneficiosos na redución da fatiga. Permanece sen aclarar se estas melloras eran debidas ao aumento da inxesta de antioxidantes na dieta ou á eliminación de certos alimentos.[9]

Unha investigación publicada en The Lancet suxire que a modificación da dieta mediante a eliminación de alimentos que provocan intolerancias pode reducir a liberación de citocinas inflamatorias. Os investigadores demostraron que as persoas con intolerancias alimentarias tiñan niveis significativamente elevados das citocinas inflamatorias interleucina-4, interferón gamma (IFN-γ) e factor de necrose tumoral alfa (TNF-α) tras a administración de produtos lácteos e trigo. Os autores sinalaron que esta elevación de citocinas pode ser a responsable da aparición dos síntomas experimentados polos pacientes, tales como dor de cabeza, mialxias (dores musculares), dor nas articulacións e trastornos dixestivos, e negan a relación con patoloxías neuropsiquiátricas.[9]

Estes resultados desmontan estudos previos, nos que se fixeron suposicións falsas con respecto á relación entre a intolerancia aos alimentos e o SFC, nos cales sen realizar probas de eliminación e exposición a alimentos nin avaliar a presenza de marcadores inflamatorios, concluíuse que os pacientes con fatiga crónica que notaban intolerancias alimentarias simplemente manifestaban trazos de somatización.[9]

Tendo en consideración que o SFC é un trastorno por exclusión e que se documentou a melloría dos síntomas coa eliminación do trigo da dieta, todos os pacientes deben ser avaliados sobre a presenza dunha enfermidade celíaca (EC) non diagnosticada. A EC é unha enfermidade subdiagnosticada na poboación xeral, que cursa frecuentemente con anticorpos negativos, unicamente con enteropatía leve e sen ningún síntoma dixestivo.[9][23] As afectacións neurológicas e as dificultades cognitivas poden ser as súas primeiras ou únicas manifestacións.

Terapias alternativas e/ou complementarias editar

A evidencia sobre a eficacia das terapias alternativas ou complementarias, tales como a homeopatía, a acupuntura e a fitoterapia é insuficiente.[27]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Bested, Alison C.; Marshall (2015). "Review of Myalgic Encephalomyelitis/Chronic Fatigue Syndrome: an evidence-based approach to diagnosis and management by clinicians" 30 (4). Canadá. doi:10.1515/reveh-2015-0026. Consultado o 17 de junio de 2016. 
  2. 2,0 2,1 "Chronic Fatigue Syndrome". 16 de febrero de 2016. Consultado o 17 de junio de 2016. 
  3. "Myalgic encephalomyelitis: International Consensus Criteria" 270 (4). 2011. doi:10.1111/j.1365-2796.2011.02428.x. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Committee on the Diagnostic Criteria for Myalgic Encephalomyelitis/Chronic Fatigue Syndrome; Board on the Health of Select Populations; Institute of Medicine. "Beyond Myalgic Encephalomyelitis/Chronic Fatigue Syndrome: Redefining an Illness". The National Academies Collection: Reports funded by National Institutes of Health. ISBN 978-0-309-31689-7. PMID 25695122. doi:10.17226/19012. 
  5. Yunus, M.B. (2008). "Central sensitivity syndromes: a new paradigm and group nosology for fibromyalgia and overlapping conditions, and the related issue of disease versus illness.". CSS seems to be a useful paradigm and an appropriate terminology for FMS and related conditions. The disease-illness, as well as organic/non-organic dichotomy, should be rejected. 
  6. Kindler, LL.; et al. (2011). "Central sensitivity syndromes: mounting pathophysiologic evidence to link fibromyalgia with other common chronic pain disorders.". "Central sensitivity syndromes" denotes an emerging nomenclature that could be embraced by researchers investigating each of these disorders. Moreover, a shared paradigm would be useful in promoting cross-fertilization between researchers. Scientists and clinicians could most effectively forward the understanding and treatment of fibromyalgia and other common chronic pain disorders through an appreciation of their shared pathophysiology. 
  7. Committee on the Diagnostic Criteria for Myalgic Encephalomyelitis/Chronic Fatigue Syndrome; Board on the Health of Select Populations; Institute of Medicine (2015). Beyond Myalgic Encephalomyelitis/Chronic Fatigue Syndrome: Redefining an Illness. The National Academies Collection: Reports funded by National Institutes of Health. Washington (DC): National Academies Press (US). ISBN 978-0-309-31689-7. PMID 25695122. 
  8. Es oficial: la fatiga crónica se cobra su primera víctima Arquivado 14 de maio de 2009 en Wayback Machine. Nota del diario Clarín del 20 de junio de 2006.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 9,8 Logan, Alan C.; Wong, Cathy (2001 Oct). "Chronic fatigue syndrome: oxidative stress and dietary modifications" (PDF) 6 (5). PMID 11703165. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de novembro de 2016. Consultado o 17 de xaneiro de 2020. 
  10. Gobierno de España - Ministerio de Sanidad, Política Social e Igualdad, ed. (2011). "Documento de Consenso sobre Sensibilidad Química Múltiple (SQM)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2017. Consultado o 17 de xaneiro de 2020. 
  11. "A Multicenter Blinded Analysis Indicates No Association between Chronic Fatigue Syndrome/Myalgic Encephalomyelitis and either Xenotropic Murine Leukemia Virus-Related Virus or Polytropic Murine Leukemia Virus". Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2020. Consultado o 17 de xaneiro de 2020. 
  12. [Ligazón morta]
  13. J. Gascón; et al. (1995). "Cytomegalovirus and Epstein-Barr Virus Infection as a Cause of Chronic Fatigue Syndrome in Travelers to Tropical Countries" 2 (1). doi:10.1111/j.1708-8305.1995.tb00619. 
  14. [Ligazón morta] J. Fernández-Solà
  15. Scheurlen, M (1996 Sep 20). "Pathogenicity of fungi in the intestines--current status of the discussion" 114 (26). PMID 8999002. 
  16. Joaquim Fernández-Solà; et al. "Síndrome de fatiga crónica e hipersensibilidad química múltiple tras exposición a insecticidas" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de setembro de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de 2020. 
  17. Fernández-Solà J. Sobrevivir al cansancio. Una aproximación al síndrome de fatiga crónica. Viena-Oxis. 
  18. Joaquim Fernández Solà (2004). "Síndrome de fatiga crónica y su relación con la fibromialgia" 31 (10). ISSN 0304-4815. 
  19. 19,00 19,01 19,02 19,03 19,04 19,05 19,06 19,07 19,08 19,09 Yancey, JR; Thomas (2012 Oct 15). "Chronic fatigue syndrome: diagnosis and treatment" 86 (8). PMID 23062157. 
  20. "Documento de consenso sobre el diagnóstico y tratamiento del síndrome de fatiga crónica en Catalunya" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de novembro de 2012. Consultado o 24 de novembro de 2012. 
  21. El síndrome de fatiga crónica y su diagnóstico Medicina Interna Anales de Medicina Interna. ISSN 0212-7199. An. Med. Interna (Madrid) v.23 n.5 Madrid mayo 2006.
  22. Síndrome de fatiga crónica
  23. 23,0 23,1 MINISTERIO DE SANIDAD Y CONSUMO (ed.). "Diagnóstico precoz de la enfermedad celíaca" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de outubro de 2018. Consultado o 17 de xaneiro de 2020. 
  24. Fasano A, Sapone A, Zevallos V, Schuppan D (May 2015). "Nonceliac gluten sensitivity" 148 (6). PMID 25583468. doi:10.1053/j.gastro.2014.12.049. 
  25. Afari N, Buchwald D. "Chronic fatigue syndrome: a review" 160 (2). PMID 12562565. doi:10.1176/appi.ajp.160.2.221. 
  26. Haney E, Smith ME, McDonagh M, Pappas M, Daeges M, Wasson N, Nelson HD. "Diagnostic Methods for Myalgic Encephalomyelitis/Chronic Fatigue Syndrome: A Systematic Review for a National Institutes of Health Pathways to Prevention Workshop" 162 (12). PMID 26075754. doi:10.7326/M15-0443. 
  27. 27,00 27,01 27,02 27,03 27,04 27,05 27,06 27,07 27,08 27,09 Grupo de trabajo sobre fibromialgia y síndrome de fatiga crónica. Alegre C, Alegre J, Carbonell J, Casademont J, Collado A, et al. — Madrid: Plan de Calidad para el Sistema Nacional de Salud. Ministerio de Ciencia e Innovación. Barcelona: Agencia de Información, Evaluación y Calidad en Salud, 2010, — 120 p; 24 cm. (Colección: Informes, estudios e investigación / Ministerio de Ciencia e Innovación / Informes de Evaluación de Tecnologías Sanitarias; AIAQS 2010/02). "Fibromialgia y síndrome de fatiga crónica: recomendaciones sobre el diagnóstico y tratamiento" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de xullo de 2013. Consultado o 13 de agosto de 2015. 
  28. "Documento de consenso canadiense" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de marzo de 2017. Consultado o 17 de xaneiro de 2020. 
  29. 29,0 29,1 Carruthers, B. M.; van de Sande; De Meirleir; Klimas; Broderick; Mitchell; Staines; Powles; Speight. "Myalgic encephalomyelitis: International Consensus Criteria" 270 (4). ISSN 1365-2796. PMC 3427890. PMID 21777306. doi:10.1111/j.1365-2796.2011.02428.x. Consultado o 15 de marzo de 2017. 
  30. "Harms associated with CBT and GET". Shoutout about ME (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2020. Consultado o 24 de febrero de 2017. 
  31. "TRIAL BY ERROR: The Troubling Case of the PACE Chronic Fatigue Syndrome Study (final installment)". Consultado o 24 de febrero de 2017. 
  32. "PACE: The research that sparked a patient rebellion and challenged medicine - Sense About Science USA". Sense About Science USA (en inglés). 21 de marzo de 2016. Consultado o 24 de febrero de 2017. 
  33. Wilshire, Carolyn; Kindlon; Matthees; McGrath. "Can patients with chronic fatigue syndrome really recover after graded exercise or cognitive behavioural therapy? A critical commentary and preliminary re-analysis of the PACE trial" 0 (0). ISSN 2164-1846. doi:10.1080/21641846.2017.1259724. Consultado o 24 de febrero de 2017. 
  34. "Assessment of Individual PACE Trial Data: in Myalgic Encephalomyelitis/Chronic Fatigue Syndrome, Cognitive Behavioral and Graded Exercise Therapy are Ineffective, Do Not Lead to Actual Recovery and Negative Outcomes may be Higher than Reported" (PDF). 
  35. Castro-Marrero, Jesus; Sáez-Francàs; Santillo; Alegre. "Treatment and management of chronic fatigue syndrome/myalgic encephalomyelitis: all roads lead to Rome" 174 (5). ISSN 1476-5381. PMC 5301046. PMID 28052319. doi:10.1111/bph.13702. Consultado o 24 de febrero de 2017. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar