Roqeyya Sakhāwat Hussain
Rokeya Sakhawat Hossain[1], nada en Pairaband (Mithapukur, distrito de Rangpur) o 9 de decembro de 1880 e finada en Calcuta o 9 de decembro de 1932, foi unha escritora, pensadora, educadora, activista social e defensora dos dereitos da muller bengalí, máis coñecida como Begum Rokeya.
Nome orixinal | (bn) রোকেয়া সাখাওয়াত হোসেন |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 9 de decembro de 1880 distrito de Rangpur |
Morte | 9 de decembro de 1932 (52 anos) Calcuta |
Causa da morte | doenza cardiovascular |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Raj Británico |
Relixión | Islam |
Actividade | |
Ocupación | escritora , escritora de ciencia ficción , reformadora social |
Xénero artístico | Ciencia ficción feminista |
Lingua | Lingua bengalí |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Irmáns | Karimunnesa Khanam Chaudhurani (en) |
Considerada pioneira do feminismo no seu país,[2][3][4] escribiu novelas, poemas, contos, ciencia ficción, sátiras, tratados e ensaios.[5] Nos seus escritos sostivo que tanto homes como mulleres deben ser tratadas como seres racionais por igual, e que a falta de educación é a principal razón da discriminación cara ás mulleres. As súas principais obras inclúen Abarodhbasini, un ataque ás formas extremas de purdah que poñen en perigo as vidas e os pensamentos; Sultana's Dream, unha novela de ciencia ficción situada nun lugar chamado Lady Land, un mundo gobernado por mulleres; Padmarag, outra novela utópica feminista; Motichur, colección de ensaios en dous volumes.[5] Rokeya defendeu que a educación da muller é a principal condición da liberación feminia, polo que estableceu a primeira escola dirixida principalmente ás nenas musulmás bengalís en Calcuta. Dirixiu o centro até a súa morte, a pesar de enfrontarse á crítica hostil e diversos obstáculos sociais.[5] En 1916 fundou a Asociación de Mulleres Musulmás, organización que loitou pola educación e o emprego da muller.[5][6] En 1926 presidiu a Conferencia de Educación da Muller Bengalí convocado en Calcuta, primeiro intento significativo para reunir as mulleres en apoio do dereito á educación.[6] Estivo involucrada en debates e conferencias en relación cos avances da muller até a súa morte o 9 de decembro de 1932, pouco despois de presidir unha sesión durante a Conferencia da Muller da India.[6]
En Bangladesh celébrase cada 9 de decembro o Día Rokeya para conmemorar a súa obra e legado.[7] Nese día, o goberno do estado concede o Begum Rokeya Padak, homenaxe a mulleres que realizasen unha contribución excepcional na loita polo recoñecemento dos dereitos da muller.[4]
Traxectoria
editarNaceu no por entón Raj Británico. O seu pai, Jahiruddin Muhammad Abu Ali Haidar Saber, era un zamindar de bo nivel educativo que casou catro veces; do seu matrimonio con Rahatunnessa tivo tres fillas, entre elas Rokeya, e tres fillos, un dos cales morreu de neno. O irmán máis vello de Rokeya, Ibrahim Saber, e a súa irmá máis vella inmediata, Karimunnesa, tiveron grande influencia na súa vida. Karimunnesa quería aprender lingua bengalí, o idioma maioritario en Bangladesh, a pesar da oposición da familia debido a que os musulmáns de clase alta da época preferían utilizar o árabe e o persa como medio de educación, en lugar da súa lingua materna. Ibrahim ensinoulle inglés e bengalí a Rokeya e Karimunnesa. Karimunnesa foi obxecto dun matrimonio infantil aos catorce anos. Despois deuse a coñecer como poeta, e os seus dous fillos, Nawab Abdul Karim Gaznawi e Nawab Abdul Halim Gaznawi, ocuparon carteiras ministeriais baixo a ocupación británica.
Rokeya casou aos dezaseis anos. O seu marido, Khan Bahadur Sakhawat Hussain, falante nativo de lingua urdú, foi o maxistrado suplente de Bhagalpur, distrito do actual estado indio de Bihar. Foi o segundo matrimonio de Sakhawat, quen tiña por entón 38 anos e viúvo. Sakhawat era membro da Real Sociedade Agrícola de Inglaterra. Animou a Rokeya a seguir aprendendo bengalí e inglés, e a comezar a escribir. Rokeya adoptou o bengalí como lingua escrita. Iniciouse na literatura co ensaio Pipasa ("Sede").
Tras a morte de Sakhawat Hussain en 1909, Rokeya estableceu unha escola secundaria na memoria do seu home.[8] Comezou a funcionar en Bhagalpur, unha zona tradicionalmente de lingua urdú, con cinco estudantes. Unha disputa coa familia do seu marido sobre as propiedades obrigouna a trasladar a escola en 1911 a Calcuta, unha zona de fala bengalí.[8] Hoxe en día, dirixida polo estado de Bengala Occidental, é unha escola feminina.
Rokeya tamén fundou a Anjuman e Khawateen e Islam (Asociación de Mulleres Musulmás), que se dedicou a organizar debates e conferencias sobre a situación da muller e a educación. Inspirouse na aprendizaxe tradicional musulmá tal como se enuncia no Corán.
A súa tumba en Sodepur foi redescuberta grazas aos esforzos do historiador Amalendu De.[9]
Obra
editar- Pipasha ("Thirst", 1902).
- Motichur (ensaios, 1º vol. 1904, 2º vol. 1922). O segundo volume inclúe historia e lendas.
- Sultana's Dream (1908)[10]
- Padmarag (novela, 1924)
- Oborodhbashini ("As mulleres solitarias", 1931)
- Boligarto (conto curto).
- Narir Adhikar ("Os dereitos da muller"), ensaio inconcluso da Asociación de Mulleres Musulmás.
- God Gives, Man Robs ("Deus dá, o home rouba", 1927)
- Education Ideals for the Modern Indian Girl (1931)
Notas
editar- ↑ Nome transliterado consonte os criterios da Wikipedia en galego. Información a maiores: o nome en bengalí, para cuxo alfabeto non se consensuou ningún sistema explícito de transliteración, é রোকেয়া সাখাওয়াত হোসেন. A partir da versión en hindi -unha ponte empregada para romanizar- do seu nome, रुक़य्या सख़ावत हुसैन, queda रु-क़-य्या स-ख़ा-व-त हु-सै-न, polo tanto ro-qa-yya sa-khā-wa-t hu-sai-n. En consecuencia, a forma adoptada é Roqeyya Sakhāwat Hussain.
- ↑ "Rokeya's unrealised Dream". The Daily Star. Consultado o 25 de xuño de 2016.
- ↑ Rubaiyat, Hossain. "Begum Rokeya: The Pioneer Feminist of Bangladesh". The Daily Star. Consultado o 25 de xuño de 2016.
- ↑ 4,0 4,1 "Begum Rokeya Day on 9 December". Dhaka Tribune. Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2016. Consultado o 25 de xuño de 2016.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Akhter, Shahida (2012). "Hossain, Roquiah Sakhawat". En Islam, Sirajul; Jamal, Ahmed A. Banglapedia: National Encyclopedia of Bangladesh (2ª ed.). Asiatic Society of Bangladesh.Administrator. "Roquia Sakhawat Hussain (Begum Rokeya)". Londoni. Arquivado dende o orixinal o 26 de novembro de 2018. Consultado o 03 de setembro de 2019.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "Begum Rokeya Sakhawat Hossain". Sewall-Belmont House Museum. Sewall-Belmont House & Museum. Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2016. Consultado o 25 de xuño de 2016.
- ↑ "Begum Rokeya Day today". The Daily Star. Consultado o 25 de xuño de 2016.
- ↑ 8,0 8,1 Barnita Bagchi (1 de outubro de 2003). "Rokeya Sakhawat Hossain". Consultado o 16 de maio de 2010.
- ↑ Banerjee, Pranotosh (27 de maio de 2014). "Remembering Historian Amalendu De". Janoswartho Barta. Consultado o 13 de xaneiro de 2016.
- ↑ Aishwarya Subramanian. "Strange Horizons Reviews: Sultana's Dream by Rokeya Sakhawat Hossain". Strange Horizons. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 6 de xullo de 2016.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Roqeyya Sakhāwat Hussain |
- Hasan, Md. Mahmudul (2012). Marginalisation of Muslim writers in South Asian literature: Rokeya Sakhawat Hossain's English works (PDF). South Asia Research, 32 (3) (Print) 1741-3141 (Online). pp. 179–197. ISSN 0262-7280.
- The Essential Rokeya: Selected Works of Rokeya Sakhawat Hossain. Leiden, Boston: Brill Publishing. 2013. Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2018. Consultado o 03 de setembro de 2019.