Rodolfo Rábade

futbolista galego

Rodolfo Rábade Díaz, nado na Coruña o 11 de abril de 1931 e finado na mesma cidade o 15 de xullo de 2001,[1] foi un futbolista galego, que xogaba de dianteiro. A súa prometedora carreira, que o fixo debutar na Primeira División co Deportivo da Coruña aos 19 anos de idade, viuse truncada pola tuberculose, enfermidade que o retirou do fútbol cando só contaba con 23 anos.

Rábade
Información persoal
Nome Rodolfo Rábade Díaz
Nacemento 11 de abril de 1931
Lugar de nacemento A Coruña
Falecemento 15 de xullo de 2001
Lugar de falecemento A Coruña
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
Cantábrico
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1945–1946 Silva
1946–1947 Imperátor
1947–1948 Santa Margarita
1948–1951 Xuvenil
1951–1952 Deportivo da Coruña 3 (3)
1953–1954 Xuvenil
1954–1955 Celta de Vigo 2 (0)
Adestrador
1952–1953 Imperátor
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Comezou a xogar ao fútbol nas rúas da Coruña e no club Cantábrico, da praza de Santa Catalina, no que xogaba tamén Carlos Torres. Posteriormente pasou polo Silva, o Imperátor e o Santa Margarita, este último fundado polos seus irmáns máis vellos e outros amigos,[2] ao mesmo tempo que estudaba para profesor mercantil.[3] En 1948 fichou polo Xuvenil de Rodrigo, co que xogou varias tempadas na Terceira División.[4]

As súas grandes actuacións no Xuvenil fixeron que fose considerado un dos mellores futbolistas coruñeses naquel momento e abríronlle as portas do Deportivo da Coruña. O 18 de marzo de 1951 debutou na Primeira División, nun partido contra o Alcoyano en Riazor. Formou na dianteira xunto con Corcuera, Moll, Ponce e Tino, realizando un gran partido e marcando o segundo dos catro goles do seu equipo (4-0).[5] Xogou tamén nas dúas seguintes xornadas, marcando un gol en cada unha delas: contra o FC Barcelona en Riazor, onde bateu ao histórico Ramallets, e contra o Sevilla no estadio de Nervión. Regresou de Sevilla lesionado, polo que se perdeu os derradeiros partidos da tempada, e pouco despois caeu enfermo de tuberculose, deixando o fútbol por un tempo.[6] O seu contrato co Deportivo quedou rescindido un ano e medio despois, en outubro de 1952.[7] Durante esa época de inactividade como futbolista, adestrou o Imperátor.[8]

Reapareceu sobre os terreos de xogo o 11 de outubro de 1953 nun partido do Xuvenil contra o Ourense en Riazor, no que Rodrigo o aliñou na dianteira a carón de Vegazo, Seijas, Rilo e Regueira, e no que marcou un dos cinco goles do seu equipo (5-1).[9] Completou unha boa tempada co Xuvenil, culminada co ascenso á Segunda División, o que propiciou a súa volta ao fútbol profesional.

Ante a lentitude do Deportivo por reincorporar ao xogador, en xuño de 1954 fichou polo Celta de Vigo, adestrado por Zamora,[10][11] o que causou malestar na Coruña.[12] Debutou nun partido amigable contra o Guardés na Guarda,[13] e uns días despois marcou o seu primeiro e único gol no Trofeo Emma Cuervo, contra o Athletic Club, axudando a conquistar o trofeo (3-1).[14] Disputou só dous partidos oficiais, contra o Málaga e contra o Racing de Santander, coincidindo de novo no equipo con Carlos Torres. Pouco despois recaeu da súa tuberculose e tivo que deixar o fútbol con só 23 anos.

Faleceu na Coruña o 15 de xullo de 2001, aos 70 anos de idade.[15]

Vida persoal editar

Casou en 1958 con Mirtha Doce Rico.[16]

Notas editar

  1. Necrolóxica en La Voz de Galicia, 19-7-2001, p. 58.
  2. "Rábade". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de decembro de 1993. p. 95. 
  3. Quintanilla, José Luis (27 de marzo de 1951). "Diálogo (ante una taza de tila) con Rábade". La Noche (en castelán) (9294). p. 4. Consultado o 18 de decembro de 2021. 
  4. "Entrevista a Rábade". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de xaneiro de 1950. p. 3. 
  5. "Rábade estuvo magnífico en su debut". La Noche (en castelán). 19 de marzo de 1951. p. 1. Consultado o 18 de decembro de 2021. 
  6. "Rábade no ha decidido retirarse del futbol". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de outubro de 1951. p. 5. 
  7. "Galicia de norte a sur". El Pueblo Gallego (en castelán) (9621). 5 de outubro de 1952. p. 19. Consultado o 18 de decembro de 2021. 
  8. "Sporting Ciudad - Imperátor a las cinco en la final de la Copa de La Coruña". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de agosto de 1952. p. 8. 
  9. "En Riazor, el Juvenil superó a C.D. Orense (5-1)". La Región (en castelán) (13635). 13 de outubro de 1953. p. 4. Consultado o 18 de decembro de 2021. 
  10. "Rábade, nuevo jugador céltico". El Pueblo Gallego (en castelán) (10097). 17 de xuño de 1954. p. 7. Consultado o 18 de decembro de 2021. 
  11. "El Celta se interesa por el jugador Lechuga". La Noche (en castelán) (10391). 19 de xuño de 1954. p. 5. Consultado o 18 de decembro de 2021. 
  12. Longueira, Manuel (25 de xuño de 1954). "Un punto fuera de juego". El Pueblo Gallego (en castelán) (10104). p. 10. Consultado o 18 de decembro de 2021. 
  13. "En un magnífico encuentro el Celta vence al Guardés por (4-3)". El Pueblo Gallego (en castelán) (10155). 24 de agosto de 1954. p. 7. Consultado o 18 de decembro de 2021. 
  14. "En Ribadeo ganó el Celta el Trofeo Emma Cuervo". El Pueblo Gallego (en castelán) (10161). 31 de agosto de 1954. p. 8. Consultado o 18 de decembro de 2021. 
  15. "Falleció el exdeportivista Rodolfo Rábade". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de xullo de 2001. 
  16. "Bodas". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de agosto de 1958. p. 10. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar