Revolución de 1841 en España

Denomínase Revolución de 1841 ao movemento civil e militar patrocinado e promovido pola ex-rexente de España, María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias e o seu marido Agustín Fernando Muñoz e Sánchez, contra o goberno do xeneral Baldomero Espartero e que se preparou dende o exilio en Francia da Raíña Gobernadora xunto con elementos do Partido Moderado tamén no exilio.

Antecedentes

editar

A principios de 1841, María Cristina e o seu marido Muñoz viaxaron a Italia para entrevistárense co papa Gregorio XVI e obteren del a bendición do seu matrimonio morganático, situación que pesaba como unha lousa sobre a situación política de María Cristina. A viaxe foi organizada por Francisco Cea Bermúdez. Os esposos conseguiron a absolución que tanto desexaban, non sen antes ter que renunciar á obtención dalgún título nobiliario para o seu esposo. Desta forma, os moderados viron renacer a esperanza de que María Cristina puidese liderar o Partido sen atranco ningún no seu historial persoal. Así, en febreiro os moderados instaron o goberno francés ao apoio de María Cristina fronte ás alianzas de Espartero con Inglaterra.

En maio de 1841, ao tempo que as Cortes Xerais concedían a Rexencia única a Espartero, María Cristina chegou a París onde Lois Filipe de Orleáns a instou a fixar alí a súa residencia. Logo diso, os moderados desfilaron ante a Corte da ex rexente baixo a atenta vixilancia de Muñoz que se converteu en pedra angular dos seus movementos políticos. Un dos primeiros homes en gañar a confianza de María Cristina e do seu esposo foi Juan Donoso Cortés que, máis tarde, se converteu nun auténtico paladín da causa moderada máis crítica cos liberais. A este uníronselle Francisco Javier de Istúriz, Diego de León, Juan de la Pelezuela e outros moderados da parte máis conservadora.

Os acontecementos precipítanse

editar

Nin María Cristina nin o seu esposo estaban polo labor de patrocinaren e, menos, financiaren, un movemento contra Espartero a quen xulgaban de traidor. Ámbolos dous mostraban abertamente a súa hostilidade aos moderados, aos cales criticaban por non saberen defender a Rexencia e traizoaren o Estatuto real de 1834. A posición dos moderados criticando a rexente cando se viu obrigada a capitular ante as peticións dos sarxentos da Granxa de San Ildefonso e a súa inacción nos meses posteriores fronte aos liberais, xunto aos panfletos que lanzaron polas rúas de Madrid para castigaren o matrimonio secreto con Muñoz, eran os reproches comúns. Muñoz incluso evocaba o período anterior, o da Década Ominosa, no que vía o reflexo do que debía ser a monarquía: un réxime absolutista.

Porén, a situación comezou a cambiar por mor de varios sucesos. Por unha banda, a tutela da raíña Isabel, menor de idade, encomendóuselle a Agustín Argüelles, home non desexado por María Cristina; en segundo lugar, relevou nas persoas próximas á raíña no Pazo Real colocando xente de confianza de Espartero que alongaba os contactos coas súas fillas; e en terceiro lugar, a ameaza que supoñía para as pretensións de María Cristina a proximidade a súa filla Isabel da infanta Luísa Carlota, teimosa dunha voda da raíña con algún dos seus fillos. Por todos eses motivos, María Cristina asegurou, finalmente, o financiamento da sublevación.

Reacción e fracaso da Revolución

editar

Os primeiros movementos da intriga moderada sucederon no País Vasco, onde o carlismo tiña aínda unha forte implantación. Moitos elementos carlistas, descontentos co Convenio de Oñate, estaban dispostos a dar unha lección a Espartero, xeneral vitorioso por excelencia da Primeira Guerra Carlista. Os moderados máis reaccionarios non dubidaron en aliñárense con eles, ofrecendo mesmo esperanzas dunha unión futura entre a Raíña Isabel cun herdeiro directo de Carlos María Isidro de Borbón, unindo así as dúas ramas enfrontadas da Casa de Borbón. Istúriz, que era, de facto, o xefe da conspiración civil, xunto con Antonio Alcalá Galiano, recibiron a maior parte do diñeiro da ex rexente e dos seus banqueiros franceses e españois. Ás sublevacións vascas fóronse unindo de forma continua e intermitente as doutros puntos do norte de España. Na conspiración estaban implicados tamén militares como Ramón María Narváez e Leopoldo O'Donnell, aínda que este último cun menor convencemento dado o espírito radicalmente absolutista que tiña a trama.

María Cristina, aínda financiando a revolta, negou aos elementos civís e militares a súa implicación até que se lle garantisen dúas cousas: a protección do Pazo Real e, polo tanto, das súas fillas; e a posibilidade de fuxida das mesmas se a sublevación fracasaba polo temor de que sobre elas recaese a reacción liberal.

O goberno de Espartero tivo coñecemento en setembro dos movementos civís e militares e, ante a posibilidade de que a operación fracasase aínda antes de comezar, O'Donell viuse obrigado a sublevarse en Pamplona antes de tempo. Outras poboacións como Zaragoza, Bilbao ou Vitoria seguírono nos primeiros días de outubro. A planificación fallara porque se contaba coa primeira gran sublevación en Andalucía por Narváez seguida doutros movementos en Madrid coa toma do Pazo. Aínda así, Pelezuela, Diego de León e o xeneral Concha trataron de tomar o Pazo o día 7 de outubro nunha operación que resultou ser un absoluto fracaso pola contundente reacción dos alabarderos da Guardia Real dirixidos polo coronel Domingo Dulce y Garay.