República Federal da Illa de Arousa
A República Federal da Illa de Arousa[1] proclamárona os veciños reunidos nun evento tabernario da zona do Nicho o 7 de outubro do ano 1934 na localidade pontevedresa da Illa de Arousa, seguindo os pasos de Lluís Companys, quen declarou a independencia do Estado Catalán en outubro dese mesmo ano.[2] Ao día seguinte, o 8 de outubro, detiveron os responsables do evento para seren postos en liberdade días despois.
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Datos históricos | ||||
Creación | 7 de outubro de 1934 | |||
Disolución | 8 de outubro de 1934 | |||
Organización política | ||||
Forma de goberno | república federal | |||
Precedentes
editarNo ano 1934 estaba presente a Segunda República Española, proclamada o 14 de abril do ano 1931. O goberno da República, ao contrario que nos primeiros anos de mandato, comezou unha deriva máis represiva, afastada do reformismo inicial. Así, as fortes presións das dereitas e o intento de recentralización levaron ao estado a unha folga xeral en toda España. Esta folga tivo especial seguimento na comunidade mineira de Asturias. O 5 de outubro comezaba a sublevación e os folguistas comezaron a ocupar os pobos e vilas da zona. Estableceuse unha unión entre todas as forzas (obreiras, anarquistas, socialistas e comunistas) baixo a consigna UHP (Unión de Hermanos Proletarios).
En Cataluña, a folga xeral deu folgos de maneira sinérxica á esquerda republicana catalá. Así, o 6 de outubro de 1934 o presidente da Generalitat de Cataluña Lluís Companys proclamou unilateralmente a independencia do Estado Catalán. Estes feitos coñécense co nome de feitos do 6 de outubro (Fets del 6 d'octubre).
Ao abeiro deste descontento social xeral que levou á folga xeral, e alentado pola proclamación do estado catalá, a Agrupación Local do Partido Socialista da Illa de Arousa convoca unha asemblea sometendo a votación a celebración dunha folga xeral para o luns día 8 de outubro, especialmente como protesta polas condicións de traballo que se daban nas empresas conserveiras locais.[2] Esta folga foi, probabelmente, o inicio da proclamación de independencia da República da Illa.
Proclamación da independencia
editar[...]con non deixar ir as mulleres á fábrica chega.
Non é preciso nin pedradas nos cristais, nin tirar os efectos das empresas[...] [Cómpre referencia] |
Ao fragor das protestas da folga xeral dos anteriores días, o 7 de outubro proclámase a independencia da Illa. A proclamación tivo lugar na taberna local O Nicho. Ademais de declarar como Presidente a Santiago Otero Pouso “Pajares”, nomeáronse responsábeis de Xustiza (Andrés Mougán Cores “Tormenta"), Gobernación (Manuel Iglesias Dios), Facenda (Demetrio Ramos Lojo), Propaganda (Juan Otero Maestú, dono da taberna) e Cultura (Luís de Saa Bravo).[2][3]
Nesa madrugada (do 7 ao 8 de outubro) estalou unha bomba na vila, o que provocou que os gardas de asalto desembarcasen na Illa unhas horas despois.[2] Os gardas detiveron varias persoas na operación. Ao día seguinte, 9 de outubro, tivo lugar outra detonación, e as autoridades levaron detidas nove persoas, entre elas o presidente Santiago Otero. Foron postos en liberdade aos poucos días.[2]
Consecuencias
editarUns meses despois, foron xulgados na Escola Naval de Marín nun consello de guerra e acusados dun delito de sedición, mais foron absoltos.[3] Porén, tralo Golpe de Estado de 1936 as forzas franquistas tomaron rapidamente a maior parte de Galicia, levando a cabo unha forte represión entre as persoas máis significadas durante o período republicano.[4] Entre eles atopábanse algúns dos protagonistas desta historia, que foron paseados.
Especialmente tráxico foi o fusilamento de Santiago Otero que foi botado á Ría. Tras ser devolto á praia polo mar, os seus asasinos enchéronlle o corpo de pedras e volvérono fondear.[3]
Notas
editar- ↑ O día que a Illa de Arousa foi independente por unhas horas, Praza Pública o 11 de outubro de 2017.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Un día para la independencia, Faro de Vigo o 10 de abril de 2009 (en castelán).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 El día que A Illa logró su independencia, Faro de Vigo o 10 de maio de 2014 (en castelán).
- ↑ Galicia, radiografía de un exterminio, Público o 15 de marzo de 2014 (en castelán).
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar- Feitos do seis de outubro
- Historia da Illa de Arousa
- República Independente de Donís
- Primeira República Galega