República Cisalpina

A República Cisalpina foi unha República irmá, un Estado satélite da Primeira República Francesa creado o 29 de xuño de 1797 por Napoleón Bonaparte, pola unión das repúblicas Cispadana e Transpadana.

Modelo:Xeografía políticaRepública Cisalpina
Repubblica Cisalpina (it) Editar o valor em Wikidata

Localización
Editar o valor em Wikidata Mapa
 45°28′N 9°10′L / 45.47, 9.17Coordenadas: 45°28′N 9°10′L / 45.47, 9.17
CapitalMilán Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación3.239.572 (1797) Editar o valor em Wikidata
Lingua oficiallingua italiana Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación29 de xuño de 1797 Editar o valor em Wikidata
Disolución25 de xaneiro de 1802 Editar o valor em Wikidata
Sucedido porRepública Italiana Editar o valor em Wikidata
MoedaMilanese scudo (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Situada no norte de Italia, con capital en Milán, comprendía un territorio duns 40.000 km² atravesados polo río Po. Dispoñía dun exército integrado por tropas francesas e autóctonas.

Tomou o nome de República Italiana o 26 de xaneiro de 1802, e despois o de Reino de Italia o 17 de marzo de 1805.

Desapareceu como estado despois da definitiva derrota de Napoleón na batalla de Waterloo, en xuño de 1815, e tras o Congreso de Viena o seu territorio foi asignado ao Imperio austríaco.

Historia editar

Antecedentes históricos editar

O seu estado antecesor, o Ducado de Milán (o Milanesado, na bibliografía española), historicamente reclamado por Francia, despois da morte de Carlos II pasou a Filipe de Anjou, ao que se opuxo o Arquiduque Carlos de Austria quen tamén tiña pretensións á coroa española.

O 26 de setembro de 1706 as tropas austríacas tomaron Milán, que pasou a mans do Arquiduque de Austria. Esta situación de dominación austríaca confirmouse legalmente no tratado de Utrecht. O ducado foi definitivamente ratificado como posesión dos Habsburgo polo tratado de Baden de 1714. Así permaneceu até a súa conquista por parte de Napoleón Bonaparte, durante as Guerras napoleónicas, en 1796.

Primieira República editar

Despois de derrotar os austríacos e os sardos e de impoñer a estes útimos a paz de Cherasco (28 de abril de 1796), Napoleón Bonaparte remodelou a súa propia autoridade cambiando o rostro político da Italia do norte. Creou, ao norte do río Po, a República Transpadana e, ao sur deste río, a República Cispadana.

O 29 de xuño de 1797 ambas as repúblicas uníronse para dar lugar ao nacemento da República Cisalpina, á cal se uniron máis tarde Brescia, o Ducado de Mantua, Ferrara e a Romaña. Finalmente, a nova república acrecentouse máis, o 22 de outubro de 1797, coa incorporación da Valtelina e dos condados de Chiavenna e Bormio, que proclamaran o 19 de xuño a súa separación e independencia das Ligas grisoas (aliadas da Confederación dos XIII cantóns suízos).

Esta república, coa capital en Milán, seguía o modelo francés dun Directorio de cinco membros asistido dun Gran Consello. De feito, era unha emulación pura e simple da organización republicana de Napoleón Bonaparte. Un tratado asinado o 21 de febreiro de 1798 impuxo á república o mantemento dun exército francés de 25.000 homes, dun exército nacional de 22.000 homes e o pagamento de 18 millóns.[Cómpre referencia]

A República Cisalpina foi recoñecida por Austria polo tratado de Campoformio (17 de outubro de 1797) que obtén a cambio o que quedaba da efémera República de Venecia, nacida o 29 de xuño e 1797. Esta primeira República Cisalpina desapareceu na primavera de 1799 cando Milán foi retomado polos austro-rusos o 29 de abril.

Segunda República editar

Durante a segunda campaña de Italia, a República Cisalpina foi disolta despois da derrota do xeneral Jean Victor Marie Moreau na batalla de Cassano polos exércitos de austro-rusos (Segunda Coalición). Os exécitos da Coalición entraron o 28 de abril de 1799 en Milán, e o goberno austríaco restableceuse durante un ano. Despois da batalla de Marengo (14 de xuño de 1800) a República Cisalpina foi restaurada, quedando reducida na rexión de Pesaro, que pasou aos Estados Pontificios, pero aumentada o 7 de setembro de 1800 coa adición de Novara, separada do Piemonte. O tratado de Lunéville (9 de febreiro de 1801) fixou a súa fronteira oriental no río Adige, con todos os territorios da cidade de Verona incluídos.

Relacións cos suízos editar

As relacións coa Confederación dos XIII cantóns suízos foron difíciles debido ás pretensións hexemónicas da República Cisalpina, que pretendía reunir nun só Estado as persoas que tiñan a mesma cultura e a mesma lingua. O obxectivo era, pois, anexionar os territorios suízos do sur dos Alpes. Iso conduciu á ocupación de Campione d'Italia e á anexión da Valtelina. Un golpe de man para intentar anexionar Lugano intentouse en 1797, pero coa creación da República Helvética as pretensións reducíronse a algunhas tentativas de ocupación do distrito de Mendrisio.

A fin da República editar

 
26 de xaneiro de 1802. Consulta da República Cisalpina reunida en Lyon para outorgar a súa presidencia ao primeiro cónsul (Napoleón).

A República Cisalpina, rebautizada como República Italiana o 26 de xaneiro de 1802, Bonaparte fíxose proclamar presidente na consulta de Lión, sendo Francesco Melzi d'Eril o vicepresidente.[1]

O verdadeiro obxectivo de Melzi era liberarse da presenza napoleónica, obter a plena independencia e unir a Península Itálica nun Estado único. O goberno de Melzi propoñíase crear unha administración moderna e un exército nacional; para iso introduciu o servizo militar obrigatorio, medida que foi moi mal recibida pola poboación.

Melzi d'Eril estaba rodeado de homes capaces e leais, como Ferdinando Marescalchi, Giuseppe Prina e Alessandro Trivulzi, pero tivo que enfrontarse aos ataques de Joachim Murat, que comandaba o exército francés en Italia e que fixo todo o posíbel para desacreditalo ante o seu cuñado Napoleón.

 
Mapa político de Italia en 1812.

A Cisalpina esperaba entón expandirse cara ao oeste, a costa do Piemonte e do ducado de Parma, Plasencia e Guastalla.

Porén, o primeiro cónsul francés decide o contrario e decreta a anexión a Francia do Piemonte (11 de setembro de 1802) e de Parma (9 de outubro) e, despois, tamén do Lacio, a Umbría e a costa do Tirreno.[2]

A breve vida da República Cisalpina, convertida en República Italiana, remata tres anos despois, o 18 de marzo de 1805, cando Napoleón proclama o Reino de Italia,[2] despois de coroarse como emperador. El mesmo convértese no seu rei, con Eugène de Beauharnais como vicerrei.

O reino subsiste até a revolta da fin de abril de 1814, e o vicerrei Eugène de Beauharnais renuncia entón a suceder a unha coroa da que Napoleón abdica algunhas semanas máis tarde.[3]

En abril de 1815, o rei de Nápoles, Joachim Murat, á cabeza dun exército para tratar de liberar Italia, reocupar as partes meridionais e centrais do antigo reino de Italia e restablecer as antigas administracións departamentais. Pero ao mes seguinte, despois da derrota dos seus exércitos na batalla de Tolentino (2 e 3 de maio de 1815), Murat vese obrigado a abandonar o seu reino, o 25 de maio, para volver a Francia.[4]

Cara á unificación italiana editar

Tras a derrota definitiva de Napoleón na batalla de Waterloo, en 1815 o territorio foi cedido ao Imperio austríaco no Congreso de Viena, aínda que pronto foi obxectivo do nacionalismo italiano, sendo conquistado polo reino do Piemonte durante as guerras que levaron á unificación italiana.

Constitucións da república editar

Primeira Constitución editar

O 8 de xullo de 1797 foi adoptada a constitución cisalpina, segundo o modelo da francesa de 1795.

A forma institucional do Estado era, por tanto, un calco da Constitución francesa do ano III: trátase dunha forma de goberno directorial.

O territorio foi dividido en departamentos, nos que eran elixidos os xuíces de paz e os maxistrados. Os electores, un habitante por cada 200, elixían dous consellos: o dos Anciáns ou Séniores (Seniori) e o dos Xuniores (Giuniori).

O primeiro estaba composto por de 40 a 60 membros e tiña por función a aprobación das leis e de promover as eventuais variacións da carta constitucional; o segundo estaba formado por de 50 a 120 membros e a súa funcción era a de propoñer as leis. Os actos comúns que realizaban ambos os consellos eran a aprobación dos tratados, a elección do Directorio e o establecemento dos impostos.

O Directorio estaba formado por cinco ministros e representaba o poder executivo. A autoridade suprema residía, porén, no comandante das tropas francesas na Lombardía.

O calendario republicano francés foi tamén adoptado.

O Directorio estaba formado por homes políticos locais como o duque Gian Galeazzo Serbelloni e Francesco Melzi d'Eril, no tanto que para o corpo lexislativo foron elixidos personaxes célebres come os homes de letras Pietro Verri e Giuseppe Parini, e científicos como Alessandro Volta e Lorenzo Mascheroni.

Proclamación de Bonaparte editar

A República Cisalpina estivo durante moitos anos baixo o dominio da Casa de Austria

A República Francesa sucédena por dereito de conquista. Agora renuncia a este dereito, e a República Cisalpina é libre e independente. Recoñecida por Francia e polo seu emperador, será pronto igualmente recoñecida polo resto de Europa.
O Directorio executivo da República francesa, non contento con que se empregue a súa influencia, e as vitorias dos exércitos republicanos, para garantir a existencia política da República Cisalpina, estende a súa atención aínda máis; e convencida de que, se a liberdade é a primeira das bendicións, a revolución que se espera é o maior dos males, que deu á xente da Cisalpina a súa Constitución peculiar, resultante da sabedoría da nación máis iluminada. Dun réxime militar, as persoas da Cisalpina pasan a un constitucional.
Para que esta transición non experimente ningún perigo, nin estea exposta á anarquía, o Directorio executivo aínda que adecuado para designar, polo momento, aos membros do goberno e do corpo lexislativo, a xente debe, despois dun lapso dun ano, poder elixir os postos vacantes, de conformidade coa Constitution.
Durante un gran número de anos non existía ningunha república en Italia. Foi extinguido o lume sagrado da liberdade, e a mellor parte de Europa estaba baixo o xugo de estranxeiros. Corresponde á República Cisalpina mostrar ao mundo pola súa sabedoría, a súa enerxía e a boa organización dos seus exércitos, que a Italia moderna non dexenerou e é aínda digna da liberdade.
Asinado: Buonaparte.

— Proclamación do xeneral Buonaparte (que máis tarde se converteu no preámbulo da Constitución da República Cisalpina), Montebello, 11 Mesidor, ano V (29 de xuño de 1797).[5]

Segunda Constitución editar

 
O xeneral Brune.

A primeira Constitución da república non tivo unha longa vida. O 14 de Frutidor do ano VI (31 de agosto de 1798), o embaixador francés Claude Joseph Trouvé (que só tiña trinta anos) destituíu o Directorio e ao día seguinte promulgou unha nova Constitución cun poder executivo máis forte. Os departamentos numeráronse outra vez (agora eran 11), cubrindo grandes zonas xeográficas: Olona (Milán), Alto Po (Cremona), Serio (Bérgamo), Adda e Oglio (Morbegno), Mella (Brescia), Mincio (Mantua), Panaro (Módena), Crostolo (Reggio), Reno (Boloña), Basso Po (Ferrara) e Rubicone (Forlì).

Os membros dos directorios locais foron reducidos a tres, e os concellos dos municipios de entre 3.000 e 10.000 habitantes foron disolvidos. Trouvé designou o novo Directorio, que tiña máis poderes, e un novo Parlamento composto por dous consellos: Anziani ("anciáns" ou Seniires) e Giuniori ("mozos" ou Xuniores). O primeiro estaba composto por 40 membros elixidos xunto coa directiva anterior. O segundo tiña 80 membros.

Un novo golpe de estado, intentado polo xeneral francés Guillaume Marie-Anne Brune en outono, foi rexeitado polo Directorio francés o 17 de Frimario (7 de decembro).

Tratado de alianza coa República Francesa editar

Formalmente a República Cisalpina era un Estado independente aliado de Francia, pero o tratado de alianza entre ambos os estados sancionaba de feito a dependencia da nova república da francesa.

 
O xeneral Berthier.

Os termos do tratado son favorábeis para Francia, que mantiña o control da policía e dispoñía dunha gornición militar de 25.000 homes cuxa carga financeira era asumida pola República Cisalpina, a cal debería ademais formar, equipar e manter a súa propia forza armada de 33.000 homes que participaba nas campañas napoleónicas.

O 4 de marzo de 1798, o Directorio cisalpino presentou o tratado ante o Consello dos Xuniors para a súa ratificación. O Consello, que estaba claramente en contra do tratado, pospón a votación durante varios días pero, debido ás ameazas do xeneral Louis-Alexandre Berthier, aproba o tratado. A reacción do Consello de Anciáns é moi diferente que, expresando a súa profunda gratitude a Francia, rexeitou o tratado, considerando que o novo estado non era capaz de asumir os onerosos gastos impostos. Esta posición desencadea a ira do exército francés do Directorio parisiense: os Seniores son acusados de ter discursos sediciosos e o xeneral Berthier ameaza con impoñer un goberno militar. O xeneral Berthier foi substituído por Guillaume Marie-Anne Brune que, apenas chegou, destituíu varios Xuniores e Seniores e así obtén a aprobación do Tratado. O 8 de xuño de 1798, o tratado foi ratificado.

Territorios e economía editar

O territorio da República na súa máxima extensión compoñíase do antigo Ducado de Milán (exrepública Transpadana), do Ducado de Módena e de Reggio Emilia, Boloña, Ferrara e Rávena (ex-Legacións pontificias), dos principados de Massa e Carrara, do territorio de Mantua e dos territorios comprendidos entre os ríos Adda e Adige, entre os que estaban Verona, Rovigo, e a Valtellina.

O Estado dividíase en 20 departamentos, estendíase en 1797 por unha superficie de 42.500 km² e contaba cunha poboación de 3.240.000 habitantes. A capital era Milán, que era o centro máis importante e o máis poboado (ao redor de 124.000 habitantes en 1765). O país era economicamente próspero a pesar dos espolios dos ocupantes durante os séculos anteriores; a súa economía baseábase nunha agricultura cerealista, cunha forte presenza de sericicultura e de zootecnia. A actividade artesanal tradicional era sólida e o desenvolvemeto da industria da seda, florecente.

Bandeiras editar

A República Cisalpina herdou as cores das Repúblicas Cispadana e Transpadana, que son as mesmas que as da bandeira da actual República Italiana, nacida na onda das ideas xacobinas e napoleónicas que viñan de Francia.

A bandeira da República Cisalpina foi modificada durante a República Italiana de 1802-1805, porque recordaba demasiado a bandeira francesa e parecía demasiado revolucionaria.

As bandeiras de todos estes estados consérvanse no Museo del Tricolore[6] de Reggio Emilia.

Notas editar

  1. Catherine Brice (1992): Histoire de l'Italie. Hatier, pp. 304-305.
  2. 2,0 2,1 Catherine Brice (1992): Histoire de l'Italie. Hatier. p. 307.
  3. Catherine Brice (1992): Histoire de l'Italie. Hatier. p. 309.
  4. Catherine Brice (1992): Histoire de l'Italie. Hatier. p. 310.
  5. John Debrett (1798): A Collection of State Papers Relative to the War Against France Now Carrying on by Great Britain and the Several Other European Powers.
  6. "Museo del Tricolore". Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2013. Consultado o 24 de agosto de 2016. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Louis Bergeon, François Furet e Reinhart Koselleck (1976): Historia Universal 26. La época de las Revoluciones Europeas. 1780-1848. Ed. Siglo XXI de España. ISBN 978-84-323-0219-0
  • T .C. W. Blanning (1996): The French Revolutionary Wars, 1787-1801. Hodder Education Publishers; ISBN 0-340-64533-4.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar