Lingüística diacrónica

(Redirección desde «Reconstrución lingüística»)

A lingüística diacrónica, tamén chamada lingüística histórica ou glotoloxía, é a disciplina lingüística que estuda o cambio das linguas co tempo e o proceso de cambio lingüístico. Polo tanto, a lingüística diacrónica ocupa un lugar destacado no estudo da evolución das linguas e a súa relación ou parentesco xenético.

Os resultados da lingüística diacrónica poden ser frecuentemente comparados cos doutras disciplinas como a historia, a arqueoloxía ou a xenética. Nos estudos interdisciplinares deste tipo o que se pretende é reconstruí-la cronoloxía relativa de contactos entre pobos, rutas de expansión e influencias culturais mutuas.

O nome lingüística comparada, ou gramática comparada, refírese propiamente a unha das técnicas principais da lingüística histórica.

Métodos de reconstrución lingüística

editar

Reconstrución externa: Método comparativo

editar

As similitudes intralingüísticas obedecen a unha de tres causas posibles: Casualidade, préstamos ou herdanza. Cando as similitudes entre palabras de distintas linguas son debidas a unha orixe común, estas palabras chámanse cognados. Ditos cognados serven para determina-lo grao de relación entre distintas linguas en distintos aspectos lingüísticos.

Se tódalas linguas dun grupo emparentado en forma filoxenética comparten un trazo, supomos que este se achaba presente na lingua nai. O indoeuropeo foi reconstruído principalmente mediante o método comparativo.

Este método tenta reconstruír sistemas lingüísticos antigos partindo dos datos dunha soa lingua. Baséase en que as irregularidades do presente remiten a procesos que no pasado foron regulares. Este método utilízase basicamente con aquelas linguas illadas das que se descoñecen parentes ou en combinación coa reconstrución externa. Os resultados da reconstrución externa melloran cando se practica previamente unha reconstrución interna dentro de cada lingua.

Glotocronoloxía

editar
Artigo principal: Glotocronoloxía.

Este método parte de certos supostos da retención de ítems de vocabulario básico. O método compara a porcentaxe de cognados (palabras xeneticamente relacionadas) común ás linguas comparadas.

Para moitos lingüistas os supostos básicos son pouco realistas, e non teñen en conta os factores sociopolíticos e culturais que poden influír de maneira puntualmente importante na evolución dunha lingua.

Así a todo, a pesar desas críticas o método popularizouse porque existe un conxunto de estimacións glotocronolóxicas que dan resultados razoablemente concordantes con datos históricos e arqueolóxicos. Ademais cando non existen fontes escritas mediante as cales se poida investiga-lo pasado de dita lingua, é frecuentemente unha das poucas alternativas existentes.

Orixes da lingüística histórica

editar

Ideas básicas

editar

A historia desta disciplina lingüística ten a súa orixe a finais do século XVIII, cando por primeira vez se tomou conciencia de que as linguas se transforman co paso do tempo.

Dúas ideas son as que fundamentan naquel momento o desenvolvemento da nova forma de estudo lingüístico:

  • en primeiro lugar, que o cambio das linguas se debe non só á vontade consciente dos homes, senón tamén a unha necesidade interna. Os lingüistas da época distinguiron para tal efecto dous tipos de relacións entre palabras análogas en dous momentos históricos determinados: o préstamo e a herdanza; a primeira relación motivada por cambios conscientes e a segunda por cambios inconscientes ou internos á lingua. Neste sentido, a asunción de que unha palabra pode provir, por herdanza, dunha palabra diferente supuña admitir que existen causas naturais para o cambio lingüístico. Consecuencia importante desta idea é que a comparación entre linguas utiliza tamén as diferenzas para establece-lo parentesco.
  • en segundo lugar, que o cambio lingüístico é regular e respecta a organización interna das linguas. A aceptación da idea de que só se considera unha diferenza como cambio cando manteña certa regularidade no interior da linguaxe é esencial para a configuración da lingüística histórica como disciplina plenamente científica; substitúese, pois, o estudo chamado entón etimoloxía, que consideraba cada palabra como un problema especial. A regularidade, polo contrario, implica que a diferenza entre dúas palabras análogas provén dalgún dos seus constituíntes e que en tódalas demais palabras onde aparece o mesmo constituínte está afectado polo mesmo cambio.

Desta segunda idea conclúese que, para que o cambio posúa regularidade, asemella necesario que respecte a organización gramatical da lingua e só altere a palabra a través da súa organización interna. Polo demais, suxírese tamén entón que esa regularidade pode darse tamén no compoñente fonético; de aquí que no século XIX se consolidase o estudo das leis fonéticas, un dos terreos onde a lingüística histórica obtivo os seus maiores éxitos.

O comparatismo como metodoloxía

editar

Adóitase sinalar 1816 como a data de nacemento da lingüística histórica coa aparición da obra Sistema de conxugación da lingua sánscrita, comparado co das linguas grega, latina, persa e xermánica do lingüista alemán Franz Bopp. O título describe perfectamente a metodoloxía empregada, o chamado comparatismo ou gramática comparada, técnica empregada por varios lingüistas da época entre os que se inclúen a von Schlegel, J.L.C. Grimm, A. Schleicher e R. Rask. As características do comparatismo son as seguintes:

  • dedicación ó estudo das linguas indoeuropeas, interese derivado do descubrimento a finais do XVIII da analoxía entre o sánscrito e a maioría das linguas europeas.
  • idea de que entre as linguas indoeuropeas non hai só similitude senón parentesco: trátase, xa que logo, de transformacións naturais dunha mesma lingua nai, o indoeuropeo.
  • no método comparativo: procúrase, ante todo, establecer correspondencias entre as linguas comparándoas; esta comparación, amais, realízase entre os elementos gramaticais. Considérase, a este respecto, a polémica sobre se se debe prestar atención ás raíces das palabras ou ben ós elementos afixais destas (sufixos, prefixos...); a principios do XIX, a comparación das linguas considerouse esencialmente como a comparación destes últimos, pois eran os menos susceptibles de ser préstamos de forma illada.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar