Ramón Jáuregui

político español

Ramón Jáuregui Atondo, nado en Donostia, Guipúscoa, o 1 de setembro de 1948, é un político español que dende 2014, é eurodeputado polo Partido Socialista Obreiro Español (PSOE).[1] Dende 2016 é o voceiro da delegación socialista española no Parlamento Europeo.

Ramón Jáuregui
Nacemento1 de setembro de 1948
Lugar de nacementoDonostia
NacionalidadeEspaña
Relixióncatolicismo
Alma máterUniversidade do País Vasco
Ocupaciónpolítico, sindicalista e ministro
PremiosGran Cruz da Orden de Carlos lll e Gran Cruz del Mérito Militar con distintivo blanco
editar datos en Wikidata ]

É enxeñeiro técnico en construción de maquinaria e está licenciado en Dereito.

Formación editar

Ramón Jáuregui naceu no barrio donostiarra de Herrera. É o máis pequeno de dez irmáns froito dun matrimonio navarro emigrado a Guipúscoa. Ós catorce anos, ó rematar o Bacharelato Elemental, comezou a traballar de aprendiz nunha fundición en Pasaia, onde chegaría a ser oficial industrial. Ó mesmo tempo estudou pola quenda nocturna Enxeñaría Técnica na Escola de Peritos de San Sebastián, concluíndo a carreira con 20 anos. Posteriormente, tamén á marxe do traballo, asistiu en quenda nocturna á Facultade de Dereito de San Sebastián, obtendo a licenciatura en Dereito en 1975. Tras obter o título abandonou a fundición e comezou a traballar nun bufete de avogados laboralistas da Unión Xeral de Traballadores en Errenteria, onde coincidiu con Txiki Benegas, que acababa de ser elixido secretario xeral do recentemente constituído Partido Socialista de Euskadi - PSOE. En 1973, Jáuregui afiliouse ao PSOE e á UXT.

Traxectoria política editar

Comezos editar

Foi secretario xeral da UXT en Guipúscoa e en Euskadi entre os anos 1977 e 1982. En setembro de 1978, a corporación municipal donostiarra foi substituída por unha Comisión Xestora nomeada polo Ministerio do Interior, a cal foi presidida por Jáuregui até febreiro de 1979 e logo polo jeltzale Iñaki Alkiza até a celebración das primeiras eleccións municipais democráticas en abril de 1979.

En devanditas eleccións, as primeiras eleccións municipais e forais, Ramón Jáuregui foi candidato á alcaldía polo PSE-PSOE ademais de candidato para as Xuntas Xerais de Guipúscoa, e tras os comicios, que deixaron como alcalde a Jesús María Alkain, Jáuregui foi tenente alcalde do concello de Donostia até xuño de 1980. En marzo de 1980 foi elixido deputado ao Parlamento Vasco pola provincia de Guipúscoa nas primeiras eleccións ao Parlamento, en tanto que en xuño do mesmo ano era elixido secretario xeral da UXT do País Vasco, posto que ocuparía até 1982. Abandonou o seu escano no Parlamento Vasco tras as eleccións xerais de 1982, ao ser nomeado delegado do Goberno no País Vasco polo novo goberno socialista, cargo que ocupou até 1987. Foi chamado a declarar polo caso GAL xunto a todos os que foron delegados do Goberno e gobernadores civís en Madrid, Barcelona, o País Vasco e Navarra entre 1983 e 1987, dado que este grupo terrorista de Estado actuou coincidindo co seu mandato na delegación do Goberno en Euskadi.

En 1985 foi elixido presidente do PSE-EE, con Txiki Benegas de secretario xeral.

Vicelehendakari editar

Tras as eleccións autonómicas de febreiro de 1984, a escisión do Partido Nacionalista Vasco (PNV), coa subseguinte formación de Eusko Alkartasuna (EA), novo partido nacionalista liderado polo ex lehendakari Carlos Garaikoetxea, produciu unha situación de inestabilidade política que desembocou, por parte do lehendakari José Antonio Ardanza, na disolución do parlamento vasco e a convocatoria de eleccións anticipadas que se celebraron o 30 de novembro de 1986. Cunha participación do 71,04 % do electorado, o PSE-PSOE, con Txiki Benegas como candidato a lehendakari, obtivo 19 escanos (co 22,03 % dos votos), os mesmos que en 1984. O PNV conseguiu 17 escanos (co 23,65 % dos votos), 15 menos que na anterior lexislatura. Herri Batasuna logrou 13 escanos (17,49 % dos votos), 2 máis que en 1984; a recentemente creada Eusko Alkartasuna obtivo 13 escanos (15,88 % dos votos); Euskadiko Ezkerra 9 escanos (3 máis que en 1984), Coalición Popular conseguiu só 2 escanos fronte aos 7 de 1984; o CDS logrou 2 escanos (en 1984 non obtivera representación). Tras unhas negociacións iniciais con EA e EE, que se frustraron polas esixencias de Carlos Garaikoetxea (entre elas a de ser lehendakari), Benegas renunciou. Emprendéronse negociacións entón entre o PSE-PSOE e o PNV, que culminaron ao aceptar os socialistas apoiar a José Antonio Ardanza como lehendakari, constituíndo un goberno de coalición con Jáuregui como vice-lehendakari e seis conselleiros socialistas e outro seis conselleiros do PNV. Benegas renunciou a formar parte do executivo.[2] Á súa vez, a presidencia do parlamento vasco correspondeu ao socialista Jesús Eguiguren. Jáuregui abandonou a delegación do Goberno ao ser nomeado vice-lehendakari, posto que ocupou entre marzo de 1987 e febreiro de 1991.

Jáuregui foi o candidato a lehendakari en 1990 polo PSE-PSOE e xa polo PSE-EE en 1994, conseguindo en ambas as ocasións ser a segunda forza política. Jáuregui, con todo, só se integrou no Goberno Vasco tras a formalización do pacto de coalición co PNV e EA en marzo de 1995, ocupando a consellería de Xustiza, cargo que abandonou en setembro de 1997.

Secretario xeral dos socialistas vascos editar

En 1988, no V Congreso do PSE-PSOE, Jáuregui sucedeu a Txiki Benegas como secretario xeral do partido. Jáuregui era o candidato do sector "oficial" do PSE, encabezado por Benegas, oposto ós "críticos", liderados por Ricardo García Damborenea, secretario xeral dos socialistas biscaíños.[3] En 1991, no VI Congreso, foi reelixido. En 1993, foi elixido Secretario Xeral do Partido Socialista de Euskadi-Euskadiko Ezkerra (PSE-EE), partido xurdido da fusión entre o PSE-EE e Euskadiko Ezkerra. Paralelamente, empeza a ter responsabilidades no PSOE. En 1994, tras o XXXIII Congreso do PSOE, ingresa na Comisión Executiva Federal. En xuño de 1997, no XXXIV Congreso, é elixido secretario de Política Autonómica, o que motiva a súa dimisión como secretario xeral do PSE-EE (PSOE) en outubro de 1997 (en setembro dimitira como conselleiro do Goberno Vasco). É sucedido por Nicolás Redondo Terreros.

Ocupou o posto de secretario de Política Autonómica do PSOE até marzo de 2000.

Deputado editar

 
Ramón Jáuregui, na Universidade da Rioxa

En 2000 foi elixido deputado ao Congreso. En 2002, tras a dimisión de Nicolás Redondo Terreros, foi nomeado presidente da comisión xestora do PSE-EE, até a celebración do Congreso Extraordinario no que Patxi López foi elixido novo secretario xeral.

Nas eleccións xerais de 2004 foi elixido deputado ao Congreso por Áraba, ocupando o cargo de portavoz do Grupo Parlamentario Socialista na Comisión Constitucional. En 2008 revalidou o seu escano como número un da lista presentada polo PSE-EE (PSOE) en Áraba, pasando a ser nomeado secretario xeral do Grupo Parlamentario Socialista.

Partidario dun diálogo e consenso coas forzas políticas nacionalistas democráticas, igualmente é partidario dende o Estado de Dereito do diálogo coa contorna de ETA para que abandonen a violencia. Porén, no diálogo coa contorna de ETA, o seu labor pode cualificarse de testemuñal, sendo o encargado da negociación por parte do PSE-PSOE, o guipuscoano Jesús Eguiguren.

Europarlamentario editar

No ano 2009 foi número dous da lista electoral do PSOE ao Parlamento Europeo, integrándose tras a súa elección no grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas.

Durante o seu curto período como europarlamentario foi secretario xeral da Delegación Socialista Española no Parlamento Europeo, presidente da Delegación na Comisión Parlamentaria Mixta UE-México e membro da Conferencia de Presidentes de Delegación, a Comisión de Asuntos Constitucionais e a Delegación na Asemblea Parlamentaria Euro-Latinoamericana, así como Suplente da Comisión de Liberdades Civís e Asuntos de Interior e a Delegación para as Relacións coa República Popular da China.

Ministro de Presidencia editar

O 20 de outubro de 2010 é nomeado ministro de Presidencia en substitución de María Teresa Fernández de la Vega, que deixa o Goberno e a vicepresidencia do Goberno a Alfredo Pérez Rubalcaba.[4]

Abandono da vida pública editar

En marzo de 2018, nun mitin del PSE-EE no bilbaíño Teatro Arriaga, Jáuregui anunciou a súa intención de abandonar a vida política cando acabase a lexislatura do Parlamento Europeo en 2019. Ó pouco de publicarse a nova, diversas personalidades do partido expresaron a súa gratitude pola súa traxectoria política, salientando Eduardo Madina (dirixente do PSE-EE) e Susana Díaz (secretaria xeral do PSOE-A).[5]

Publicacións editar

Ademais da súa faceta xornalística, publica artigos de opinión en varios medios escritos: Expansión, El Correo, El País, ABC, Público, etc. Publicou, entre outros, os seguintes libros e capítulos de libros:

  • 2018. Memoria de Euskadi: El relato de la paz, Madrid, Catarata, ISBN 978-84-9097-482-7.[6]
  • 2014 - Ramón Jaúregui. El país que seremos. Un nuevo pacto para la España posible, Madrid, Edicións Turpial.
  • 2004 - Ramón Jaúregui, Francisco González de Lena, Juan Ignacio Moltó García, Un futuro para el trabajo en la nueva sociedad laboral, Tirant o Blanch, ISBN 978-84-8002-795-3, 565 páxs.
  • 1998 - Ramón Jáuregui, Francisco Egea, Javier da Porta, El tiempo que vivimos y el reparto de trabajo, Paidós, Estado y Sociedad, 1998, ISBN 84-493-0597-7.
  • 1997 - Ramón Jáuregui, ¿qué es el reparto?, en Ideas desde la izquierda, Coord. Cristina Almeida, Edit. Huerga Fierro páxs. 49-56.
  • 1994 - Ramón Jáuregui. El país que yo quiero: memoria y ambición de Euskadi, Barcelona, Editorial Planeta, 1994; 340 páxs.

Distincións e condecoracións editar

  • Gran Cruz da Orde de Carlos III (30 de decembro de 2011).[7]

Notas editar