Ramón Alberto Villaverde

futbolista uruguaio

Ramón Alberto Villaverde Vázquez, nado en Montevideo o 16 de marzo de 1930 e finado en Barcelona o 15 de setembro de 1986, foi un futbolista uruguaio, que xogaba de interior e extremo.

Villaverde
Información persoal
Nome Ramón Alberto Villaverde Vázquez
Nacemento 16 de marzo de 1930
Lugar de nacemento Montevideo
Falecemento 15 de setembro de 1986
Lugar de falecemento Barcelona
Posición Dianteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1949–1950 Liverpool FC
1950–1952 Cúcuta Deportivo 85 (54)
1953–1954 Millonarios 25 (15)
1954–1964 FC Barcelona 162 (53)
1963–1964Racing de Santander (cedido) 7 (2)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Fillo de emigrantes galegos no Uruguai, destacou primeiro en Colombia, onde formou unha famosa dupla goleadora con Alfredo di Stéfano no Millonarios de Bogotá, para logo fichar polo FC Barcelona, onde xogou durante nove tempadas converténdose nun dos xogadores suramericanos máis importantes da historia do club.[1]

Traxectoria editar

Seus pais eran dous emigrantes de Arteixo que se instalaran en Montevideo na década de 1910. Súa nai Matilde era de Rañobre, na parroquia de Oseiro, e seu pai da Pedreira, da mesma parroquia.[2][3] Na capital uruguaia naceu Ramón Alberto en 1930. A súa madriña foi a nai de Héctor Núñez, outro histórico futbolista uruguaio fillo de galegos.[4]

Comezou a xogar no Liverpool de Montevideo, na tempada 1949-50, para despois pasar ao fútbol colombiano. No país cafeteiro militou primeiro no Cúcuta Deportivo, na tempada 1950-51, e logo marchou a Bogotá para xogar en Millonarios entre 1952 e 1954, na época dourada do club, alcumado entón como o "Ballet Azul", onde formou unha gran dupla con Alfredo Di Stéfano.

Despois fichou polo FC Barcelona da man do directivo Pedro Salvat e de Josep Samitier, o 8 de xullo de 1954 e o seu debut produciuse en Les Corts contra o Sevilla FC na primeira xornada da tempada 1954/55. O Barça gañou por 4-2 e Villaverde conseguiu o primeiro gol superando ao porteiro do Sevilla, Busto, cunha cabezada colocada.

A súa demarcación natural era a de interior, pero adaptouse sen problemas á de extremo por ambos os dous lados e pódese considerar como adiantado ao seu tempo xa que non permanecía fixo na banda senón que tendía a romper polo centro buscando outras alternativas de ataque.

Xogou no Barça durante nove tempadas, disputando 373 partidos e anotando 151 goles, sendo o máximo goleador do club na tempada 1955/56.[1] Levantou 7 títulos: 3 ligas, 2 Copas do Xeneralísimo e dúas Copas de Feiras.

Tivo o seu cénit no Barça baixo a dirección de Helenio Herrera e unha das súas actuacións máis destacadas foi nos cuartos de final da Copa de Europa de 1960 contra os "Wolves", alcume co que se coñecía o Wolverhampton inglés. Na noite do 10 de febreiro de 1960 na ida no Camp Nou, o Barça superou aos británicos por 4-0 con goles de Villaverde (2), Kubala e Evaristo. Na volta, o 2 de marzo do mesmo ano, a exhibición foi total, gañando por 2-5 cun gol de Villaverde e catro de Kocsis e co público inglés aplaudindo ao Barça ao remate.

Villaverde non xogou a famosa final dos postes cadrados de Berna, en 1961, e xa asentado nun suave declive, permaneceu no club ata 1963, cando se lle dedicou un partido de homenaxe. No seu último ano de contrato saíu cedido ao Racing de Santander, onde colgou as botas en 1964.

Morreu en Barcelona o 15 de setembro de 1986 á idade de 56 anos, por problemas cardíacos.[5]

Palmarés editar

Millonarios

FC Barcelona

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Ramón Villaverde". fcbarcelona.es (en castelán). Consultado o 31 de marzo de 2021. 
  2. Vara García, Orestes (14 de abril de 1955). "La madre y un hermano de Villaverde en La Coruña". La Voz de Galicia (en castelán). p. 5. 
  3. "Ramón Villaverde, o uruguaio-arteixán do F.C. Barcelona". 10 de setembro de 2016. Consultado o 1 de abril de 2021. 
  4. Furió, Luis (28 de xuño de 2011). "«¿El PSOE? Si los políticos están arriba no los sacas ni con lejía»" (en castelán). Consultado o 23 de abril de 2021. 
  5. "Ramón Villaverde, ex futbolista del Barcelona". El País (en castelán). 16 de setembro de 1986. Consultado o 2 de abril de 1986.