A raíña de Sabá é unha personaxe que aparece en varios documentos literarios da antigüidade. Tería reinado sobre o reino de Sabá, sito aproximadamente entre o Iemen e Etiopía.

Encontro entre o rei Salomón e a raíña de Sabá.

Sonlle atribuídos nomes persoais diferentes segundo as fontes. Así as tradicións abisinias chámana Makeda, as do Iemen Balqama; as do islam Bilqis e Balkis e as etíopes Makedda, Magda, Maqda ou Makera, que significa "grandeza". Na Biblia non se menciona o seu nome.

Os diferentes relatos

editar
 
Claude Lorraine, Embarque da raíña de Sabá.

As fontes non contan as mesmas anécdotas, nin os mesmos detalles sobre o encontro en Xerusalén entre a raíña de Sabá e Salomón, rei de Israel. Mais a raíña é, en tódolos casos, descrita como unha muller sublime e considerada unha persoa de profunda sabedoría, en casos dotada dunha elevada intelixencia, en noutros casos, como unha meiga tentadora.

Cabe lembrar, polo demais, que os nomes moi antigos son a miúdo transcricións, podendo varia-la súa ortografía bastante segundo as fontes. Así, na tradución francesa da Biblia, de Louis Segond, lese Seba en vez de Saba.

Relato bíblico

editar

Segundo a Biblia hebrea, a raíña do país de Sabá sente falar da grande sabedoría do rei Salomón e decide viaxar para pólo a proba con preguntas, levándolle agasallos en especias, ouro e xemas. A raíña fica abraiada polo saber e riqueza de Salomón, e recita unha bendición do Deus de Salomón. Salomón responde con agasallos e "todo o que ela desexe". Logo a raíña torna ó seu país. A raíña semella ser moi rica, e entrega 4.500 quilos de ouro a Salomón. Este relato está recollido no primeiro Libro dos Reis, 10:1-13, e amplamente copiado no segundo Libro das Crónicas, 9:1-12.

O Cantar de Salomón contén algunhas referencias que teñen sido varias veces interpretadas como alusións ó amor entre Salomón e maila raíña de Sabá. Así, a namorada en 1:15 declara: "Son moura, pero fermosa". Porén, en opinión dos eséxetas o Cantar refírese á viúva de Salomón, a filla do Faraón, da que se descoñece tamén o nome.

Lendas xudías

editar

O historiador Flavio Xosefo (Antigüidades, 8.6.2ff) subliña o desexo da raíña por aprender. Dálle o nome de "Nikaule", evidentemente facendo conxecturas sobre unha conexión cá Nitocris de Heródoto (2.100).

Lendas xudías tardías rechean moitos dos detalles narrativos. A galantería de Salomón de darlle "todo o que ela desexe", é concretado nun encontro sexual. Foron feitos tamén afanosos esforzos para escolmar unha lista de adiviñas cás que a raíña de Sabá probaría a verdadeira sabedoría de Salomón. Outra tradición relata que cando a raíña atopou a Salomón, este estaba nunha casa de cristal; crendo que estaba na auga, a raíña ergueu a saia, ensinando unhas pernas peludas. O noxo de Salomón converteuse nunha historia etiolóxica sobre da orixe da depilación.

Fontes etíopes

editar

No Kebra Negast, ou "As Gloriosas Memorias do Imperio", un libro sagrado da Etiopía, dise que a propia Makeda tería criado unha regra segundo a cal "só unha muller pode reinar". Aparentemente, Sabá era unha sociedade matriarcal na que o poder era pasado aos descendentes pola vía feminina. No mesmo libro afírmase que a dinastía dos reis da Etiopía provén do fillo do rei Salomón e de Makeda e que desta unión a lei mosaica foi levada para Etiopía.

Relato coránico

editar

O Corán endexamais menciona á Raíña de Sabá polo nome, aínda que outras fontes árabes chámana Bilqis ou Balkis. A historia ten algunhas semellanzas cá bíblica. O Corán presenta ó rei Salomón tendo novas dun reino gobernado por unha raíña cuxos súbditos renden culto ao Sol. Envíalle unha mensaxe convidándoa a visitalo. Ela replica cun agasallo, logo de consultar ó seu pobo. Salomón resposta tentando unha invasión. Entón un "jin", un xenio, servente do rei, proponlle levalo polo aire ata o trono de Sabá "nun pestanexo de ollos" (27:40). A raíña chega á súa Corte, veo no trono, e cando ela entra no seu pazo de cristal, a raíña acepta a fe de Abraham e a crenza nun único deus.

Outras fontes islámicas

editar

Segundo Ibn Kathir, Historias dos Profetas, Salomón viaxou en peregrinación á Mesquita Sagrada da Meca (construída polo profeta Abraham). Logo, continuou a viaxe cara ó Sur ata a cidade de Sanaa, a actual capital do Iemen, onde quedou abraiado polo complexo sistema de canles de rego (Sanaa está próxima a Ma'arib, a suposta capital de Sabá). Salomón envía unha bubela a explora-lo país, para logo poder detectar auga subterránea, con vistas a poder construír un sistema de canles semellante no propio país. A bubela volveu onde un amargado rei, canso de esperar, con novas dun reino (Sabá) gobernado por unha raíña (Bilqis) adoradora do Sol.

O Corán non indica por onde se estendía exactamente o reino de Sabá, pero moitas fontes islámicas menciona a cidade de Ma'arib, no Iemen, como a capital de Sabá. Indagacións arqueolóxicas atoparon un templo, Ma'abed Bilqis, "o templo de Bilqis", xusto en Ma'arib. Hai centos de anos unha praga de ratos furaran o dique dun encoro en Ma'arib, provocando unha chea que aniquilou a cidade e mailos seus habitantes. O Corán menciona na azora 34, 15-16 como o reino de Sabá fora destruído séculos despois de Bilqis, por mor de que a xente se volvera politeísta.

Fontes, non islámicas contan que Bilqis era a "irmá do sol", ou tamén, que era filla dun "jin" (espírito, xenio). É unha crenza corrente que Bilqis estaba solteira cando se atopou con Salomón e que casou con el decontado.

A raíña de Sabá na arte

editar

Operas

editar
A chegada da Raíña de Saba do oratorio Solomon (Händel).

Ballets

editar