O río de Portabenza, tamén coñecido no último treito como río Samel,[1] é un curso fluvial galego, afluente do río Mandeo pola súa dereita, que discorre mormente polo límite entre os concellos de Aranga e Curtis.
O vocábulo «portabenza» está formado polas voces «port(o)» e «abenza». A primeira deriva do latínportus, ‘vao ou pasaxe dun río’.[2] Canto á segunda, descoñécese a etimoloxía, mais considéranse varias posibilidades sobre a súa procedencia:[3][4]
Da raíz paleoeuropea *ab- ou *ap-, ‘auga ou río’. Comporíase co sufixo *-entia, formado á súa vez polo sufixo adxectival e participial *-nt- e o feminizador -ia.
Dun antropónimolatino como Aduentus ou Auentius que remita a unha (villa) *aduentia ou *auentia da súa posesión.
Do nome común «habenza» (en galego medieval «avença»), que provén do latín habentia e significa ‘conxunto do gado miúdo pertencente a un ou varios veciños’.
Nace no lugar das Corviteiras, no extremo nordeste da parroquia de Foxado, do concello de Curtis, preto do punto onde a propia parroquia converxe coas de Aranga e Santa Mariña de Lagostelle, dos concellos de Aranga e Guitiriz. Coa excepción do seu nacemento, o seu curso serve como límite entre os concellos de Aranga e Curtis. Diríxese ó oeste, cruzándose dúas veces coa vía férrea da liña León-A Coruña e pasando ó sur do apeadoiro de Aranga. Após se cruzar de novo coa liña de ferrocarril, pasa ó norte do lugar de Samel (Foxado). Neste último treito tamén recibe o nome de río Samel. Finalmente desemboca no encoro da Castellana, no río Mandeo.[5][6][7][8]
↑Moralejo, Juan José (2005). "Hidrónimos galaicos con sufijo -antia"(PDF). Palaeohispánica. Revista sobre lenguas y culturas de la Hispania antigua(en castelán) (5. Ejemplar dedicado a: Actas del IX coloquio sobre lenguas y culturas paleohispánicas (Barcelona, 20-24 de octubre de 2004)): 837–860, en 839–840. ISSN1578-5386.