Coordenadas: 15°44′10.8″N 80°55′12.1″L / 15.736333, -80.920028

O río Krishna (en marathi: कृष्णा नदी; en kannada: ಕೃಷ್ಣಾ ನದಿ ; en telugu: కృష్ణా నది) é un dos principais ríos da India, un río da vertente do golfo de Bengala que discorre polos estados de Maharashtra, Andhra Pradesh, Telangana e Karnataka.[1]

Río Krishna
Gorxa do río Krishna en Srisailam
PaísIndia India
NacementoPreto de Mahabaleshwar
Lonxitude1400 km
Conca258 948 km²
Caudal medio2213 m3/s
DesembocaduraGolfo de Bengala

Ten unha lonxitude aproximada de 1400 km (o terceiro do país), un caudal medio de 2213 m³/s e drena unha ampla conca de 258 948 km² (a sexta do país).

Xeografía editar

O río Krishna nace nos outeiros de Mahabaleswar, no estado de Maharashtra, atravesa a cidade de Sangli e desemboca no golfo de Bengala na cidade de Hamasaladeevi no estado de Andhra Pradesh. Ademais deses estados atravesa tamén o estado de Karnataka.

Un dos principais afluentes do Krishna é o río Tungabhadra, formado á súa vez polos ríos Tunga e Bhadra que nacen na zona coñecida como Ghats occidentais. O río conta con dúas importantes presas, unha en Srisailam e a outra nos outeiros Nagarjuna. Esta última, coñecida como Nagarjuna Sagar, é unha das maiores presas de toda Asia.

Como moitos dos ríos da India, as beiras do Krishna están poboadas de templos. O de Sangli, dedicado ao deus Ganesha é un dos máis coñecidos. Preto desta cidade atópanse tamén diversos templos, destino de moitos peregrinos hinduístas.

O seu longo percorrido por zonas altamente industrializadas provocou que o río sufrise un alto índice de contaminación. A pesar de que en 2001 o goberno elaborou un plan para a conservación do Krishna, o certo é que o índice de contaminación do río non diminuíu.

Mitoloxía editar

Segundo a mitoloxía hinduísta, o deus Brahma realizou un ritual relixioso coa súa segunda esposa Gāiatrī preto das montañas Sahyadri xa que a súa primeira esposa Saraswati non podía chegar a tempo. Ao decatarse diso, Saraswati entrou en cólera. Ordenou a todos os que estivesen presentes, Vishnu, Shiva e outros deuses, que se convertesen en ríos. Vishnu converteuse no río Krishna, Shiva no río Veni e Brahma no río Kumudmati. O resto dos presentes convertéronse nos diversos regatos que nacen nos Ghats occidentais.

Cada doce anos celébrase o festival do río coñecido como Pushkarams. Durante o período de duración o festival, os fieis realizan diversas ofrendas para conseguir que os seus antepasados falecidos alcancen o ceo.

Notas editar

  1. "Map of Krishna River basin" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de agosto de 2017. Consultado o 27 de marzo de 2015. 

Véxase tamén editar