Quinto informe de avaliación do Grupo intergobernamental sobre o cambio climático

informe

O Quinto informe de avaliación do Grupo intergobernamental sobre o cambio climático, tamén coñecido abreviadamente como 5º Informe do IGCC (en inglés IPCC 5th Assessment Report ), é a penúltima actualización das actividades do Grupo intergobernamental sobre o cambio climático, que compila e sintetiza os estudos de miles de científicos de todo o mundo sobre o quecemento global. É resultado da cooperación entre a Organización Meteorolóxica Mundial e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente.[1] [2]

Emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro por sector económico

A publicación do Quinto informe do IGCC foi moi esperada pola súa solidez científica e a súa influencia na toma de decisións dos gobernos do mundo.[3][4][5][6] A versión final apareceu en 2014; o seguinte relatorio foi formulado en 2016 e desenvolvido nos anos seguintes entre os que foron publicados tres relatorios especiais e o presentado o Sexto informe do IGG en agosto de 2021, estando previsto o relatorio de síntese para outubro de 2022.[7]

O 5º informe confirmou que o home é o responsábel do quecemento do planeta, e advertía dos perigos da inacción. O Informe analizou datos que non estaban incluídos nos estudos do informe anterior (Cuarto informe do IGCC), e utilizou modelos teóricos mellorados, con todo, suscitou críticas entre escépticos e negacionistas. [8][9] As principais conclusións do informe foron: [2] [10]

Recúo do glaciar Helheim entre 2001 e 2005.
  • O quecemento é inequívoco. O mundo quentouse de media 0,85 °C de 1880 a 2012. A atmosfera e os mares quentáronse, o xeo e a neve diminuíron.
  • A manifestación do fenómeno en todo o mundo e os seus efectos non é uniforme. No Ártico é onde o quecemento se sente máis.
  • A principal causa é, con elevadísimo grao de certeza, a emisión de gases estufa polas actividades humanas, con énfase na emisión de dióxido de carbono. As concentracións de gases de efecto invernadoiro aumentaron.
  • A evidencia que indica a orixe humana reforzouse desde o 4º informe.
  • As últimas tres décadas foron as máis cálidas desde 1850. O aumento da Tra entre as medias de 1850-1900 e de 2003-2012 foi de 0,78 °C
  • Os océanos acumularon a maior parte do quecemento, amortiguando o da atmosfera, almacenando máis do 90% da enerxía do sistema climático e moito dióxido de carbono. Os 700 m superiores do océano quentáronse entre 1970 e 2010, e probabelmente se afectou no fondo. Non obstante, a medida que o océano se quenta, perde a súa capacidade para absorber o CO2, o que pode acelerar os efectos atmosféricos ao alcanzar a saturación.
  • O mar é cada vez máis ácido pola absorción de CO2.
  • O nivel do mar subiu uns 19 cm entre 1900 e 2010 pola expansión térmica das augas. A cota podería chegar a superar os 80 cm en 2100.
  • O xeo retrocede rapidamente na maioría das rexións frías.
  • O réxime de precipitacións, as correntes mariñas e os patróns de ventos están a ser perturbados, aumentando as secas e inundacións.
  • Os efectos combínanse para xerar novas causas, nun efecto dominó que agrava as consecuencias.
  • Aínda que as emisións se detivesen de inmediato, habería un quecemento adicional pola lentitude de certas reaccións e os efectos acumulativos. O quecemento ten efectos a longo prazo e afecta a toda a biosfera.
  • Se as emisións continúan así, o quecemento aumentará, podendo chegar a 4,8 °C en 2100, os efectos negativos multiplicaranse con graves repercusións para o benestar da humanidade e demais formas de vida.
  • Evitar que as previsións máis pesimistas se fagan realidade requirirá unha redución rápida e importante das emisións.

Outra conclusión foi o fortalecemento do consenso anterior de que as decisións adoptadas nas próximas dúas décadas terán efectos decisivos a longo prazo, moitos deles potencialmente catastróficos e irreversibles, recomendando aínda máis as medidas preventivas urxentes.[11] Segundo Suzana Kahn, investigadora brasileira que colabora co IPCC,

“en esencia, a ganancia (do novo informe) é a confirmación do que se dixo dende hai tempo, con moita máis información sobre o papel dos océanos, as nubes e os aerosois". [12]

O traballo do IGCC representa o estado da arte sobre o quecemento, é o consenso global dos científicos,[13][14] e mesmo nos EEUU, que durante a Administración Bush foi o bastión máis influente do escepticismo climático, xa o é observou un cambio de posición ante unha forte evidencia científica.[15][16][17][18] Barack Obama lanzara un programa decidido para combater o quecemento global baseado na evidencia científica,[19][20][21] e o Secretario de Estado John Kerry foi enfático acollendo o informe:

"É outra chamada de atención: os que negan a ciencia ou buscan escusas para evitar a acción xogan co lume. O cambio climático é real, está a suceder agora, os seres humanos son os causantes e só a acción humana pode salvar o mundo dos seus peores impactos." [12]

A actitude dos EEUU mudou cara a posicións escépticas e negacionistas coa Administración Trump, e retomou de novo o consenso científico con Joe Biden.

Notas editar

  1. IPCC. "IPCC Working Group I full report" Arquivado 10 de novembro de 2013 en Wayback Machine.. IPCC Media Advisory, 30/09/2013.
  2. 2,0 2,1 IPCC. Summary for Policymakers. Working Group I Contribution to the IPCC Fifth Assessment Report Climate Change 2013: The Physical Science Basis.
  3. "Empresas buscam relatório do IPCC para avaliar riscos climáticos" Arquivado 07 de abril de 2014 en Wayback Machine.. MSN Notícias, 26/09/2013.
  4. "Documento da ONU tentará explicar "hiato" na mudança climática". Reuters (en portugués). 2013-09-23. Consultado o 2022-03-26. 
  5. Naves, Filomena. "Relatório do IPCC sobre alterações climáticas publicado amanhã" Arquivado 07 de abril de 2014 en Wayback Machine.. Diário de Notícias - Ciência, 26/09/2013.
  6. Abdala, Vitor. "Impacto das mudanças climáticas na saúde da população preocupa governo brasileiro". Agência Brasil, 06/10/2013.
  7. "IPCC reschedules report approval sessions, 2021". IPCC. Consultado o 19-1-2022. 
  8. Netto, Andrei. "Para IPCC, planeta nunca esteve pior". O Estado de S. Paulo, 27/09/2013.
  9. Leite, Marcelo. "Análise: Com IPCC na defensiva, novo relatório ainda tem combustível para polêmica". Folha de S.Paulo, 23/09/2013.
  10. Toledo, Karina. "Quinto relatório do IPCC mostra intensificação das mudanças climáticas". Agência Fapesp, 27/09/2013.
  11. IPCC. WGII AR5: Climate Change 2014: Impacts, Adaptation, and Vulnerability: Summary for Policymakers Arquivado 01 de abril de 2014 en Wayback Machine., 2014
  12. 12,0 12,1 Motta, Claudia. "Gelo no Ártico pode diminuir 94% e o nível do mar subiria 82 cm até 2100". O Globo, 27/09/2013.
  13. The National Academies. "Understanding and Responding to Climate Change". Highlights of National Academies Reports, 2008.
  14. Oreskes, Naomi. "Beyond the Ivory Tower: The Scientific Consensus on Climate Change". In: Science, dez/2004; 306 (5702):1686.
  15. "US climate scientists pressured on climate change". NewScientist, 31/01/2007.
  16. "Groups Say Scientists Pressured On Warming". CBS News, 30/01/2007.
  17. Gillis, Justin. "In Poll, Many Link Weather Extremes to Climate Change". The New York Times, 07/04/2012
  18. Leiserowitz, A. et alii. Extreme Weather, Climate & Preparedness In the American Mind. Yale University and George Mason University. New Haven, CT: Yale Project on Climate Change Communication, 2012.
  19. "While Congress sleeps". The Economist, 29/06/2013.
  20. Rubin, Jennifer. "Obama’s climate gift to Republicans". The Washington Post, 25/06/2013.
  21. "Obama Might Actually Be the Environmental President". New York Magazine, mai/2013.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar