Queimada

bebida alcohólica tradicional galega

A queimada (de queimar, que se supón que evolucionou a partir dunha forma hispánica *caimare, alteración do latín cremare)[1] é unha bebida alcohólica tradicional galega propia da súa gastronomía. Elabórase a base de augardente queimada, con azucre, grans de café e limón. Atribúenselle facultades curativas,[2][3] asemade, o seu consumo está rodeado de tradicións: mentres se elabora pronúnciase un conxuro para protexer contra meigallos e para escorrentar os espíritos e demais seres malvados de quen a bebe.

Queimada ardendo.

Tradición editar

O ritual da preparación está dirixido a afastar os malos espíritos e as meigas que, segundo a tradición, asexan os homes e mulleres para tentar maldicilos, ben sexa por diversión, por vinganza ou por calquera outro motivo. Calquera ocasión é boa para realizar unha queimada: unha festa, reunións familiares ou de amigos. Tras a cea, na escuridade da noite (que é un dos mellores momentos para realizala), os comensais reúnense arredor do pote no que se elabora, preferibelmente coas luces apagadas, para animar os corazóns e estreitar os lazos de amizade. Un deles encárgase de darlle o toque final erguendo cun cazo o líquido en chamas e deixándoo caer pouco a pouco no recipiente mentres pronuncia o conxuro, o que crea un ambiente moi especial.

Orixes editar

 
Recipente no que se elabora a queimada.

As orixes da bebida son descoñecidos. Popularmente, á queimada atribúenselle orixes celtas, mais, segundo afirmou en 1972 o catedrático de prehistoria da Universidade de Santiago, Carlos Alonso del Real[4] isto sería imposible, xa que a destilación do augardente en Galicia non pode ser anterior á introdución do alambique (de orixe árabe) a partir do século XII ou XIII, xa na Idade media. Así mesmo, sempre segundo Alonso del Real,[4] o azucre de cana, un dos seus ingredientes fundamentais, tamén o introduciron os árabes na Península Ibérica (a difusión do seu equivalente de remolacha é moi posterior, correspondendo ás Guerras Napoleónicas) Isto levoulle a atribuírlle orixes medievais á bebida.

Posteriormente, o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo, afirmou[2] que o consumo de augardente (normalmente sen queimar) era habitual na Galicia rural tradicional, onde tiña fama como medicamento contra o catarro e que nun momento dado -que el sitúa ao redor dos anos cincuenta do século XX[2]- galegos residentes no exterior comezaron a tomar esta bebida nas festas ou despois das comidas. En xuntanzas deste tipo xurdiría o costume de acompañar o consumo da queimada de esconxuros compostos ex-profeso para o momento. Este costume espallouse tan axiña que xa no ano 1955 o oleiro mindoniense Tito Freire, creou o recipiente de barro cocido, con forma de tarteira e patas nos que se adoita preparar habitualmente.[2]

Historia do conxuro editar

 
Mariano Marcos Abalo, autor do conxuro, facendo a queimada.

O conxuro ou esconxuro tradicional da queimada foi inventado en Vigo en 1967[5] por Mariano Marcos Abalo para unha festa de xogos florais das moitas que entón tiñan lugar nun barco comisado amarrado no porto da cidade.[6] En 1974 o seu creador engadiulle as referencias a Satán e Belcebú e comezou a representalo na discoteca Fausto da cidade olívica.[6] Por esa mesma época, unha imprenta viguesa comezou a vender copias do esconxuro,[6] inicialmente sen a súa autorización e logo pagando unha peseta por exemplar vendido,[6] o éxito fixo que outras empresas comezasen a vender copias pola súa conta, sen ningunha autorización e sen citar o seu nome, o que pode contribuír á crenza de que o esconxuro era dun autor anónimo. No 2001 Mariano Marcos Abalo decidiu rexistrar a propiedade intelectual do esconxuro.[3]

Ingredientes editar

Os seus ingredientes principais son a augardente e o azucre ós que xeralmente se lles bota tamén casca de limón ou laranxa, uns poucos grans de café sen moer. Á mestura pódenselle engadir cachos de mazá, uvas ou algún outro ingrediente, os cales se engaden de forma independente segundo a tradición da zona.

Preparación editar

Nun pote de barro cocido (hainos especiais para a queimada) bótanse a augardente e o azucre na proporción duns 120 gramos deste por litro daquela, os demais ingredientes e reméxese todo.

Nun recipiente máis pequeno (normalmente o cazo co que se remove) cóllese, á parte, unha pequena cantidade de queimada, sen limón nin café, móllanse os bordos do garfelo coa bebida e préndeselle lume. Cando estea ardendo, métese o cazo no recipiente grande ata que se estenda por toda a superficie. A continuación reméxese lentamente, deixando que suban as lapas do alcohol, creando cascadas con elas. Reméxese ata que se esgota case que todo o alcohol, facendo que a queimada se apague case por si soa, normalmente rematando polos bordos, que non se apagan. É cara ó final deste proceso cando se recita o esconxuro.

A queimada sérvese quente, incluíndo todos os ingredientes.

Conxuro ou esconxuro editar

 
Recitando o conxuro.

Un dos conxuros da queimada foi escrito por Mariano Marcos Abalo en 1967 e revisado en 1974[7], e comeza así:

Mouchos, curuxas, sapos e bruxas.

Demos, trasgos e diaños, [...]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. "Queimada". Portal das Palabras. Consultado o 15 de agosto de 2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 [1] González Reboredo, Xosé Manuel (2000). "A construción de referentes de identidade etno-nacional. Algunhas mostras sobre Galicia". Etinicidade e Nacionalismo. Consello da cultura Galega. ISBN 84-95415-34-8. 
  3. 3,0 3,1 [2] Arquivado 22/11/2010, en Wayback Machine. «O café na queimada é unha copia dos cataláns»
  4. 4,0 4,1 Alonso del Real, Carlos: Os orixes da queimada. Capítulo programático dun libro en preparación, en Graal Nº 35, 1972, pp. 74 a 82
  5. [3] Arquivado 14 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. A cita estival de 38 seminaristas
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 [4] «Sábese que o conxuro é meu, e iso bástame»
  7. R. Queimaliños (09-08-2005). La Voz de Galicia, ed. "«O café na queimada é unha copia dos cataláns»". Arquivado dende o orixinal o 09-07-2015. Consultado o 07-05-2018. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar