Quadragesimo Anno

Quadragesimo Anno é unha encíclica de contido social e económico promulgada polo papa Pío XI. Fai parte da chamada Doutrina social da Igrexa.

Pío XI.

Foi publicada o 15 de maio de 1931, con motivo dos corenta anos da publicación de Rerum Novarum, de aí o seu nome. É titulada como Sobre a restauración da orde social en perfecta conformidade coa lei evanxélica ao celebrarse o 40ª cabodano da encíclica Rerum Novarum de León XIII.

Contexto da encíclica

editar

Desde os tempos da Rerum Novarum houbo tres fenómenos históricos fundamentais que enmarcan a encíclica: as transformacións que sufriron capitalismo e comunismo e o amencer dos totalitarismos.

Capitalismo

editar
  • O crecemento económico dos anos 20 que deu lugar ao primeiro capitalismo financeiro e transnacional de corte contemporáneo, xorden as primeiras multinacionais que, segundo o pensamento da Encíclica impuñan as súas leis ata aos gobernos.
  • Comezaran as crises económicas prognosticadas por Karl Marx. A crise de 1929 estendeuse por tódolos países industrializados.
  • Como consecuencia comeza a pensarse que o sistema capitalista de corte estritamente liberal xa non vale tal como está concibido e precisa dunha reforma. Comeza a abandonarse o dogma da non intervención do Estado. Ábrense paso as teorías de Keynes, que se comezarán a aplicar durante a presidencia de Franklin D. Roosevelt

Socialismo

editar

O socialismo tiña experimentado unha serie de cambios:

  • O dereito de asociación permitíralle medrar en países liberais.
  • A II Internacional (1889-1920) agrupaba a diferentes partidos socialistas, xa sen os anarquistas. Ao tempo, insensiblemente foran aceptando certos principios da ideoloxía capitalista.
  • A Grande Guerra e a Revolución Rusa deran nacemento á III Internacional, que volvía interpretar radicalmente a Marx.

Totalitarismos

editar

Na década dos 20 aparecera unha ideoloxía nova, o totalitarismo.

Non parece casualidade que naza nos estados máis novos de Europa, que se formaran como tales aínda no século XIX, Italia e Alemaña. Son estados que non se senten atados á tradición ilustrada e liberal dos séculos XVIII-XIX, nin á dialéctica capitalismo-marxismo. Pensan que hai que crear un modelo social e económico novo.

Hai que ter en conta que, no ano que se publica a encíclica, 1931, os totalitarismos aínda non teñen no seu debe os masacres, os campos de concentración ou as cámaras de gas. E teñen no seu haber o fracaso do capitalismo (crise de 1929) e a ameaza que para boa parte da sociedade supón o marxismo. E, sobre todo, foron quen de superar a crise económica e mellorar as condicións económicas dos seus países. Ademais, caso claro de Hitler, gozan do apoio dunha maioría da poboación.

Contido

editar

Obxectivos da encíclica

editar
  • Lembrar, desde unha perspectiva católica, os beneficios que supuxo a Rerum Novarum.
  • Aclarar certas dúbidas que xurdiron na súa interpretación: confesionalidade dos sindicatos, a propiedade privada, o salario...
  • O que denomina restaurar e perfeccionar a orde social.

Novidades respecto á Rerum Novarum

editar
  • Sobre a propiedade: fai unha clara afirmación da súa función social, o que anticipa, en certo modo, o principio do destino universal dos bens e como segunda novidade, considera o traballo como título de propiedade.
  • Sobre o salario: avoga polo salario familiar , é dicir, que á hora de calcular un salario se teña en conta que debe ser suficiente para atender ás necesidades da familia do asalariado.
  • No tema da confesionalidade ou non dos sindicatos, estende a todos os cristiáns a excepción que León XIII admitira para os católicos norteamericanos na súa encíclica Longinqua. E deixa vía libre para que un católico se afilie, en determinadas circunstancias e con certas condicións a un sindicato non confesional. Neste punto hai que engadir que as palabras do papa chegaban moi tarde, posto que a meirande parte dos sindicatos eran xa non-confesionais.

Xuízo sobre os tres grandes sistemas económicos e políticos

editar
  • Sobre o capitalismo e a súa economía, o xuízo é duro. O sistema é inxusto e enganador: predica a liberdade e produciu unha ditadura. A economía devalou en dura, cruel e desprovista de moral:
QA 109. Derradeiras consecuencias do espírito individualista en economía, venerables irmáns e amados fillos, son esas que vós mesmos non só estades vendo, senón tamén padecendo: a libre concorrencia destruíuse a si mesma; a ditadura económica fíxose dona do mercado libre; por conseguinte, ao desexo de lucro sucedeuno a desenfreada ambición de poderío; a economía toda fíxose horrendamente dura, cruel, atroz.
  • No caso do socialismo distingue entre a II e III Internacional. A esta a descualifica pola súa oposición ás ensinanzas da Igrexa en dous puntos básicos: a negación de toda propiedade e o recurso á violencia como medio de conseguir os seus obxectivos.

No caso da II Internacional, recoñece o acercamento de posturas que se foi producindo nos últimos anos entre Igrexa e socialismo, incluso parece que quixera tenderlle unha man. Pero, cara ao fin da parte que dedica a este tema volta ao seu rexeitamento inicial e remata cun dos seus típicos argumentos secos e contundentes:

120. Aínda que o socialismo, como todos os erros, ten en si algo de verdadeiro (cousa que nunca negaron os Sumos Pontífices), aséntase sobre unha doutrina da sociedade humana propia de seu, oposta ao verdadeiro cristianismo. Socialismo relixioso, socialismo cristián, implican termos contraditorios: ninguén pode ser á vez bo católico e verdadeiro socialista.
  • O xuízo é máis matizado cando fala do totalitarismo. Hai que ter en conta que en 1929 Pío XI firmara con Mussolini os Pactos Lateranenses. Aínda que volverá sobre o fascismo nunha encíclica posterior, nesta que nos ocupa só mostra algunhas reservas:
95 (...) Non obstante, para non omitir nada sobre un asunto de tanta importancia, (...), nos vemos na precisión de recoñecer que non falta quen tema que o Estado, debendo limitarse a prestar unha axuda necesaria e suficiente, veña a substituír a libre actividade, ou que esa nova organización sindical e corporativa sexa excesivamente burocrática e política, ou que (aínda admitindo eses máis amplos beneficios) sirva máis ben a particulares fins políticos que á restauración e fomento dunha mellor orde social.

O modelo de sociedade de Pío XI. A "Terceira Vía"

editar

Fronte ás tres ideoloxías expón tres principios:

  • Fronte ao capitalismo: a ilicitude moral de aplicar sempre e en toda circunstancia a lei da oferta-demanda (caso dos salarios).
  • Fronte ao socialismo: a colaboración da sociedade fronte á loita de clases.
  • Fronte aos totalitarismos: o principio de subsidiariedade.

O modelo que propón o papa é o que se pode chamar solidarismo ou corporativismo. Como Mussolini xa tiña posto en marcha un tipo especial de sistema corporativo, a encíclica dedica os números 91 a 94 a expoñelo. A seguir, o papa expón a súa opinión nos parágrafos 95 a 97, que foron engadidos cando xa o texto estaba a piques de ser publicado.

O feito de que o Papa critique aos sistemas sociais e económicos vixentes naquel momento e propoña un sistema de seu, deu pé a falar de que a Igrexa propuña un sistema propio, o que se deu en chamar a "Terceira Vía".

Tamén é certo que a forma de expoñelo, xusto detrás da descrición que se facía do sistema fascista italiano, contribuíu a desacreditalo ao metelo todo no mesmo cesto.[1]

  1. Camacho, I.: doctrina social de la Iglesia (una aproximación histórica), pax. 140.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Camacho, Ildefonso (1991). Doctrina social de la Iglesia (una aproximación histórica). Madrid: Ediciones Paulinas. p. 619. ISBN 84-285-1440-2. 
  • Sanz de Diego, Rafael (1997). Pensamiento Social Cristiano I. Madrid: Universidad Pontificia de Comillas. p. 549. ISBN 978-84-89708-15-0. 
  • Manual de Doctrina Social de la Iglesia. Madrid: Biblioteca de Autores Cristianos. 1993. p. 852. ISBN 978-84-7914-113-4. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar