Pyrodictium é un xénero de microorganismos do dominio das arqueas pertencente á familia Pyrodictiaceae. É un xénero de arqueas hipertermófilas submarinas con temperaturas óptimas de crecemento de 80 a 105 °C. Forman unha estrutura celular única constituída por unha rede de cánulas e células discoidais planas. Os Pyrodictium encóntranse nas paredes porosas das chemineas termais do océano profundo nas que a temperatura interna chega a 400 °C, mentres que as contornas mariñas no exterior tipicamente están a 3 °C. Pyrodictium aparentemente pode adaptarse morfoloxicamente a este tipo de hábitat quente-frío.

Estrutura celular e metabolismo editar

As células de Pyrodictium foron estudadas como modelo de estabilidade térmica. A estrutura das células é a dun disco plano, irregular, de 3 a 25 nanómetros de diámetro. As células crecen formando estruturas peculiares con forma laminar que se manteñen xuntas por medio dunha rede de cánulas (túbulos) ocos. As cánulas ramifícanse e conéctanse con outras células, estendéndose bastante. Aínda que se descoñece a razón exacta desta morfoloxía, é probable que o grao de movemento proporcionado polas cánulas permita que as células se movan libremente pola enerxía térmica do extremo calor do ambiente onde vive o organismo. O gran tamaño das células pode facilitar que Pyrodictium more nos poros que hai nas paredes das chemineas termais submarinas.

Analizouse a estabilidade térmica dos ARNt de illados de Pyrodictum occultum, e atopouse que modificacións nos nucleósidos permiten que o organismo soporte temperaturas por riba dos 100 °C.[1]

Estudouse o metabolismo de Pyrodictium brockii entre outras especies, o cal crece optimamente a 105 °C e é un autótrofo de hidróxeno-xofre, que se caracteriza por oxidar H2 con S0 para producir ATP e H2S.[2]

Ecoloxía editar

Membros de Pyrodictium viven nas chemineas termais submarinas profundas, e foron descubertos en 1979. A súa importancia ecolóxica segue a ser un misterio debido á dificultade de recoller mostras que poidan proporcionar datos sobre a abundancia e diversidade destes extremófilos.[3]

Notas editar

  1. Ushida, C. et al. Structural feature of the initiator tRNA gene from Pyrodictium occultum and the thermal stability of its gene product tRNA. Abstract. Biochemie vol 78(10) 1996. 847-855. PMID 9116054.
  2. T D Pihl, L K Black, B A Schulman, e R J Maier. Hydrogen-oxidizing electron transport components in the hyperthermophilic archaebacterium Pyrodictium brockii. J Bacteriol. Jan 1992; 174(1): 137–143. PMCID PMC205687. [1]
  3. Ver no NCBI a páxina para Pyrodictium. Datos extraídos de "NCBI taxonomy resources". National Center for Biotechnology Information. Consultado o 2007-03-19. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Revistas científicas
  • Burggraf S, Huber H, Stetter KO (1997). "Reclassification of the crenarchael orders and families in accordance with 16S rRNA sequence data". Int. J. Syst. Bacteriol. 47 (3): 657–660. PMID 9226896. doi:10.1099/00207713-47-3-657. 
  • Stetter KO, Konig H, Stackebrandt E (1983). "Pyrodictium gen. nov., a new genus of submarine disc-shaped sulphur reducing archaebacteria growing optimally at 105 °C". Syst. Appl. Microbiol. 4: 535–551. doi:10.1016/s0723-2020(83)80011-3. 
Bases de datos científicas

Ligazóns externas editar