Puijila

(Redirección desde «Puijila darwini»)

Puijila
Rango fósil: 24 Ma-21 Ma
Oligoceno tardío - Mioceno temperán

Restored skeleton
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Suborde: Pinnipedimorpha
Familia: Semantoridae
Xénero: Puijila
Rybczynski et al., 2009
Especies
  • P. darwini (especie tipo)

Puijila darwini é unha especie extinta de foca que viviu no Mioceno, hai uns 21 a 24 millóns de anos. Medía aproximadamente 1 metro de lonxitude e o animal posuía só adpatacións físicas mínimas para a natación. A diferenza dos pinnípedes modernos, non tiña aletas e a súa forma global era similar á dunha londra, aínda que máis especializada; o seu cranio e dentes son as características que mellor indican que é unha foca.[1]

É considerado o membro máis primitivo da familia das focas atopado ata agora. O nome do xénero é unha palabra inuktitut que significa foca xove; o nome da especie honra o naturalista inglés Charles Darwin.[2] O holotipo e único espécime coñecido é un esqueleto fosilizado case completo, e única especie do xénero Puijila. Consérvase no Museo Canadense da Natureza en Otava, Ontario.

Características editar

 
Restauración da forma do animal

Puijila darwini era un carnívoro semiacuático que supón unha ligazón morfolóxica na evolución temperán dos pinnípedes. Os seus restos fósiles demostran a presenza de pés agrandados e probablemente palmados,[3] patas anteriores robustas e unha cola non especializada. Isto suxire que Puijila nadaba coas catro patas usando os seus pés anteriores e posteriores palmados para propulsarse. Os estudos filoxenéticos realizados, incluíndo probas moleculares, indican unha relación como ramas irmás entre os pinnípedes (focas) e os ursoides (osos), así como os musteloides (denosiñas e londras). Asúmese popularmente que os animais mamíferos que vivían en terra en determinado momento experimentaron unha transición a unha existencia máis mariña, en esencia "retornando ao mar" para conseguir certas vantaxes para a súa supervivencia. Porén, as evidencias fósiles desta transición foron ás veces no pasado febles ou discutibles. Neste sentido, o descubrimento de Puijila é importante, xa que representa unha ligazón morfolóxica na evolución temperán dos pinnípedes, que parece preceder morfoloxicamente ao xénero máis familiarmente estruturado Enaliarctos, malia ser un xénero aparentemente máis xove. Noutras palabras, Puijila é un fósil transicional, que proporciona información de como a familia das focas se adaptou ao mar, de xeito similar a como Archaeopteryx ilumina a orixe das aves modernas.

Descubrimento editar

 
Restauración do aspecto de Puijila darwini.

Esta nova especie foi descuberta en 2007 por Natalia Rybczynski e o seu equipo usando recollida de superficie e cribado nun depósito lagunar do Mioceno temperán da Formación Haughton da illa de Devon en Nunavut, Canadá.[4] O rexistro paleobotánico suxire que o palaeoambiente arredor do lago comprende unha comunidade de bosque transicional entre un bosque boreal e un bosque de coníferas, nun clima costeiro temperado frío con invernos moderados. Puijila darwini é o primeiro mamífero carnívoro atopado nos depósitos lagunares de Haughton. Isto tamén indica que toda a familia dos pinnípedes puido terse orixinado no Ártico.[1]

O descubrimento inicial dos primeiros restos atribúese á axudante de campo Elizabeth Ross, e foi en gran medida cuestión de sorte. Ross quedou inesperadamente parada ao quedar sen combustible o vehículo todo terreo do equipo a varios quilómetros do campamento. Descubriuse a caixa cranial do fósil un ano despois, o día primeiro da expedición de campo de 2008 de Martin Lipman, o fotógrafo do equipo.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Ed Yong (2009-04-22). "Puijila, the walking seal – a beautiful transitional fossil". Not Exactly Rocket Science. Discover Magazine. Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2012. Consultado o 2014-10-07. 
  2. "Puijila: A prehistoric walking seal". Puijila: A prehistoric walking seal. Canadian Museum of Nature. Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2015. Consultado o 2014-10-07. 
  3. "'Missing link' fossil seal walked" (Nota de prensa). BBC News. 2009-04-22. Arquivado dende o orixinal o 02 de agosto de 2014. Consultado o 2014-10-07. 
  4. Rybczynski, N., Dawson, M.R., Tedford, R.H. (2009). "A semi-aquatic Arctic mammalian carnivore from the Miocene epoch and origin of Pinnipedia". Nature 458 (7241): 1021–24. PMID 19396145. doi:10.1038/nature07985. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar